Diego Xelmírez
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Diego Xelmírez, nado entre 1068 e 1070 posiblemente en Santiago de Compostela, foi bispo de Compostela de 1101 a 1136, e o seu primeiro arcebispo segundo privilexio papal do 26 de febreiro de 1120. É unha das personalidades fundamentais da historia de Galiza, pois a súa influencia á fronte do arcebispado de Santiago coincidiu cos reinados de Afonso VI, dona Urraca e Afonso VII, polo que hai autores que denominan ese período de corenta anos como a "época de Xelmírez".[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1069 Santiago de Compostela, España |
Morte | 15 de xaneiro de 1140 (70/71 anos) |
Arcebispo de Santiago de Compostela | |
27 de febreiro de 1120 – 15 de xaneiro de 1140 ← sen valor – Berenguel (en) → | |
Bispo de Santiago de Compostela | |
1 de xullo de 1100 – 27 de febreiro de 1120 ← Sisnando Menéndez – Supresión do cargo → Diocese: diocese de Santiago de Compostela | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Actividade | |
Ocupación | sacerdote católico |
Carreira militar | |
Conflito | Revolta de Carnota Batalla de Viadangos |
Consagración | Godefroi (en) |
Familia | |
Pai | Xelmirio |
Traxectoria
editarA súa data e lugar de nacemento non se coñecen, pero parece que naceu en Santiago entre 1068 e 1070,[2] aínda que a tradición sitúa o seu lugar de nacemento en Catoira, posiblemente porque seu pai, Xelmirio, era un cabaleiro ao servizo de Diego Peláez e custodio das torres de Oeste.[1] Educouse na Escola Catedralicia de Compostela e máis tarde na corte de Afonso VI. De volta a Compostela traballou na chancelería do bispo Diego Peláez. No ano 1092, o conde Raimundo de Borgoña nomeouno o seu notario e secretario e, no ano 1093, administrador do honor da sé compostelá, cargo que exerceu con acerto até que foi elixido bispo Dalmacio no ano 1094. Á morte deste, no ano 1095, o clero solicitou ao rei que Xelmírez volvese ao posto de administrador, cousa que fixo en canto a sé estivo vacante.[1] No ano 1099 o novo papa Pascual II autorizou a elección dun novo bispo. Deste xeito, no tempo en que Xelmírez estivo de romeiro no Vaticano, foi ordenado diácono polo propio Papa e tamén elixido bispo o 1 de xullo de 1100. A súa consagración tivo lugar o 21 de abril de 1101.
Superados os receos da autoproclamación de Santiago como Sé Apostólica en tempos de Cresconio, Xelmírez acada un fecundo entendemento con Roma. Para iso desprega un labor diplomático sen precedentes que inclúe a súa viaxe persoal ao centro da cristiandade occidental.
Deste xeito, e malia a oposición dos bispos de Braga (restaurada por García de Galicia) e Toledo, consegue por medio dunha bula do papa Calisto II a categoría de sé metropolitana en detrimento de Mérida.[4] Así, Xelmírez pasa a obter a dignidade de arcebispo no ano 1120, quedando baixo a súa dependencia os bispados de Guarda, Lamego e Idaña —nas terras portuguesas—, e de Salamanca e Zamora —no reino de León—, así como as provincias eclesiásticas de Mérida e Braga.
Ao mesmo tempo, o Papa noméao Legado Pontificio para os Reinos de León e Galicia (incluídas as terras portuguesas), en virtude do cal convoca sínodos e concilios de enorme repercusión política e relixiosa.
A rivalidade con Braga, sendo bispo Xiraldo de Braga, pola supremacía do espazo eclesiástico galaico-portugués levouno a cometer o pío latrocinio de importantes reliquias atesouradas naquela sé co gallo dunha mellor custodia e protección, como as de san Froitoso, santa Susana, san Silvestre e san Covade.[5] Este e outros feitos son narrados na Historia Compostelá.
Xelmírez convocou e presidiu no ano 1124 unha reunión dos bispos dos territorios cristiáns peninsulares para tratar de superar as dificultades que atravesaba o reino a través da predicación da paz e a aplicación da tregua de Deus, e establecendo unha paridade nos beneficios que obtería un morto na loita contra os "violadores da paz" (mouros), a remisión dos pecados, a imaxe dos mortos na viaxe a Xerusalén, as Cruzadas. Este xeito de entender a separación cos "infieis ismaelitas" e común en toda Europa e establece unha fronteira relixiosa entre os reinos cristiáns, dos que varios conforman o Reino de España (seguindo a Historia Compostelá), e os demais reinos europeos.
Defensa de Afonso VII
editarTralo encarceramento do rei García de Galicia, Afonso VI de León cedeu o Reino de Galicia ao conde Raimundo de Borgoña, casado coa súa filla Urraca. Fillo de ambos era Afonso Raimúndez a quen o testamento do rei garantía os dereitos sobre Galicia no caso de que Urraca, xa viúva, volvese casar. Non debe esquecerse que Afonso Raimúndez era sobriño do Papa Calisto II.
Urraca casou con Afonso o Batallador de Navarra e Aragón, que se fixo dono de Castela e León. Ante esta situación, o líder da nobreza galega Pedro Froilaz de Traba apoiou os dereitos do fillo de Urraca, Afonso. Xelmírez nun primeiro momento aliouse con Airas Pérez, inimigo dos Traba e aliado de Urraca, pero no transcurso do 1110 Xelmírez achegouse ao de Traba e o 17 de setembro de 1111 coroou ao neno Afonso Raimúndez como rei de Galicia co fin de garantir os seus dereitos sucesorios e manter independente a Galicia do dominio navarro-aragonés.[Cómpre referencia]
O conflito dexenerou en guerra aberta onde os exércitos de Xelmírez e o conde de Traba pugnaron por manter a Galicia fóra da órbita de Afonso o Batallador. As desavinzas de Urraca co seu novo home acabaron levando á raíña leonesa a congraciarse con Xelmírez e respectar os dereitos do seu fillo Afonso, que acabaría sendo Afonso VII de León e Castela.[Cómpre referencia]
Tras a súa coroación Afonso VII nomeou a Xelmírez capelán e chanceler reais e seguiu contando co apoio económico e político do arcebispo compostelán para o seu proxecto imperial.[Cómpre referencia]
Reorganización do Señorío das Terras de Santiago
editarO Señorío de Santiago abranguía as terras entre os montes do Bocelo e as costas atlánticas, un espazo de poder autónomo baixo a soberanía dos prelados de Compostela.
As loitas entre o seu antecesor Diego Páez e Afonso VI, xeraron un baleiro de poder que Xelmírez acometeu resolver con acerto.
Favoreceu as peregrinacións co apoio pleno de Roma e a Orde de Cluny. Reactivou o comercio por medio da cuñaxe de moeda propia tal como fixera Diego Páez, deu pulo a expansión urbana (construción da rúa Nova) e impartiu xustiza con enerxía.
Construíu e organizou unha frota galega para a defensa das costas dos ataques normandos, que mantivo a raia as invasións viquingas que desapareceron para sempre das costas galegas. Tentou facer de Santiago centro da monarquía co Panteón Real da Catedral onde se enterraron o pai e a dona do rei Afonso VII. Introduciu a reforma gregoriana. A escola catedralicia acadou sona no ámbito continental. Estableceu estudos de Retórica e Dialéctica, xunto aos de Gramática. Como se dun monarca se tratase, mandou escribir as súas propias crónicas: a Historia Compostelá, fonte fundamental para entender os avatares da España medieval.
Mandou erguer igrexas novas como a de Santa María do Sar e construíu un gran pazo episcopal onde se fixo rodear dunha importante Corte ao seu servizo.
Mandou reconstruír templos, como o de Ermelo (Bueu), onde estaba o mosteiro de Santiago de Ermelo. Aló consérvase unha lápida cunha inscrición referente ao bispo, feita en 1104.
Impuxo con man de ferro a súa autoridade contra os teimosos burgueses composteláns. Estes, nun dos seus violentos levantamentos, chegaron a aldraxar na praza pública a raíña Urraca, e sitiaron o arcebispo e a raíña no seu pazo, fuxindo ambos no último intre despois de os rebeldes prendérenlle lume ao pazo (non o coñecido na actualidade senón un anterior situado na actual Praterías), feitos estes ocorridos nos anos 1116 e 1117. Só a axuda das tropas do conde Pedro Froilaz de Traba permitiu a recuperación do poder sobre unha cidade dinámica inclinada á rebelión, pese a que no ano 1136 xa vello e enfermo sufriu un novo ataque ao seu pazo.[Cómpre referencia]
Non se sabe a data exacta da súa morte nin onde está soterrado.
Predecesor: Dalmacio |
Arcebispo de Compostela - Iria 1100 - 1136 |
Sucesor: Pedro Elías |
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Falque (1995), p. 9
- ↑ Biggs (2007), p.43
- ↑ de Francisco Olmos, José María (2009). El Signo Rodado Regio en España. Origen, Desarrollo y Consolidación. Siglos XII-XV. Madrid.
- ↑ Catalogo de la Coleccion Pellicer, Antes Denominada Grandezas de Espana III. Madrid: Imprenta y editorial Maestre. 1958. p. 144.
- ↑ "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2023-11-10.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Diego Xelmírez |
Bibliografía
editar- Biggs, Gordon (2007). Diego Xelmírez. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-8475071008.
- Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia compostelana. Clásicos latinos medievales y renacentistas (en castelán) 3. Akal. ISBN 84-460-0417-8.
- López Carreira, Anselmo (2013). "O apoxeo da sociedade feudal (sécs. XI-XIII)". Historia de Galicia. Xerais. pp. 133–146. ISBN 978-84-9914-532-7. Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2016. Consultado o 05 de xuño de 2018.
- Suárez, Manuel; Campelo, Jose, eds. (1950). Historia compostelana, o sea hechos de D. Diego Gelmirez, primer arzobispo de Santiago. Santiago de Compostela: Porto y Cía. Editores.