Cruz carolinxia

A cruz carolinxia é unha variación da imaxinería da cruz, que se remonta polo menos ao século IX.[1] Tanto desde o aspecto teolóxico como do deseño, consiste nunha mestura de conceptos cristiáns e precristiáns construídos ao longo dunha historia de adaptación cultural, iconografía, prácticas litúrxicas e premisas relixiosas.

Cruz carolinxia na capela da carballeira de Santa Susana, en Santiago de Compostela

Aparición na arteEditar

 
Unha moeda escandinava cunha cruz e un símbolo de triquetra
 
Cruz carolinxia de Fulda, por Rudolf Koch

Consta de catro triquetras formando unha cruz. A triquetra remite á vez ao concepto da Santa Trindade e a ideas precristiás ou pagás da árbore da vida. A máis famosa delas, Yggdrasil[2], sería un símbolo motivador para a transformación relixiosa dos pagáns.[3] A cruz carolinxia cumpre dous propósitos conceptuais: unha variación abstracta da Trindade e a imaxe da cruz como representación simbólica do sacrificio de Cristo.[4] Fóra do cristianismo, o símbolo da triquetra atópase nos antigos sistemas celtas de pensamento, no dos viquingos e tribos xermánicas da rexión franca. O uso histórico da triquetra é diverso, aparece en esculturas de pedras rúnicas, moedas escandinavas, xermánicas e romanas. Atópase tamén en manuscritos iluminados e obras de arte con nós celtas.[5]

Divulgación na era contemporáneaEditar

Valentín Paz Andrade realizou en 1927 unha viaxe por Bretaña e observou similitudes en cruces de pedra galegas e bretoas. Advertiu diso a Castelao, quen empezara en 1924 a estudar esta manifestación artística en Galiza, publicando logo As cruces de pedra na Bretaña e As cruces de pedra na Galiza.[6] Entre as debuxadas está a cruz da capela na carballeira de Santa Susana, mandada construír por Xelmírez (a quen Castelao non tiña en boa estima[7]), un grande difusor do vínculo de Carlomagno con Galiza, mostrándoo no Códice Calixtino como descubridor en soños do achado do sepulcro do Apóstolo Santiago e creador da peregrinación a Compostela.[8]

O deseñador alemán Rudolf Koch publicou en 1932 unha colección de 158 láminas de debuxos de símbolos cristiáns. Baixo o título de "Cruz", inclúe doce debuxos, un deles, a "cruz carolinxia" (Karolingisches Kreuz), composta por catro triquetras.[9]

Concepcións iconográficas e recepciónEditar

A iconografía é parte integrante das principais relixións, aínda que ningunha representa o cristianismo medieval máis que o sinal da cruz. O que designa esta versión específica da cruz como distintivamente carolinxia é o seu apego á familia real franca descendente de Carlos Martel, o papel que desempeñaron os clérigos francos na interpretación teolóxica da cruz e a difusión do cristianismo no reino franco.[10]

ConcepciónEditar

 
Hrabanus Maurus, concepción cruzada, 'Liber de laudibus Sanctae Crucis', Berna, Burgerbibliothek, Cod. 9.

A cruz carolinxia é unha das variantes de cruz menos coñecidas, aínda que a súa orixe se pode datar no 814 na obra de Hrabanus Maurus (Rábano Mauro) 'In honorem sanctae crucis' e 'Liber de laudibus Sanctae Crucis'. As súas concepcións abstractas foran fundamentais para os argumentos que se discutiran no sínodo de París de 825, onde o clero romano decidiu que unha imaxe real de Cristo (colgado da Cruz) se consideraba blasfema, aínda que non o era unha concepción abstracta ou metafórica do sacrificio e salvación de Cristo. O papado permitiu que as representacións figurativas da cruz fosen símbolos apropiados de piedade sempre que a imaxe de Cristo non fose aparente.[10]

RecepciónEditar

O profesor Kitzinger, experto en historia carolinxia, sinala que a cruz para os carolinxios "aludiu a cuestións fundamentais sobre o poder da representación e a presenza material que se estenden máis aló dos obxectos e as imaxes cruzadas".[11] O Opus Caroli Regis impulsou aínda máis a idea de que os obxectos cruzados ideais, tanto en forma manuscrita como física, tiñan a santidade de Deus e promovían a creación de diferentes conceptos cruzados.[12] Porén, o símbolo da cruz ten significados diversos tanto para os cristiáns como para os non cristiáns.[13]

Adaptacións carolinxias de obras de arte da cruz insular anglosaxoaEditar

 
Evanxeos de Lindisfarne. MS Nero D IV fol.2v, c.700
 
Evanxeos de Essen, Lotarinxia, século IX. Tesouro da Catedral, Hs. Eu, fols. 13v-14r

As obras de arte e as imaxes litúrxicas foron fundamentais para que os laicos da Alta Idade Media conectasen co cristianismo.

Obras de arte anglosaxoasEditar

O deseño da cruz carolinxia toma prestado en boa medida do estilo da arte insular das illas Británicas contido na obra de entrelazado ou nós dos evanxeos anglosaxóns de Lindisfarne. A teoría dos números sacros foi unha das características máis importantes da arte cristiá durante a Idade Media, e un dos principais argumentos contra as imaxes e esculturas da cruz consideradas idolatría.[14]

Agostiño de Hipona creou unha das primeiras defensas da imaxe cristiá ao afirmar que o universo funcionaba segundo un deseño ordenado, que as representacións xeométricas numéricas constituían o núcleo da providencia divina.[12] Isto foi logo apoiado polos monxes irlandeses nos seus escritos contidos no Liber de ordine creaturarum (o libro da orde da creación) e os diálogos contidos nel, o computus (cálculo).[14] Os monxes utilizaron a lóxica de Boecio sobre a xeometría universal sinalando que: "todo o que se forma a partir da primeira natureza das cousas (a prima rerum natura), percíbese como formado pola proporción dos números", pois isto era o principal exemplo na mente do creador. Diso derívase a multiplicidade dos catro elementos, os cambios das estacións e a comprensión do ciclo do movemento das estrelas e os ceos. Esta idea dos catro elementos enlaza ben coa imaxe da cruz carolinxia: catro elementos = catro puntos cruzados; á súa vez ven a representar simbolicamente as catro ideas da providencia divina; o pai (Deus), o fillo (Cristo), o espírito santo e a orde divina ou unidade do cosmos, como se ve nos evanxeos de Essen.[14]

Os manuscritos foron un compoñente vital para a cristianización da Europa medieval, xa que a maioría das sociedades da época tiñan escasos rexistros escritos das súas crenzas relixiosas e eran en xeral analfabetas en latín. As imaxes e a poesía falada dos evanxeos axudaron á propagación da cruz entendida polos laicos e non cristiáns como a máxima representación de Cristo.[12]

AdaptaciónsEditar

 
Libro do Deer (libro do cervo), Ms Ii.6.32, fol.85v

A escritura de evanxeos foi un dos medios para conceptualizar e transmitir a idea cristiá da cruz e en case todos os manuscritos do período carolinxio, mesmo as palabras estaban escritas en acrósticos, como se pode ver na obra de Rábano Mauro. Así, a cruz para os carolinxios non era só unha representación, senón unha continuidade entre o símbolo e a palabra escrita.[10] A tradición insular de usar nós e cruces entrelazadas, como nos Evanxeos de Lindisfarne e no Libro do Cervo, non só foi para confirmar aos cristiáns que a súa crenza estaba baseada nun precepto universal da unidade divina, senón que ao mostrala aos pagáns conectaría e reflectiría as súas propias crenzas na perspectiva cristiá.[10] Deste xeito, a arte axudou á difusión do cristianismo polo reino carolinxio en expansión.

O imperialismo e a apropiación da cultura pagáEditar

Para os carolinxios, a relixión cristiá era o medio polo que se debían unir os reinos francos.[15]

Un dos principais problemas con calquera tipo de investigación histórica sobre rituais pagáns, estilos de vida e sistemas de crenzas desa época é que se adoitan contar desde a perspectiva clerical cristiá. O descrito por clérigos e escribas como crenza "pagá" naqueles tempos é moi difícil de discernir, especialmente desde unha perspectiva étnica, xa que a maioría das persoas que poboaban gran parte da rexión franco-xermánica tiñan sistemas de crenza moi diferentes mesmo dentro do cristianismo. E aínda que o clasicismo romano floreceu nos anais dos manuscritos carolinxios, o misticismo pagán tamén pasou a formar parte da narrativa global do pensamento cristián. Gran parte do que estaba a suceder durante este tempo era unha "enculturación" das ideas; unha mestura cruzada de fe, onde moitos dos "pagáns" infundían elementos do cristianismo no seu propio sistema de crenzas e viceversa. Unha das principais razóns polas que a cruz carolinxia ten o seu aspecto deriva de moitas facetas de malentendidos culturais, non só por parte dos pagáns conversos á fe cristiá, senón tamén porque os escritores alegóricos carolinxios utilizaban a obra histórica de Virxilio e outros para reinterpretar os sistemas de crenzas pagás xermánicas.[16] A interpretación foi un punto focal importante da mitoloxía cristiá e historias pagás como a épica da guerra de Troia integráronse na narrativa cristiá para dar unha historia máis formativa e extensa do cristianismo. Ao absorber crenzas e poemas grecorromanos dentro da súa propia narrativa histórica, os carolinxios foron capaces de crear un mundo histórico que se estendeu máis atrás no tempo que os seus homólogos non crentes.[17]

O misticismo pagán amalgamouse a través dunha lente cristiá; a mitoloxía converteuse en teoloxía, os heroes e os deuses mitolóxicos foron rebautizados como gobernantes deificados e a historia do mundo precristián axustouse á idea da salvación de Cristo.[18]

Expansión imperial e expansión crecente do cristianismo francoEditar

 
Carlomagno representado loitando contra os saxóns. De Chroniques de France

Para unir a rexión baixo un só gobernante, os carolinxios iniciaron un programa de expansión do seu imperio a imitación dos conquistadores romanos dun milenio antes que eles.[19] O uso de imaxes seculares e vocabulario imperial dentro do cristianismo remóntase a Xustiniano II, e os carolinxios propuxéronse fusionar moitos aspectos non só da historia imperial romana na narrativa cristiá, senón tamén do pensamento relixioso pagán para promover a súa validez como monarcas divinos. O dereito ao dominio divino era unha crenza de longa data nos reinos francos cristiáns, nas illas anglosaxoas e nas rexións escandinavas.[18] Tyr, o deus sueco da guerra, Marte, o deus romano, e Odín, o rei guerreiro noruegués, foron utilizados como principais exemplos para subverter e transformar as narracións pagás en cristianizadas. Carlomagno sería o primeiro gobernante carolinxio en poñer este sentimento en uso e afirmou a súa pretensión como o gobernante cristián divino de todo o reino franco e as rexións xermánicas do noroeste.[20] Así, Carlomagno e os misioneiros carolinxios usaron as crenzas pagás para converter os gobernantes ao cristianismo, mudando as súas propias concepcións sobrenaturais dos deuses guerreiros en cristiás. Como os reis guerreiros eran moi respectados entre os gobernantes nórdicos pagáns, Carlomagno non só se fixo a si mesmo, senón tamén a imaxe de Cristo como rei guerreiro, mostrada na imaxe de Miles Christi (Século IX Bibliotheque Nationale, Paris. MS Lat.8318, fol 55r.) [18] A providencia divina foi un dos compoñentes máis importantes para conquistar os pagáns, e cada batalla que gañou Carlomagno confirmou para algúns dos seus gobernantes que, converténdose ao cristianismo, poderían acadar a súa propia fama e gloria.[21]

NotasEditar

  1. The cross: history, art, and controversy. 17 April 2017. p. 49. ISBN 978-0-674-08880-1. OCLC 959648870. 
  2. Myths and symbols in pagan Europe : early Scandinavian and Celtic religions. 1988. p. 23. ISBN 0-8156-2438-7. OCLC 18119986. 
  3. "Defining paganism in the Carolingian world" (en inglés) 15. 2007-10-10: 415–418. doi:10.1111/j.1468-0254.2007.00214.x. 
  4. "Triquetra". ancient-symbols.com (en inglés). Consultado o 2020-09-28. 
  5. "Pagan and wiccan symbols". learnreligions.com (en inglés). Consultado o 2020-09-28. 
  6. "Rodríguez Castelao, Alfonso". ceies.cchs.csic.es (en inglés). Consultado o 2022-04-12. 
  7. "A romeiría de Xelmírez; Fundación Otero Pedrayo". Consultado o 2022-04-12. 
  8. "CCG 2013; "O século de Xelmírez"" (PDF). consellodacultura.gal. 
  9. Rudolf Koch, Christliche Symbole (1932)
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 The Cross, the Gospels, and the Work of Art in the Carolingian Age. 2019-03-31. p. 9. ISBN 978-1-108-55363-6. doi:10.1017/9781108553636. 
  11. La croix, les évangiles et l'œuvre d'art à l'époque carolingienne. 2019-03-31. pp. 5, 6. ISBN 978-1-108-55363-6. doi:10.1017/9781108553636. 
  12. 12,0 12,1 12,2 Jensen, Robin Margaret (2017). The cross: history, art, and controversy (en English). ISBN 978-0-674-08880-1. OCLC 959648870. 
  13. The Cross, the Gospels, and the Work of Art in the Carolingian Age. 2019. pp. 18, 19. ISBN 978-1-108-42881-1. doi:10.1017/9781108553636. 
  14. 14,0 14,1 14,2 "Pattern, Process, and the Creation of Meaning in the Lindisfarne Gospels" (en inglés) 24. 2017: 13. ISSN 2153-5531. doi:10.1086/693796. 
  15. A history of pagan Europe. 1995. p. 130. ISBN 0-415-09136-5. OCLC 30663969. 
  16. "Defining paganism in the Carolingian world" (en inglés) 15. 2007: 410. ISSN 1468-0254. doi:10.1111/j.1468-0254.2007.00214.x. 
  17. O'Sullivan, Sinéad (2018). "Glossing Vergil and Pagan Learning in the Carolingian Age". The University of Chicago Press Journal (en inglés) 93: 136–138. ISSN 0038-7134. doi:10.1086/695492. 
  18. 18,0 18,1 18,2 The last descendant of Aeneas: the Hapsburgs and the mythic image of the emperor. 1993. pp. 53, 54. ISBN 0-300-05488-2. OCLC 26052520. 
  19. "Carolingian Religion" (en inglés) 84. 2015: 292. ISSN 0009-6407. doi:10.1017/S0009640715000104. 
  20. Myths and symbols in pagan Europe : early Scandinavian and Celtic religions. 1988. p. 89. ISBN 0-8156-2438-7. OCLC 18119986. 
  21. A history of pagan Europe. 1995. pp. 126, 127. ISBN 0-415-09136-5. OCLC 30663969. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar