Batalla de Viadangos
A Batalla de Viadangos ou Fontedangos tivo lugar no outono do ano 1111 no lugar de Viadangos (Villadangos del Páramo) entre unha columna de cabaleiros galegos comandada por Pedro Froilaz de Traba e Diego Xelmírez, e o exército de Afonso I de Aragón. Após coroaren o infante Afonso Reimúndez (Afonso VII) como rei de Galiza en Compostela, os nobres galegos pretenderon coroalo tamén en León, a carón da súa nai Urraca. Afonso "o batallador", cónxuxe de Urraca en guerra aberta con ela polo control dos seus reinos, interpuxo o seu exército no camiño sorprendendo e derrotando a hoste galega.
Batalla de Viadangos | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Sucesión de Afonso VI | |||||||
Situación de viadangos na rede de calzadas romanas, principais vías de comunicación no período medieval. | |||||||
| |||||||
Belixerantes | |||||||
Mesnadas feudais da nobreza galega | Exército de Afonso I de Aragon e Navarra | ||||||
Líderes | |||||||
Pedro Froilaz de Traba Diego Xelmírez |
Afonso I de Aragón | ||||||
Forzas en combate | |||||||
246 cabaleiros | 660 cabaleiros 2000 infantes |
Precedentes
editarTralo pasamento do conde Raimundo de Borgoña[4] no ano 1107, o rei Afonso VI reuniu en León a alta nobreza galega. Nesta xuntanza, alén de conceder a rexencia do reino de Galiza á súa filla Urraca[4][5], viúva de Raimundo, e sinalar como futuro rei o fillo de ambos, Afonso Raimúndez, fixo xurar aos nobres convocados que defenderían os dereitos do infante ao trono se a súa nai Urraca casaba de novo[6]. Dous anos despois, logo da morte de Afonso VI, Urraca casou con Afonso "o Batallador", rei de Navarra e Aragón, relegando o seu fillo Afonso Raimúndez a un lugar secundario na liña sucesoria, por debaixo do rei consorte e dos fillos que puidesen nacer do matrimonio. O casamento da raíña Urraca motivou a inmediata reacción do conde Pedro Froilaz de Traba, titor do infante Afonso, que para preservar os dereitos do seu protexido levantou a bandeira da rebelión proclamándoo rei de Galiza[7]. Diante deste feito, Afonso de Aragón, secundado por Urraca, iniciou a invasión do territorio galego[8]. Urraca afirmaría mais tarde que a intención do rei aragonés non era outra que a de asasinar o seu fillo[9].
Unha parte das forzas sociais galegas tomaron inicialmente partido pola raíña Urraca e o seu home, como o mesmo Xelmírez, bispo de Compostela, ou os burgueses de Lugo, que seducidos pola liña política do rei aragonés, abriron as murallas da súa cidade. Outra parte enfrontou militarmente á invasión, chegándose ao asalto do castelo de Monterroso, fortaleza na que Afonso de Aragón exerceu tan brutal represión que motivou as primeiras desavinzas con Urraca e o seu séquito nobiliario. Urraca regresou a León deixando só en campaña ao "batallador" e o seu exército que continuaron asolando o territorio[10][11].
Malia as iniciais derrotas, a poderosa casa de Traba conseguiu manter oculto o infante no recóndito mosteiro de Moraime e, após unha campaña de tres meses, expulsar o rei de Aragón e Navarra "con grande deshonra"[12]. No ano 1111, Pedro Froilaz en alianza co bispo Xelmírez, coroou como rei de Galiza o infante de 6 anos Afonso Reimúndez na Catedral de Compostela[13]. Esta coroación contou co beneplácito da raíña Urraca que libraba agora unha guerra civil co seu esposo aragonés na que precisaba imperiosamente da axuda das mesnadas galegas. Seguindo o acordo establecido, unha vez finalizada a cerimonia compostelá, os nobres galegos iniciaron camiño cara a corte leonesa para coroar tamén alí a Afonso VII. A percepción territorial da época concibía aínda a proxección de Galiza polo espazo leonés[14][3], por iso a secuencia lóxica era coroar a Afonso tamén na cidade galega de León[15][16][17], como viñan facendo os monarcas do reino desde o século X[14].
A Batalla
editarAntes de levar a León o rei someteuse a cidade de Lugo, aínda baixo o dominio dos burgueses partidarios de Afonso de Aragón[18], deixando probabelmente na cidade parte das forzas procedentes de Compostela. A columna galega que escoltaba o neno-rei Afonso estaba composta por 246 cabaleiros das mesnadas nobiliarias baixo o mando do conde, agora mordomo real, Pedro Froilaz. É lóxica tamén a presenza na expedición, malia que as fontes históricas non o indican, doutros membros da parentela dos Froilaz, cando menos de Rodrigo, irmán do conde Pedro, que ocupaba o cargo de alférez (armiger regis) do novo monarca[a]. Na hoste viaxaba tamén o bispo Xelmírez e Fernando García, principal conselleiro de Urraca[19], xenearca da casa de Castro e, para algúns autores, fillo do rei García II[20][21].
Marchando pola antiga vía romana XIX, a columna baixou dos alpes de Galicia[22] e saíu á terra de foris, nome co que se daba na época aos páramos de León e ás chairas de Castela[23]. Desde Astorga, seguiuse camiño cara a León pola antiga vía romana que unía Asturica e Legio[24]. Coa confianza de que os exércitos aragoneses se encontraban lonxe, a columna detívose a pasar a noite a vinte quilómetros do destino, no lugar de Viadangos, nas proximidades do río Órbigo[25]. Na mañá seguínte, os galegos acordaron en perigo de ser rodeados por un exército listo para a batalla e netamente superior nos seus números. O exército aragonés contaba con 660 cabaleiros con armadura e 2000 infantes provistos de arcos, espadas, paus e outras armas[26]. Estas tropas a servizo do rei de Aragón son presentadas nas crónicas coetáneas como unha amálgama de soldados de diferentes nacionalidades: aragoneses, navarros, francos, normandos e mercenarios musulmáns[27].
Seguindo a narración, baseada na Historia Compostelá, que fai da batalla o historiador Antonio López Ferreiro, os galegos sen mais opción que loitar equipáronse ás présas e cargaron contra as liñas aragonesas conseguindo romper a primeira e a segunda liña para ficar despois atoados na masa inimiga. O conde de Traba, vendo os seus extenuados e a punto de ser cercados, cargou de novo para permitir a fuxida do bispo Xelmírez e do infante Afonso, caendo el mesmo prisioneiro (sería liberado no ano seguinte após o pagamento dun rescate). O conde Fernando García que cabalgaba ao seu lado, pereceu neste último asalto[28].
Malia que Afonso de Aragón tiña comisionados dez dos seus mellores homes coa misión de capturalo[29], o bispo Xelmírez conseguiu escapar levando consigo o rei Afonso, ao que puxo a salvo no castelo de Orcellón, en Ourense[30], fortaleza no que se encontraba refuxiada a raíña Urraca[31][32] en compañía, segundo López Ferreiro, de dous fillos do conde Fernando García, Guterre Fernández de Castro e Rodrigo Fernández de Castro[33]. Unha vez confiado á súa nai o rei, Xelmírez regresou a Astorga, cidade na que se estaban a reorganizar os superviventes para regresar a Compostela.
Resultado
editarA derrota de Viadangos fixo fracasar a segunda parte da operación política ideada por Xelmírez e Pedro Froilaz. Despois de ter coroado o infante Afonso en Compostela, pretendían facer o propio na corte leonesa e sentar o seu protexido a carón da súa nai Urraca para gobernar, a través do infante, o conxunto dos reinos herdados de Afonso VI. Esta coroación leonesa, fora acordada[34] e aceptada por unha raíña Urraca forzada polas circunstancias[35] pois naquela altura perdera o control da meirande parte dos seus dominios a mans do seu esposo e precisaba do apoio dos nobres galegos[36]. Na realidade o desexo da raíña foi sempre o de gobernar en solitario[7], algo impensábel nesa etapa histórica[37]. Para Afonso de Aragón, vencedor no campo de batalla, supuxo unha oportunidade perdida pois non conseguiu o que debeu ser o seu principal obxectivo, a captura ou morte do infante Afonso, pois pola mentalidade da época nunca sería aceptado como gobernante mentres existise un herdeiro lexítimo.
No ano seguinte á derrota de Viadangos, Urraca convocou unha curia en Compostela cos magnates galegos e iniciou unha intensa actividade diplomática co fin de recadar o apoio económico e militar dos seus aliados[36]. Desde entón Galiza converteuse no punto de partida de todas as expedicións destinadas a recuperar os territorios perdidos, entre o ano 1112 e o 1118 practicamente unha por ano[36], e nos documentos históricos comeza a figurar ao carón da súa nai Afonso Reimúndez xa co título de rei, desde o 1117 mesmo en solitario. Con todo Urraca nunca volveu a consentir a coroación leonesa do seu fillo, esta non se producirá até a súa morte no ano 1126[34].
Notas
editar- ↑ A Historia Compostelá atribúe tal función a Rodrigo Pérez, fillo de Pedro Froilaz e Maior Rodríguez. O conde Pedro e dona Maior casaron no 6 de maio do ano 1105 polo que Rodrigo Pérez non podía ter na altura mais de 6 anos, idade na que carecería dunha relevancia suficiente para ocupar tan importante papel e na que ademais resulta imposíbel que fose quen de soster a espada, o escudo e a lanza do rei.
- Referencias
- ↑ Castiñeiras, Manuel (2012). Las portadas del crucero de la catedral de Santiago (1101-1111). Alfonso VI y su legado. Actas del Congreso Internacional, Sahagún, 29 de octubre al 1 de noviembre de 2009 : IX Centenario de Alfonso VI (1109-2009) (Diputación de León). p. 217. ISBN 978-84-89410-22-0.
- ↑ Williams, John (2015). "¿España o Toulouse? Observaciones medio siglo después" (PDF). Quintana. Revista de Estudos do Departamento de Historia da Arte (Universidade de Santiago de Compostela ed.) (14): 284. ISSN 1579-7414.
- ↑ 3,0 3,1 López Carreira, Anselmo (2008). O reino medieval de Galicia. A Nosa Terra. p. 370. ISBN 978-84-8341-293-0.
- ↑ 4,0 4,1 "Tenentes de Galiza baixo a monarquía galaico-leonesa". www.xenealoxiasdoortegal.net. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2020. Consultado o 2019-01-21.
- ↑ LÓPEZ TEIXEIRA 2013. p. 55
- ↑ Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia Compostelana. Akal. pp. 152–154.
- ↑ 7,0 7,1 López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 330.
- ↑ López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 332.
- ↑ Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia Compostelana. Akal. p. 171.
- ↑ López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 336–338.
- ↑ Puyol y Alonso, Julio (ed.). Las crónicas anónimas de Sahagún (1920 ed.). p. 37.
- ↑ López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 338.
- ↑ Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia Compostelana. Akal. p. 174.
- ↑ 14,0 14,1 LÓPEZ TEIXEIRA 2013. p. 74.
- ↑ Conde, Jose Antonio (1844). Historia de la dominación de los árabes en España. p. 406.
Medina Leionis capital de Galicia
- ↑ Sáez, Emilio (1969). Colección documental del Archivo de la Catedral de león (775-1230):I (785-952). Centro de Estudios e Investigación "San Isidoro".
in Legione de Galletia
- ↑ Risco, Manuel (1784). España Sagrada. p. 429.
in civitate quae vocatur Legio, territorio Gallecie
- ↑ Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia Compostelana. Akal. p. 175.
- ↑ Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia Compostelana. Akal. pp. 170–174.
- ↑ Reilly, Bernard F. (1988). The Kingdom of León-Castilla under King Alfonso VI, 1065-1109 (PDF) (en inglés). Princeton University Press. p. 248.
- ↑ Armesto, Victoria (1969). Galicia Feudal. Galaxia. pp. 293–294.
- ↑ Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia Compostelana. Akal. p. 183 (c.479).
- ↑ Sánchez Albornoz, Claudio (2010). Ante a Historia Compostelá. Trifolium.
- ↑ "Restos de la Vía Romana entre Asturica Augusta y Legio VII Gemina.". www.traianvs.net. Consultado o 2019-01-23.
- ↑ "Restos de la Vía Romana entre Asturica Augusta y Legio VII Gemina.". www.traianvs.net. Consultado o 2019-01-23.
- ↑ Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia Compostelana. Akal. pp. 175–177.
- ↑ López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 334, 342.
- ↑ López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 365–367.
- ↑ Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia Compostelana. Akal. pp. 395–396.
- ↑ LÓPEZ TEIXEIRA 2013. pp. 75-76
- ↑ LÓPEZ TEIXEIRA 2003 p. 72
- ↑ Reilly, Bernard (1982). The Kingdom of León-Castilla under Queen Urraca, 1109-1126 (PDF). Princeton University Press. pp. 76–77.
- ↑ López Ferreiro, Antonio (1884). Don Afonso VII, rei de Galiza, e o seu aio o conde de Traba (2006 ed.). Toxos Outos. p. 61.
- ↑ 34,0 34,1 Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia Compostelana. Akal. p. 169.
- ↑ Pallares, Mª del Carmen (2006). La reina Urraca. Nerea. p. 113.
- ↑ 36,0 36,1 36,2 LÓPEZ TEIXEIRA 2003 p. 77
- ↑ Puyol y Alonso, Julio (ed.). Las crónicas anónimas de Sahagún (1920 ed.). p. 35.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Falque Rey, Emma (1994)(Ed.): Historia Compostelana. Edición de Emma Falque Rey. Akal. Clásicos latinos medievales. ISBN 84-460-0417-8
- López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a. m. iglesia de Santiago de Compostela. Seminario conciliar central. Tomo III.
- López Teixeira, Xosé Antonio (2013). Rex et Regina. Urraca, Afonso Raimúndez e a monarquía galega. Editorial Toxos Outos. ISBN 978-84-15400-78-3
- Pallares Méndez, Carmen; Portela Silva, Ermelindo. (2006). La reina Urraca. Editorial Nerea. ISBN 84-96431-18-5
- Puyol y Alonso, Julio (1920). Las crónicas anónimas de Sahagún. Real Academia de la Historia.