Monumento aos heroes de Ponte Sampaio

grupo escultórico conmemorativo en Pontevedra

Coordenadas: 42°25′54″N 8°38′51″O / 42.431666666667, -8.6475

O Monumento aos Heroes de Ponte Sampaio é un conxunto escultórico conmemorativo creado polo escultor Julio González Pola, situado en Pontevedra.[1]

Monumento aos heroes de Ponte Sampaio
O monumento na praza de España
Presentación
LocalizaciónPontevedra
DirecciónPraza da España
Estruturapedra e bronce
EstiloEscultura conmemorativa
TipoGrupo escultórico
Construción
Inicio9 de febreiro de 1909
Data da construción1911
Remate27 de agosto de 1911
Dimensións
Altura8 m
Equipo
EscultorJulio González Pola

Atópase nos xardíns da praza de España e foi inaugurado o 27 de agosto de 1911. O monumento conmemora o valor do pobo pontevedrés liderado polo oficial Pablo Morillo e o seu triunfo sobre as tropas napoleónicas do mariscal Michel Ney, liberando a Pontevedra da ocupación do exército francés os días 7 e 8 de xuño de 1809.[2]

Historia editar

O parlamentario galego Eduardo Vincenti Reguera e o Centro Galego de Madrid foron os principais artífices da creación do monumento.[3] O 9 de febreiro de 1909, o Concello de Pontevedra acordou conceder unha subvención de 500 pesetas e, posteriormente, autorizou a achega da pedra de granito que soporta as figuras. Esta iniciativa foi apoiada tamén por Javier Puig Llamas, alcalde de Pontevedra nese momento, e Eugenio Montero Ríos, presidente do Senado. Todas estas autoridades pronunciaron discursos na inauguración do monumento o 27 de agosto de 1911.[4]

O goberno do rei Afonso XIII, que doou o bronce necesario para a escultura, concedeu tamén unha medalla conmemorativa da batalla de Ponte Sampaio. A contribución de moitos particulares ao financiamento do monumento tamén quedou testemuñada.[5]

A estatua estaba rodeada por unha fonte monumental construída en 1983, que foi desmontada en 2009 para devolver ao monumento e os seus arredores o seu deseño espacial orixinal.[6][7]

Descrición editar

Este grupo escultórico pertence ao movemento de escultura conmemorativa española de principios do século XX.

O conxunto ten oito metros de altura. Consta de varias figuras de bronce sobre un pedestal de granito que representan a un grupo de campesiños, soldados e estudantes encabezados polo oficial Pablo Morillo, sostendo unha bandeira nos momentos finais da batalla.[8]

Na parte central do monumento, unha figura feminina (que representa a Galicia e á patria) apoia a súa man nun escudo coas armas de España e estende o seu brazo para convidar ó combate. Na parte superior, a figura do oficial Pablo Morillo anima a loitar coa espada. Xunto a el hai un campesiño, un estudante, un soldado e outro combatente ferido que representan a resistencia do pobo contra o invasor. Detrás deles está a bandeira e xunto a ela un canón.[9]

Nas esquinas da parte inferior do monumento atópanse os catro escudos das provincias galegas. A construción central de granito simboliza un dos piares da ponte de Ponte Sampaio, onde tivo lugar a maior parte da batalla e que foi destruída tras a mesma.[10]

No reverso, o corpo central de granito leva a seguinte inscrición en letras de bronce :

LOS HÉROES DE PUENTESAMPAYO ACAUDILLADOS POR MORILLO

E debaixo :

PRIMER CENTENARIO 1909

No lado dereito hai outra inscrición tallada na pedra que di:

JULIO G POLA – ESCULTOR

Na esquina esquerda do conxunto, figura a seguinte inscrición:

ERIGIDO POR SUSCRIPCIÓN POPULAR
A INICIATIVA DEL CENTRO GALLEGO DE MADRID
PRESIDIDO POR EL EXCMO. S. D. EDUARDO VICENTI Y REGUERA
Y SIENDO ALCALDE DE PONTEVEDRA D. JAVIER PUIG LLAMAS
Y GOBERNADOR DE LA PROVINCIA D. JOSÉ BOENTE SEQUEIROS

Relevancia editar

O catedrático de historia da arte da Universidade Complutense de Madrid Francisco José Portela Sandoval considerouno un dos monumentos máis logrados da época pola súa composición e reprodución fiel do acontecemento que pretende inmortalizar.[11]

Galería editar

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Gallego Esperanza, Mª de las Mercedes (1996). La Escultura Pública en Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Deputación de Pontevedra. ISBN 9788488363350. 
  • Portela Sandoval, José (1985). "Julio González Pola y la escultura conmemorativa española en los albores del siglo XX". Boletín del Museo de Pontevedra (Museo de Pontevedra). ISSN 0210-7791. 
  • Taboada, Roberto; Hermida, Arturo (2009). O monumento ós héroes de Pontesampaio e o seu contorno. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. ISBN 978-84-8457-330-2. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar