Villa Pilar

palacete en Pontevedra

Villa Pilar é unha mansión ecléctica e Art Nouveau, situada na rúa Marqués de Riestra de Pontevedra. É un dos mellores exemplos da arquitectura dos indianos galegos que foron a Hispanoamérica e volveron ricos á cidade.

Villa Pilar
Fachada principal de Villa Pilar, na rúa Marqués de Riestra
Edificio
EstiloModernista, Ecléctico
EnderezoRúa Marqués de Riestra, 11
LocalizaciónPontevedra
Coordenadas42°25′49″N 8°38′49″O / 42.430277777778, -8.6469444444444Coordenadas: 42°25′49″N 8°38′49″O / 42.430277777778, -8.6469444444444
PropietarioHerdeiros de Pilar Pardo Trapote
ArrendatarioNemonon
Construción
Inicio1899
Construción1905
Remate1905
Dimensións
Plantas5 (planta baixa, entresollado, 2 andares, ático abufardado).
Equipo
Arquitecto(s)Antonio Crespo
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

Esta mansión, cuxa construción se iniciou en 1899 e terminouse en 1905, foi construída como residencia burguesa por encargo do indiano Manuel Martínez Bautista, que vivía en Cuba.[1] Comprou o terreo durante unha viaxe de verán e as obras duraron seis anos.[2]

O autor do proxecto foi o arquitecto Antonio Crespo. Consérvanse dous proxectos de 1889, de planta e altura similares, pero cun deseño diferente ao finalmente executado.[3]

Villa Pilar foi legada por Manuel Martínez Bautista ao seu sobriño Ramiro Trapote Martínez, un enxeñeiro residente en Nova York que pasaba nela os veráns. Villa Pilar pasou de Ramiro Trapote á súa sobriña Pilar Pardo Trapote, e actualmente é propiedade dos seus herdeiros.[4]

Nela viviron unha serie de personaxes famosas da cidade e de distintas institucións, como Vicente Riestra, Ernesto Caballero ou un notario.

Na segunda planta estaba o Colexio de Arquitectos de Pontevedra, un piso alugado á Irmandade Nacional de Arquitectos, a mutualidade do colectivo, que á súa vez o adquiriu á familia propietaria do edificio en 1982.[5]

En 2011, o edificio púxose á venda por 600.000 euros.[6] Desde o 31 de outubro de 2015, alberga na segunda planta o estudo de arquitectura Nemonon, un espazo creativo multidisciplinar ao redor da arquitectura promovido polo arquitecto Mauro Lomba.[7] Nas súas tres salas: Boiserie, Belle Époque e Belvedere, e na "Cociña do arquitecto", acolle eventos como reunións, seminarios, conferencias, exposicións, talleres e cursos.[8]

Descrición editar

O edificio é de estilo ecléctico e Art Nouveau, con tres plantas de altura e un só corpo. O máis destacable desta mansión é a irregularidade da súa planta e fachada, lixeiramente esaxerada no seu acabado. A mansión ten un semisoto, tres plantas e un ático. Entre os seus elementos arquitectónicos destacan as balaustradas de estilo inglés en todos os balcóns, realizadas en formigón, un elemento moi innovador para a época. O edificio intégrase harmoniosamente na súa contorna, xa que está rodeado dun pequeno xardín privado con palmeiras pechado por un enreixado de ferro forxado.[9]

Ao interior do edificio accédese por escaleiras de mármore de Carrara na primeira planta e de madeira nas seguintes.[10] As balaustradas son de formigón e a carpintería interior é toda de madeira nobre. A súa funcionalidade interior responde as necesidades da época, destacando a harmonía das súas liñas e formas e a perfecta conxunción dos seus elementos arquitectónicos.[11] A distribución das distintas plantas reflicte o estilo de vida da burguesía de finais do século XIX. Por iso, o arquitecto concedeu grande importancia ao espazo social, con tres salóns e un despacho con acceso independente.

Galería editar

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar