O voleibol[1] ou balonvolea[2] (do inglés: volleyball) é un deporte de balón xogado por 12 persoas en dous equipos de seis cada un. Neste deporte o balón pode ser tocado ou impulsado con golpes limpos, pero non pode ser parado, suxeitado, retido ou acompañado. Cada equipo dispón dun número limitado de toques para devolver o balón cara ó campo contraro. A esfera golpéase principalmente coas mans ou brazos, pero tamén pode golpearse con calquera outra parte do corpo. Unha das características do voleibol é que os xogadores teñen que ir rotando as súas posicións a medida que van conseguindo novos puntos.

Militares estadounidenses e italianas xogando ao voleibol

Historia editar

Foi creado en 1895 por William G. Morgan. Daquela era director de Educación Física no YMCA de Holihoke, no estado de Massachusetts (Estados Unidos), e establecera, desenvolvera e dirixira, un amplo programa de exercicios e de clases deportivas masculinas para adultos.

Morgan decatouse de que precisaba dalgún xogo de entretemento e competición á vez para variar o seu programa, e sen dispoñer máis ca do baloncesto, creado catro anos antes (1891), botou man dos seus propios métodos e experiencias prácticas para crear un novo xogo. As regras iniciais e os conceptos de base foron establecidos: a Mintonette; primeiro nome co que se lle bautizou, viñera de nacer.

O nome de mintonette seguiu vixente ata que o doutor A.T. Halsted, en Springfield, despois de observar o novo deporte, suxeriu que o seu nome fose mudado de mintonette para voleibol, tendo en conta que a idea básica do xogo era xogar a bóla dun lado para o outro, por riba da rede, coas mans.

O campo de xogo editar

O campo onde se xoga ó voleibol é un rectángulo de 18 m de longo por 9 m de ancho, dividido na súa liña central por unha rede que separa ós dous equipos. En realidade, o xogo desenvólvese tamén no exterior, na zona libre, a condición de que o balón non toque o chan nin ningún outro elemento. A zona libre debe ter polo menos 3 m, medida que en competicións internacionais é aumentada a 5 m sobre as liñas laterais e a 8 m para as liñas de fondo. O espazo libre sobre a pista debe ter unha altura mínima de 7 m que en competicións internacionais sobe a 12,5 m.

A 3 m da rede, unha liña delimita en cada campo a zona de ataque, zona onde se encontran restrinxidas as accións dos xogadores que se encontran nese momento en papeis defensivos (zagueiros e líbero). Estas liñas, esténdense ó exterior do campo con trazos descontinuos, e a limitación que representan proxéctase igualmente en toda a liña, incluso máis alá dos trazos debuxados. Todas as liñas teñen 5 cm de ancho.

O contacto dos xogadores co chan é continuo, utilizando habitualmente proteccións nas articulacións. A superficie non pode ser rugosa nin deslizante.

A pista de voleibol
 
Dimensións
 
Zonas
  1. Zona libre
  2. Liña central
  3. Liña de fondo
  4. Liña lateral
  5. Liña de ataque
  6. Zona de saque
  7. Zona defensiva
  8. Zona de ataque
  9. Primeiro árbitro
  10. Segundo árbitro
  11. Anotador
  12. Banco
 
Rede.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para voleibol.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para balonvolea.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar