Teatro Principal de Pontevedra
O Teatro Principal de Pontevedra é un centro de representación escénica localizado no casco antigo de Pontevedra.
Teatro Principal | |
---|---|
Fachada principal na rúa Paio Gómez Chariño | |
Edificio | |
Tipo | Teatro |
Estilo | Neoclásico |
Enderezo | Rúa Paio Gómez Chariño, 6 |
Localización | Pontevedra |
Coordenadas | 42°25′57″N 8°38′47″O / 42.432433, -8.6462578333333 |
Propietario | Concello de Pontevedra |
Construción | |
Inicio | 1864 |
Construción | 1878 |
Remate | 1878 |
Remodelación | 1987 |
Dimensións | |
Plantas | 3 (planta baixa, 2 andares) |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Faustino Flores (1878) José Miyer Caridad (reconstrución 1987) |
[ editar datos en Wikidata ] |
Localización
editarO Teatro Principal está situado no mesmo bloque que o Liceo Casino, sendo lindeiro con este. A súa fachada principal dá á rúa Paio Gómez Chariño e as súas fachadas laterais ás rúas Don Filiberto e Duque de Tetuán.
Historia
editarO soar onde está desde o século XIX o Teatro Principal estivo ocupado pola igrexa de San Bartolomeu o Vello até mediados do século XIX. Esta construción, de finais da Idade Media, xa estaba en mal estado a finais do século XVIII. En 1769 propúxose o seu derrubamento, ao que se opuxo o padre Frei Martín Sarmiento, derrubamento levado a cabo finalmente en 1844.[1][2]
Logo de varios anos como praza aberta (a praza de Tetuán), en 1864 construíuse un Liceo Casino (obra de Domingo Lareu) e o Teatro Principal (obra de Faustino Flores), que pertencía ao Liceo Casino[3] e que foi inaugurado o 2 de agosto de 1878.[4] O teatro era de uso exclusivo dos socios do Liceo Casino e, de feito, a entrada ao teatro facíase pola fachada principal do Liceo Casino.[5] O teatro inaugurouse coa compañía de Miguel Cepillo, que interpretou O escravo da súa culpa de Juan Antonio Cavestany.[6]
Manuel Becerra comprou o edificio nunha poxa xudicial en 1892.[7] Este edificio acolleu en abril de 1897 a primeira proxección cinematográfica de Pontevedra[8], e en decembro de 1900 a primeira audición de fonógrafo con bucina.[6] O teatro acolleu concertos de artistas de renome como o violinista Manuel Quiroga Losada e o pianista Arthur Rubinstein.[5] En 1942 o teatro pasou a ser propiedade de Dolores Vázquez.[7] A mediados do século XX o teatro funcionaba case exclusivamente como cinema.
O 14 de abril de 1980 un incendio destruíu os dous edificios, aínda que os muros e as paredes mestras seguiron en pé.[9] O 22 de agosto de 1983 o concello adquiriu as ruínas do teatro, e o 9 de xaneiro de 1984 convocouse un concurso público para a súa reconstrución.[10]
O edificio actual, inaugurado o 3 de xaneiro de 1987, é obra do arquitecto José Miyer Caridad, que gañou o concurso de anteproxecto.[11]
Descrición
editarA fachada do teatro é neoclásica. Ten ventás e portas simétricas con marcos de granito, e as do primeiro piso teñen tornachoivas.[12] A entrada principal termina nun frontón cun arco oco no seu interior. En xullo de 2015 restaurouse a fachada do teatro cos muros de pedra branca cos que se deseñou o edificio no século XIX.[13]
O teatro distribúese en cinco andares e dous sotos, nos cales alberga dúas salas de exposicións e un auditorio cunha capacidade total de 434 persoas.[14][15] O seu escenario, que ocupa 52 metros cadrados, está dotado dunha plataforma móbil.
O espazo conta cun falso teito que contribúe a mellorar a acústica, así coma a agochar a instalación da iluminación. O seu estilo decorativo buscou combinar aspecto dos teatros do século XIX cun interior máis actual.[16]
Galería
editarNotas
editar- ↑ "Crónicas de San Bartolomé 'O Vello'". Diario de Pontevedra (en castelán). 7 de xaneiro de 2018.
- ↑ "Hallan restos de la iglesia de San Bartolomé el Viejo bajo las ruinas del Liceo Casino". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de novembro de 2018.
- ↑ "La sociedad más antigua de Pontevedra". Diario de Pontevedra (en castelán). 13 de setembro de 2018.
- ↑ "En el Teatro Principal podrán entrar todos menos el agua". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xuño de 2015.
- ↑ 5,0 5,1 "Una solución práctica de la arquitectura tradicional". Faro (en castelán). 27 de xuño de 2015.
- ↑ 6,0 6,1 Nieto, Remigio, 1980, Guía Monumental ilustrada de Pontevedra, Pontevedra, Asociación de Comerciantes de la calle Manuel Quiroga, p. 28.
- ↑ 7,0 7,1 "El Teatro Principal, una propiedad muy codiciada". Faro (en castelán). 6 de decembro de 2020.
- ↑ López Piñeiro, C. A. (1998). O nacemento dunha cidade. A implantación do cine en Pontevedra. Deputación de Pontevedra. p. 12-14.
- ↑ "El Concello compra las ruinas del Teatro Principal". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de xullo de 2017.
- ↑ "El arquitecto Miyar Caridad diseña el nuevo Teatro Principal". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de xullo de 2018.
- ↑ "El fuego que revolucionó la cultura local". Diario de Pontevedra (en castelán). 15 de abril de 2021.
- ↑ Fontoira Surís, Rafael, 2009, Pontevedra Monumental, Pontevedra, Deputación de Pontevedra, p. 412.
- ↑ "El Teatro Principal estrena imagen". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de xullo de 2015.
- ↑ "¿Cuáles son los teatros más importantes de España?". Europa Press (en castelán). 14 de novembro de 2016.
- ↑ "Pontevedra retomará a programación cultural o 25 de maio con aforamentos reducidos". Diario de Pontevedra. 3 de maio de 2020.
- ↑ "El Teatro Principal de Pontevedra en el cupón de la ONCE". ONCE (en castelán). 13 de febreiro de 2020.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Teatro Principal de Pontevedra |
Bibliografía
editar- Pontevedra recupera su Teatro Principal Pontevedra: Concello de Pontevedra, 1985.
- Fontoira Surís, Rafael (2009): Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 412. ISBN 8484573273.
- Nieto, Remigio (1980) : Guía monumental ilustrada de Pontevedra. Pontevedra: Asociación de Comerciantes de la Calle Manuel Quiroga, Pontevedra. p. 28.