Casa consistorial de Pontevedra
A Casa consistorial de Pontevedra, en Pontevedra, é a sede do concello desta cidade galega. Está situada no extremo oriental da peonil praza de España, no límite do casco antigo. Ao oeste ábrese a Alameda de Pontevedra.
Casa consistorial de Pontevedra | |
---|---|
Fachada vista desde a Praza de España | |
Edificio | |
Tipo | Palacio |
Estilo | Ecléctico |
Enderezo | Praza de España, 1 |
Localización | Pontevedra |
Coordenadas | 42°25′55″N 8°38′49″O / 42.431944444444, -8.6469444444444 |
Propietario | Concello de Pontevedra |
Uso(s) | Casa do concello, recepcións e eventos cerimoniosos |
Construción | |
Inicio | 1877 |
Construción | 1880 |
Remate | 1880 |
Remodelación | 2022 |
Dimensións | |
Plantas | 3 (2 + semisoto) |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Alejandro Sesmero |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarEn 1875 xurdiu a idea de construír unha nova sede para o Concello, situada nos terreos que ocupaba a Bastida Grande, un baluarte das murallas de Pontevedra xunto á porta de Santo Domingo, que tamén se utilizaba como casa do concello desde 1595 e cuxa fachada se abría ao casco antigo.[1] En 1876 decidiuse derrubar o antigo edificio e o Concello de Pontevedra aprobou os planos presentados polo arquitecto Alejandro Sesmero. Durante as obras, o Concello trasladouse provisionalmente á Casa do Barón, o pazo dos Condes de Maceda.[2]
A primeira pedra do edificio colocouse o 10 de outubro de 1877 e as obras continuaron ata a colocación da última pedra o 25 de xullo de 1879. As obras termináronse completamente o 3 de agosto de 1880 e o edificio inaugurouse o 24 de agosto de 1880.[3][4] O novo concello abríase á Alameda e ao novo barrio burgués creado pola derruba das murallas en 1855. A construción doutros grandes edificios como o Pazo da Deputación de Pontevedra, tamén de Sesmero, o Cuartel de San Fernando ou o Instituto Valle-Inclán ao redor da Alameda converteron esta zona no grande espazo de lecer da burguesía da cidade. Esta obra fixo que o arquitecto recibise a Cruz da Real Orde de Carlos III en 1880.[5]
En 1944, construíuse un semisoto para ampliar o edificio, así como unha escaleira imperial que dá ao patio do edificio, elevando lixeiramente o nivel da planta baixa.[6][7] A escaleira orixinal de fundición, con varanda de ferro fundido tiña dous tiros que se unificaban nun relanzo central.
En 2009, o edificio foi renovado, recuperando elementos da súa arquitectura orixinal.[8] En 2012 e 2013 leváronse a cabo melloras máis amplas.[9] O tellado restaurouse co seu acabado orixinal de cinc.[10] Durante estes traballos de renovación, atopouse a claraboia de ferro orixinal do edificio, que en 1953 quedara oculta tras unha vidreira co escudo da provincia de Pontevedra.
O 7 de xullo de 2022 comezaron as obras de reforma completa do edificio. Instalouse un ascensor no lado esquerdo para mellorar a accesibilidade e a entrada desde a rúa Alhóndiga converteuse na entrada principal ás oficinas da planta baixa.[11] Cando se construíu o edificio no século XIX, a vida da cidade realizábase intramuros, e o acceso habitual á Casa Consistorial era desde a rúa Alhóndiga.[12] A entrada desde a Praza de España reservouse para os actos institucionais que teñen lugar na primeira planta[13][14] (plenos municipais, vodas ou bautizos civís, discursos, recepción dos Reis Magos...).[15]
Descrición
editarO edificio pertence ao estilo ecléctico imperante a finais do século XIX con elementos e conceptos inspirados na arquitectura francesa. A Casa do Concello foi un dos primeiros grandes proxectos de Alejandro Sesmero, marcando moitas das pautas do que sería o seu estilo, un eclecticismo con sabor francés, que dá a rotundidade que require un edificio público, mentres que a súa refinada decoración subliña a importancia político-administrativa do edificio.
Sesmero inseriu na cidade un palacete parisiense de estilo Segundo Imperio.[16] De feito, como descubriu o historiador Jesús Ángel Sánchez García, plaxiou parcialmente o deseño da fachada traseira e o interior dunha mansión (o Hôtel particulier Murat (1850-1864), demolido en 1961, tras pertencer ao Príncipe Murat e antes a Cécile Furtado-Heine) no número 8 da antiga rúa parisiense de Valois-du-Roule (unida á rúa de Monceau en 1868, a mansión estaba situada no número 28) deseñada polos arquitectos François-Joseph Nolau e Édouard-Emmanuel Convents, adaptándoa á función institucional requirida coa inclusión do escudo da cidade, o balcón principal e o reloxo na parte superior.[17]
O edificio é un conxunto equilibrado con grandes columnas xónicas (planta baixa) e corintias (planta superior) que resaltan a súa parte central.[18] A porta de entrada ten un arco de medio punto decorado cunha coroa de follas de carballo, que simboliza a forza, e as xanelas están decoradas co escudo da cidade. As columnas que enmarcan a entrada están sobre un gran pedestal elevado e están coroadas por capiteis xónicos ou corintios romanos moi decorados. Sesmero substitúe o acanto por vexetación (follas, froitos) que colga da columna. A balaustrada da parte superior contén catro cráteras nas esquinas. O intercolumnio do corpo central é ancho e ricamente decorado. As columnas teñen o fuste estriado. Os antepeitos de todas as xanelas teñen balaustradas.[19]
O interior conta cunha escaleira central de estilo imperio.[20] Destaca a galería que rodea a escaleira con amplos vans, vidreiras con chumbo e o biolo que a cobre.[21] Tras a reforma licitada en 2021, a planta baixa da que parte a escaleira consta dun vestíbulo e un espazo diáfano coas oficinas municipais. A planta superior, ou principal, consta dunha sala de reunións que ocupa toda a lonxitude da fachada da Praza de España, e unha sala para recepcións institucionais, un despacho para o alcalde e outros espazos auxiliares con vistas á rúa Alhóndiga, así como un espazo interior deseñado como sala de espera. O semisoto destínase a salas polivalentes. A entrada pola rúa Alhóndiga tamén se está rehabilitando como entrada principal ao edificio.[22]
Na fachada da Casa Consistorial hai unha inscrición do século XVI do antigo concello sobre a lenda do arqueiro grego Teucro, mítico fundador da cidade.[23]
FVNDOTE TEVCRO VALIENTE |
Fundoute Teucro valente |
Galería
editar-
Casa Consistorial de Pontevedra
-
Balcón principal e columnas corintias
-
Capiteis corintios
-
Reloxo na parte superior da fachada
-
Fachada principal
-
Base das columnas da fachada principal
-
Inscrición na fachada
-
Inscrición na fachada (continuación)
-
A Casa do Concello en 2018
-
O Fiel contraste detrás da Casa Consistorial
-
Parte central da fachada principal
-
Fachada diante da praza de España
-
A Casa Consistorial no Nadal
-
A Casa Consistorial en 2015
Notas
editar- ↑ "La reforma de la Casa Consistorial comenzará antes de acabar el año". Diario de Pontevedra (en castelán). 8 de setembro de 2021.
- ↑ "La Casa Consistorial afronta su segunda reforma integral en 129 años de historia". Faro (en castelán). 29 de marzo de 2009.
- ↑ "La casa consistorial languidece en espera de la segunda fase de su restauración". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de febreiro de 2021.
- ↑ "La Casa Consistorial cumple 140 años". Diario de Pontevedra (en castelán). 17 de xullo de 2020.
- ↑ "Descubren durante la restauración de la Casa Consistorial un lucernario diseñado por Sesmero". Pontevedra Viva (en castelán). 23 de setembro de 2013.
- ↑ "La lectura de las entrañas de la Casa Consistorial desvela detalles del pasado del edificio". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de setembro de 2021.
- ↑ "La reforma de la antigua casa consistorial se licitará en un mes y estará acabada en el 2022". Pontevedra Viva (en castelán). 7 de setembro de 2021.
- ↑ "La Casa Consistorial afronta su segunda reforma integral en 129 años de historia". Faro (en castelán). 29 de marzo de 2009.
- ↑ "Arranca la rehabilitación de la Casa Consistorial de Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de maio de 2013.
- ↑ "Lores quiere "meterlle o dente" a la Casa Consistorial". Diario de Pontevedra (en castelán). 17 de outubro de 2019.
- ↑ "La reforma de la Casa Consistorial de Pontevedra recuperará su luz y la hará accesible". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de xullo de 2022.
- ↑ "Las obras de la Casa Consistorial de Pontevedra revelan elementos ocultos que serán recuperados". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de setembro de 2022.
- ↑ "La Casa Consistorial de Pontevedra entra en obras". Diario de Pontevedra (en castelán). 8 de xullo de 2022.
- ↑ "La casa consistorial de Pontevedra enseña sus costuras". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de febreiro de 2023.
- ↑ "Los pregones y las bodas volverán a la Casa Consistorial". Diario de Pontevedra (en castelán). 1 de febreiro de 2023.
- ↑ "Sobre nuestra Casa Consistorial". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de outubro de 2011.
- ↑ Sánchez García, Jesús Ángel (2000). UNED, ed. "La recepción de modeles franceses en la arquitectura ecléctica: Alejandro Rodríguez-Sesmero y su proyecto para el ayuntamiento de Pontevedra (1876)". Espacio, tiempo y forma. Serie VII, Historia del arte (en castelán) (13): 374–381. ISSN 1130-4715.
- ↑ "Los 11 edificios que reconoces si eres de Pontevedra". El Español (en castelán). 28 de xaneiro de 2021.
- ↑ Rincón García 1993, p. 305
- ↑ "Los 11 edificios que reconoces si eres de Pontevedra". El Español (en castelán). 28 de xaneiro de 2021.
- ↑ Rincón García 1993, p. 305
- ↑ "La casa consistorial recuperará su entrada original por la Rúa Alhóndiga". Pontevedra Viva (en castelán). 25 de febreiro de 2021.
- ↑ "A arquitectura de Pontevedra chega á escola". Diario de Pontevedra. 23 de setembro de 2021.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casa consistorial de Pontevedra |
Bibliografía
editar- Fernández Fernández, Xosé (1992). "Casa do Concello de Pontevedra". Boletín Académico da ETSA da Coruña (15).
- Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 305-306. ISBN 978-84-8457-327-2.
- Rincón García, Wifredo (1993). Ayuntamientos de España (en castelán). Madrid: Espasa-Calpe. p. 305. ISBN 978-8423952793.
- Sánchez García, Jesús Ángel (2000). "La recepción de modelos franceses en la Arquitectura ecléctica: Alejandro Rodríguez-Sesmero y el proyecto del Ayuntamiento de Pontevedra (1876)". Espacio, tiempo y forma. Serie VII, Historia del arte (UNED) (13): 361–400. ISSN 1130-4715.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Casa do Concello de Pontevedra Arquivado 18 de maio de 2021 en Wayback Machine. na web Visit-Pontevedra
- Casa Consistorial de Pontevedra na web Turismo de Galicia
- La recepción de modelos franceses en la Arquitectura ecléctica: Alejandro Rodríguez-Sesmero y el proyecto del Ayuntamiento de Pontevedra (1876) Arquivado 24 de outubro de 2022 en Wayback Machine.
- Casa do Concello de Pontevedra