Cidade da Xustiza de Pontevedra

complexo xudicial en Pontevedra

A Cidade da Xustiza de Pontevedra é un complexo administrativo xudicial na cidade de Pontevedra, composto por dous grandes edificios de xulgados construídos en 1998 e 2019 no barrio da Parda.

Cidade da Xustiza de Pontevedra
Edificios xudiciais do complexo, o de 2019 en primeiro plano e o de 1998 en segundo plano
Edificio
Nome inicialCidade da Xustiza da Parda
EstiloArquitectura moderna
EnderezoRúa Francisco Tomás y Valiente e Rúa Hortas s/n
LocalizaciónPontevedra
Coordenadas42°25′31″N 8°38′04″O / 42.425305555556, -8.6343888888889Coordenadas: 42°25′31″N 8°38′04″O / 42.425305555556, -8.6343888888889
PropietarioXunta de Galicia
Uso(s)Complexo xudicial de Pontevedra
Construción
Inicio1996 (1ºedificio)
2016 (2º edificio)
Remate1998 (1º edificio)
2019 (2º edificio)
Dimensións
Pisos8 (edificio de 1998)
6 (edificio de 2019)
Superficie23 000 m2 (edificio de 2019) [1] + 15 000 m2 (edificio de 1998)
Plantas8 (edificio 1998) + 6 (edificio 2019)
Equipo
Arquitecto(s)Fernando Martínez Sarandeses (1998)
Gustavo Díaz García, Lucas Díaz Sierra e Naiara Montero (2019)
editar datos en Wikidata ]

Localización editar

A Cidade da Xustiza de Pontevedra localízase ao oeste do barrio da Parda con entrada polas rúas Hortas e Francisco Tomás y Valiente e está a 500 metros das estacións de ferrocarril e de autobuses.

Historia editar

Antes da construción do primeiro edificio dos xulgados na Cidade da Xustiza da Parda, a maioría de xulgados estaban diseminados en varios edificios da cidade de Pontevedra, varios deles en réxime de alugueiro, polo que co tempo xurdiu a necesidade de agrupar todas as dependencias xudiciais nun único complexo xudicial. Algúns dos xulgados localizábanse no Pazo de Xustiza de Pontevedra, sede da Audiencia Provincial, inaugurado o 17 de setembro de 1956 na rúa Rosalía de Castro.[2] En 1948 o concello cedera o soar que ocupaba o antigo cárcere para construír o Pazo de Xustiza e en 1954 a Deputación de Pontevedra achegou un millón de pesetas para a súa construción.[3]

Despois dun atraso de varios anos, o 18 de abril de 1995 presentouse o proxecto para a construción dun novo edificio dos xulgados na cidade, deseñado polo arquitecto Fernando Martínez Sarandeses.[4] Prevíase levantar o edificio proxectado de 8 plantas na parte posterior do Pazo de Xustiza, no barrio de Campolongo, no terreo correspondente á actual praza da Liberdade. Con todo, en agosto de 1995 o alcalde da cidade, Juan Luis Pedrosa, conseguiu un difícil acordo para poder construír o novo edificio dos xulgados no barrio da Parda, no soar do antigo cárcere provincial.[5][6]

O proxecto mantivo o deseño previsto para o barrio de Campolongo con algunhas modificacións puntuais para adaptalo ao novo soar do barrio da Parda. As obras empezaron o 30 de maio de 1996, unha vez demolido o antigo cárcere, e concluíron en febreiro de 1998.[5] O novo edificio dos Xulgados foi inaugurado o 5 de marzo de 1998.[7]

En 2010 este edificio xudicial atopábase xa colapsado pola falta de espazo, co que se expuxo a necesidade de construír un novo edificio dos xulgados anexo ao inaugurado en 1998.[5] Este segundo edificio de xulgados foi deseñado polos arquitectos Gustavo e Lucas Díaz e Naiara Montero e empezou a construírse o 1 de agosto de 2016.[8] O novo edificio foi inaugurado o 3 de setembro de 2019. A partir deste intre Pontevedra contou cunha Cidade da Xustiza conformada por estes dous edificios xudiciais no barrio da Parda.[9]

Descrición editar

A Cidade da Xustiza de Pontevedra atende a unha poboación de 500.000 habitantes[9][10][11] e acolle as sedes da totalidade dos xulgados existentes no partido xudicial de Pontevedra: Instrución, Primeira Instancia, Penal, Social, Contencioso-Administrativo, Mercantil, Menores e Vixilancia Penitenciaria.

O edificio de 1998 (máis ao sueste con entrada principal na rúa Francisco Tomás y Valiente) acolle os 4 xulgados do penal, o xulgado de menores e o de vixilancia penitenciaria, a fiscalía e a sede do Instituto de Medicina Legal.[12] O edificio de 2019 (con entrada na rúa Hortas) acolle os 2 xulgados do mercantil, os 4 xulgados do social, os 3 xulgados do contencioso-administrativo, os 3 xulgados de instrución e os 5 xulgados de primeira instancia.[13][9] Pola súa banda a sede da Audiencia Provincial de Pontevedra, a súa Presidencia e as súas seccións 1, 2, 3 e 4 atópanse no Pazo de Xustiza no centro da cidade, na rúa Rosalía de Castro, 5, a un quilómetro da Cidade da Xustiza da Parda.

Arquitectura editar

Os dous edificios de xulgados da Cidade da Xustiza de Pontevedra están conectados a través dunha pasarela acristalada de 40 metros no primeiro piso.[9][14]

O Edificio dos Xulgados construído en 1998 ten oito plantas.[5] Ten unha forma oblonga, a fachada ten un revestimento de pedra e destaca pola continuidade das múltiples xanelas dispostas simétricamente ao longo de todas as fachadas. As fiestras dispostas de modo continuo en todos os andares ocupan a maior parte das fachadas do edificio e permiten a entrada de moita luz no interior. O edificio conta con altas columnas que o rodean nos dous primeiros pisos nas fachadas sur, leste e oeste e que funcionan como pórtico de entrada.

O Novo Edificio dos Xulgados construído en 2019 ten dous sotos e seis plantas e ten capacidade para 28 xulgados.[9][15] O edificio ten unha forma hexagonal irregular e espazos diáfanos e está articulado ao redor dun grande patio iluminado cenitalmente por lucernarios.[8] A fachada está deseñada con aberturas en serie e planos biselados con lamas verticais que protexen do sol as paredes acristaladas. Nos dous primeiros pisos a fachada está revestida de pedra. No interior, na planta baixa e primeira planta, que comparten un gran vestíbulo, sitúanse o rexistro civil, as 16 salas de vistas con luz natural, unha gran sala de vodas e os despachos para avogados, procuradores e traballadores sociais e no resto das plantas os xulgados. [9]

O Pazo de Xustiza situado no centro da cidade e construído en 1956[16] e deseñado polos arquitectos Robustiano Fernández Cochón e Germán Álvarez de Sotomayor y Castro ten unha planta rectangular, catro pisos e semisoto. A fachada é de pedra. A planta baixa está rodeada de almofadado e nos segundos e terceiro andares as fachadas oeste e leste están rebocadas con morteiro de cal ao redor de todas as xanelas e portas dos balcóns da fachada de entrada. O estilo sobrio e austero transmite a seriedade da súa función.

Galería editar

Notas editar

  1. "Feijóo inaugura en Pontevedra el nuevo edificio judicial de A Parda". El Correo Gallego (en castelán). 3 de setembro de 2019. 
  2. "El Ministro de Justicia, Antonio Iturmendi, inauguró el Palacio de Justicia de la ciudad e impuso las insignias de la gran Cruz de Honor de San Raimundo de Peñafort al Presidente de la Audiencia Provincial, Suárez Vence". Axencia EFE (en castelán). 17 de setembro de 1956. 
  3. "Solicitan la retirada del escudo franquista de la puerta del Pazo de Justicia". Faro (en castelán). 7 de xullo de 2018. 
  4. "Fernando Martínez Sarandeses, un arquitecto comprometido con la ecología". El Mundo (en castelán). 5 de novembro de 2003. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "A Parda, ciudad judicial". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de abril de 2010. 
  6. "A Parda deja de ser cárcel para convertirse en juzgado". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xaneiro de 2016. 
  7. "¿Quién abre la puerta de los juzgados de A Parda?". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de marzo de 2016. 
  8. 8,0 8,1 ""Día uno" de las obras del nuevo edificio judicial de A Parda". Pontevedra Viva (en castelán). 1 de agosto de 2016. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 "Pontevedra inaugura su ciudad de la justicia". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de setembro de 2019. 
  10. "Pontevedra inaugura su "cidade da xustiza" en A Parda". Pontevedra Viva (en castelán). 3 de setembro de 2019. 
  11. "La nueva Cidade da Xustiza de medio millón de personas". Cadena SER (en castelán). 3 de setembro de 2019. 
  12. "El Instituto de Medicina Legal tendrá siete forenses en A Parda". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de marzo de 2006. 
  13. "El nuevo edificio judicial de A Parda se inaugurará el próximo 3 de septiembre". Pontevedra Viva (en castelán). 24 de agosto de 2019. 
  14. "Directorio de Órganos Judiciales Pontevedra". Poder Judicial de España (en castelán). 5 de decembro de 2022. 
  15. "Feijoo asegura que el nuevo edificio judicial de Pontevedra tendrá capacidad de albergar más juzgados". COPE (en castelán). 3 de setembro de 2019. 
  16. "El BNG pide en el Congreso que se retire «simbología franquista» de la sede de la Audiencia". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de xaneiro de 2022. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar