Ponte da Palabra

ponte en Pontevedra

Coordenadas: 42°26′49″N 8°37′40″O / 42.447083333333, -8.6276388888889

A ponte da Palabra é unha ponte con piares en forma de V que cruza o río Lérez no barrio de Monte Porreiro na cidade de Pontevedra. Foi inaugurada en 2011 e conecta o barrio de Monte Porreiro coa parroquia de Lérez.

Ponte da Palabra
Localización
RíoLérez
ConcelloPontevedra
ProvinciaPontevedra
Características
Construción2010 - 2011
Lonxitude170,48 m
Ancho14,70 m
TipoPonte de piares en V
MaterialFormigón armado

Localización editar

A ponte atópase na parte baixa do barrio de Monte Porreiro, no final da avenida de Bos Aires, a 500 metros da praia do Lérez, río arriba.

Historia editar

O proxecto da construción da ponte da Palabra xurdiu nos anos 2000 da necesidade de comunicar o barrio de Monte Porreiro coa parroquia de Lérez a través dun vial ata a zona da Porta do Sol, moi preto do Mosteiro de San Salvador de Lérez.[1] Ao mesmo tempo pretendíanse mellorar os accesos ao Hospital Montecelo desde a zona norte do municipio e a estrada N-550 ata a N-541 e desconxestionar a circulación na cidade.[2]

A Deputación de Pontevedra convocou o concurso de proxecto e obra no ano 2007. Tras varias vicisitudes a ponte empezouse a construír finalmente en 2010. Foi inaugurada o 30 de decembro de 2011 pola entón Ministra de Fomento Ana Pastor.[3] Converteuse así na sexta ponte da cidade.[4]

O 21 de marzo de 2012, con motivo do día da poesía, a escritora Fina Casalderrey amadriñou un acto no que participaron escolares de Monte Porreiro e de Lérez no que propuxeron que a ponte se chamase ponte da Palabra como mostra de unión simbólica entre eses dous barrios pontevedreses e de concordia, amizade e encontro.[5][6]

Descrición editar

Trátase dunha ponte con dous conxuntos de piares en forma de V feita de formigón armado. Estes piares non afectan o leito do río, espazo protexido declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC) no ano 2000.[7]

A lonxitude total da ponte da Palabra é de 170,48 metros. A viga central, que constitúe o van central da ponte, ten unha anchura de 14,70 metros e unha lonxitude total de 54 metros.[8][7]

A ponte alberga dous carrís para a circulación de vehículos, un carril bici, dúas beirarrúas para os viandantes, varandas metálicas de cor azul e iluminación.[8][7] Ten lombos no extremo máis próximo a Monte Porreiro e a velocidade está limitada a 30 quilómetros por hora.[9]

Galería de imaxes editar

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar