Ponte da Barca, río Lérez
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2017.) |
Coordenadas: 42°25′59″N 08°39′10″O / 42.43306, -8.65278
A ponte da Barca é unha construción sobre o río Lérez, xa na súa desembocadura na ría de Pontevedra, que une a vila de Pontevedra (no barrio da Moureira) co concello de Poio.
Ponte da Barca, río Lérez | |
---|---|
Localización | |
Río | Lérez |
Concello | Pontevedra - Poio |
Provincia | Pontevedra |
Características | |
Construción | 1894-1905 |
Material | Aceiro e pedra |
AntecedentesEditar
Segundo documentación de 1197, daquela o paso en barca, que deu nome ao lugar, era controlado polos monxes beneditinos do mosteiro de San Xoán de Poio.
No século XIX a Sociedade de Mareantes de Pontevedra explotou o paso, o que a levou a enfrontamentos co mosteiro de Poio, o marqués de Riestra e a Mariña española. Para evitar estes enfrontamentos, vista a necesidade de construír unha ponte, creouse a "Sociedad comanditaria constructora del puente de La Barca", conformada pola Sociedade de Mareantes, veciños de Poio e socios capitalistas.
Primeira ponteEditar
A primeira ponte da Barca, de madeira e de baixa altura, comezou a construírse en 1867, comezando a súa explotación en 1871[1]. A obra tiña un tramo levadizo, que se izaba cun cabestrante para permitir o paso de barcos de grandes mastros cara aos peiraos da Galera e O Burgo.
Segunda ponteEditar
As administracións, especialmente o marqués de Riestra, que tiña unha leira e unha fábrica na Caeira, e políticos coma Eduardo Vincenti ou Montero Ríos, reclamaron a construción dunha ponte elevada e doutra paralela para o paso do ferrocarril.
En 1894 impúxose a construción dunha obra de metal, como se viña facendo na arquitectura contemporánea, debido á maior facilidade do seu transporte e que permitía un manexo máis dúctil e unha execución de obra máis rápida. A obra recolle os postulados da arquitectura do ferro, que viñera difundindo o aceiro como material arquitectónico desde a realización por Joseph Paxton do pavillón Crystal Palace na Exposición Universal de Londres de 1851.
O deseño é de Luis Acosta e Eduardo Fungueiriño, e foi levado a cabo por Chavarri, Petrement e Cía. Durante a súa construción os obreiros contratados polo industrial Benito Corbal foron temporalmente á folga, que rematou coa mediación do gobernador civil, Augusto González Besada.
A ponte foi inaugurada o 3 de xullo de 1905. Tiña un ollo de 75 metros de luz, repousando sobre dous fortes sustentos de cachotaría, e tres arcos a cada lado, nos que se labraron motivos ornamentais de estilo gótico, do gusto da época. A véspera da inauguración fixéronse as probas de carga, colocándos 200 toneladas en carga estática e 13 carros de 4 toneladas cada un en carga dinámica.
A ponte converteuse nunha liña divisoria no barrio da Moureira, deixando a un lado a zona residencial dos mariñeiros, a ao outro a zona de tascas e prostíbulos.
ReformasEditar
En 1945 iniciáronse as obras para substituír a estrutura metálica por pezas de cemento. Porén, a obra non foi rematada até 1950. En 1989 modificouse o estribo de cachotaría do lado sur, pasando de tres arcos a ter un só máis amplo, por onde discorre a Avenida das Corbaceiras. Dous anos despois ampliouse o estribo xemelgo do lado norte para dar cabida á AP-9.
Na actualidade, tralas reformas levadas a cabo a mediados da década de 1990, a ponte conta con dous sentidos de circulación para vehículos, e con beirarrúas cubertas para os peóns.
NotasEditar
- ↑ Landín Tobío, P.: De mi viejo carnet. Deputación Provincial de Pontevedra, 1999. ISBN 84-89690-79-0 632.
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ponte da Barca, río Lérez |
Outros artigosEditar
Ligazóns externasEditar
- Manuel Jabois (27 de novembro de 2011). "Al pasar A Barca me dijo el barquero". Diario de Pontevedra. Arquivado dende o orixinal o 17 de decembro de 2009.