Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra

club polideportivo galego

O Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra, máis coñecido como Mercantil de Pontevedra, é un club polideportivo que destaca especialmente no tenis e no pádel. As súas instalacións deportivas están situadas en Cons, na parroquia de Mourente, aínda que a súa sede central se localiza no centro da cidade.

Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra.

HistoriaEditar

O Mercantil de Pontevedra naceu o 17 de novembro de 1928 fundado por un grupo de comerciantes e industriais pontevedreses. Esta sociedade foi presidida no seu nacemento por D. Celso Varela, aínda que con outro nome (Círculo Mercantil e Industrial). A sede social ocupou varios locais, sempre na zona vella de Pontevedra, quedando situada na praza Curros Enríquez.[1]

O primeiro edificio construído para a sede foi no ano 1965 mentres presidía D. Emilio Vázquez González. Máis tarde, xa a finais dos anos 70, o presidente D. Eligio Cancela García mandou construír o parque polideportivo en Mourente. No ano 2019 pasou a ser dirixido por D. Ernesto Filgueira Touriño.[1]

InstalaciónsEditar

 
Pistas de tenis.

As instalacións do Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra abranguen dous ámbitos, un social[2] e outro deportivo.[3] A sede social localízase na praza Curros Enríquez. Trátase dun edificio de tres plantas que alberga cafetaría, ximnasio, salón de actos, oficinas administrativas, sala de xuntas e baños.

As instalacións deportivas atópanse en Mourente e contan cun pavillón, doce pistas de tenis (sete descubertas, dúas cubertas de terra batida e tres cubertas no pavillón), un campo de fútbol sala (dentro do pavillón), un campo de fútbol de terra que tamén está dedicado ao tiro con arco, dous campos de area para fútbol e voleibol, dúas pistas de pádel, unha de baloncesto, outra de balonmán e tres piscinas (unha olímpica, outra mediana e outra pequena) con caseta de socorrismo. Conta tamén con diferentes áreas de ocio e descanso, entre as que destacan un parque infantil, unha cafetaría-restaurante, churrasqueiras ao aire libre, unha zona do pavillón habilitada para pimpón e unha casa de campamentos con liteiras e cunha zona de acampada anexa. No edificio da cafetaría localízanse as oficinas de atención a socios e socias, un salón de xogos, un salón de cerimonias, unha pista de squash, un ximnasio e os vestiarios e baños.

Dispón de dous aparcadoiros e accesos acondicionados para persoas de mobilidade reducida e carriños de bebés.

ActividadesEditar

O parque polideportivo está máis enfocado ao tenis e ao pádel que a outros deportes, aínda que no verán tamén se pode gozar doutras actividades lúdico-deportivas como natación artística, tríatlon, windsurf e orientación.

Na sede de Pontevedra desénvolvense máis actividades; desde deportivas (pilates, bailes latinos, baile, baile infantil deportivo, xadrez, taichí...) e socioculturais (club gastronómico, club do poeta, actuacións musicais, servizo de prensa e televisión, conferencias, exposicións, fotografía, piano, guitarra, batería, solfexo, canto, coral, pintura e gancho, palillos ou bobina, billar, cartas e dominó) ata campamentos (Mercantil-SuhSport, Stage de tenis, de verán, “Portero 2000” e HQR-camp) e celebracións (Día de Reis, día do socio, entroido, letras galegas, inauguración verán, San Xoán, festas da Peregrina, Feira Franca, festas temáticas, agosto, samaín, nadal, fin de ano).[1]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra - Historia". www.mercantilpontevedra.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 07 de maio de 2019. Consultado o 24 de maio de 2019. 
  2. Localización: 42°25'55.1"N 8°38'42.1"W
  3. Localización: 42°26'59.0"N 8°36'19.2"W

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar