Fútbol sala

deporte de equipo de balón

O fútbol sala[1][2] ou futsal[3] é un deporte derivado da unión doutros deportes: o fútbol, que é a base do xogo; o wáter-polo; o voleibol, o balonmán e o baloncesto. Tomando destes non só parte das regras, senón tamén algunhas técnicas de xogo. Os xogadores deste deporte precisan dunha grande habilidade técnica e dominio sobre o balón, así como velocidade e precisión na execución tanto ao recibir, pasar ou realizar xestos técnicos.

Xogadores de fútbol sala.
Final da Copa Deputación de Ourense de fútbol sala, O Carballiño FS B - A Gudiña, no pavillón de Barbadás.

Inicialmente rexido pola Federación Internacional de Fútbol de Salón (FIFUSA), hoxe existen dous entes mundiais, a Asociación Mundial de Futsal (AMF) e a Federación Internacional de Fútbol Asociación (FIFA). Esta última transformou unha modalidade deportiva denominada "Fútbol 5" moi similar ao fútbol sala da FIFUSA, cando a mesma se extinguiu, aínda que hoxe este fútbol 5 ou "showbol" se practica en México (fútbol rápido) e Estados Unidos (Indoor Soccer).

A pesar dos esforzos tanto da AMF e a FIFA por unificar esta modalidade e de ser recoñecidos polo Comité Olímpico Internacional, ningunha das dúas entidades conseguiu o seu propósito, deixando como consecuencia o estancamento desta disciplina, xa que en Europa e Suramérica practícanse con regras similares pero distintas e nalgúns casos utilizando os mesmos deportistas para eventos de ambas entidades, posto que a FIFA prohibe aos seus deportistas practicar o futsal da AMF.

A selección feminina galega foi a subcampioa mundial da AMF World Futsal Championships celebrada en 2008, por detrás de Cataluña.

Táctica do fútbol sala

editar
 
Auxiliar de mesa e árbitro.

Trátase da execución dunha ou varias accións técnicas individuais ou colectivas para responder a unha situación problema que presenta durante o xogo e pódense clasificar de acordo á intencionalidade do equipo en ofensiva (intención de anotar gol) e defensiva (impedir a anotación de gol). O anterior obedece a parámetros que se basean na praxeoloxía dos xogos deportivos de Pierre Parlebas. Segundo el, os xogos deportivos representan situacións-tipo interacción social, de cooperación e enfrontamento (Ataque e Defensa).

Táctica defensiva

editar

Son todas aquelas accións e procedementos tácticos onde as condutas motrices de cooperación teñen como fin evitar que o opoñente logre a obtención dun gol na nosa meta, mentres que as condutas motrices de oposición buscan as situacións de xogo onde se confronta ao adversario especialmente ao que posúe o móbil.

Táctica ofensiva

editar

Son todas aquelas accións e procedementos tácticos onde as condutas motrices de cooperación teñen como obxectivo a obtención dun gol na meta contraria, mentres que as condutas motrices de oposición buscan as situacións de xogo onde se confronta ao adversario en condicións de superioridade xa sexa psicolóxica, posicional ou numérica, para lograr a anotación do tanto.

Transicións

editar

Son os pasos de ataque-defensa e/ou defensa-ataque. A estes últimos tamén se lles chama contragolpes ou contra-ataques.

Sistemas de xogo

editar

Enténdese por sistema de xogo a disposición dos xogadores no terreo de xogo xa sexa para chegar á portería do contrario ou para defender a propia.

Existen tres sistemas de xogo básicos, que son:

Un porteiro, dous xogadores no fondo e dous na parte dianteira; á defensiva xera dúas liñas defensivas e á ofensiva tres carrís (bandas e centro) por onde se pode xogar o balón rápido e en profundidade.

Un porteiro, tres xogadores no fondo e un na parte dianteira; á defensiva adiántanse os dous laterais formando un "rombo" (1-1-2-1) conformando tres liñas defensivas posibilitando o peche do centro e das bandas obrigando a "lateralizar o xogo". Á ofensiva proporciona seguridade ao contar cunha "columna vertebral (dous xogadores situados no centro, o máis atrasado facendo unha liña de tres cos ás de cada unha das bandas ou base dun "triángulo" e o máis adiantado, a punta dese triángulo, obrigando ao equipo contrario a ampliar o seu fronte defensivo para conter a acción dos ás deixando máis espazos ás costas dos defensores. Esta disposición espacial xerou unha especialización dos xogadores segundo a situación dos mesmos no campo así;

  • Peche: Xogador que se sitúa por diante do porteiro como base da liña de tres xogadores ao ataque e último xogador de campo á defensiva.
  • Ás: Xogadores que se sitúan sobre as bandas utilizando estas como espazos para xogar a pelota e desprazarse a defender a portería propia.
  • Pivote: Xogador do equipo máis próximo á portería rival, que cumpre funcións ofensivas de recibir e xogar o balón ás costas da portería, xa sexa para voltearse e rematar ou pasar aos seus compañeiros e defensivas como integrar a primeira liña defensiva ao rival.

Un porteiro, catro xogadores no fondo; sistema netamente ofensivo creado por Antonio José Azevedo (Zego) xogador e adestrador brasileiro de fama mundial, cuxo propósito era buscar a presión por parte dos catro xogadores rivais emparellándoos e xerando espazo ás costas dos defensores, a cal se gañaba lanzando a pelota por elevación e desbordando en velocidade ou facer que foran a ese espazo para poder xerar espazo polas bandas e abrir por lateral.

  1. "fútbol sala". TERGAL. Consultado o 23/10/2019. 
  2. "fútbol sala". DIGALEGO. Consultado o 23/10/2019. 
  3. "futsal". TERGAL. Consultado o 23/10/2019. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar