Colexio da Compañía de Xesús (Pontevedra)

antigo colexio dos Xesuítas en Pontevedra, España

O antigo Colexio dos Xesuítas é un edificio barroco do século XVIII situado na rúa Sarmiento, no casco antigo de Pontevedra. Institución de ensino secundario fundada polos Xesuítas en 1695, o edificio coñécese hoxe como Edificio Sarmiento e é unha das sedes do Museo de Pontevedra.

Colexio da Compañía de Xesús
Fachada do Colexio da Compañía na rúa Sarmiento
Edificio
EstiloBarroco
EnderezoRúa Sarmiento, 51
LocalizaciónPontevedra
Coordenadas42°25′59″N 8°38′32″O / 42.433111111111, -8.6421666666667Coordenadas: 42°25′59″N 8°38′32″O / 42.433111111111, -8.6421666666667
PropietarioMuseo de Pontevedra
Uso(s)Museo
Construción
Inicio1695
Construción1714
Remate1714
Remodelación2010
Dimensións
Plantas3 (planta baixa, 1 andar + soto)
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

A construción do colexio dos xesuítas na cidade comezou en 1695 e terminou en 1714, xunto á súa igrexa (a actual igrexa de San Bartolomeu), seguindo as liñas do barroco internacional, cunha influencia italiana adaptada ás fórmulas da tradición local.[1]

O colexio foi auspiciado polo cura Jorge de Andrade, e o concello de Pontevedra, co fin de reunir os estudos existentes na cidade nun só centro. Estes estudos foron tutelados por unha fundación creada en 1644, en cuxo padroado figuraban importantes familias nobres como os Guimarey, Mosquera, Villar e Pimentel e o marqués de Aranda. O colexio contou con alumnos como o Pai Isla ou Frei Martín Sarmiento, que deu ao edificio o seu nome actual.[2] En 1683 o concello de Pontevedra cedeu o terreo para construír o convento e colexio de Xesuítas.[3]

En 1767, Carlos III decretou a expulsión dos xesuítas de España. A partir dese ano, o edificio tivo diferentes funcións como sede de distintas entidades e sociedades, como a Escola de Primeiras Letras e Latinidade ou a Fábrica de Tecidos dos irmáns ingleses Lees, pioneiros da industrialización en Galicia.[4] En 1845 converteuse na primeira sede do Instituto Provincial de Pontevedra (inaugurado o 19 de novembro de 1845), onde estudou Valle-Inclán, e da Escola Normal de Mestres da provincia de Pontevedra, así como unha escola de primaria. En 1860 converteuse tamén na sede da primeira escola de maxisterio para mulleres de Galicia.

Desde 1903 ata 1974, o antigo Colexio da Compañía foi a sede do Hospicio e Orfanato da provincia de Pontevedra, que a partir de 1955 pasou a denominarse Fogar Provincial. En 1978, o Ministerio do Interior español cedeu o edificio ao Museo de Pontevedra para albergar as súas coleccións. As obras de rehabilitación do edificio comezaron en 1979. En setembro de 1981 celebrouse no seu claustro unha exposición de gravados de Francisco de Goya.[4] Con todo, a inauguración definitiva non tivo lugar ata o 11 de agosto de 1984.

Remodelado por completo a principios de 2010 polos arquitectos Eduardo Pesqueira e Jesús Ulargui, o edificio foi reaberto o 21 de agosto de 2013.[5] Acristalouse o claustro interior e realzouse o soto e as súas arcadas.[6]

Descrición editar

O antigo colexio e convento dos xesuítas ten unha planta rectangular. No exterior, o edificio presenta unha longa e sobria fachada barroca de granito con multitude de xanelas simétricas, á que se engadiu posteriormente a parte máis próxima á rúa Cobián Roffignac. Consta dunha planta baixa, dun primeiro piso e dun soto. Destaca a porta con lintel da esquina xunto á igrexa. Esta porta está decorada con placas e pilastras e sobre ela hai un gran escudo de España tallado en pedra sobre un medallón.

No interior, unha suntuosa escaleira de pedra conduce desde a entrada da planta baixa ao primeiro e segundo andar: foi deseñada por Mateo López en 1722.[7]

Tamén destacan o claustro e o soto. O claustro ten dúas plantas con dobre arcada, catro arcos a cada lado e pilastras dóricas.[8] É similar ao claustro da igrexa xesuíta de Villafranca do Bierzo na provincia de León.

O soto ten grandes arcadas. Nel atópase a sección arqueolóxica do museo, que inclúe os miliarios romanos atopados preto da ponte do Burgo. No soto tamén hai un restaurante: Ultramar.[4]

Na primeira planta expóñense coleccións arqueolóxicas da Alta Idade Media e do Románico, entre as que destacan o tímpano de Palmou e dous profetas do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela. Na segunda planta, outras salas están dedicadas ás coleccións de cerámica.[9]

Galería editar

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar