Pórtico da Gloria

O Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela é un pórtico, de transición entre o románico e o gótico,[1][2][3] realizado polo mestre Mateu e o seu obradoiro por encargo do rei de León e Galiza Fernando II, a partir de 1168, segundo a data que consta no documento asinado por Fernando II o 23 de febreiro de 1168, no que se lle concede a Mateu un soldo vitalicio de dous marcos de prata anuais polo seu traballo nas obras da basílica de Santiago (documento que se conserva no Museo Catedralicio). Non se sabe cando se rematou a obra, máis aló da indicación do ano 1188 inscrita no lintel como data da colocación do mesmo, non do remate do Pórtico.

Pórtico da Gloria
Pórtico da Gloria visto dende abaixo.
Presentación
LocalizaciónCatedral de Santiago de Compostela
Coordenadas
Estilorománico e gótico
Construción
Inicio1168
Data da construción1188

O Pórtico actual non é realmente o resultado da obra do mestre Mateu, xa que algunhas das súas figuras foron retiradas ó construír a actual fachada da catedral ("do Obradoiro") no século XVIII e consérvanse diseminadas entre o Museo Catedralicio, o Museo de Pontevedra e en mans privadas. Tampouco é obra súa exclusivamente, xa que os especialistas distinguen a man de catro escultores diferentes, como mínimo.

A obra orixinal estaba policromada, como era habitual na imaxinería relixiosa do románico, pintada de branco, negro, vermello, azul e dourado de pan de ouro,[4] estando documentados varias restauracións da pintura en diversas ocasións, nos séculos XV e XVI, así como a levada a cabo por Crispín de Evelino en 1651, ano no que encarnou os brazos, pés e fazulas dos santos por 130 ducados.[4] Co paso do tempo, esta policromía desapareceu case por completo ata quedar oculta na súa maior parte baixo o po acumulado ó longo dos séculos, e reducida a restos dispersos en diferentes figuras. Os distintos traballos de restauración ós que foi sometido o Pórtico, e maiormente a acometida a partir de 2009, descubriron pinturas engadidas con posterioridade á súa creación así como zonas nas que a pintura orixinal se mantiña pero totalmente oculta polo po acumulado.

Atribuíuse a perda da pintura ós traballos realizados en 1866 polo italiano Domenico Brucciani por encargo do museo británico South Kensington (hoxe denominado Victoria and Albert Museum) para facer unha copia en xeso da obra, manobra á que se acusou de estraga-las pinturas que resistiran durante séculos.[5][6] A realidade é que non houbo tal efecto (ou, como moito, que non foi significativo) e non consta documentación da época que xustifique aquela teoría. A perda da pintura débese máis ben á acción combinada da humidade, esmiuzamento da superficie da pedra e acumulación de po sobre as figuras.

A Fundación Barrié de la Maza puxo en marcha a partir de 2006 un proxecto de estudo, conservación e restauración que finalizou en 2018. Estes labores de restauración non só conseguiron devolverlle ó Pórtico parte da súa policromía estragada, senón que pecharon tódalas filtracións de auga que prexudicaban a conservación da estrutura e das pinturas.

O autor

editar
 
Pantocrátor.

Non hai moita información sobre o seu autor, o mestre Mateu. Non se coñece con certeza a súa orixe nin tampouco a súa formación como mestre.[7] Mais, sábese que, antes de comezar o Pórtico, traballou en 1161 na restauración da ponte de Pontecesures[8]; e que dende 1168 estaba a cargo das obras da catedral, pois foi cando recibiu do rei Fernando II unha anualidade.[9]

Durante vinte anos, até 1188, estivo á fronte das obras da catedral para compensar as irreguilaridades do terreo; de tal xeito que, para soster o pórtico, o mestre Mateu deseñou unha novidosa cripta (primeiro reconstruída e despois ampliada) que salvaba o desnivel entre o piso das naves e a praza á que se abría a igrexa, hoxe Praza do Obradoiro.

Baixo o lintel da porta central, colocouse unha inscrición conmemorativa que informa sobre a datación e autoría da obra. Esta inscrición é segundo É. Bertaux: "a testemuña máis auténtica e máis solemne que a historia ten sobre unha obra escultórica do século XII".[10] Consta de dúas liñas nas que se pode ler:

† ano : abincarnatione : dni : m°c°lxxx° : viii° : era i*cc*xx*vi : die : kl : aprilis : super : liminaria : principalium : portalium :

ecclesie : beati : iacobi : sunt : collocata : per : magistrum : matheum : qui : a : fundamentis : ipsorum : portalium : gessit :

Que significa: "O ano da encarnación do Señor 1188, 1226 da Era, o primeiro día das calendas de abril, os linteis das portas principais / da igrexa de Santiago foron colocados polo mestre Mateu, quen ocupa o mestrado dende o principio destes portais".[7]

A pesar de todo, a data final da realización non é segura, pois é probable que fora algo despois da colocación dos linteis, cando os arcos e as esculturas do tímpanos quedasen listas[11]. Evidentemente, o Pórtico estaría xa rematado en 1211, cando se consagrou o templo coa presenza do rei Afonso VIII (IX segundo a nomenclatura posterior castelá).

Innovacións

editar

Nos basamentos dos piares labrou animais fantásticos, monstruosas cabezas con enormes picos, leóns, escenas de loita; no do parteluz un home, quizais Sansón, abre as fauces a dous leóns. Lembran fórmulas italianas ou francesas, aínda que tamén se relacionou con interpretacións bizantinas do Xuízo Final. Adoitan considerarse, de xeito global, como a representación dos vezos vencidos pola virtude, mais Manuel Antonio Castiñeiras ve a pasaxe das catro bestas de Daniel e outras máis sobre a vida do profeta, seguindo fórmulas propias do Antigo Testamento no período altomedieval.[12]

Estrutura arquitectónica

editar
 

A estrutura arquitectónica do pórtico consiste en tres plantas superpostas: a cripta que simboliza o mundo terreal, o pórtico propiamente dito, que constituía a porta de entrada occidental á catedral e que permaneceu aberto ó exterior durante a Idade Media e no que se representaba a Xerusalén Celeste, e a última planta era a tribuna, que por medio de rosetóns posibilitaba que estivera iluminada todo o día. Representando a elevación do humano ó divino.

O conxunto escultórico pretende ser unha representación da cidade celeste, utilizando na iconografía diferentes símbolos tomados da Apocalipse de San Xoán e doutros textos do Antigo Testamento. Outras teorías (como a do profesor Serafín Moralejo) explican as figuras e a súa disposición nunha representación en pedra do Ordo Prophetarumun, unha obra teatral de tipo relixioso do século XII na que Santo Agostiño convoca os profetas para louvar a Deus e condenar os xudeus.

Está constituído por tres arcos de medio punto que se corresponden con cada unha das tres naves da igrexa, sustentados por grosos piares con columnas acaroadas. O arco central é o maior (o dobre que cada un dos laterais), e o único que posúe tímpano, estando dividido por unha columna central, o parteluz, coa figura de Santiago.

Verticalmente, a franxa inferior está formada polas basas das columnas, decoradas con animais fantásticos; a franxa media está formada por columnas que sustentan as estatuas acaroadas dos apóstolos e profetas; e a superior polos arcos que coroan as tres portas.

Porta ou arco central

editar

O arco central, único que presenta tímpano, está dividido en dous polo parteluz.

O tímpano

editar
 
O tímpano.

A disposición do tímpano está baseada na descrición de Cristo que fai o evanxelista San Xoán na Apocalipse (Cap. 1,1-18). No centro, mostra o Pantocrátor (Deus todopoderoso), coa imaxe de Cristo en Maxestade, mostrando nas mans e nos pés as feridas da crucifixión. A postura e roupaxe parecen reflectir a realeza; as feridas, o seu carácter humano, que sofre e morre. Arriba, a ámbolos lados do trono, dous pequenos anxos botan incenso.

 
O Cristo.

Rodeando a Cristo, o Tetramorfo coas figuras dos catro Evanxelistas cos seus atributos: á esquerda, San Xoán e a aguia, arriba, e San Lucas co boi, debaixo; e á dereita, San Mateu, arriba, e San Marcos e o león, abaixo. Os catro evanxelistas semellan estar escribindo os Evanxeos apoiándose no seu animal simbólico pero San Mateu faino sobre un cofre no canto de utiliza-lo anxo que lle simboliza (disque en alusión ó seu anterior traballo de recadador de impostos).

Ós dous lados dos Evanxelistas, tras San Marcos e San Lucas, aparecen catro anxos a cada lado cos instrumentos da paixón de Cristo. Uns levan, sen tocalos directamente, a cruz e a coroa de espiñas (á esquerda) e a lanza e os catro cravos (á dereita); outros, a columna na que foi flaxelado, a xerra coa que se lavara Poncio Pilato, unha cana cunha esponxa, a xostra e un pergamiño (no que uns queren ver a sentenza á crucifixión e outros a inscrición co INRI da cruz). Sobre as cabezas destes anxos, dous nutridos grupos de almas dos benaventurados, 40 en total, representando á turba celeste que ninguén podía contar, en cita do Evanxeo.

 
Dous anciáns tocando un organistro, na clave do arco central.

O tímpano central coróase cunha arquivolta na que aparecen sentados os 24 anciáns da Apocalipse, en representación de cada unha das 24 clases sacerdotais do antigo Templo de Xerusalén, portando cada un un instrumento musical, como preparando un concerto en honra a Deus. Como algúns dos anciáns (as figuras 4 e 21, contando de esquerda a dereita) non tocan instrumento algún, senón que sosteñen unha redoma, e os dous centrais manobran un só, o total son 21 instrumentos: unha zanfona, 14 cítaras, 4 salterios e dúas arpas. A Fundación Pedro Barrié de la Maza financiou a fiel reconstrución dos instrumentos hai poucos anos [13] e mesmo realizáronse concertos con eles.

 
Reconstrución do organistro do Pórtico da Gloria.

Nos espazos que unen o arco central cos arcos laterais hai cadanseu anxo, que representan o pobo xudeu (o primeiro da esquerda) e o pobo dos xentís (o primeiro da dereita), e os meniños que levan no colo simbolizan as almas dos meniños que levan cara a Deus.

A forma na que o mestre Mateu representa a Xesús Cristo racha coa visión apocalíptica medieval que imperaba ata entón. Quere mostrar un Deus máis humano e menos xusticeiro e afastado, e por iso reflicte a Deus coas feridas en mans e pés, e os anciáns do Testamento parecen rir e conversar entre eles.

O parteluz

editar

No parteluz (ou mainel) destaca a figura sedente de Santiago Apóstolo, co caxato de peregrino, como patrón da basílica. Santiago aparece portando un pergamiño no que está escrito Misit me Dominus (Envioume o Señor). Sobre a súa cabeza, a columna remata cun capitel no que se representan as tentacións de Cristo en tres caras; na que mira cara ó interior do templo, rezan dous anxos axeonllados. Ó pé do santo, outro capitel coas figuras da Santísima Trindade.

Baixo o apóstolo represéntase a árbore de Xesé, nome que recibe a árbore xenealóxica de Xesús Cristo a partir de Xesé, pai do rei David. Esta é a primeira vez que se representa na Península Ibérica este tema na iconografía relixiosa. A columna pousa sobre unha base na que hai unha figura con barba recostada sobre o peito (seica unha imaxe de Noé) e dous leóns. Durante séculos foi costume que os peregrinos que chegaban á Santiago e accedían á catedral tocaran o pé esquerdo do santo, simbolizando así o remate do seu camiño. Outra tradición levaba os peregrinos a pasa-la man por entre as cavidades da árbore mentres reza cinco oracións, antes de entrar na catedral.

Ó pé desta columna central pero na parte posterior, cara ó altar maior da catedral, hai unha figura axeonllada que tradicionalmente se asume que representa ó propio mestre Mateu, portando unha cartela na que estaba escrito Architectus. Tamén con el hai un costume de séculos, que consiste en bate-la cabeza contra a do escultor –disque tres veces-, para adquirir así parte da súa sabedoría. Esta tradición, orixinalmente propia dos veciños de Santiago e finalmente asumida polos peregrinos, xustifica o alcume de Santo dos croques co que se coñece popularmente esta estatua.

 
O mestre Mateu, segundo a tradición popular.

Conta a lenda que o arcebispo foi visita-las obras cando estaban próximas a rematar. Cando o mestre Mateu lle estaba explicando o significado das diferentes figuras, o arcebispo preguntoulle por unha que o mestre non citara e que destacaba no tímpano central. Mateu recoñeceu que esa figura era el mesmo, porque consideraba merece-la gloria despois da obra de arte que estaba a facer con tanto éxito, pero o crego recriminoulle duramente a súa falta de humildade. Pasando o tempo, Mateu chamou polo arcebispo para que vise o Pórtico xa rematado e, cando chegou este, o primeiro no que se fixou foi en que aquela figura desaparecera do tímpano, pero agora había outra nova escultura na parte traseira, axeonllada e sen luz. Así se quería representa-lo mestre Mateu agora, humilde e arrepentido por pretender retratarse xunto a Deus.

Os apóstolos e profetas

editar

Nas xambas da porta central, así como nas das dúas portas laterais, aparecen representados apóstolos, profetas e outras figuras. Todos eles están coroados con cadanseu capitel no que se representan diferentes animais (aves, case sempre con cabezas humanas e outras con cabezas de animais) e motivos de follas.

Comezando pola xamba dereita e mirando de dereita a esquerda, están as figuras do apóstolo San Pedro, vestido de Pontifical e coas chaves do ceo na man; San Paulo, cun libro aberto e descalzo; Santiago o Menor, co báculo; e San Xoán, mozo, cun libro e sobre unha aguia. Baixo a figura de San Paulo vense unhas figuras que representan algunhas escenas da súa vida, nas que se quere ve-la obediencia que deben os inferiores ós superiores.

 
Apóstolos.

Na xamba da esquerda, e comezando pola que mira ó apóstolo Santiago, están as figuras dos profetas do Antigo Testamento Moisés, coas Táboas da Lei; Isaías, con bastón; Daniel e Xeremías, con barba. Todos eles suxeitan unha cartela na que estaba escrito o seu nome. Debaixo da figura de Isaías, aparece un mozo disposto a golpear a un monstro; outras fontes ven a representación do sacrificio de Isaac.

 
O inferno (detalle).

Destaca a figura de Daniel e o seu sorriso. A lenda explica este sorriso no feito de que ante el, na contraportada, está unha estatua dunha muller de grandes peitos, que foron rebaixados, segundo conta a tradición popular, por orde dalgún bispo. Esta figura feminina representa a raíña de Sabá, segundo uns, ou unha emperatriz, segundo outros. Máis ortodoxa é a teoría que o explica na alegría que ten Daniel ó anunciar a chegada do Señor.

En 1521 procedeuse a pechar o nártex, que o mestre Mateu proxectara aberto, de xeito que o Pórtico era visible desde o exterior, e para colocar as portas de madeira houbo que retirar algunha das estatuas-columna (e outros elementos da fachada). Posteriormente, a substitución completa da fachada mateana pola fachada barroca de Casas Novoa (entre 1738 e 1750) implicou a retirada de tódalas estatuas-columna da parte exterior do nártex.

As estatuas foron reutilizadas en diferentes localizacións o simplemente desapareceron, se ben conseguiuse recuperar e identificar -con debate entre os especialistas- nove delas, declaradas Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia en 2019 [14]. Cinco delas forman parte da colección do Museo da Catedral[15], dúas están no Museo de Pontevedra[16] e outras dúas están en mans da familia Franco no Pazo de Meirás[17].

Porta dereita

editar

O arco da porta dereita representa o Xuízo Final. Ao igual que o arco da porta esquerda, carece de tímpano, disque eliminado por orde dun bispo nalgunha restauración aínda non hai constancia de que o tivera nalgún momento. A dobre arquivolta está divida en dúas metades por dúas cabezas flanqueadas por cartelas. Maioritariamente, os especialistas identifican estas cabezas coas figuras de San Miguel e Cristo[18], pero para outros son Cristo-Xuíz e un anxo[19] e, finalmente, outras fontes din que representan a Deus Pai, a superior, e Deus Fillo, a inferior[20].

Dende o punto de vista do observador, á dereita destas cabezas aparece representado o inferno, con figuras de monstros (demos) que arrastran e torturan as almas dos pecadores. Á esquerda, o ceo cos elixidos, con figuras de anxos con meniños que simbolizan as almas salvadas.

Na xamba da dereita están representados, por esta orde, os apóstolos San Bartolomeu e San Tomé, seguidos por San Marcos, San Lucas e San Xoán. E na da esquerda, San Filipe e Santo André (identificacións dubidosas).

Porta esquerda

editar
 
O ceo (detalle).
 
Reprodución do Pórtico a tamaño natural, no Victoria and Albert Museum, de Londres.

No arco da porta esquerda represéntanse escenas do Antigo Testamento, cos xustos que agardan a chegada do Salvador. No centro da primeira arquivolta, envoltos entre follas, está Deus creador, que bendice ó peregrino e sostén o libro da Verdade Eterna; e á súa dereita Adán (nu), Abrahán (co índice levantado) e Xacob. Con estes hai dúas figuras máis que unhas fontes identifican con Noé (novo pai da humanidade por salvala do dioivo) e Esaú e outros con Isaac e Xudá. Á esquerda de Deus vemos a Eva, Moisés, Arón, David rei e Salomón (outras fontes sitúan aquí a Xudá e Benxamín, no canto de Aarón e Salomón). Tanto Adán como Eva aparecen sen coroa porque xa pecaron e perderon a súa inocencia.

Na segunda arquivolta, a superior, dez pequenas figuras representan as dez tribos de Israel, faltando a tribo de Xudá (á que pertencía Cristo) e a de Benxamín. Tódalas figuras están medio ocultas por un bocel[21] que parece telas presas e que se cre que simboliza a escravitude que as somete.

Na xamba da dereita están os profetas Oseas e Xoel, e na da esquerda Amós e Abdías, nos catro caso cunha identificación dubidosa. Segue, á esquerda, unha figura cun bastón que pode ser o santo Xob, e as figuras de Xudit e a raíña Esther. Debaixo da estatua do profeta Xoel hai unha columna con pombas picando nas uvas, catro guerreiros e dous leóns.

Os catro piares do pórtico están sustentados sobre fortes basamentos nos que se representan grupos de diversos animais: seis aguias, un oso, catro leóns e dous animais indeterminados, así como tres cabezas humanas con barba. Hai quen quere ver nestas figuras imaxes de demos, e que simbolizan que o peso da gloria (o pórtico en si) esmaga o pecado. Outras fontes danlle unha interpretación apocalíptica, con guerras, fame e morte (representadas polas bestas), situacións que só se poden salvar grazas á intelixencia humana (as cabezas dos homes vellos).

O Pórtico na literatura

editar

Moitos autores teñen escrito e admirado a singularidade desta obra. Entre eles, destaca Rosalía de Castro[22] cando di:

¡Védeos!, parece
qu´os labios moven, que falan quedo
os uns cos outros, e aló n´altura
do ceu a música vai dar comenzo,
pois os gloriosos concertadores tempran risoños os instrumentos

  1. "En todos eles salienta o naturalismo que, na face de Daniel, acada a representa-lo sorriso, o que permite comparalo coas mellores esculturas do gótico francés de entón... ". Yzquierdo Perrín, Ramón. Artigo "PÓRTICO" da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
  2. "El maestro Mateo es la figura decisiva de los primeros momentos, el creador de la obra más valiosa hecha en Galicia, el Pórtico de la Gloria, inaugurado en 1188. Encasillado erróneamente en el románico...". Cegarra Martínez, Basilio. Atlas Arte. Galicia. Capítulo 16 ESCULTURA GÓTICA, páx. 40.
  3. "A arte francesa, en especial a procedente de Saint-Denis e da Borgoña, inflúe no mestre Mateu e nas súas execucións, no século XII, á fronte do Pórtico da Gloria... Reflíctese aquí, pois, o xermolo do gótico, o gótico temperán ou protogótico, no que aínda aparecen elementos da tradición románica..." Sicart Giménez, Ángel. Artigo "GÓTICO" da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
  4. 4,0 4,1 Ao rescate da gloria do Pórtico, 5º parágrafo
  5. Calvo, A. (03-06-2008). "El Pórtico de la Gloria recobrará la policromía que se perdió en 1866". elcorreogallego.es. Arquivado dende o orixinal o 03-01-2019. Consultado o 02-01-2019. 
  6. Pousa, Luis (30-07-2012). "La copia londiniense del pórtico de la Gloria encara su restauración". lavozdegalicia.es. Consultado o 02-01-2019. 
  7. 7,0 7,1 Gaillard (1958), p. 465
  8. A intervención de Mateu nesta ponte baséase nun testamento no que figura unha manda para esta obra (Gran Enciclopedia Galega, Lugo 2003, tomo 29, s.v. Mestre Mateo.
  9. Gaillard (1958), p. 466
  10. Citado por Galliard (1958), p. 465
  11. Gaillard (1958), pp. 465-466.
  12. Castiñeiras González, Manuel Antonio (2002). A poética das marxes no románico galego: bestiario, fábulas e mundo ó revés. Universidade de Santiago de Compostela. 
  13. Esta reconstrución recuperou 19 instrumentos, xa que, no Pórtico, un está dado a volta e outro ten o mastro roto.
  14. Resolución de 22 de xaneiro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o expediente para declarar ben de interese cultural nove esculturas do mestre Mateo procedentes da desaparecida fachada occidental da catedral de Santiago de Compostela (DOG nº 25, de 5 de febreiro de 2018). Decreto 100/2019, do 26 de xullo, polo que declaran ben de interese cultural nove esculturas atribuídas ao mestre Mateo procedentes da desaparecida fachada occidental da catedral de Santiago de Compostela (DOG nº 167, de 4 de setembro de 2019).
  15. David e Salomón, máis tres estatuas non identificadas: un posible rei bíblico ou o rei Fernando II de León, unha figura masculina decapitada e unha cabeza de estatua columna.
  16. Enoc e Elías, probablemente.
  17. Abrahán e Isaac ou Xeremías e Ezequiel.
  18. Serafín Moralejo
  19. "archicompostela.com". Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2007. Consultado o 19 de xullo de 2007. 
  20. ""Rincones de santiago"". Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2013. Consultado o 19 de xullo de 2007. 
  21. Moldura convexa de sección semicircular ou, en ocasións, elíptica, de superficie lisa.
  22. Poema "N'a catredal", na sección "Do íntimo" do poemario Follas novas.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar