Soto (arquitectura)
Un soto[1] é unha parte ou andar dun edificio que se atopa por debaixo do nivel do chan, xunto aos alicerces. Nos sotos das casas adóitanse atopar a caldeira ou o sistema de calefacción, mentres que nos edificios de maior tamaño pode haber mesmo varios sotos que en moitos casos se utilizan como aparcadoiro para vehículos.
Características
editarAo se atopar baixo o nivel do chan, os sotos teñen unhas características especiais como unha temperatura estábel, humidade e pouca ou ningunha luz solar. Por isto tamén se utilizan para a conservación dalgúns alimentos ou bebidas como o viño. Ás veces tamén serven para gardar ferramentas, cousas vellas ou madeira para o lume.
Etimoloxía
editarDo latín subtu,[2] da preposición sub (do mesmo xeito que o sobrado, a parte oposta da casa no alto, procede do latín superatu[3], da preposición super ou supra). Por ter este significado é pouco esperable que producise topónimos. Debido á súa etimoloxía, aplícase tamén a unha "pataqueira" ou sotana, pois os tubérculos están soterrados, caso no que si ten máis sentido que dea lugar a microtopónimos.
Confúndese ocasionalmente con souto, "fraga de castiñeiros", porque Soto foi o xeito da castelanización sistemática do apelido galego Souto. Velaí unha das explicacións dunha cantidade variable de topónimos Soto en Galicia. En cambio, en castelán soto ten un significado propio e diferente: igual que o galego souto, procede do latín saltus, "bosque, selva, terreo montañoso ou de pasto".[4]
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para soto.
- ↑ Diccionario Xerais da Lingua, Gran Dicionario Xerais da Lingua, Gran Dicionario Século 21 da Lingua Galega
- ↑ Diccionario Xerais da Lingua, Gran Dicionario Xerais da Lingua, Gran Dicionario Século 21 da Lingua Galega
- ↑ Diccionario Xerais da Lingua, Gran Dicionario Xerais da Lingua, Gran Dicionario Século 21 da Lingua Galega; Diccionario de la Real Academia Española