O piso é o chan, a superficie sobre a que se anda. Normalmente chámase piso cando falamos dunha superficie inferior horizontal dun espazo arquitectónico, sendo a verba chan máis xeral. Por extensión tamén se chama piso á superficie de táboas onde o carro leva a carga.

Piso con pavimento de parqué.

Homónimos

editar
  • Chámase tamén piso, andar ou planta aos diferentes niveis dun edificio.
  • Igualmente na linguaxe coloquial recibe o nome de piso a vivenda nun edificio de varias plantas
  • Tamén se lle chama piso aos materiais que conforman a superficie superior do chan: pavimento, incluso os das zonas exteriores á edificación.
  • En calzado, piso fai referencia á sola do zapato.

Numeración dos pisos en edificios

editar

Hai discrepancias nos costumes de numerar os pisos ou andares nos edificios entre os diferentes países.

Na meirande parte de Europa, Iberoamérica e na Mancomunidade Británica de Nacións, o piso situado no nivel do terreo é a planta baixa ou planta terrea, e o piso de enriba é o primeiro andar, manténdose o emprego continental europeo que pasa de moda a partir da construción de palacios.

En Francia, por exemplo, o termo para a planta baixa é rez de chaussée (rentes do chan). Nos Estados Unidos e no Canadá (agás no Quebec), o piso terreo é, polo xeral, o primeiro andar e o piso de enriba é o segundo andar. Este sistema tamén é usado en Chile, Rusia e outros países da ex Unión Soviética. A China segue o sistema estadounidense, porén os números usados son cardinais (un, dous, tres etc.) en lugar dos ordinais (primeiro, segundo, terceiro ou terzo).

Nalgúns edificios, especialmente en hoteis non existe a planta número trece, pasando a numeración da planta doce á catorce. Isto é por mor ao pavor irracional ao número 13, chamado triscaidecafobia.

Na construción tradicional galega, a casa adoitaba ter só dous pisos: a planta terrea (planta baixa) e o sobrado (primeiro andar), ademais do faiado.