O calzado é a parte da indumentaria empregada para protexer os pés. Adquire moitas formas, como zapatos, sandalias, alpargatas, botas ou deportivas.

O calzado é vestido por unha gran variedade de motivos, incluíndo a protección do pé, a hixiene ou o simple adorno. A miúdo empréganse medias ou calcetíns ó vestir calzado.

Historia

editar
 
Persas con sandalias en Persépole.

Os antigos exipcios empregaban como calzado unha especie de alpargatas feitas con palma ou cortiza de papiro.

Os gregos adoitaban calzar os altos coturnos, que chegaban até o papo da perna e foron logo adaptados polos romanos. Unha variante concreta dese calzado era a usada no teatro, con solas moi grosas, de cortiza, que realzaban a estatura dos actores tráxicos. Pitágoras obrigou ós seus discípulos a usar un calzado igual ó dos exipcios e ó cal debía o nome de baxea. Nos baixorrelevos de Persépole vense persas representados cunha especie de sandalias e noutros monumentos gregos, os bárbaros están cun calzado que os romanos chamaban aluta luxior. Nos tempos heroicos, os gregos só levaban calzado cando saían ó campo: o dos homes era unha especie de botíns de coiro e o das mulleres consistía nunhas sandalias que adoitaban adornar con marfil, prata, ouro e pedras preciosas en tempos máis adiantados que os heroicos.

Licurgo só permitía usar calzado na guerra, na caza e cando se viaxaba de noite. Os espartanos usaban un zapato chan que envolvía todo o pé formado de coiro colorado. O das doncelas era moi alto, e o das matronas dunha altura media. Os atenienses chegaron a coñecer diferentes especies de calzado a modo de botas e zapatos de coiro negro.

 
Calzado.

Os romanos non levaban calzado ó principio pero logo introduciuse coa moda e en Cicerón lemos que no seu tempo usaron os mozos disolutos un calzado chamado sicyonium. Coñecéronse diferentes especies de calzado a saber: o calceus, o muleus, o phaecasium, para calzado enteiro feito dun coiro chamado aluta; a soleá, a caliga, a crépida, a baxea, o sandalium, o coturno eran solas sinxelas atadas sobre o pé con cintas ou correas. Eran de diferentes cores aínda que xeralmente negras. Os emperadores e triunfadores usábanos colorado. Nas súas casas, usaban os romanos a solea que servía de chinela. O calzado das mulleres adoitaba ser branco. Os senadores usaban unhas medias botas negras levando sobre o nocello unha especie de hebilla, chamada lúa ou tintilla a cal tiña a forma dunha C para indicar que nun principio os senadores patricios non eran máis que cento. Os antigos adoitaban deixar o calzado para comer a fin de non ensuciar os coxíns sobre que se recostaban e os escravos encargados de descalzar e calzar ós señores denomínanse sandaligeruli.