Carlos I de Inglaterra

rei de Inglaterra, Escocia e Irlanda (1625 - 1649)

Carlos I de Inglaterra, en inglés Charles I of England, nado no Palacio de Dunfermline (Escocia) o 19 de novembro de 1600 e finado no Palacio de Whitehall, Londres, o 30 de xaneiro de 1649, foi Rei de Inglaterra, Escocia, e Irlanda, desde o 27 de marzo de 1625 ata a súa execución en 1649.

Modelo:BiografíaCarlos I de Inglaterra

(1636) Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(en) Charles I of England Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento19 de novembro de 1600 (Xuliano) Editar o valor en Wikidata
Palácio de Dunfermline, Reino Unido (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte30 de xaneiro de 1649 (Xuliano) Editar o valor en Wikidata (48 anos)
Londres, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepena de morte, decapitación Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturacapela de San Xurxo (1649–) Editar o valor en Wikidata
Monarca de Inglaterra
27 de marzo de 1625 – 30 de xaneiro de 1649
← Xacobe VI de Escocia e I de InglaterraCarlos II de Inglaterra →
Monarca de Escocia
27 de marzo de 1625 – 30 de xaneiro de 1649
← Xacobe VI de Escocia e I de InglaterraCarlos II de Inglaterra →
Monarca de Irlanda
27 de marzo de 1625 – 30 de xaneiro de 1649
Duque de York
6 de xaneiro de 1605 – 27 de marzo de 1625 Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónAnglicanismo e Igrexa católica Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Londres (1625–1649) Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpolítico, coleccionista de arte, monarca Editar o valor en Wikidata
Día de festividade relixiosa30 de xaneiro Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloDuque de York (1605–1625)
Príncipe de Gales
Monarca de Escocia
Monarca de Inglaterra
Monarca de Irlanda Editar o valor en Wikidata
FamiliaCasa de Estuardo Editar o valor en Wikidata
CónxuxeHenriqueta María de Francia (1625–) Editar o valor en Wikidata
FillosCharles James Stuart, Duke of Cornwall, Carlos II de Inglaterra, Maria Henrietta Stuart, Xacobe II de Inglaterra, Isabel Stuart da Grã-Bretanha, Ana de Inglaterra (1637–1640), Catherine Stuart, Henrique Stuart, Duque de Gloucester, Henriqueta Ana de Inglaterra Editar o valor en Wikidata
PaisXacobe VI de Escocia e I de Inglaterra Editar o valor en Wikidata  e Ana de Dinamarca Editar o valor en Wikidata
IrmánsHenry Frederick, Prince of Wales
Isabel da Boémia
Margaret Stuart
Robert Stuart, Duke of Kintyre and Lorne
Mary Stuart
Sofia de Inglaterra Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDictionary of National Biography
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
The Nuttall Encyclopædia >>>:Charles I. Editar o valor en Wikidata
BNE: XX878112 Musicbrainz: fa77307d-72c7-40e2-88e3-1b94e6fdc1b3 Discogs: 5618180 WikiTree: Stuart-1 Find a Grave: 1443 Editar o valor en Wikidata
Carlos I de Inglaterra, retratado por Anton van Dyck.

Biografía

editar

Primeiros anos

editar

Carlos Estuardo naceu no palacio de Dunfermline, o 19 de novembro de 1600, sendo o segundo fillo home dos 9 que tivo Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra, e de Ana de Dinamarca. Foi un neno pouco desenvolvido (noméase no Libro Guinness dos Récords como o rei máis baixo de Inglaterra), que aínda non podía camiñar ou falar á idade de 3 anos. Cando Isabel I morreu en 1603 e Xacobe VI foi proclamado rei de Inglaterra como Xacobe I, deixaron a Carlos en Escocia baixo o coidado de enfermeiras e criados porque se temía que a viaxe danase a súa fráxil saúde. Finalmente, fixo a viaxe a Inglaterra en xullo de 1604 e foi colocado posteriormente baixo o cargo de Lady Carey, que lle ensinou a camiñar e falar. Ao chegar a adulto non medía máis que 1 m e 62 cm.

Carlos non estaba tan ben visto como o seu irmán máis vello, Henrique Frederico, príncipe de Gales. Carlos mesmo adoraba ao seu irmán e intentaba emulalo. En 1605, como era entón afeito no caso do segundo fillo do soberano inglés, Carlos foi nomeado duque de York en Inglaterra. Dous anos antes, en 1603, fora nomeado duque de Albany en Escocia.

 
George Villiers, I duque de Buckingham, valido de Carlos I, retratado por Peter Paul Rubens (c. 1625).

Cando Henrique morreu de tifo en 1612, Carlos converteuse no herdeiro do trono e foi nomeado duque de Cornualla, pero non foi nomeado príncipe de Gales e conde de Chester, os títulos habituais do herdeiro ao trono inglés, ata novembro de 1616. A súa irmá Isabel casou en 1613 con Federico V, elector palatino, o que deixaba a Carlos virtualmente como único fillo.

O novo príncipe de Gales viuse notablemente influenciado polo favorito do seu pai, George Villiers, I duque de Buckingham, o cal levouno a unha expedición a España en 1623 para buscar unha alianza con este país mediante un eventual matrimonio coa filla máis nova do rei español Filipe III, a infanta María Ana. O enlace nunca se celebrou, con todo, debido a que a coroa española esixiu a conversión do príncipe de Gales ao Catolicismo. Á súa volta a Inglaterra en outubro, tanto Carlos como Buckingham esixiron ao rei Xacobe que declarase a guerra contra España.

A viaxe de Carlos a Madrid considérase polos historiadores como determinante no seu posterior interese pola arte, afección á que destinou cuantiosas sumas e que en parte carrexoulle a súa crecente impopularidade.

Co estímulo dos seus conselleiros protestantes, Xacobe convocou ao Parlamento para solicitar subsidios para a guerra. Xacobe tamén solicitou que o Parlamento sancionase a unión entre o príncipe de Gales e a princesa Henriqueta María de Francia, á que Carlos coñecera en París no seu camiño de regreso a Inglaterra. Era unha boa unión, posto que ela era a filla do anterior rei francés Henrique IV e a irmá do rei actual Lois XIII. O Parlamento aceptou a unión, pero mostrou unha actitude moi crítica debido á tentativa anterior de arranxar unha alianza matrimonial con España. Xacobe estaba senil e en consecuencia era cada vez máis difícil controlar ao Parlamento (que foi o mesmo problema que tería máis adiante Carlos durante o seu reinado). Durante o último ano do reinado de Xacobe I, o poder real quedou en mans do seu fillo e do duque de Buckingham.

Reinado de Carlos I

editar

Matrimonio e fillos

editar
 
Henriqueta María de Francia, esposa de Carlos I, retratada por Anton van Dyck (1636-1638).

O rei Xacobe I morreu o 27 de marzo de 1625, subindo entón Carlos ao trono como Carlos I; o 1 de maio casou por poderes con Henriqueta María de Francia, que aínda estaba en París. O seu primeiro Parlamento, inaugurado por el en maio, opúxose ao seu matrimonio coa princesa francesa, unha católica, porque temían que Carlos levantase as restricións aos católicos romanos e minase o establecemento oficial do Protestantismo. Aínda que el conveu co Parlamento que non relaxaría as restricións referentes aos católicos, prometera facer exactamente iso nun tratado secreto co seu cuñado, o rei Lois XIII de Francia. A cerimonia formal, con ambos presentes, levouse a cabo na igrexa de Santa Agostiña, en Canterbury, o 13 de xuño de 1625. O 2 de febreiro de 1626, Carlos foi coroado na abadía de Westminster, pero sen a súa esposa ao seu lado, para evitar a controversia.

Deste matrimonio naceron 9 fillos:

  • Carlos Xacobe (n. e m. Palacio de Greenwich, 13 de maio de 1629), nomeado ao nacer duque de Cornualla e Rothesay.
  • Carlos (Palacio de St. James, Londres, 29 de maio de 1630 - Palacio de Whitehall, 6 de febreiro de 1685), sucesor de Carlos I e rei de Inglaterra e Escocia trala restauración da monarquía en 1660.
  • María (Palacio de St. James, 4 de novembro de 1631 - Palacio de Whitehall, 24 de decembro de 1660), casada con Guillerme II de Orange-Nassau, conde de Orange, Estatúder dos Países Baixos.
  • Xacobe (Palacio de St. James, 14 de outubro de 1633 - Saint-Germain-en-Laye, Francia, 6 de setembro de 1701), duque de York (1644) e de Albany (1660); sucede ao seu irmán como rei Xacobe II de Inglaterra e VII de Escocia.
  • Isabel (Palacio de St. James, 29 de decembro de 1635 - Castelo de Carisbrooke, 8 de setembro de 1650).
  • Ana (palacio de St. James, 17 de marzo de 1637 - Palacio de Richmond, 5 de novembro de 1640).
  • Catalina (nada e finada no Palacio de Whitehall o 29 de xuño de 1639).
  • Henrique (Oatlands, Surrey, 8 de xullo de 1640 - Palacio de Whitehall, 13 de setembro de 1660), nomeado conde de Richmond (1644) e duque de Gloucester (1659).
  • Henriqueta Ana (Bedford House, Exeter, 16 de xuño de 1644 - Palacio de Saint Cloud, París, 30 de xuño de 1670), casada con Filipe I de Orleáns, duque de Orleáns, irmán do rei Lois XIV de Francia.

Política exterior: Guerra contra España e Francia

editar

A preocupación principal de Carlos durante o inicio do seu reinado foi a política exterior. Federico V, elector palatino, marido da súa irmá Isabel, perdera as súas terras hereditarias no Palatinado a mans do emperador Fernando II de Habsburgo, comezando a chamada Guerra dos Trinta Anos, a cal orixinalmente era só unha guerra para manter a hexemonía dos Habsburgos católicos como reis electos de Bohemia, aínda que isto terminou converténdose nunha espiral sen control que acabaría nunha guerra civil e confesional entre os protestantes e os católicos en Europa. Carlos viuse obrigado a apoiar ao seu cuñado para que recuperase o Palatinado, emprendendo unha guerra co rei Filipe IV de España, ao cal esperaba poder forzar para que intercedera co emperador no seu favor.

 
Carlos I iniciou o seu reinado cunha guerra contra a España de Filipe IV

O Parlamento mostrábase a favor dun ataque naval barato contra as colonias españolas no Novo Mundo, esperando que a captura das frotas españolas que levaban os tesouros americanos podería financiar a guerra. Carlos, con todo, preferiu unha acción máis agresiva (e máis custosa) no continente. O Parlamento votou soamente para conceder un subsidio de 140.000 £, unha suma escasa para o rei. Por outra banda, a Cámara dos Comúns acordou permitir que o rei recadase a tonelaxe e o peso (dúas variedades de dereitos de aduanas), pero soamente por un período dun ano, aínda que a soberanos anteriores desde 1414 fóronlles concedidos estes dereitos para sempre. Deste xeito, a Cámara dos Comúns esperaba ter unha forma de menoscabar o poder do rei, forzándoo a buscar a renovación da concesión cada ano.

Os aliados de Carlos na Cámara dos Lores, dirixida polo duque de Buckingham, rexeitaron aprobar o decreto. Aínda que non se puido obter ningunha autoridade parlamentaria para a recadación da tonelaxe e do peso, Carlos continuou tomando os dereitos aduaneiros de tódolos xeitos.

O primeiro Parlamento de Carlos foi disolto en agosto de 1625. O rei presionara para a guerra con España, pero o ataque naval contra Cádiz terminou nunha estrepitosa derrota para Carlos, causándolle o descrédito ante os seus súbditos. De novo con necesidade de diñeiro, Carlos convocou o seu segundo Parlamento en febreiro de 1626. Para manter aos seus inimigos fóra do Parlamento, Carlos designounos sheriffes; como oficiais da Coroa, quedaban inmediatamente descualificados para o servizo na Cámara dos Comúns. Polo que se refire á Cámara Alta, Carlos rexeitara conceder unha escritura de localización -sen a cal ninguén podía ser admitido na Cámara dos Lores- a John Digby, I conde de Bristol. Así mesmo, encarcerou a Enrique Howard, XXV conde de Arundel, acusado dun delito menor. A Cámara dos Lores, ante as dificultades destes dous condes, declarou que non había precedente para negar a un par a súa petición ou para encarceralo por un mero delito menor.

As tentativas de Carlos de privar a membros do Parlamento das súas oficinas e liberdades sen o debido proceso conforme á lei enfureceron a moitos membros dese corpo, do mesmo xeito que os sucesivos impostos creados sen o seu consentimento. Culparon ao duque de Buckingham, mentres tanto, do desastre en Cádiz. A Cámara dos Comúns intentou acusalo de alta traizón, e ameazou con atrasar tódolos votos no asunto dos impostos ata que a Cámara dos Lores o atopase culpable. As protestas da Cámara dos Lores forzaran a Carlos I a liberar os condes de Bristol e Arundel, e con estes dous pares no centro da atención, parecía máis que probable que se dese unha maioría parlamentaria contra o duque de Buckingham. En vinganza e como unha mostra de desafío contra o Parlamento, en xuño de 1626, Carlos ordenou a súa disolución.

Ao ano seguinte, o duque de Buckingham conduciu unha expedición para axudar aos protestantes franceses (hugonotes) perseguidos polo seu rei na localidade de A Rochelle, pero fracasou estrepitosamente, aumentando a súa impopularidade. Por outra banda, Inglaterra comeza unha guerra contra Francia, mentres que aínda continuaba a súa guerra anterior contra España. As arcas do tesouro, mentres tanto, continuaban diminuíndo. Para reducir gastos militares, Carlos ordenou a varios ingleses recibir e alimentar, ás súas propias expensas, aos soldados. El tamén esixiu que os seus súbditos lle concedesen "préstamos", que non tiña ningunha intención de pagar despois. As ordenanzas de Carlos foron declaradas ilegais nas cortes en 1627; en resposta, o rei depuxo do seu cargo e encarcerou ao Lord Xefe de Xustiza, sir Ranulph Crewe, e designou a sir Nicolás Hyde no seu lugar. Este animou ao clero anglicano, que estaba na súa nómina de pagamento, a que nos seus sermóns apoiase os préstamos e aconsellase a obediencia a todos os decretos reais. Cando George Abbot, arcebispo de Canterbury, refusou sancionar oficialmente un sermón pro-real, foi privado dos seus poderes, aínda que non foi deposto formalmente do seu cargo. As funcións do arcebispo foron transferidas a unha comisión de bispos, encabezada por William Laud, o bispo de Bath e de Wells (logo bispo de Londres).

Todo aquel que rexeitase apoiar ao Tesouro cos préstamos era encarcerado sen dubidar polo rei, de acordo ás súas prerrogativas reais, ordenanzas totalmente en desacordo coas cortes de leis comúns e descualificadas pola maioría dos xuristas dese tempo, aínda que non estiveron explicitamente -pero si de feito- baixo o cargo de crime. O caso máis notorio foi o coñecido como o caso dos "Cinco cabaleiros" ou "caso do xoio", onde o novo Lord Xefe de Xustiza, sir Nicolás Hyde, sostivo que estaba permitido que o rei pedise a detención de individuos sen ningún tipo de acusación e sen ofrecerlles a posibilidade de fixar unha fianza.

As guerras de Carlos contra Francia menoscabaran considerablemente as súas arcas. Atopándose na necesidade perentoria de fondos para continuar a guerra, Carlos convocou ao terceiro Parlamento do seu reinado en marzo de 1628. Inmediatamente, no canto de tratar os problemas financeiros de Carlos, a Cámara dos Comúns procedeu a considerar o abuso de poder do rei durante os anos precedentes. Aprobou a Petición de Dereitos, na cal intentou que se pagasen os préstamos forzados, acabar coas detencións arbitrarias, o encarceramento sen proceso, e a creación de impostos sen consentimento parlamentario. Aínda que se opuña inicialmente á petición, Carlos concedeulle a súa conformidade en xuño, logo de asegurarse de que os seus xuíces non o interpretarían nun sentido contrario aos seus desexos. Finalmente, o Parlamento acordou conceder a Carlos os subsidios que desexaba, e pouco despois o monarca ordenou un receso temporal nas súas funcións.

O duque de Buckingham, namentres, planeou outro ataque contra A Rochelle, en Francia, pero un oficial naval, John Felton, asasinouno o 23 de agosto. Carlos e os seus cortesáns intentaron que Felton fose torturado na roda antes de ser executado, pero isto foi descartado unanimemente polos xuíces. No seu lugar, Felton foi colgado polo delito.

Once anos de tiranía: Absolutismo no trono inglés

editar
 
Carlos I a comezos do período absolutista do seu reinado, coñecido como os Once anos de Tiranía, obra de Daniël Mijtens.

En xaneiro de 1629, Carlos abriu a segunda sesión do Parlamento que ordenara temporalmente clausurar en xuño de 1628. Esperaba que, tras o asasinato do duque de Buckingham, o Parlamento finalmente cooperase con el e lle concedese outros subsidios. No canto diso, os membros da Cámara dos Comúns comezaron a expresar a súa oposición ao imposto da tonelaxe e do peso sen consentimento parlamentario. Aínda que Carlos solicitou un adiamento parlamentario en marzo, os membros ignorárono e leron tres resolucións contrarias ao rei. A última destas resolucións declarou que calquera persoa que pagase a tonelaxe ou o peso non autorizado polo Parlamento "sería declarado un traidor das liberdades de Inglaterra, e inimigo das mesmas". Aínda que a resolución non foi aprobada formalmente, moitos membros declararon a súa aprobación. Máis tarde, cando os Comúns aprobaron outras medidas desagradables para o rei, Carlos ordenou a disolución do Parlamento. As controversias co Parlamento inglés recrudecíanse para o rei.

Carlos resolveu non ser forzado a confiar no Parlamento para a axuda monetaria adicional. Inmediatamente, asinou sendas paces con Francia e España. Os once anos seguintes, durante os cales Carlos gobernou sen un Parlamento, son coñecidos como os Once anos de Tiranía ou Lei persoal. Os historiadores que desexan ser imparciais refírense simplemente a este período como o seu goberno persoal. A tentativa de Carlos de gobernar sen o Parlamento non era ilegal baixo precedentes naquela época: constituíu un exercicio válido da prerrogativa real, aínda que debe ser observado que o que se consideraba legal en épocas anteriores pode tamén ser tiránico ante os ollos contemporáneos. Tal era o caso da tiranía de Carlos: con todo en épocas anteriores o seu goberno de feito sería considerado xusto e con todo dereito pola maioría dos ingleses a mediados do século XVII, e que foi considerado pola maioría dos seus súbditos como un exercicio de poder absoluto na súa calidade de soberano. De feito, os colonialistas americanos repetirían os mesmos cargos de tiranía (impostos sen a representación; privación do dereito de lei común; uso de torturas etc.) contra a coroa británica un século máis tarde na Revolución Americana.

Namentres, Carlos I aínda tivo que adquirir fondos para manter as súas arcas e solucionar o déficit monetario. Recorreu entón a un esquecido estatuto feudal decretado en 1278, requirindo a calquera persoa que gañase o 40% ou máis cada ano ao presente desde a coroación do rei, para formar parte do exército real como cabaleiro. Carlos multou (con iso obtivo os ansiados fondos) a todos os individuos que non puideron nin cumpriron co estatuto desde a súa coroación en 1626. Para maior impopularidade, reintroduciu o imposto feudal obsoleto coñecido como Imposto dos buques (en inglés shipmoney) aconsellado polo seu hábil político e ministro Thomas Wentworth, conde de Strafford. Nunha ordenanza publicada en 1634 pediu a recadación do imposto de buques en tempos de paz, a pesar de que os estatutos de Eduardo I e de Eduardo III prohibiran tal imposto excepto durante as guerras. Esta primeira ordenanza de 1634, con todo, non animou moita oposición en argumentos legais, como a que causou unha segunda ordenanza no ano 1635. O imposto de buque esixido na terceira ordenanza de Carlos I, publicada en 1636, foi duramente debatida pola antiga prohibición de recoller o imposto de buque durante tempo de paz. Moitos dos xuíces procuraron oporse ao pagamento, pero Carlos I, que tiña nas súas mans os seus arrendamentos, dependeu do seu "bo parecer" e declararon que o imposto estaba dentro da prerrogativa do rei. Este imposto fora aplicado durante as invasións danesas e por el obrigaba aos pobos costeiros a entregar barcos para defender o territorio. Carlos I decidiu aplicar novamente o antigo gravame, pero esta vez extensivo a todo o territorio. Un nobre chamado John Hampden, negouse a pagalo, pero foi sometido a proceso e condenado á confiscación dos seus bens (1637). O pobo seguiu atentamente o xuízo e a sentenza final espertou novos odios contra a Coroa, que violaba sen miramentos a Carta Magna e a Declaración de Dereitos.

Política relixiosa

editar
 
Alegoría satírica de Carlos I como mártir da causa cristiá, publicado en 1649, ano da súa execución.

A desconfianza ante a política relixiosa de Carlos viuse aumentada pola controversia que rodeaba ao eclesiástico Richard Montagu. Nun panfleto, Montagu discutiu en contra dos ensinos de Xoán Calvino, atraéndose inmediatamente o desprestixio entre os puritanos. Un membro puritano da Cámara dos Comúns, John Pym, atacou o panfleto de Montagu durante unha discusión no Parlamento, o que motivou que Montagu solicitase a axuda de Carlos I nun folleto titulado "Appello Caesarem" ("Apelo ao César", unha referencia á súplica contra a persecución xudía feita polo Apóstolo San Paulo). Carlos I ofreceu ao clérigo a súa protección, provocando que moitos puritanos se volvesen hostís cara a el.

Ao mesmo tempo, a reforma relixiosa foi conducida por William Laud, elevado ao rango de arcebispo de Canterbury en 1633. Laud procurou asegurar uniformidade relixiosa despedindo ao clero non conformista e clausurando organizacións puritanas, de tal modo que estaba violando a liberdade de conciencia do home libre e común. Para castigar aos que rexeitaron conformarse coas normas relixiosas establecidas pola igrexa de Inglaterra utilizou as máis temidas e arbitrarias cortes do reino, a Corte de Alta Comisión e a Corte da Cadeira de Estrela. A primeira podía obrigar a individuos a que provesen testemuño contra un mesmo, mentres que na segunda podía impoñer calquera castigo (incluíndo tortura), coa excepción única da morte.

É destacable que a anarquía da Corte da Cadeira de Estrela durante o goberno persoal de Carlos excedeu amplamente a calquera dos seus precursores. Baixo o reinado de Carlos, os demandados foron levados ante devandita corte sen unha acusación, como o marcaba o proceso debido na lei, así como o dereito de enfrontarse ás testemuñas, e os seus testemuños foron extraídos rutineiramente polos membros de devandito tribunal con longas torturas.

Os primeiros anos da Tiranía dos Once Anos foron marcados pola paz (garantida polo que esencialmente era un estado policial) en Inglaterra. Moitos opuxéronse aos varios impostos de Carlos e a política relixiosa de Laud, pero permaneceron baixo o control do réxime. Cando, con todo, Carlos procurou impor as súas políticas relixiosas en Escocia, tivo que enfrontarse a numerosas dificultades. O rei pediu o uso dun libro novo de oracións baixo o modelo do inglés Libro do Crente Común, que, aínda que foi apoiado polos bispos escoceses, foi rexeitado por moitos escoceses presbiterianos, que viron o libro novo como un vehículo para introducir o Anglicanismo en Escocia. Cando a Asemblea Xeral da Igrexa de Escocia suprimiu o goberno episcopalista (é dicir, goberno da igrexa polos bispos) en 1638, substituíndoo polo goberno presbiteriano (é dicir, goberno dos anciáns e dos diáconos), Carlos tratou de desbaratar o que viu como rebelión contra a súa autoridade.

En 1639, cando explotou a Primeira Guerra dos Bispos, intentou recadar impostos dos seus súbditos, pero eles rexeitaron dar máis diñeiro. A guerra de Carlos terminou nunha tregua humillante en xuño do mesmo ano. Na Paz de Berwick, Carlos acordou conceder aos seus súbditos escoceses liberdades civís e eclesiásticas.

O "Parlamento curto" e o "Parlamento longo"

editar
 
Retrato ecuestre de Carlos I co señor de Saint Antoine, por Anton van Dyck, representación do poder absoluto a que aspiraba o rei inglés.

As disputas con respecto á interpretación do tratado da paz entre Carlos e a igrexa de Escocia conduciron novamente a outro conflito. Para someter os escoceses, Carlos necesitou máis diñeiro; polo tanto, tomou a perigosa medida de reunir ao Parlamento en abril de 1640. Aínda que Carlos ofreceu derrogar o imposto de buque, a Cámara dos Comúns mostrouse inamovible. Esixiu a discusión de varios abusos de poder durante o seu goberno persoal. Mentres que o Parlamento estaba tomando forza rapidamente, foi disolto en maio de 1640, menos dun mes despois de que fose convocado; así, este parlamento foi coñecido como o "Parlamento curto".

Namentres, Carlos intentou derrotar aos escoceses, pero fallou estrepitosamente. O humillante tratado de Ripon, asinado logo da Segunda Guerra dos Bispos en outubro de 1640, requiriu ao rei pagar os custos do exército escocés contra o que acababa de loitar. Carlos tomou a infrecuente medida de convocar o Magnum concilium, o antigo consello de todos os pares do reino, que eran considerados os conselleiros hereditarios do rei. O Magnum concilium non fora convocado en séculos, e non se convocou durante o reinado de Carlos. Neste consello dos pares, Carlos convocou ao Parlamento de novo, que, en contraste coa anterior vez, denominouse Parlamento longo.

O "Parlamento longo" reuniuse en novembro de 1640 baixo a dirección de John Pym, e mostrouse tan difícil de negociar como o "Parlamento curto". O Parlamento emprendeu medidas que ameazaron a posición política de Carlos. Os membros conservadores da Cámara dos Comúns defendían ao rei, a Igrexa e o goberno parlamentario contra innovacións determinadas innovacións na relixión e a tiranía dos cortesáns de Carlos. Con todo, as súas actitudes fixeron que Carlos vise a moitos deles como rebeldes perigosos que intentaban minar o goberno tradicional. Por exemplo, Carlos non puido oporse ás demandas para a execución do seu conselleiro Thomas Wentworth, I conde de Strafford, (12 de maio de 1641).

Para evitar que o rei o volvese disolver á súa enteira vontade, o Parlamento aprobou a Lei Trienal, á que lle foi concedido o asentimento real en febreiro de 1641. A Lei requiría que o Parlamento debese ser convocado polo menos unha vez cada tres anos, e que cando o rei non puidese publicar o lugar apropiado, os membros poderían reunirse por si mesmos. En maio, Carlos I consentiu unha Lei de maior envergadura, que era a condición de que o Parlamento non podería ser disolto sen o seu propio consentimento. Carlos foi forzado a unha concesión tras outra. Accedeu en autorizar as execucións de Thomas Wentworth e logo a de William Laud (10 de xaneiro de 1645). Ademais, foi forzado a declarar que o diñeiro de buque e outros impostos eran ilegais, e as odiadas Cortes da Cadeira de Estrela e da Alta Comisión foron suprimidas. Aínda que o rei fixo varias concesións importantes, Carlos mellorou a súa propia posición militar asegurando o favor dos escoceses. Finalmente conveu no establecemento oficial do presbiterianismo en Escocia; en contrapartida, podía alistar unha considerable axuda antiparlamentaria.

 
A raíña Henriqueta María fuxiu ao estranxeiro en 1642 cando a oposición parlamentaria a Carlos I recruouse. Non volvería nunca máis a Inglaterra.

En novembro de 1641, a Cámara dos Comúns aprobou o Grand Remonstrance, que era nada menos que unha lista de denuncias contra todos os abusos de poder nos que Carlos incorrera desde o principio do seu reinado. A tensión viuse aumentada cando os irlandeses rebeláronse contra o dominio inglés protestante e os rumores da complicidade de Carlos chegaron ao Parlamento. Armouse un exército para esmagar a rebelión, pero moitos membros da Cámara dos Comúns temeron que Carlos puidese utilizalo máis adiante contra o mesmo Parlamento. A Conta da Milicia foi pensada para poder controlar desta forma o exército do rei, pero Carlos rexeitou dar o seu consentimento pois consideraba que era unha diminución dunha parte importante da súa prerrogativa real.

A Cámara dos Comúns entón ameazou con acusar á raíña católica, Henriqueta María de Francia, o que finalmente obrigou ao rei a tomar unha acción desesperada. A súa esposa persuadiuno para que arrestase a cinco membros da Cámara dos Comúns que eran os líderes da facción de anti-Estuardo baixo o cargo de alta traizón, pero, cando o rei xa tomara a súa decisión, ela incorreu no erro de informar a un amigo que á súa vez alertou ao Parlamento. Carlos entrou na Cámara dos Comúns cunha forza armada o 4 de xaneiro de 1642, pero atopou que os seus opositores xa se escaparan. Violando ao Parlamento cunha forza armada, Carlos creou unha brecha permanente entre ambos os poderes. Moitos no Parlamento pensaron que as accións de Carlos eran indignantes, pero outros tiñan sentimentos similares sobre as accións do mesmísimo Parlamento. Varios membros da Cámara dos Comúns fóronse para unirse ao partido realista, deixando aos opositores do rei cunha maioría. Xa non era seguro que Carlos permanecese en Londres, e decide marchar ao norte a levantar un exército contra o Parlamento; a raíña, namentres, parte ao estranxeiro a recadar diñeiro para poder pagar ao exército. Os reis non volverían verse nunca máis.

A Revolución inglesa

editar

A Revolución inglesa aínda non comezara, pero ambos os lados comezaron a armarse. Logo de vas negociacións, Carlos levantou o estandarte real (un xesto medieval anacrónico) en Nottingham o 22 de agosto de 1642. Entón instalou a súa corte en Oxford, desde onde tiña o control sobre o norte e o oeste de Inglaterra, mentres que o Parlamento tiña o control de Londres e do sur e leste do país. Carlos levantou ao exército usando o método arcaico da Comisión do Arsenal. A Guerra Civil Inglesa comezou o 25 de outubro de 1642 coa batalla de Edgehill -que quedou inconclusa- e continuou indecisamente entre 1643 e 1644, ata que a batalla de Naseby inclinou o equilibrio militar de xeito decisivo en favor do Parlamento. Seguiron unha gran cantidade de derrotas para os realistas, que terminaron co sitio de Oxford, de onde Carlos logra escapar en abril de 1646. Entón entregouse ao exército presbiteriano escocés en Newark-on-Trent, e foi levado ao próximo poboado de Southwell, mentres que os seus "anfitrións" decidían que facer con el. Os presbiterianos finalmente chegaron a un acordo co Parlamento e entregáronlle a Carlos en 1647. Encarcerárono en Holdenby House en Northamptonshire, ata que o corneta George Joyce levouno pola forza a Newmarket en nome do Novo Exército Modelo. Naquel momento, a suspicacia mutua desatouse entre o Novo Exército Modelo e o Parlamento, e Carlos estaba impaciente de explotala ao seu favor.

 
Pintura de Eugène Lami que plasma o traslado do rei ao castelo de Carisbrooke, última morada antes de ser axuizado

Carlos foi entón trasladado a Oatlands e logo a Hampton Court, onde viuse envolvido en novas negociacións a título persoal pero igualmente infrutuosas. Persuadíronlle de que sería mellor para el escapar —quizais ao estranxeiro, a Francia onde se atopaba a súa muller, ou quizais baixo a custodia de Robert Hammond, gobernador parlamentario da illa de Wight. Carlos decidiuse pola última opción, crendo que Hammond era un realista, e fuxiu o 11 de novembro. Hammond, con todo, traizoou ao rei, e confinouno no castelo de Carisbrooke.

Desde Carisbrooke, Carlos continuou intentando pactar cos diferentes partidos para evitar un fin tráxico, e eventualmente entrou en negociacións cos presbiterianos escoceses, aceptando o establecemento do presbiterianismo tanto en Inglaterra como en Escocia por un período de proba. Os realistas levántanse en armas en xullo de 1648, e os escoceses invadiron o país, comezando a chamada Segunda Guerra Civil. Derrotaron aos exércitos escoceses, con todo, uns meses máis tarde, e a derrota final para Carlos chega na batalla de Preston (17-19 de agosto de 1648).

Caída e execución de Carlos I

editar

Carlos foi trasladado ao castelo de Hurst a finais de 1648, e despois ao castelo de Windsor. En xaneiro de 1649, a Cámara dos Comúns -sen o consentimento do soberano ou da Cámara dos lords- convocou un acto parlamentario que creaba unha corte para o xuízo de Carlos. A idea era unha novidade absoluta; varios monarcas foran depostos, pero nunca foran levados a xuízo. O Alto Tribunal de Xustiza establecido para o proceso consistiu en 135 comisionados (todos eles firmes parlamentarios); a acusación quedou ao cargo do Fiscal Xeral John Cook.

 
Gravado alemán de 1649 que reflicte a decapitación de Carlos I de Inglaterra

O xuízo do rei (baixo os cargos de alta traizón e de "outros altos crimes") comezou o 2 de xaneiro, pois Carlos rexeitara elevar unha súplica, alegando que ningunha corte tiña xurisdición sobre un monarca. Cría que a súa propia autoridade para gobernar foille dada por Deus cando o coroaron e foi unxido. A corte propúñase declarar que Non hai home sobre a Lei. Durante unha semana, pediron tres veces a Carlos que solicitase a súplica, pero el rexeitouno en tódalas ocasións. Era entón práctica normal tomar unha denegación a súplica como pro-confesso: unha admisión da culpabilidade, que significaba que durante o proceso non se podería chamar testemuñas ao seu caso. 49 dos comisionados asinaron a sentenza de morte por decapitación de Carlos, o 29 de xaneiro de 1649. Logo da lectura da condena, conducírono do palacio de St. James, onde o confinaron durante o seu xuízo, ao palacio de Whitehall, onde fora erixido o patíbulo para a execución diante da Banqueting House.

Carlos foi decapitado o 30 de xaneiro de 1649. Era práctica común que o verdugo levantase a cabeza do axustizado e a mostrase ao xentío coas palabras: "¡Miren a cabeza dun traidor!"; aínda que a cabeza de Carlos foi exhibida, non se usaron estas palabras. Nun xesto sen precedentes, un dos líderes revolucionarios, Oliver Cromwell, permitiu que a cabeza do rei fose cosida ao seu corpo para que desta forma a súa familia puidese renderlle os seus respectos. Enterraron a Carlos en privado a noite do 7 de febreiro de 1649, na cámara acoirazada de Henrique VIII na capela de St. George do castelo de Windsor. O fillo do rei, o futuro Carlos II, planeou máis adiante un mausoleo real, pero este nunca chegou a realizarse.

A morte de Carlos I implicou a venda de case todas as súas coleccións de arte para pagar aos acredores, o que deu lugar a unha das maiores febres do mercado da arte en Europa. Moitas das súas pinturas máis prezadas recalarían no Museo do Prado, aínda que outras foron recuperadas polos seus sucesores.

Análise do seu reinado

editar
 
Retrato triplo de Carlos I de Inglaterra por Anton van Dyck (1635), un rei con diferentes arestas.

O reinado de Carlos I foi tumultuoso debido á loita de poderes que sostivo co Parlamento. Carlos era un defensor acérrimo do dereito divino dos reis a gobernar. De boa presenza, impresionaba como un verdadeiro cabaleiro. Falaba con propiedade, gustaba da música e da pintura. Con todo, era pedante, desconfiado e moi mentireiro. Moitos en Inglaterra, polo tanto, temeron que procurase obter o poder absoluto. Houbo unha ampla oposición a moitas das súas accións, especialmente a creación de impostos sen o consentimento do Parlamento. Esta foi unha das moitas manifestacións do descontento popular contra unha monarquía absoluta que pretendeu levar Carlos I.

Na súa política relixiosa, Carlos creu nunha versión sacramental da Igrexa de Inglaterra, chamada Alto Anglicanismo, cunha teoloxía baseada no Arminianismo, unha crenza compartida polo seu conselleiro político principal, o arcebispo de Canterbury, William Laud. Laud foi designado arcebispo por Carlos en 1633 e comezou unha serie de reformas na Igrexa para facela máis cerimonial, comezando coa substitución das táboas de madeira da comuñón polos altares de pedra. Isto era abertamente hostil ás tendencias reformistas de moitos dos seus súbditos ingleses e escoceses. A súa política era contraria á teoloxía calvinista, e insistiu en que a liturxia da Igrexa de Inglaterra fose celebrada con todas as cerimonias e vestiduras nomeadas polo chamado Libro do Rezo Común. Moitos dos seus súbditos pensaron que con estes cambios o anglicanismo achegábase demasiado ao catolicismo. Con todo, Carlos I é a única persoa que foi canonizada pola Igrexa de Inglaterra, desde a Restauración inglesa.

Os últimos anos do reinado de Carlos I estiveron marcados pola Guerra Civil Inglesa; viuse enfrontado ás forzas do Parlamento (que se opuxo con tenacidade ás súas tentativas de aumentar o seu poder) e aos puritanos (quen eran contrarios á súa política relixiosa). A guerra terminou coa derrota de Carlos, que foi axuizado, condenado e executado posteriormente baixo o cargo de alta traizón. A monarquía foi abolida e restableceuse a República. Co tempo, este réxime deveu cada vez máis dependente do exército e converteuse nunha ditadura militar, dirixida por Oliver Cromwell. Varios factores tanto políticos como socioeconómicos conduciron ao seu colapso final. O fillo de Carlos, Carlos II, restaurou a monarquía en 1660.


Predecesor:
Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra
 Rei de Inglaterra, Irlanda e Escocia 
1625 - 1649
Sucesor:
Oliver Cromwell

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar