O xenocidio é a destrución metódica dun grupo nacional, étnico, racial, político ou relixioso e que segundo o dereito internacional, tal como establece a Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio de 1948 recollida no Estatuto da Corte Penal Internacional de 1998, consiste na comisión, por funcionarios do Estado ou particulares, de actos coa intención de destruír, total ou parcialmente, a un grupo nacional, étnico, racial ou relixioso. Estes actos comprenden a morte e lesión graves á integridade física ou moral dos membros do grupo, o exterminio, a adopción de medidas destinadas a impedir os nacementos no grupo ou o traslado forzoso de nenos.

Vítimas do xenocidio armenio.

Evolución histórica editar

A palabra xenocidio foi creada por Raphael Lemkin, xudeu de Polonia, en 1944, das raíces genos (termo grego que significa familia, tribo ou raza) e -cidio (do latín -cidere, forma combinatoria de caedere, matar). Lemkin quería referirse con este termo ás matanzas por motivos raciais, nacionais ou relixiosos. Loitou para que as normas internacionais definisen e prohibisen o xenocidio.

O Acordo ou Carta de Londres do 8 de agosto de 1945, que estableceu o Estatuto do Tribunal de Nuremberg, definiu como «crimes contra a humanidade» os asasinatos e outras agresións contra calquera poboación civil ou as persecucións por motivos políticos, raciais ou relixiosos. En 1946, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas confirmou os principios de Dereito internacional recoñecidos polo Estatuto do Tribunal e proclamou a resolución 96 (I) sobre o crime de xenocidio, que define como «unha negación do dereito de existencia a grupos humanos enteiros», entre eles os «raciais, relixiosos ou políticos», instando a tomar as medidas necesarias para a prevención e sanción deste crime.

Esta resolución cristalizou na Convención para a Prevención e Sanción do Delito de Xenocidio, adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa resolución 260 A (III), do 9 de decembro de 1948, e que entrou en vigor en 1951.

A definición de xenocidio plasmada na Convención de 1948 foi acollida no artigo 4 do Estatuto do Tribunal Penal Internacional para a antiga Iugoslavia, de 1993, o artigo 2 do Estatuto do Tribunal Penal Internacional para Ruanda, de 1994, e o artigo 6 do Estatuto de Roma, de 1998, polo que se creou a Corte Penal Internacional.

Regulación xurídica editar

Segundo o disposto pola Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio, enténdese por xenocidio calquera dos seguintes actos perpetrados coa intención de destruír, total ou parcialmente, a un grupo nacional, étnico, racial ou relixioso:

  • Matanza de membros do grupo;
  • Lesión grave á integridade física ou mental dos membros do grupo;
  • Sometemento intencional do grupo a condicións de existencia que leven a súa destrución física, total ou parcial;
  • Medidas destinadas a impedir os nacementos no seo do grupo;
  • Traslado por forza de nenos do grupo a outro grupo.

Xunto ao xenocidio castíganse outros delitos, como a asociación para cometer xenocidio, a instigación directa e pública, a tentativa e a complicidade.

As persoas acusadas de xenocidio serán xulgadas, de acordo co artigo 6 da Convención, nun tribunal competente do territorio onde se cometeu o delito. Porén, xurdiu paralelamente un dereito consuetudinario polo que os tribunais de calquera Estado poderían xulgar casos de xenocidio, aínda que fosen cometidos por non nacionais e fóra do seu territorio. Tamén a Corte Penal Internacional pode coñecer deste delito, a condición de que sexa competente por recoñecerse na súa xurisdición.

A Convención afirma que é irrelevante que o acusado sexa gobernante, funcionario ou particular e declara que, para os efectos de extradición, non se considerará ao xenocidio como delito político.

Controversia sobre o alcance do concepto editar

Debateuse moito sobre o sentido e alcance da palabra xenocidio. Non se trata de algo relacionado coa guerra, pois, segundo Karl von Clausewitz, a fin da guerra é desarmar ao inimigo, non exterminalo. O xenocidio ou asasinato en masa tamén se diferenza do asasinato en serie, que consiste no asasinato sucesivo e periódico de persoas illadas, mentres que o xenocidio é «unha negación do dereito de existencia a grupos humanos enteiros», de acordo coa Asemblea Xeral de Nacións Unidas. O xenocidio ten, neste sentido, un carácter masivo, polo que con frecuencia necesita da colaboración efectiva dunha estrutura social.

Algunhas das críticas ao alcance do concepto de xenocidio céntranse no feito de que non se considere como tal máis que os actos realizados contra grupos nacionais, étnicos, raciais e relixiosos, e non os realizados por outros motivos, como os sociais ou políticos. Aínda que o borrador inicial da Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio contemplaba e estendía a definición de xenocidio a estas matanzas, posteriormente eliminouse a referencia ante a necesidade de contar co apoio do bloque comunista (representado maioritariamente pola URSS), que obxectou esta acepción.

Esta restrición do concepto, afirman estas voces, pode significar a expiación de gobernos totalitarios que durante o século XX chegaron a matar a máis de 100 millóns dos seus propios cidadáns. En todo caso, estes actos poderían cualificarse como crimes de lesa humanidade, constitutivos de delito internacional de acordo co artigo 7 do Estatuto da Corte Penal Internacional.

Pode afirmarse que houbo xenocidios a consecuencia de choques culturais, coma o provocado polas potencias europeas durante a Conquista de América, dende o século XV en diante.

Discútese se pode definirse como xenocidio a:

  • O uso de armas de destrución masiva por gobernantes.
  • O uso excesivo da forza contra civís indefensos.
  • O asasinato político de masas, como ocorre co terrorismo político e relixioso clandestino ou o terrorismo de estado.
  • Os actos realizados por gobernantes elixidos democraticamente, nese caso fálase de pobos reos da Humanidade.

Véxase tamén editar