Secondina Cesano

numismática italiana

Secondina Lorenza Eugenia Cesano, nada o 16 de febreiro de 1879 en Fossano, provincia de Cuneo, e finada o 13 agosto de 1973 en Roma, foi unha numismática e erudita italiana. Esta científica e investigadora foi profesora de Numismática na Universidade de La Sapienza, secretaria do Instituto Italiano de Numismática e colaboradora da Enciclopedia Treccani.[1]

Secondina Cesano
Secondina L. Cesano.png
Secondina Cesano na década de 1920
Datos persoais
Nacemento16 de febreiro de 1879
LugarFossano.
Regione-Piemonte-Stemma.svg Piemonte.
Italia Italia
Falecemento13 de agosto de 1873
LugarInsigne Romanum coronatum.svg Roma
Italia Italia
NacionalidadeItaliana
Actividade
CampoNumismática
Alma máterUniversidade de Roma La Sapienza
Contribucións e premios
Coñecido porDirección da colección numismática do Museo nacional Romano.
Influído porEttore De Ruggiero
Influíu enFranco Panvini Rosati
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Secondina Cesano naceu en Fossano filla de Carlo Emilio Cesano e de Cristina Bianchi.[1] Formou parte das primeiras mulleres italianas admitidas na Universidade de Roma en 1902, onde se graduou da man do historiador e filólogo Ettore De Ruggiero.[1]

Nese mesmo ano gañou o concurso de acceso ao Museo Nacional Romano, onde se lle asignou, pola súa intensa preparación histórica e numismática, a responsabilidade de organizar e sistematizar a colección de moedas e medallas que se conformara, procedente de achados numismáticos. A moeda da Antiga Roma convertérase naqueles anos nun obxecto dos estudos e das coleccións en toda Italia, en particular das pezas provenientes das escavacións dos novos barrios da cidade de Roma, que daquela se estaban a construír inmediatamente fóra da Muralla Aureliana, e tamén dos traballos de construción dos muros no Tíber.[1]

En 1907 accedeu á docencia de Numismática na universidade romana de La Sapienza. En 1912 converteuse nunha das fundadoras o Instituto Italiano de Numismática e en membro electo da súa xunta directiva, que estaba presidida polo arqueólogo Paolo Orsi (1859-1935). En 1920 pasou a ocupar o posto de secretaria do Instituto.[1]

Continuando o seu traballo no gabinete numismático do Museo Nacional Romano, logrou darlles estabilidade ás coleccións e sumou as provenientes dos coleccionistas Hartwing (1910) e Edoardo Martinori (1913), e a do antigo Museo Kircheriano (1913), que se fundara en 1651 e cuxos contido ficara disperso logo da supresión da Compañía de Xesús en 1773.[1][2]

Despois da I Guerra Mundial retomou o seu ensino en La Sapienza, aínda que novamente se viu obrigada a interrompelo o ano seguinte por problemas de saúde. Tras reporse, continuou a compatibilizar a dirección da colección de moeda romana coa actividade docente, que proseguiu ata 1950, e realizou tarefas de inspección noutras coleccións de moeda romana de titularidade pública. En 1924 encomendóuselle organizar as coleccións numismáticas do Museo de Rávena, e entre 1926 e 1927 ocupouse en diversas misións numismáticas en Milán, Trento, Ancona, Reggio Calabria e Lecce. No caso da Colección Piancastelli, elaborou un nutrido catálogo dotado dun repertorio fotográfico excepcional para aquela época.[1]

Por mor da súa sólida preparación histórica e epigráfica, ademais de escribir algunhas das páxinas fundamentais no Dizionario epigrafico di antichità romane, puido achegarlle á disciplina un carácter autónomo, ao mesmo tempo que servía de apoio tanto á reconstrución histórica como á investigación arqueolóxica, concibindo a análise das moedas como un labor fundamental para o coñecemento dos títulos e da iconografía imperiais. Vixiante e crítica con respecto a algunhas adquisicións pouco rigorosas, identificou como o maior problema do sector a propagación das actividades dos falsificadores.[3]

A principal contribución de Secondina Cesano á numismática radica na descrición detallada dos tesouros e os achados monetarios en Italia na primeira metade do século XX e tamén en ter logrado salvar as coleccións do Museo Nacional do espolio do exército alemán durante a ocupación despois do 8 de setembro de 1943. Malia isto, sufriu críticas infundadas e fortes na súa idade madura por parte de colegas máis novos, que a illaron e non recoñeceron a súa grande capacidade de traballo e a súa sólida preparación científica. Pola contra, foi moi recoñecida internacionalmente e recibiu invitacións para formar parte de organismos científicos internacionais.[3]

No catálogo da American Numismatic Society atópanse máis de 70 títulos ao seu nome, e a nota biográfica escrita polo seu alumno Franco Panvini Rosati recolle máis dun cento.[3]

Obras máis salientablesEditar

Esta é unha escolma das monografías máis representativas da traxectoria de Secondina Cesano:[4]

  • (1904): L'Africa romana. Albrighi. Roma (con Adolf Schulten e Dante Vaglieri). Albrighi, Segati. Roma.
  • (1908). Il denarius e la usura nel tempo costantiniano. Accademia dei Lincei. Roma.
  • (1912). Victoriati nummi : nuovi ripostigli di Vittoriati. Cogliati. Milán.
  • (1915) Il medagliere dell'ex-Museo Kircheriano. Parte I, Monete fuse. Roma.
  • (1917). Note sulla cronologia di alcuni denari della Repubblica romana. Istituto Italiano di Numismatica.
  • (1921): Gli antoniani della riforma aurelianea ed il ripostiglio di Antiochia di Pisidia. Istituto di Numismatica. Roma.
  • (1925). Il Ducato Nuovo con l'Arme di Papa Eugenio 4. e il ripostiglio di Terni. Istituto Italiano Numismatia. Roma.
  • (1925). La collezione di monete romane Francesco Gnecchi. Museo Nazionae Romano. Roma.
  • (1925). L'oro in Italia nell'età di mezzo e nell'Evo moderno. Istituto Italiano di Numismatica. Roma.
  • (1925). Monetazione aurea dei Normanni d'Italia e di Sicilia. Istituto Italiano di Numismatica. Roma.
  • (1925). Nuovi ripostigli di denari di argento dell'Impero Romano. Istituto Italiano di Numismatica. Roma.
  • (1926). La sfinge sulle monete antiche e sull'anello-sigillo di Augusto. Sansaini. Roma.
  • (1926). Tipi monetali etruschi. Sansiani. Roma.
  • (1928). I dioscuri sulle monete antiche : saggio di tipologia monetale antica. Roma.
  • (1928): Santa Marinella (civita vecchia) : Ripostiglio di "aes signatum" e di "aes grave". G. Bardi. Roma.
  • (1930). Ripostiglio di aurei imperiali rinvenuto a Roma. Cuggiani. Roma.
  • (1930). Sesterzio unico ed inedito dell'imperatore Ottone. Roma.
  • (1932): Monetazione e circolazione sul suolo dell'antica Albania. Istituto Italiano di Numismatica. Roma.
  • (1934). Il medagliere del Museo Nazionale Romano : seconda relazione. Istituto Italiano di Numismatica. Roma.
  • (1934): Monete etrusche inventate e imitate. Istituto Italiano di Numismatica. Roma.
  • (1938). Numismatica Augustea. Istituto di Studi Romani. Roma.
  • (1957). Catalogo della collezione numismatica di Carlo Piancastelli. Istituti Culturali e Artistici Fondo Piancastelli. Forlí.

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "CESANO, Secondina Lorenza Eugenia". En Parise, N. (1980).
  2. "La raccolta del Museo Kircheriano". Museo Nazionale Etruisco di Villa Giulia.
  3. 3,0 3,1 3,2 Panvini Rosati, F. (1973).
  4. "Cesano, Secondina Lorenzina" e "Cesano, Secondina L.".. En WorldCat.

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

BibliografíaEditar

  • Parise, N. (1980). Dizionario Biografico degli Italiani. Volume 24. Istituto dell'Enciclopedia Italiana Treccani. Roma.
  • Panvini Rosati, F. (1973). Ricordo di S. L. Cesano. Istituto Italiano di Numismatica. Annales Vol. 20.