Doenza

condición anormal que afecta o corpo dun organismo

Unha doenza[1] ou enfermidade[2] é unha condición anormal que afecta ó corpo dun organismo. A miúdo é interpretada como unha condición médica asociada a uns síntomas e sinais específicos. Pode ser causada por factores procedentes dunhas fontes externas, como as enfermidades infecciosas, e poden causar dor, disfunción, malestar, problemas sociais ou a morte á persoa aflixida. No senso máis amplo, tamén se inclúen feridas, discapacidades, desordes, síndromes, infeccións, síntomas illados, desviación do comportamento, e variacións atípicas de estruturas e funcións, mentres que noutros contextos e para outros propósitos son consideradas noutras categorías. As doenzas adoitan afectar ás persoas non só fisicamente, senón tamén emocionalmente, xa que poden alterar a perspectiva da vida e a personalidade das persoas.

Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Imaxe microscópica da Mycobacterium tuberculosis, unha bacteria patóxena infecciosa que é a principal causante da tuberculose.

Existen catro tipos principais de doenzas: doenzas patóxenas, doenzas de discapacidade, doenzas hereditarias e doenzas psicolóxicas. Tamén poden ser clasificadas como transmisibles e non transmisibles. A doenza máis común do mundo é doenza das enxivas que afecta a 3 de cada 4 persoas.[3] A doenza máis mortal do mundo é a doenza isquémica do corazón (obstrución da circulación do sangue),[4] seguida polas cerebrovasculares e as infeccións das vías respiratorias.[5]

A morte causada por unha doenza é chamada morte por causas naturais. O estudo das doenzas denomínase patoloxía, mentres que a medicina é un corpus do coñecemento máis amplo, abranguendo tanto o coñecemento das enfermidades como o seu tratamento.

Definición e termos relacionados

editar

O concepto de doenza é unha aproximación que orienta sobre o tipo de problema de saúde en cuestión, e axuda no seu entendemento. Toda doenza ten un compoñente conceptual que a categoriza, e proporciona un punto de referencia para identificar que pode ter en común ou diferenciarse unha entidade nosolóxica doutra.

Diferenza entre doenza e outros termos

editar

Por definición, existe unha soa doenza, pero a caracterización e identificación de variados procesos e estados diferentes da saúde levou á discriminación dun universo de entidades distintas (entidades nosolóxicas), moitas delas entendidas estritamente como enfermidades pero outras non (cf. síndrome, entidade clínica e trastorno). Deste xeito, as enfermidades e procesos sucedáneos e análogos, son entendidas como categorías determinadas pola mente humana.

Fitopatoloxía e medicina veterinaria

editar

As enfermidades que afectan ás plantas concirnen á fitopatoloxía, e as patoloxías que afectan ós animais son dominio da ciencia veterinaria. A doenza humana é o núcleo organizador da ciencia médica, pois gran parte do coñecemento médico está orientado cara a enfermidade e a súa solución.[6]

Patoloxía humana e nosoloxía

editar

Estritamente, as doenzas son obxecto de estudo da patoloxía (do grego παθος: 'afección', 'sufrimento'), póla da medicina que investiga as características propias de cada entidade, os seus compoñentes e o proceso que desenvolven, en relación coa evidencia morfofisiolóxica que se imprime na bioloxía do organismo enfermo. Porén, é a nosoloxía a disciplina encargada de gobernar a definición e clasificación das diversas doenzas segundo unha normativa baseada na caracterización e identificación dos compoñentes e funcións que definen cada entidade nosolóxica como algo único e discernible do resto. Así, son estudadas nun contexto máis amplo, comparativo e sistemático, dentro dun esquema global da patoloxía.

Nomenclatura

editar

Para denominar unha doenza, como regra xeral, especifícase a parte do corpo afectada, seguida dun sufixo que indica a etiopatoxenia do problema de saúde.

Exemplos:

  • tendinite: tendón (estrutura anatómica lesionada) + "-ite" (indica proceso inflamatorio).
  • artrose: articulación (estrutura anatómica lesionada) + "-ose" (indica proceso dexenerativo).
  • osteoma: óso (estrutura anatómica afectada) + "-oma" (indica que se desenvolveu unha masa ou tumor).

Algunhas enfermidades levan o nome de quen as descubriu ou describiu por vez primeira; son os denominados epónimos, como é o caso da doenza de Alzheimer e a doenza de Parkinson

Aínda que coloquialmente se emprega moito nese senso, a palabra patoloxía non é sinónimo de 'enfermidade', xa que fai referencia a unha disciplina, e non ó nome das enfermidades.[7]

Definición de doente

editar
 
«Ekstatische Jungfrau Katharina Emmerich» de Gabriel von Max (1885).

Un doente é un ser humano que padece unha enfermidade, sexa consciente ou non do seu estado. Joan Riehl-Sisca define o rol do doente como «a posición que asume unha persoa cando se sente enferma». A forma na que un individuo percibe a saúde e a enfermidade é un fenómeno complexo e particular de como este reacciona en conxunto e se enfronta á situación en diferentes dimensións da súa personalidade. Así, cada persoa vivirá a experiencia de saúde-enfermidade de xeito diferente e isto condicionará o significado que lle dea a tales experiencias.[8]

En 2019 a Organización Mundial da Saúde (OMS) estableceu o día 17 de setembro como o Día Mundial da Seguridade do Paciente, co obxectivo de concienciar á sociedade e mellorar a seguridade do paciente e reducir os danos causados durante o tratamento [9].

Experiencia da enfermidade

editar

A experiencia da enfermidade é a vivencia dun proceso que implica cambios ou modificacións dun estado previo. Divídese en cinco etapas:

  1. Fase I, na que se experimenta o síntoma.
  2. Fase II, na que se asume o papel de doente.
  3. Fase III, na que se toma contacto co axente de saúde.
  4. Fase IV, na que o doente se fai dependente do servizo de saúde.
  5. Fase V, na que ten lugar a rehabilitación, recuperación ou aceptación do estado de enfermidade se este é crónico.

Conduta de enfermidade

editar

En xeral, as «persoas enfermas» actúan dunha forma especial fronte o seu estado; os sociólogos médicos chaman conduta de enfermidade a tal modificación na actitude. A conduta de enfermidade implica como o doente controla o seu organismo, define e interpreta os seus síntomas, adopta accións e fai uso do sistema sanitario. Existe unha gran variabilidade na forma na que as persoas reaccionan fronte á enfermidade, tanto a propia como a allea. Porén, a manifestación da conduta de enfermidade pode usarse para controlar as adversidades da vida. A conduta de enfermidade pode converterse en anómala cando é desproporcionada respecto ó problema e a persoa persiste no papel de doente.

Exemplos

editar
 
Enfermeira atendendo a un doente de COVID-19 na UCI.

Como exemplos de enfermidades poden citarse:

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar