Abrir o menú principal

Coordenadas: 42°20′1.18″N 7°12′52.29″O / 42.3336611, -7.2145250

A ponte do Bibei é unha ponte romana en arco de medio punto pola que a estrada OU-636 atravesa o río Bibei. Está situada entre a parroquia de Mendoia (Nosa Sra. da Concepción), concello da Pobra de Trives e o concello de Quiroga. Xunto coa do Freixo, é a ponte romana mellor conservada de Galiza.[1][2]

Ponte do Bibei
Bibeyromanbridge.jpg
Localización
RíoBibei
ConcelloA Pobra de Trives - Quiroga
ProvinciaOurense - Lugo
Características
ConstruciónArredor ao 115 d.C.
Lonxitude75 metros
Ancho6,5
TipoEn arco
MaterialPedra
Columna fundacional da ponte e miliario de Tito, situados na marxe esquerda da ponte.

Índice

CaracterísticasEditar

A ponte componse de tres arcos cuxas luces son de 6,09 m (lado oeste), 18,51 m (central) e 8,77 m (lado leste) respectivamente (20, 62, 29 en pés romanos).[3] A luz do arco central está determinada pola profundidade do río á altura do piar leste, xa que tería sido necesaria a cimentación a maior profundidade no caso dunha menor luz.[1]

É unha ponte ancha, de 6,5 m,[2] mentres que a lonxitude total é de 75 m.[4] A súa altura dende o leito ao lecho ao arco central é de 22,5 m (4) suficiente para evitar as crecidas do río, que hai no lugar.[1]

Os piares mostran a estrutura de fábrica Opus quadratum[1] de cantería granítica almofadada.[3] As canterías están traballadas e apiadas sen xuntas nin cuñas, co que se consegue unha resistencia parecida á da propia pedra. As rochas están grampadas entre si con espigos de maderoa dura ou ferro, para darlles máis resistencia.[5] As pías teñen tallamares triangulares aguas enriba rematados por uns sombreretes que se engadiron en 1861 con motivo dunhas reformas.[4]

Nos lados do río construíronse senllos muros de contención de 9 metros de lonxitude (beira Oeste) e 17 metros (beira Leste). A cornixa actual, formada polo voadizo dunha fiada de perpiaños a soga, é moderna.[2]

HistoriaEditar

A ponte construíuse para o paso da Vía Nova ou vía XVIII do itinerario de Antonino[1] cuxo trazado se finalizou a redor do ano 80 d.C.[2] Probablemente a ponte se levantase durante o mandato de Traxano (114-119 d.C.), dada a súa semellanza coa de Alcántara e diversas inscricións dedicadas ao emperador atopadas na zona.[4] Ao ser a data de construción posterior ao da Vía Nova, pénsase que a ponte actual se levantou sobre unha anterior da que nada quedou.[2]

Para a súa construción, elixiuse un lugar onde o río Bibei transcorre encaixado, sendo o leito bastante uniforme cunha profundidade de 3 metros. Neste punto a rocha aflora á superficie, o que permitiu unha boa cimentación.[2] a situación da ponte permitía á Vía Nova salvar os ríos Xares e San Lázaro, xa que estes afluentes do Bibei se atopan máis arriba.[2]

Pola ponte pasaron os viaxeiros Licenciado Molina (1550), Ambrosio de Morales (1570) e Ceán Bermúdez que achegaron datos sobre o camiño e sobre a propia ponte.[2]

Desde a época romana, nunca perdeu a súa función de obra útil, sendo este feito clave na súa conservación[1] Na segunda metade do século XIX incluíuse a ponte no novo trazado da estrada de Ponferrada a Ourense (Real Orden do 15 de decembro de 1852), ao apoiarse parte do seu trazado nos famosos Codos de Larouco.[2] No século XX transcorreu a estrada N-120 (Logroño-Vigo), actualmente serve de paso para a estrada autonómica OU-636 que comunica A Pobra de Trives con Larouco.

Declarouse Monumento histórico-artístico nacional por decreto do 3 de xuño de 1931.[4]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Carlos Nardiz Ortiz (1991). "Los Puentes romanos de Galicia" (PDF). Revista de obras Públicas número 3305, Colegio de Caminos Canales y Puertos, Madrid. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Manuel Duran Fuentes. "Los Puentes romanos de Freixo y Bibei". 
  3. 3,0 3,1 Manuel Duran Fuentes (1996). "Puentes romanos peninsulares: tipología y construcción" (PDF). Actas del primer congreso Nacional de Historia de la construcción, Madrid. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de marzo de 2012. Consultado o 08 de xaneiro de 2013. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Cartel informativo ao pé da ponte. 
  5. Manuel Duran Fuentes. "Los Puentes romanos: Proyecto y Construcción". Museo Romano de Irún. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar