Ambrosio de Morales
Ambrosio de Morales, nado en Córdoba en 1513, e finado ibídem o 21 de setembro de 1591, foi un humanista, historiador e arqueólogo español.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1513 (Gregoriano) Córdoba, España |
Morte | 21 de setembro de 1591 (77/78 anos) Córdoba, España |
Catedrático de universidade | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Salamanca |
Actividade | |
Ocupación | historiador, arqueólogo, monxe católico latino |
Orde relixiosa | Ordem de São Jerónimo (pt) |
Descrito pola fonte | Enciclopedia Católica |
Traxectoria
editarFoi fillo de Antonio de Morales, médico e catedrático da Universidade de Alcalá, e de Mencia de Oliva.[1][2] Trasladouse coa súa familia a Montilla, e ós poucos anos regrea a Córdoba, onde comeza os seus estudos de Gramática co crego Alejo Montesino, tendo once anos de idade.[3] Cursou os seus estudos na Universidade de Salamanca xunto ó seu tío,[4] o famoso humanista Fernán Pérez de Oliva, que era catedrático e reitor desa Universidade; de feito, corrixiu e editou a obra deste. Morales foi discípulo de Melchor Cano e interesouse pola lingüística, xa que compuxo un Discurso sobre la lengua castellana. En 1531, morto o seu tío, regresou a Córdoba e en 1533 profesou na Orde Jerónima.[5] Foi ordenado sacerdote e ensinou como catedrático de retórica na Universidade de Alcalá dende 1550.
Historiador
editarCara a 1559 recibiu Morales os primeiros encargos da monarquía. Filipe II designouno en 1572 para realizar unha viaxe de estudo polos reinos de León, Galicia e Asturias, viaxe da que escribiu unha relación, titulada Viage de Ambrosio de Morales por orden del Rey D. Phelippe II a los Reynos de León, y Galicia y Principado de Asturias; no curso desta viaxe foi reunindo reliquias, libros, documentos, obxectos e manuscritos que salvou para as coleccións reais do mosteiro do Escorial. Pero, non contento con iso, persuadiu ó mesmo rei para que ordenase a realización dunhas Relaciones sobre a historia e topografía dos pobos de España baseadas en respostas a uns cuestionarios deseñados por el nos que se solicitaban, entre outros, datos toponímicos, arqueolóxicos, históricos e eclesiásticos. As respostas ou Relaciones, que se conservaron, reuníronse en oito volumes que ofrecen unha auténtica radiografía da España da época, e moitos dos seus datos serviron para as súas obras históricas, así como as informacións que obtivo de colaboradores preparados rigorosamente sobre cuestións históricas e antigüidades, como Juan Fernández Franco, Antonio Agustín, André de Resende ou Jerónimo Zurita. Deste último en particular defendeu os Anales de la Corona de Aragón contra os ataques de Santa Cruz; con ese labor escribiu o seu Apología de los Anales.
Notas
editar- ↑ Os seus pais son nomeados en diversos documentos notariais como Antonio García de Morales e Mencia Rodríguez de Oliva (Cobo Sampedro 1879: p. 4)
- ↑ Redel 1909: pp. 19-23.
- ↑ Redel 1909: pp. 43-44.
- ↑ Redel 1909: pp. 48 i 50.
- ↑ Redel 1909: pp. 63-64.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Cobo Sampedro, Ramón (1879). Ambrosio de Morales: Apuntes biográficos (PDF) (en castelán). Córdoba: Imprenta, librería y Litografía del Diario.
- Menéndez Pelayo, Marcelino (1952-1953). Biblioteca de traductores españoles (en castelán). vol. 3. Santander: Consejo Superior de Investigaciones Científicas.
- Morales, Ambrosio de (1765). Florez, Enrique (ed.), ed. Viage ... á los reynos de León y Galicia y principado de Asturias, para reconocer las reliquias de Santos, sepulcros reales, y libros manuscritos de las Cathedrales y monasterios; dale a luz con notas, con la vida del autor y con su retrato, ... Enrique Florez ... (en castelán). En Madrid: Por Antonio Marín.
- Redel, Enrique (1909). Ambrosio de Morales: Estudio biográfico (en castelán). Córdoba: Imprenta del Diario.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ambrosio de Morales |