Legado (Roma antiga)

xeneral romano

Un legado (en latín, legatus) era un xeneral do exército romano, equivalente a un moderno oficial xeral ou lugartenente. Sendo de rango senatorial, o seu superior inmediato era o dux e tiña maior rango que tódolos tribunos militares. Para mandar un exército independente do dux ou gobernador provincial, os legados tiñan que ter rango pretorio ou superior; un legado podía ser investido con imperium propretorio (legatus prol praetore) por dereito propio. Os legados recibían unha parte substancial do botín do exército ao final dunha campaña, o que facía desta unha posición lucrativa, así que a miúdo podía atraer mesmo a cónsules distinguidos (por exemplo, o cónsul Lucio Xulio César ofreceuse voluntario a finais da guerra das Galias como legado baixo o mando do seu parente Caio Xulio César).

Denario co retrato de Lucio Clodio Macro, un legatus do século I.

Os homes que desempeñaban o cargo de legado escollíanse entre a clase senatorial de Roma. Tralas reformas de Caio Mario, había dúas posicións principais: o legatus legionis, de rango pretorio, ao que se dá o mando dunha das lexións de elite romanas,[1] e o legado propretor, de rango consular, era a quen se daba o goberno dunha provincia romana cos poderes maxistrais dun pretor, que nalgúns casos dáballe o mando de catro ou máis lexións.

Este rango era tamén dun comandante lexionario xeral, posto xeralmente era atribuído polo emperador. A persoa elixida para este cargo era un anterior tribuno e mandaba durante tres ou catro anos, aínda que podía servir durante un período aínda maior. Nunha provincia con só unha lexión, o legado era tamén o gobernador provincial, pero en provincias con varias lexións, cada lexión tiña un legado e o gobernador provincial (que estaba separado das lexións) tiña mando xeral sobre todas elas.

Tamén recibiron o nome de legados cada un dos socios que os procónsules levaban na súa compañía ás provincias como unha especie de asesores ou conselleiros os cales en caso de necesidade os sustituían.

Historia

editar

O rango de legado existía xa na época das Guerras Samnitas, pero non sería até ao redor do 190 a. C. que empezou a promulgarse con frecuencia e de xeiro permanente, ideado co fin de administrar mellor o maior número de efectivos que a Segunda guerra púnica esixira recrutar. O legado dun exército da República era esencialmente un tribuno militar supremo, de rango senatorial e xeralmente maior idade,[2] no que o maxistrado a cargo do exército podía delegar o mando.[2][3] Era habitual que o posto o desempeñasen antigos cónsules, cuxa experiencia militar podería ser ben empregada durante a campaña, ou ben senadores máis novos desexosos de gañar influencia, o que levou co tempo un desprazamento do tribunado militar como opción popular de carreira.[4] Anteriormente, tamén podían ser recrutados de entre os équites.[2]

O legado era asignado polo Senado, aínda que xeralmente facíase tras unha consulta co propio maxistrado a cargo do exército,[2][3] buscando reunir a un comandante e un lugartenente que puidesen desempeñarse sen desacordos como os que conduciron aos cónsules Caio Terencio Varón e Lucio Emilio Paulo ao desastre de Cannas.[2] A miúdo o legado actuaba como un conselleiro ou asesor militar de maior experiencia, como Escipión o Africano cara ao seu irmán Lucio durante a Guerra Romano-Siria, ou como un xeneral de confianza, como fose o caso de Lucio Quincio Flaminino e o seu propio irmán Tito Quincio Flaminino nas súas campañas.[3] Ao principio, só os conflitos no estranxeiro requirían a presenza de legados no exército, pero co estalido da Guerra Social no 90 a. C. comezarían a ver acción militar en pleno solo itálico.[2]

Tralas reformas militares de Caio Mario, a figura do legado como lugartenente maior foi eliminada, e no seu lugar comezaron a asignarse varios a cada exército, un ao mando de cada unha das lexións que o integrasen, chamándose deste xeito legatus legionis. A partir desta época, os legados podían actuar xa como maxistrados completos e gobernadores provinciais.

Legado diplomático

editar

Legado era tamén un termo que se usaba para un embaixador da República romana que era nomeado polo Senado para unha misión (legatio) ante unha nación estranxeira, así como aos embaixadores que ían a Roma doutros países.[5] Este é o sentido da palabra que sobrevive na expresión legado papal.

Aspectos xerais

editar

De xeito xeral, eran nomeados polo Senado ou coa súa autorización polo mesmo procónsul e isto era o que se chamaba aliquem sibi legare. Algunhas veces, aínda que moi poucas, eran nomeados polo pobo. O seu número adoitaba ser proporcionado á clase do gobernador e á importancia da provincia, pero parece que, polo menos, nomeábanse tres.

O nome de legado dábaselle ao xefe supremo dunha lexión romana. Coñecíanse catro clases de legados:

  • o imperial. Era un lugartenente do emperador, que pasaba a gobernar no seu nome unha provincia cunha autoridade ilimitada, polo que se adoitaba chamar alter ego.
  • o consular. Era un legado que fora cónsul e mandaba sobre o pretoriano
  • o pretoriano, que só chegara a ser pretor
  • o proconsular. Era un lugartenente que os gobernadores das provincias do Imperio enviaban a varios pobos delas para representalos.

O título de legatus era honorífico e persoas da máis alta categoría recibían a honra en desempeñar este encargo. Os legados tiveron tamén algunha vez a honra de levar lictores, pero o maxistrado a cuxas ordes servían podíalles quitar este privilexio.

Tras dividir, Augusto, as provincias do Imperio romano en consulares, legatorias e presidiais, o nome de legatorias deuse a aquelas que gobernaba o mesmo emperador, pero nas cales el non residía e que, por conseguinte, administraba por medio dos seus lugartenentes ou legados.

O emperador Otón cambiou o nome de legado polo de prefecto. Os lugartenentes dos romanos correspondían aos nosos capitáns ou tenentes xerais ou oficiais superiores que se envían a mandar un exército ou unha provincia.

  1. Forsythe, Gary Edward (24 de abril de 2005). "The Roman Army". history-world.org (en inglés). Archived from the original on 03 de xuño de 2018. Consultado o 26 de xaneiro de 2022. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Sage (2016)
  3. 3,0 3,1 3,2 Erdkamp (2011)
  4. Gruen (1995)
  5. Smith, Dictionary of Greek and Roman Antiquities (1875), edición de Bill Thayer, artículo sobre «Legatus».

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Erdkamp, Paul (2011). A Companion to the Roman Army (en inglés). Hoboken, NJ: John Wiley & Sons. ISBN 9781444393767. 
  • Sage, Michael (2016). The Army of the Roman Republic: From the Regal Period to the Army of Julius Caesar (en inglés). Havertown, PA: Casemate Publishers. ISBN 9781473880955.