Exército romano é o termo xenérico empregado para referirse ás forzas armadas da Roma Antiga, durante a monarquía, a república, o imperio e habitualmente tamén ás do seu inmediato sucesor, o exército bizantino.

Un exército romano en combate contra os xermanos durante as Guerras Marcómanas. Relevo do sartego de Portonaccio (c. 180 d. C), Museo Nacional Romano.

Monarquía editar

Servizo militar editar

O servizo militar afectaba ós cidadáns entre 17 e 60 anos de idade. Até os 45 participaban nas campañas, e os maiores defendían as cidades e formaban a reserva. Polo xeral, as clases altas non fuxían do servizo militar, xa que o seu cumprimento era imprescindible para poder acceder ás maxistraturas do Estado e facer carreira política (o cursus honorum).

A organización política básica daquela era a gens. A leva obrigaba a cada gens a achegar un certo número de homes armados máis outros homes de apoio. Primeiro elixíanse 12 tribunos militares, os cales elixían cada un entre os que reunían da leva no Capitolio a 400 soldados, que levaban por nome lexión.[1] O requisito básico era ser cidadán romano con ingresos mínimos de 400 dracmas,[2] e ingresábase na infantaría ou cabalaría pesada;[2] ou ben cidadán dalgún pobo baixo domino romano (velites e cabalaría lixeira), o que contribuía a que o exército tivese unha moral elevada e un gran fervor patriótico. Non se tiñan en conta outros factores como a relixión ou a cor da pel. Pola contra, o habitual entre os pobos e civilizacións da época era un exército formado por mercenarios profesionais sen ter en conta a súa orixe.[2]

As tropas do exército eran divididas segundo a súa idade. Os máis novos eran alistados entre os velites (infantaría lixeira que lanzaba unha xavelina e era moi versátil), logo os hastarios, os que estaban no esplendor da súa idade entre os príncipes (infantaría pesada) e ó final, os máis maduros, entre os triarios.[2]

A leva só era obrigatoria en tempos de guerra, pero as continuas guerras nas que Roma se vía implicada facían que na práctica a leva sempre estivese en vigor. Aínda que os soldados percibían unha paga (non moi elevada) os seus campos de cultivo quedaban sen atender, o que inevitablemente lles causaba perdas se a campaña se alongaba. O responsábel da leva era o cónsul.

Lexión editar

Artigo principal: Lexión romana.

Nos primeiros tempos non había distinción entre exército e lexión, e segundo Tito Livio, Roma dispoñía dunha soa lexión de até tres mil infantes e trescentos cabaleiros. Porén, as guerras daquela eran liortas limitadas que acababan co inverno, e duvídase que algunha vez se chegara a xuntar o exército ó completo. Nin sequera era un corpo permanente, xa que se recrutaba e licenciaba segundo as necesidades. Os trescentos cabaleiros (centuriae flexuntes ou centuriae celeres) formaban a cabalaría do exército da Roma antiga. Estaban baixo o mando de tres tribunos da Cabalaría (Tribuni Celerum) e o xefe supremo da Cabalaría era o Magister Equitum.

A aristocracia e as clases ricas posteriormente ocupaban a primeira liña como mostra do seu liderado do pobo, e tamén porque podían pagar o mellor equipamento, con cal eran moi eficaces. Moi poucos membros das clases máis baixas podían permitirse ese equipamento coa súa paga de soldado.

Co crecemento da poboación de Roma e as maiores necesidades militares, o número de lexións aumentou primeiro a dúas e posteriormente a catro. O mando supremo da cabalaría correspondía a un Magister Equitum, e o da cabalaría de cada lexión ós Tribunos da Cabalaría. O mando supremo dos infantes correspondía inicialmente ó rei e despois ós Cónsules ou Ditadores (ou ós Legatus). O mando dos infantes de cada lexión correspondía ós Tribunos da Milicia. Os infantes foron divididos en cinco clases segundo o seu armamento (en función da riqueza persoal) sendo as tres primeiras chamadas hoplitas (pola armadura) e as outras dúas Velites (auxiliares).

Notas editar

  1. Polibio, Historia Universal durante la República romana, España, Editorial Iberia, 1969, p. 79.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Ibíd., p. 80.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar