Recursos hídricos

Os recursos hídricos son os recursos naturais de auga que son potencialmente útiles. Os usos da auga son o agrícola, industrial, doméstico, recreativo e medioambiental. Todos os seres vivos requiren de auga para crecer e reproducirse, que é o principal compoñente dos seus corpos.

Gráfico da distribución da auga na Terra. Só o 3% da auga da Terra é auga doce. A maioría dela está nos casquetes de xeo e glaciares (69%) ou é auga subteránea (30%), mentres que todos os lagos, ríos e pantanos xuntos supoñen só unha pequena fracción (0,3%) das reservas totais de auga doce na Terra.

O 97% da auga da Terra é auga salgada e só o 3% restante é doce; algo máis de dous terzos desta está conxelada nos glaciares e nos casquetes de xeo polares.[1] O resto da auga sen conxelar encóntrase principalmente no subsolo como auga subterránea, e só unha pequena fracción está presente sobre a superficie ou no aire.[2]

A auga doce é un recurso renovable, aínda que a reseva mundial de auga subterránea está a diminuír constantemente, especialmente en Asia, Suramérica e Norteamérica, aínda que non está clara a cantidade de renovación natural que podería equilibrar o seu consumo, e se os ecosistemas están ameazados.[3] Diversas leis regulan os usos e dereitos de augas.

Fontes de auga doce

editar

Auga superficial

editar
 
O lago Chungará e o volcán Parinacota no norte de Chile.

Esta auga superficial é a auga de ríos, lagos ou zonas húmidas de auga doce. A auga superficial recárgase de forma natural polas precipitacións e pérdesede forma natural pola súa descarga nos océanos, evaporación, evapotranspiración e recarga de acuíferos.

Aínda que as entradas naturais a calquera sistema de auga superficial son só precipitacións dentro da cunca de drenaxe, a cantidade total de auga nese sistema nun momento dado tamén depende de moitos outros factores. Estes factoes inclúen a capacidade de almacenamento en lagos, zonas húmidas e encoros artificiais, a permeabilidade do solo baixo os corpos de almacenamento, a escorredura superficial característicos dos terreos da cunca, o momento das precipitacións e as taxas de evaporación locais. Todos estes factores afectan tamén á proporción de perda de auga.

As actividades humanas poden ten un impacto grande e ás veces devastador sobre estes factores. Os humanos adoitan incrementar a capacidade de almacenamento construíndo encoros e diminuíla ao drenar as zonas húmidas. Os humanos a miúdo incrementan cantidade e velocidade da escorredura superficial ao pavimentar grandes áreas e canalizar o fluxo de ríos.

A cantidade total de auga dispoñible nun momento dado é algo moi importante a considerar. Algúns usarios de auga humanos teñen unha necesidade intermitente de auga. Por exemplo, moitas granxas necesitan grandes cantidades de auga na primavera, e ningunha no inverno. Para fornecer auga a esas granxas, un sistema de auga superficial pode requirir unha alta capacidade de almacenamento para recoller a auga ao longo de todo o ano e liberala nun curto período de tempo. Outros usuarios teñen unha necesidade continua de auga, como unha central enerxética que require auga para o arrefriamento. Para subministrarlle auga a esa central, un sistema de auga superficial só necesita unha capacidade de almacenamento suficiente como para encherse cando o fluxo medio dos ríos está debaixo das necesidades da central.

Non obstante, a longo prazo a velocidade media de precipitación nunha cunca é o límite superior para o consumo medio de auga superficial natural desa cunca.

A auga superficial pode aumentarse importando auga superficial doutra cunca por medio de canles ou tubaxes. Pode aumentarse artificialmente tamén a partrir de calquera outro recurso dos mencionados; porén, na práctica, as cantidades son pouco significativas. Os humanos poden tamén causar que a auga superficial se "perda" (é dicir, se converta en non usable) por culpa da contaminación.

Estímase que o Brasil é o país que ten as maiores reservas de auga doce do mundo, seguido de Rusia e o Canadá.[4]

Fluxo baixo os ríos

editar

Ao longo do curso dun río, o volume total de auga transportado río abaixo adoita ser unha combinación da auga libre visible que flúe polo río xunto cunha contribución substancial que flúe entre as rochas e sedimentos que están por debaixo do río e da súa chaira de inundación, o que se chama zona hiporreica. En moitos ríos de vales grandes, este compoñente que non se ve do fluxo pode exceder en moito ao fluxo visible. A zona hiporreica adoita formar unha interface dinámica entre a auga superficial e a auga subterránea dos acuíferos, que intercambia fluxo entre os ríos e os acuíferos que pode ser completamente cargada ou consumida. Isto é especialmente significativo nas áreas carsticas nas que as covas e ríos subterráneos son comúns.

Auga subterránea

editar
 
Tempos de viaxe relativos da auga subterránea na subsuperficie

A auga subterránea é auga, xeralmente doce, localizada no espazo dos poros subsuperficiais do solo e rochas. Tamén é auga que está fluíndo dentro dos acuíferos baixo a táboa de auga. Ás veces é útil facer distincións entre a auga subterránea que está estreitamente asociada coa auga superficial e a máis profunda dun acuífero (ás veces chamada "auga fósil").

 
Unha fonte de auga nunha vila da Ucraína central

A auga subterránea pode considerarse da mesma maneira que a auga superficial en canto a entradas, saídas e almacenamento. A diferenza esencial é que debido á súa lenta velocidade de renovación, o almacenamento da auga subterránea é xeralmente moito maior (en volume) comparado coas entradas nas augas superficiais. Esta diferenza fai máis doado para os humanos usar a auga subterránea de forma insustentable durante longo tempo sen graves consecuencias inmediatas. No obstante, a longo prazo a velocidade media de filtración sobre unha fonte de auga subterránea é o límite máxio do consumo medio de auga que se pode facer procedente desa fonte.

A entrada natural de auga para as augas subterráneas é a filtración desde a auga superficial. As saídas naturais de auga subterránea son os mananciais e a filtración cara ao océano.

Se a fonte de auga superficial está tamén suxeita a unha evaporación substancial, unha fonte de auga subterránea pode salinizarse. Esta situación pode ocorrer de forma natural en corpos endorreicos de auga, ou artificialmente pola rega agrícola. En áreas costeiras, o uso humano de auga subterránea pode causar que a dirección da filtración da auga cara ao océano se inverta, o que pode causar a salinización do acuífero e tamén a salinización do solo. Os humanos poden tamén causar a "perda" de auga subterránea por contaminación (é dicir, faise non utilizable). Os humanos poden incrementar a entrada a unha fonte de auga subterránea construíndo encoros ou lagoas de retención.

Auga conxelada

editar
 
Iceberg preto de Terra Nova

É a auga contida nos xeos polares ou de alta montaña formando parte de casquetes, glaciares ou permafrost. Propuxéronse varios esquemas para usar os icebergs como fonte de auga, porén, ata agora isto só se fixo con propósitos de investigación. A escorredura da fusión dos glaciares considérase auga superficial.

Os Himalaias, denominados "O teito do mundo", conteñen algunhas das áreas de maior altirude e extensión e a maior área de glaciares e permafrost fóra dos polos. Dez dos ríos máis grandes de Asia nacen alí, e mais de mil millóns de persoas dependen para vivir deles. Porén, as temperaturas alí están elevándose máis rapidamente que a media global. No Nepal, a tempertura ascendeu 0,6 graos Celsius na última década, mentres que globalmente a Terra queceu en aproximadamente 0,7 graos Celsius nos últimos cen anos.[5]

Desalinización

editar

A desalinización é un proceso artificial polo cal a auga salina (xeralmente auga de mar) se converte en auga doce. Os procesos máis comúns de desalinización son a destilación e a osmose inversa. A desalinización é actualmente cara comparada coa maioría das fontes alternativas de auga, e só unha pequena fracción do consumo humano de auga se satisfai por desalinización. Normalmente só é economicamente práctico en usos moi valorados (como o imprescindible uso doméstico e usos industriais) en áreas áridas. O seu uso máis amplo faise no Golfo Pérsico.

Usos da auga

editar

Agrícola

editar

Estímase que o 70% da auga do mundo se utiliza para a irrigación, e un 15 a 35% destas regas non son sustentables.[6] Cómpren de 2 000 a 3 000 litros de auga para producir suficiente comida para satisfacer as necesidades diarias dunha persoa.[7] Esta é unha considerable cantidade, cando se compara coa cantidade necesaria para beber, que é só de 2 a 5 litros. Para producir alimentos para os 7 mil millóns de persoas que hai no mundo compre unha cantidade de auga que enchería unha canle de 10 m de profundidade, 100 de ancho e 2 100 de longo.

Acentuación da escaseza de auga

editar

Hai uns 15 anos, a percepción común era que a auga era un recurso infinito. Daquela había menos da metade de persoas no mundo. As persoas non estaban tan sas coma hoxe, consumían menos calorías e comían menos carne, polo que se necesitaba menos auga para producir alimento. Necesitábase a terceira parte do volume de auga que actualmente se toma dos ríos. Hoxe, a competencia polos recursos de auga é moito máis intensa. Isto débese a que agora hai sete mil millóns de persoas no planeta, o seu consumo de carne e vexetais que necesitan moita auga está en aumento, e hai un aumento da competencia pola auga da industria, urbanización, colleitas para biocombustibles. No futuro, será necesaria aínda máis auga para producir alimentos porque se prevé que a poboación da Terra aumentará ata os 9 mil millóns de persoas en 2050.[8] Uns 2,5 ou 3 mil millóns de persoas adicionais elixindo comer menos cereais e máis verduras e carne poderían engadir moitos quilómetros adicionais á canle virtual antes mencionada.

En 2007 o International Water Management Institute de Sri Lanka realizou unha avaliación da xestión da auga no sector da agricultura para ver se o mundo tiña suficiente auga para proporcionar comida á súa crecente poboación.[9] Avaliou a dispoñibilidade actual de auga para a agricultura a escala global e mapeou as localizacións que sofren escaseza de auga. Atopou que a quinta parte dos habitantes do mundo, máis de 1,2 miles de millóns, vivían en áreas de escaseza física de auga, onde non hai auga dabondo para afrontar toda a demanda. Outros 1,6 miles de millóns de persoas viven en áreas que experimentaban unha escaseza económica de auga, onde é a insuficiencia de inversións ou unha insuficiente capacidade humana fai imposible para as autoridades satisfacer a demanda de auga. Ademais, un terzo da poboación mundial non tiña acceso a métodos para potabilizar a auga, o que é máis de 2,3 miles de millóns de persoas. O informe encontrou que coa auga que hai sería posible producir os alimentos necesarios para o futuro, pero continuar coa produción actual de alimentos e as tendencias ambientais levarían a unha crise en moitas partes do mundo. Para evitar unha crise de auga global, os agricultores terán que esforzarse en incrementar a produtividade para afrontar a crecente demanda de alimento, mentres que a industria e cidades encontraron maneiras de usar a auga máis eficientemente.[10]

Nalgunhas áreas do mundo, a rega é totalmente necesaria para os cultivos; noutras áreas permite obter mellores colleitas ou máis rendibles. Varios métodos de rega implican diferentes compromisos entre o rendemento da colleita e o consumo de auga e o custo de capital, equipamentos e estruturas. Os métodos de rega como os sucos e rega por aspersión son xeralmente menos custosos pero son tamén normalmente menos eficientes, porque moita da auga se evapora, pérdese por escorredura ou drénase baixo a zona das raíces. Outros métodos de rega considerados máis eficientes inclúen a rega por goteo, a rega intermitente controlada, e algúns tipos de sistemas de aspersión nos que os aspersores operan preto do nivel do chan. Estes tipos de sistemas, aínda que máis caros, xeralmente ofrecen un maior potencial para minimizar a escorredura, drenaxe e evaporación. Calquera sistema que sexa utilizadoo indebidamente pode ser despilfarrador de auga, todos os métodos teñen o potencial de ofrecer grandes eficiencias en condicións axeitadas, cunha apropiada temporización da rega e da xestión. Algúns dos aspectos que ás veces son insuficientemente considerados son a salinización de augas subterráneas e a acumulación de contaminantes que fan que a calidade da auga empeore.

A medida que medra a poboación mundial e aumenta a demanda de alimentos nun mundo cunha reserva de auga limitada, están poñéndose en marcha iniciativas para aprender como producir máis alimentos con menos auga, aplicando melloras nos métodos de rega[11][12] e tecnoloxías agrícolas de xestión da auga, nos tipos de colleitas e na monitorización da auga. A acuicultura representa un pequeno pero crecente uso da auga. As pesquerías comerciais en auga doce poden tamén ser consideradas usos "agrícolas" da auga, pero xeralmente se lles dá unha menor prioridade que á rega (como no caso do mar de Aral e lago Pyramid (Nevada)).

Industrial

editar
 
Central enerxética en Polonia

Estímase que o 22% da auga do mundo se utiliza na industria.[6] Os principais usuarios industriais son os encoros hidroeléctricos, centrais térmicas, que usan a auga para arrefriar, refinerías de minerais e petróleo, que a usan en procesos químicos, e plantas de fabricación, que usan a auga como solvente. A demanda de auga pode ser moi alta nalgunhas industrias, pero xeralmente é moito menor que a da agricultura.

A auga úsase en xeración renovable de electricidade. A enerxía hidroeléctrica deriva da enerxía da forza da auga que flúe costa abaixo, que move unha turbina conectada a un xerador. Esta hidroelectricidade é unha fonte de enerxía renovable, non contaminante e de baixo custo. Significativamente, a enerxía hidroeléctrica pode tamén ser utilizada para o método que "segue a carga" (axusta a potencia que xera a central á demanda) a diferenza da maioría das fontes de enerxía non renovables, que son intermitentes. En última instancia, a enerxía nunha central hidroeléctrica é subministrada polo Sol. A calor do Sol é a que evapora a auga, que se condensa formando chuvia en altas altitudes e flúe monte abaixo. Tamén hai centrais de almacenamento hidroeléctrico por bombeo, que usan a propia electricidade da rede para bombear auga a cotas altitudinais máis altas cando a demanda é baixa, e utilizar o encoro para almacenala e producir despois electricidade cando a demanda é alta.

As centrais hidroeléctricas xeralmente requiren a creación dun gran lago artificial. A evaporación deste lago é maior que a evaporación que habería nun río debido á maior área superficial exposta aos elementos, o que ten como resultado un maior consumo de auga. O proceso de dirixir a auga cara ás turbinas e túneles ou tubaxes tamén retira brevemente a auga do seu ambiente natural, creando unha baixada do nivel das augas. O impacto disto na vida silvestre varía grandemente dependendo do deseño da central.

A auga presurizada utilízase en voaduras por auga e en cortadores por chorro de auga. Ademais, as pistolas de auga a presión son utilizadas para facer cortes precisos. Tamén se usa no arrefriamento de maquinaria ou follas de serrar para impedir o sobrequecemento. Pero isto supón un consumo de auga relativamente moi pequeno.

A auga tamén se usa en moitos procesos industriais a grande escala, como a produción termoeléctrica, refinado do petróleo, produción de fertilizantes e noutras fábricas, e para a extracción de gas natural das lousas. A vertedura de auga sen tratar ao medio ambiente procedente de usos industriais causa polución. Esta contaminación inclúe a descarga de solutos (contaminación química) e de auga a temperatura elevada (contaminación térmica). A industria require auga pura para moitas aplicacións e utiliza diversas técnicas de purificación tanto na subministración da auga coma na súa descarga. A maioría desta auga pura xérase no mesmo sitio, procedente de fontes naturais de auga doce ou da rede de distribución municipal como augas grises. O consumo industrial de auga é xeralmente moito menor que a súa retirada, debido a que adoita haber leis que requiren que as augas grises industriais sexan tratadas e devoltas ao ambiente. As centrais termoeléctricas usan torres de arrefriamento que teñen un alto consumo, case igual á auga que retiran, xa que a maioría da auga captada é evaporada como parte do proceso de arrefriamento. Porén, a retirada é menor que noutros sistemas de arrefriamento.

Doméstico

editar
 
Auga potable

Estímase que o 8% da auga do mundo se utiliza para consumo doméstico.[6] Entre estes usos nas casas está a auga para beber, bañarse, cociñar, lavarse nos lavabos ou lavar a roupa e limpar a casa e rega de xardíns. As necesidades de auga doméstica básica foron estimadas por Peter Gleick arredor de 50 litros por persoa ao día, exceptuando a auga para regar xardíns. A auga para beber ten a suficiente calidade para que poida consumirse sen risco de producir danos inmediatos ou a longo prazo. Esa auga denomínase auga potable. Na maioría dos países desenvolvidos, a auga subministrada ás casas, comercio e industria ten toda ela a calidade de auga potable, aínda que só unha pequena proporción se utiliza para preparar a comida ou a bebida.

Recreativo

editar
 
Rápidos de Whitewaters

A xestión sustentable dos recursos hídricos (como a provisión de subministración segura e fiable de auga potable e para regar, uso sanitarios, protección de ecosistemas acuáticos, e protección ante inundacións) presenta enormes retos en moitas partes do mundo.

O uso recreativo da auga é xeralmente moi pequeno pero crecente no total. Este uso está xeralmente asociado cos encoros. Se un encoro se mantén máis cheo para que sirva para o recreo do que estaría doutro modo, entón a auga retida podería ser clasificada como uso recreativo. A liberación de auga dalgúns encoros está tamén sincronizada para mellorar o piragüismo en augas bravas, que tamén pode considerarse un uso recreativo. Outros exemplos son o uso que fan das augas os pescadores de cana, os practicantes de esquí acuático, os entusiastas da natureza e nadadores.

O uso recreativo é xeralmente non consuntivo. Aínda así, os campos de golf son xeralmente etiquetados como consumidores de excesivas cantidades de auga, especialmente en rexións secas. Porén, non está claro se a rega recreativa (que debería incluír tamén os xardíns privados) ten xeralmente un efecto significativo sobre os recursos hídricos. Isto débese en gran medida á pouca dispoñibilidade de datos. Adicionalmente, moitos campos de golf utilizan de forma principal ou exclusivamente auga residual tratada, que ten pouco impacto na dispoñibilidade de auga potable, pero non en todos os casos é así.

O uso recreativo pode reducir a dispoñibilidade de auga para outros usos en momentos e lugares específicos. Por exemplo, a auga retida nun encoro para permitir o piragüismo a finais do verán non poderá ser usada polos agriculores durante a tempada de sementado en primavera. A auga retida para o piragüismo de augas bravas non estará dispoñible para a xeración hidroeléctrica durante a época en que hai un pico de demanda de electricidade.

Ambiental

editar

O uso ambiental explícito da auga é tamén moi pequeno pero crecente. A auga ambiental pode incluír a auga almacenada en embalsamentos e liberada con propósitos ambientais (manter as augas no medio ambiente), pero tamén adoita reterse en vías navegables por medio de límites reguladores da súa extracción.[13] O uso da auga ambiental inclúe achegar auga a zonas húmidas naturais ou artificiais, a lagos artificiais que pretenden crear un hábitat natural, para escadas para peixes (en encoros), e liberacións de auga nos encoros sincronizadas co tempo de desove dos peixes, ou para recuperar uns réximes de fluxo máis naturais nos ríos.[14]

Igual que o uso recreativo, o uso ambiental non é consuntivo mais pode reducir a dispoñibilidade de auga para outros usos en momentos e lugares específicos. Por exemplo, a auga liberada dun encoro axuda ao desove dos peixes, pero xa non está dispoñible para os agricultores de augas arriba, e a auga retida nun río mantén o río en condicións navegables, pero xa non se poderá utilizar para extraccións río abaixo.

Estrés hídrico

editar
 
Estimación da proporción de xente nos países en desenvolvemento con acceso á auga potable en 1970–2000

O concepto de estrés hídrico é relativamente simple: segundo o World Business Council for Sustainable Development, aplícase a situacións nas que non hai auga dabondo para todos os usos, sexan agrícolas, industriais ou domésticos. Porén, definir os limiares deste estrés en termos de auga dispoñible per cápita é máis complexo, e implica certas asuncións sobre o uso da auga e a súa eficiencia. Non obstante, propúxose que cando a renda anual per cápita de dispoñibilidade de auga doce renovable é de menos de 1 700 m3, os países empezan a experimentar un estrés hídrico periódico ou regular. Por debaixo dos 1 000 m3, a escaseza de auga empeza a dificultar o desenvolvemento económico e a saúde e benestar humanos.

Crecemento da poboación

editar

En 2000 a poboación undial era de 6 200 millóns de persoas. A ONU estima que en 2050 haberá outros 3 500 millóns máis de persoas e que a maioría do crecemento terá lugar en países en desenvolvemento que xa sofren un estrés hídrico.[15] Así, a demanda de auga vaise incrementar a non ser que haxa un aumento en correspondencia na conservación de auga (eficiencia hídrica) e na reciclaxe deste resurso vital.[16] Ao desenvolver os datos presentados aquí pola ONU, o Banco Mundial[17] continúa explicando que o acceso á auga para producir alimentos será un dos principais retos nas próximas décadas. O acceso á auga necesitará ser equilibrado coa importancia de xestionar a auga de maneira sustentable e tendo en conta o impacto do cambio climático, e outras variables ambientais e sociais.[18]

Expansión da actividade comercial

editar

A actividade comercial que vai desde a industrialización aos servizos como o turismo e os espectáculos segue expandíndose rapidamente. Esta expansión require un incremento do fornecemento de auga incluíndo tanto a subministración coma a auga para o saneamento, o que orixina unha maior presión sobre os recursos hídricos e os ecosistemas naturais.

Urbanización rápida

editar

A tendencia á urbanización está acelerándose. Os pequenos pozos privados e as fosas sépticas que funcionan ben en comunidades con baixas densidades de poboación non son factibles en áreas urbanas de altas densidades. A urbanización require investimentos significativos nas infraestruturas hídricas para levar a auga ata as persoas e para procesar grandes cantidades de auga residual, tanto de procedencia doméstica coma comercial. Estas augas contaminadas deben ser tratadas ou, se non, supoñerán riscos para a saúde pública.

No 60% das cidades europeas con máis de 100 000 habitantes, estanse utilizando as augas subterráneas a unha velocidade máis rápida da que se rechean.[19] Incluso se se dispón aínda de auga, a súa captación será cada vez máis cara.

Cambio climático

editar

O cambio climático podería ter impactos significativos sobre os recursos hídricos en todo o mundo debido ás esteitas conexións entre o clima e o ciclo hidrolóxico. O aumento das temperaturas incrementará a evaporación e orixinará un incremento das precipitacións, aínda que haberá variacións rexionais no réxima de chuvias. Tanto a seca coma as inundacións poden ser máis frecuentes en diferentes rexións en distintos momentos, e espéranse cambios drásticos nas nevaradas e fusión da neve nas áreas montañosas. As temperaturas máis elevadas tamén afectarán á calidade da auga de maneiras que aínda non se comprenden ben. Un posible impacto é o incremento da eutrofización. O cambio climático podería tamén significar un incremento da demanda de rega para a agricultura, aspersores de xardíns e quizais incluso para piscinas. Existen moitas probas de que o incremento da variabilidade hidrolóxica e o cambio climático teñen e seguirán tendo un grande impacto no sector da auga ao afectaren o ciclo hidrolóxico, a dispoñibilidade de auga, a demanda de auga e a asignación ou distribución de auga a niveis global, rexional e local.[20]

Esgotamento de acuíferos

editar

Debido á superpoboación humana cada vez maior, a competencia pola auga está crecendo de maneira que moitos dos maiores acuíferos do mundo estanse pouco a pouco esgotando. Isto débese tanto ao consumo humano directo coma á rega agrícola con augas subteráneas. Millóns de bombas de todos os tamaños están extraendo auga subterránea continuamente en todo o mundo. A irrigación de áreas secas como o norte da China, o Nepal e a India realízase con auga subterránea, que está extraéndose a un ritmo insustentable. Cidades que experimentaron caídas dos acuíferos entre 10 e 50 metros son Cidade de México, Bangkok, Beijing, Madrás e Shanghai.[21]

Contaminación e protección da auga

editar
 
Auga contaminada

A contaminación da auga é unha das principais preocupacións no mundo de hoxe. Os gobernos de numerosos países esfórzanse en buscar solucións para reducir este problema. Son moitos os contaminantes que ameazan as reservas de auga, pero o máis estendido, especialmente en países en desenvolvemento, é a vertedura de augas residuais sen tratar nas augas naturais; este método de eliminación das augas residuais é o método máis común nos países subdesenvolvidos, pero tamén é frecuente en países case desenvolvidos como a China, a India, o Nepal e Irán. As augas residuiais, os lodos, o lixo, e mesmo os contaminantes tóxicos son vertidos directamene ás augas. Incluso se se tratan as augas residuais, aínda xorden problemas. O tratamento de augas residuais orixina nas plantas de tratamento lodos que poden ser depositados en vertedoiros, ou espallados pola terra, ser incinerados ou ás veces vertidos ao mar. Ademais das augas residuais, fontes de contaminación difusas como as escorreduras agrícolas son unha fonte significativa de contaminación nalgunhas partes do mundo, xunto coas procedentes da auga das chuvias e tormentas urbanas e o lixo químico vertido polas industrias e gobernos.

Conflitos pola auga

editar

A competencia pola auga incrementouse moito e estase facendo máis difícil conciliar as necesidades de auga para o consumo humano, produción de alimentos, ecosistemas e outros usos. A administración da auga está frecuentemente implicada en problemas contraditorios e complexos.[22] Aproximadamente o 10% das augas correntes anuais mundiais utilízase para as necesidades humanas. Varias áreas do mundo están asolagadas, mentres que outras teñen un nivel de precipitacións tan baixo que é case imposible a vida humana alí. A medida que a poboación e o desenvolvemento aumenta, elévase tamén a demanda de auga e a posibilidade de problemas en certas rexións aumenta.[23]

Nos últimos 25 anos, os políticos, académicos e xornalistas predixeron frecuentemente que as disputas pola auga serían unha fonte de futuras guerras. Unha declaración frecuentemente citada é a do antigo Ministro de asuntos exteriores exipcio e antigo Secretario Xeral das Nacións Unidas Boutrous Ghali, que predixo que “a seguinte guerra en Oriente Próximo será librada pola auga, non pola política”; o seu sucesor nas Nacións Unidas Kofi Annan, dixo en 2001: “a feroz competencia pola auga doce pode moi ben converterse en fonte de conflitos e guerras no futuro”, e o anterior vicepresidente do Banco Mundial, Ismail Serageldin, dixo que as guerras no próximo século serán pola auga a non ser que ocorran cambios significativos nos gobernos. A hipótese das guerras pola auga tiña as súas raíces nas investigacións iniciais levadas a cabo nun pequeno número de ríos transfronteirizos como o Indo, Xordán e Nilo. Estes ríos concretos estaban no foco porque alí xa se produciran disputas relacionadas coa auga. Sucesos específicos citados como probas eran o bombardeo israelí de Síria polos intentos de desviar auga da cabeceira do Xordán, e as ameazas militares de Exipto contra calquera país que quixese construír encoros no tramo inicial do Nilo. Porén, aínda que algunhas ligazóns entre a auga e os conflitos son válidas, non necesariamente representan a norma.

O único exemplo coñecido dun conflito interestatal real sobre a auga tivo lugar entre os anos 2500 e 2350 a.C. na antiga Mesopotamia entre os estados sumerios de Lagash e Umma.[24] O estrés hídrico orixinou máis a miúdo conflitos a nivel local e rexional.[25] As tensións orixínanse máis a miúdo dentro das fronteiras nacionais, nas áreas dos cursos inferiores de cuncas fluviais con estrés hídrico. Áreas como as rexións inferiores do río Amarelo da China ou do río Chao Phraya de Tailandia, por exemplo, xa teñen experimentado estreses hídricos durante varios anos. O estrés hídrico pode tamén exacerbar os conflitos e as tensións políticas que non están directamente causadas pola escaseza de auga. As reducións graduais co tempo na calidade e cantidade de auga doce poden engadirse á inestabilidade dunha rexión ao repercutiren negarivamente na saúde da poboación, dificultar o desenvolvemento económico e agravar conflitos máis grandes.[26]

Os recursos hídricos compartidos poden promover a colaboración

editar

Os recursos hídricos que atravesan fronteiras internacionais é máis probable que sexan fontes de colaboración e cooperación que de guerra. Os científicos que traballan no International Water Management Institute investigaron as evidencias que había detrás das predicións bélicas. Descubriron que, aínda que é certo que houbo conflitos relacionados coa auga nunhas poucas cuncas internacionais, no resto das aproximadamente 300 cuncas compartidas do mundo os datos foron en gran medida positivos. Isto exemplifícase polos centos de tratados asinados que estipulan un uso equitativo da auga entre nacións que comparten recursos hídricos. As institucións creadas por estes gobernos poden, de feito, ser un dos factores máis importantes para asegurar a cooperación antes que o conflito.[27]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) publicou o libro Share: Managing water across boundaries (Compartir: xestionar a auga a través das fronteiras). Un capítulo trata as funcións das institucións transfronteirizas e de como poden deseñarse para promover a cooperación, superar as disputas iniciais e atopar xeitos de enfrontarse coas incertezas xeradas polo cambio climático. Tamén trata de como se pode monitorizar a efectividade de ditas institución.[28]

Consideracións económicas

editar

A subministación de auga potable e para a hixiene necesita unha enorme cantidade de capital para investimentos en infraestruturas como redes de tubaxes, estacións de bombeo e de tratamento de auga (potabilizadoras e depuradoras). Estímase que as nacións da OCDE necesitan investir polo menos 200 mil millóns de dólares ao ano para substituír a súa infraestrutura hídrica vella e garantir a subministración, reducir as perdas por filtracións e protexer a calidade da auga.[29]

A atención internacional centrouse nas necesidades dos países en desenvolvemento. Para conseguir os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio de reducir á metade a proporción de poboación que carece do acceso á auga potable e para a hixiene básica en 2015, o investimento anual actual da orde de 10 a 15 miles de millóns de dólares debería ser aproximadamente duplicado. Isto non inclúe os investimentos necesarios para o mantemento das infraestruturas xa existentes.[30]

Unha vez que as infraestruturas están construídas, facer funcionar a subministración de auga e os sistemas de saneamento supón un significativo custo para pagar o persoal, a enerxía, os compostos químicos, o mantemento e outros gastos. As fontes de diñeiro para afrontar o capital necesario e os custos operativos son esencialmente taxas e fondos públicos.[31] Outra dimensión que cada vez hai que considerar máis é a flexibilidade do sistema de submministració de auga.[32][33]

  1. "Earth's water distribution". United States Geological Survey. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 2009-05-13. 
  2. "Scientific Facts on Water: State of the Resource". GreenFacts Website. Arquivado dende o orixinal o 24 de xullo de 2018. Consultado o 2008-01-31. 
  3. Gleeson, Tom; Wada, Yoshihide; Bierkens, Marc F. P.; van Beek, Ludovicus P. H. (9 de agosto de 2012). "Water balance of global aquifers revealed by groundwater footprint". Nature 488 (7410): 197–200. PMID 22874965. doi:10.1038/nature11295. Consultado o 2013-05-29. 
  4. "The World's Water 2006-2007 Tables, Pacific Institute". Worldwater.org. Consultado o 2009-03-12. 
  5. "Pulitzer Center on Crisis Reporting". Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2009. Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  6. UN Water - Coping with Water Scarcity 2007
  7. United Nations Press Release POP/952, 13 March 2007. World population will increase by 2.5 billion by 2050
  8. Molden, D. (Ed). Water for food, Water for life: A Comprehensive Assessment of Water Management in Agriculture. Earthscan/IWMI, 2007.
  9. Chartres, C. and Varma, S. Out of water. From Abundance to Scarcity and How to Solve the World’s Water Problems FT Press (USA), 2010
  10. "Water Development and Management Unit - Topics - Irrigation". FAO. Consultado o 2009-03-12. 
  11. "FAO Water Unit | Water News: water scarcity". Fao.org. Consultado o 2009-03-12. 
  12. National Water Commission (2010). Australian environmental water management report. NWC, Canberra
  13. "Aral Sea trickles back to life". Silk Road Intelligencer. Arquivado dende o orixinal o 05 de decembro de 2011. Consultado o 2011-12-05. 
  14. "World population to reach 9.1 billion in 2050, UN projects". Un.org. 2005-02-24. Consultado o 2009-03-12. 
  15. "Groundwater – the processes and global significance of aquifer degradation". Google.com. 2003-12-29. doi:10.1098/rstb.2003.1380. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2019. Consultado o 2009-03-12. 
  16. http://water.worldbank.org/water/
  17. The World Bank, 2010 "Sustaining water for all in a changing climate: World Bank Group Implementation Progress Report". Consultado o 2011-10-24. 
  18. "Europe’s Environment: The Dobris Assessment". Reports.eea.europa.eu. 1995-05-20. Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2008. Consultado o 2009-03-12. 
  19. The World Bank, 2009 "Water and Climate Change: Understanding the Risks and Making Climate-Smart Investment Decisions". Consultado o 2011-10-24. 
  20. "Groundwater in Urban Development". Wds.worldbank.org. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2007. Consultado o 2009-03-12. 
  21. Zwarteveen, M. y R. Boelens. 2009. Investigación interdisciplinaria sobre justicia hídrica: unas aproximaciones conceptuales. Primera Conferencia de Justicia Hídrica. Cusco, 22-26 noviembre 2009.
  22. Masters, G.M. y W.P. Ela. 2008. Introducción a la ingeniería mediambiental. Tercera Edición. Pearson. Prentice Hall. España. 737 pp.
  23. Rasler, Karen A.; Thompson, W. R. (2006). "Contested Territory, Strategic Rivalries, and Conflict Escalation". International Studies Quarterly 50 (1): 145–168. doi:10.1111/j.1468-2478.2006.00396.x. 
  24. Wolf, Aaron T (2001). "Water and Human Security". Journal of Contemporary Water Research and Education 118: 29. 
  25. Postel, S. L.; Wolf, A. T. (2001). "Dehydrating Conflict". Foreign Policy 126: 60–67. 
  26. Promoting cooperation through management of trans-boundary water resources, Success Stories, Issue 8, 2010, IWMI
  27. http://data.iucn.org/dbtw-wpd/edocs/2008-016.pdf Arquivado 24 de outubro de 2012 en Wayback Machine. Share: managing Water across Boundaries. Edited by Sadoff et al, 2008, IUCN
  28. "The cost of meeting the Johannesburg targets for drinking water". ircwash.org (en inglés). Consultado o 31 de agosto de 2018. 
  29. "Financing Water for All" (PDF). Consultado o 2011-12-05. 
  30. Echavarría, Marta (2002). "Financing Watershed Conservation: The FONAG Water Fund in Quito, Ecuador". En Bishop, Joshua. Selling Forest Environmental Services. Earthscan. ISBN 1853838888. Consultado o 31 de agosto de 2018. 
  31. "Flexible strategies for long-term sustainability under uncertainty". Building Research 40: 545–557. 2012. doi:10.1080/09613218.2012.702565. 
  32. Zhang, S.X.; V. Babovic (2012). "A real options approach to the design and architecture of water supply systems using innovative water technologies under uncertainty" (PDF). Journal of Hydroinformatics. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar