Golf

deporte de precisión con bóla
(Redirección desde «Campo de golf»)

O golf[1] é un deporte de precisión, que ten como obxectivo introducir unha bóla nos buracos que están distribuídos no campo co menor número de golpes, empregando para cada tipo de golpe un pau dun conxunto de paus lixeiramente diferentes entre eles, xa que a cabeza do pau ten graos distintos, igual que as varas teñen lonxitudes distintas. A menor número de graos maior lonxitude da vara e polo tanto máis distancia. Como máximo poden levarse 14 paus.

Campo de golf de Meis

O golf ten as súas orixes no século XV en Escocia, onde os pastores se entretiñan golpeando croios con paus ata chegar a unha meta. Co tempo os pastores perfeccionaron o xogo e introduciron as primeiras regras básicas.

Máis tarde o golf chegou á aristocracia e á alta burguesía. Desenvolvéronse os paus e as bólas, engadindo diversas bases de metais, para poderen golpear a maior ou menor distancia as bólas e mellorar as súas traxectorias. Tamén xurdiron os primeiros campos de golf e establecéronse regras máis precisas para o xogo. Co incremento das distancias dos golpes mesmo comezaron a usarse vehículos especializados para os desprazamentos, aínda que tamén se usen para achegarse ó punto de partida dos campos dende a recepción se está moi afastado. A meta converteuse nun buraco, no que debía entrar a bóla despois dun número determinado de golpes.

Historia

editar
 
O emperador Xuande da dinastían Ming xogando ao chuiwan

Aínda que o golf moderno se orixinou en Escocia no século XV, as orixes anteriores do xogo non están claras e son motivo de debate. Algúns historiadores[2] trazan as súas orixes ata o xogo romano da paganica, en que os xogadores empregaban un pau para golpear unha bóla de coiro. Unha teoría afirma que este xogo se expandiu por Europa segundo os romanos conquistaban o continente durante o século I a.C., e finalmente evolucionou ata o deporte moderno.[3]

Outros autores citan o chinés chuiwan (捶丸; "chui" significa golpear e "wan" bóla pequena)[4] como proxenitor, que se xogaba entre os séculos VIII e XIV.[5] Un debuxo da dinastía Ming do artista Youqiu datado en 1369 titulado "Banquete de outono" amosa un membro da corte imperial golpeando co que parece un pau de golf unha bóla co obxecto de introducila nun burato.[4] Crese que o xogo se introduciu en Europa durante a Idade Media.[6]

Outro xogo primitivo semellante ao golf moderno coñecíase en Inglaterra como cambuca e en Francia como chambot.[6] O xogo persa chowkan é outro posible antepasado, aínda que é máis parecido ao polo. Ademais, o kolven (xogo cunha bóla e bates curvos) xogábase anualmente en Loenen, nos Países Baixos, dende 1297, para conmemorar a captura do asasino de Floris V, un ano antes.

A primeira referencia escrita ao golf moderno en Escocia é a súa prohibición por Xacobe II en 1457, por supor unha distracción para aprender a disparar co arco.[7] Xacobe IV levantou a prohibición en 1502 cando se converteu el mesmo en xogador de golf, e os primeiros clubs rexístranse en 1503–1504.[8] En 1744 fundouse en Escocia a primeira asociación de xogadores, e en 1745 en Gran Bretaña desenvolveuse o primeiro regulamento do golf. As primeiras asociacións de golf foron a Honourable Company of Edinburgh Golfers (1744) e The Royal and Ancient Golf Club of St Andrews (1754). En 1764 creouse o percorrido estándar de 18 buratos en St Andrews.[9]

O golf formou parte do programa olímpico dúas veces nos inicios dos xogos, en París 1900 e en St. Louis 1904, nos que só se realizaron competicións masculinas e os Estados Unidos e o Canadá foron os únicos participantes. Despois de 112 anos de ausencia, o golf volveu aos Xogos Olímpicos nos xogos de Río 2016 e tamén o foron en Toquio 2020.[10]

O campo de xogo

editar
 
Elementos típicos dun percorrido parcial ou buraco:
1 Tee de saída.
2 Obstáculo de auga frontal.
3 Rough.
4 Fóra de límites.
5 Bunker de area.
6 Obstáculo de auga lateral.
7 Fairway.
8 Green.
9 Bandeira.
10 Buraco.

O golf, a diferenza doutros xogos con bólas ou balóns, non ten un campo de xogo estándar, existindo unha gran variedade de campos que lle dan a este un rol fundamental no desenvolvemento do xogo.

Practícase nun campo de herba natural, ao aire libre. O campo de xogo ocupa unha superficie espazosa e componse de percorridos parciais, chamados comunmente rúas, ao final dos cales hai un buraco (por extensión, cada un destes percorridos parciais denomínanse tamén buraco). Os buracos ordénanse segundo unha numeración que indica a orde de execución dos buracos e lle dá nome a cada un: buraco 1, buraco 2 etc., se ben nalgúns campos de golf ós buracos dáselles tamén outro nome tomado dalgunha das súas características: a dificultade, o deseño etc.

O xogo, ao seu máis alto nivel, xógase nun campo con 18 buracos, aínda que hai campos recreativos cun número inferior de buracos, xeralmente 9.[11][12] Segundo as normas da USGA (United States Golf Association) considéranse "campos profesionais" aqueles onde a suma das distancias totais dos 18 buracos, medindo dende as marcas negras dos "tees" de saída ata o buraco, supera as 7 000 iardas; mentres que os que non superan esta lonxitude, sexan ou non de 18 buracos, son "campos turísticos-recreativos".

Cada percorrido parcial ou buraco dun campo de golf debe ter un "tee" de saída, o propio buraco, cun diámetro de 107,9 mm, e un "green" arredor do buraco. Hai outras formas estándares de terreo entre o tee e o green, como o "fairway" (a parte central do percorrido), "rough" (zonas de herba alta, xeralmente nos bordos do percorrido), "bunker" (trampas de area), e varias ameazas (rochas, auga, plantas); pero cada buraco é único no seu trazado específico e na súa distribución.

Puntuacións

editar
 
Unha pelota de golf xunto ao buraco.

Na súa modalidade máis estendida, o obxectivo do xogo é facer todo o percorrido no menor número posible de golpes. A puntuación dun xogador de golf adoita expresarse como a diferenza entre o número de golpes do xogador e os que ten asinado o percorrido, chamado par do campo, que é a suma do pares de cada percorrido parcial. Un burato dun só golpe chámase burato en un (ou "ace") e prodúcese cando o xogador mete a bola dun só golpe dende o tee. Outros resultados comúns para os buratos tamén teñen termos específicos con nomes de paxaros en inglés.[11]

Termo numérico Nome Definición
−4 Condor catro golpes baixo par
−3 Albatross ou Double Eagle tres golpes baixo par
−2 Eagle dous golpes baixo par
−1 Birdie un golpe baixo par
E Par iqual có par
+1 Bogey un golpe sobre par
+2 Dobre bogey dous golpes sobre o par
+3 Triplo bogey tres golpes sobre par

Outra modalidade de puntuación menos estendida, é a denominada match play, na que cada xogador ou equipo se anota un punto por cada buraco onde fixera menor número de golpes co rival.

O golf en Galiza

editar
 
Campo de Golf da Zapateira

En Galiza o golf está organizado en torno á Federación Galega de Golf.

Os campos históricos son catro: Real Aeroclub de Vigo, Real Club de Golf da Coruña, Real Aeroclub de Santiago e Real Club de Golf de la Toja[13], aínda que na actualidade xurdiron moitos outros, sobre todo na zona turística da costa das provincias de Pontevedra e A Coruña e arredor de centros termais no interior,[14] como o Campo de Golf Balneario de Augas Santas ou o de Campo de Golf Balneario de Mondariz.

Campionatos

editar

Torneos majors

editar

Os torneos majors son os catro campionatos masculinos máis prestixiosos do ano. En orde cronolóxica son o Masters de Augusta, o US Open, o British Open e o Campionato da PGA.[15] [16]

O Masters de Augusta, xogado no Augusta National Golf Club de Augusta, Xeorxia, dende o seu inicio en 1934, é o único campionato major que se xoga no mesmo campo todos os anos.[17] O US Open e o campionato da PGA xóganse en campos dos Estados Unidos, mentres que o British Open se xoga en campos do Reino Unido.[18]

O golf feminino non ten un conxunto de majors aceptado globalmente.

Outros torneos

editar
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para gol.
  2. Brasch, Rudolph (1970). How did sports begin?: A look at the origins of man at play. McKay. 
  3. "paganica (game) – Britannica Online Encyclopedia". Britannica.com. Consultado o 23 de setembro de 2010. 
  4. 4,0 4,1 Jacques, Martin (2014). When china rules the world : the end of the western world and the birth of a new global order. Penguin Books. pp. 503–504. ISBN 9781101151457. OCLC 883334381. 
  5. "Golf (Chui wan) – China culture". Kaleidoscope.cultural-china.com. 25 de setembro de 2009. Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2013. Consultado o 23 de setembro de 2010. 
  6. 6,0 6,1 McGrath, Charles; McCormick, David; Garrity, John (2006). The ultimate golf book. Houghton Mifflin Harcourt. p. 13. ISBN 978-0-618-71025-6. Consultado o 4 de maio de 2009. 
  7. History Of Golf Golf Information.info.
  8. Andrew Leibs (2004). Sports and Games of the Renaissance. p. 69. Greenwood Publishing Group
  9. Forrest L. Richardson (2002). Routing the Golf Course: The Art & Science That Forms the Golf Journey. p. 46. John Wiley & Sons
  10. "El rugbi VII i el golf, nous esports olímpics". vilaweb.cat. Arquivado dende o orixinal o 28-09-2017. Consultado o 27-09-2017. 
  11. 11,0 11,1 Golf. Encarta. Arquivado dende o orixinal o 01 de novembro de 2009. Consultado o 20 de decembro de 2007. 
  12. "Hill den Park – 9 Hole Golf Course". hilden park.co.uk. Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2007. Consultado o 20 de decembro de 2007. 
  13. Desafío a cuatro entre la historia del golf gallego
  14. Situación dos campos de golf de Galiza
  15. "Future Men's Major Championships - dates and venues - SuperSport - Golf". www.supersport.com. Consultado o 20 February 2017. 
  16. "Future Men's Major Championships - dates and venues - SuperSport - Golf". www.supersport.com. Consultado o 20 de febreiro de 2017. 
  17. "Golf Majors: The Masters Golf Tournament". Sporting-World.co.uk. Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2006. Consultado o 17 de decembro de 2007. 
  18. "The Open - Open Venues". www.theopen.com. Consultado o 20 de febreiro de 2017. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar