Gran Canal da China

O Gran canal da China, tamén denominado Gran canal Pequín-Hangzhou (en transcrición pinyin Jīng Háng Dà Yùnhé) é a maior canle ou río artificial do mundo. Os tramos máis antigos remontan ao século V a.C.

Modelo:Xeografía físicaGran Canal da China
Imaxe
Tipoconxunto arquitectónico Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaRepública Popular da China Editar o valor en Wikidata
Mapa
 30°15′41″N 120°13′26″L / 30.2614, 120.2239
Composto por
Características
Tamaño1.011 (lonxitude) km
SuperficiePatrimonio da Humanidade: 20.819,11 ha
zona de protección: 55.629 ha Editar o valor en Wikidata
Patrimonio da Humanidade  
TipoPatrimonio cultural  → Asia-Oceanía insular
Data2014 (38ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (i), (iii), (iv) e (vi) Editar o valor en Wikidata
Identificador1443
Monumentos da República Popular da China
Data5 de marzo de 2013
Identificador7-1973-3-009

Historia

editar

O proxecto dunha vía de auga a través da China foi iniciado a fins do período das Primaveras e dos Outonos (722-481 a.C.), cando Fu Chai, soberano do Estado de Wu (identificábel co actual Suzhou), efectuou unha serie de expedicións de conquista aos reinos do Norte. Ordenou a construción dun canal, denominado Han Gou, para facilitar os transportes militares. O canal foi escavado a partir de Yangzhou ata Jiangsu, desviando a augas do Chang Jiang para o norte.

 
Mapa actual co trazado do Gran Canal.

A canle foi alongada baixo a dinastía Sui (581-618) e máis tarde baixo a dinastía Yuan (1206-1368), acabando por ser coñecida como o Gran Canal. No ano 604, o emperador Sui Yangdi da dinastía Sui abandonou a cidade de Dacheng (actual Xi'an), a capital, para instalarse en Luoyang. En 605, o emperador dou ordes para realizar dous proxectos de construción: transferir a capital de Chang'an a Luoyang e executar o enlace entre Pequín e Hangzhou por medio dun Gran Canal. Precisáronse cinco[1] ou seis anos para realizar esas ligazóns co Gran Canal, conectando os cinco ríos seguintes: Hai He, Huang He, Huai He, Qiantang Jiang e Chang Jiang.

O Gran Canal comeza ao norte, en Pequín e termina no sur en Hangzhou, en Zhejiang, cunha lonxitude total de 1.794 km. Pasa, entre outras, polas cidades de Pequín e Tianjin, e atravesa as provincias de Hebei, Shandong, Jiangsu e mais Zhejiang.

Durante as dinastías Yuan, Ming (1368-1644) e Qing (1644-1911), o Gran Canal foi a arteria principal entre o norte e o sur da China. Era esencial para o abastecemento de cereais para Pequín. Aínda que o Gran Canal foi concibido esencialmente para tal tipo de transporte, foi utilizado para outros usos. As diferentes zonas drenadas pola canle beneficiáronse da súa importancia económica. Documentos, conservados en arquivos, mencionan que cada ano máis de oito mil naves transportaban entre catro e seis millóns de dans (entre 200.000 e 300.000 toneladas) de cereais para Pequín[2]. O canal permitía tamén que os dirixentes chineses percorresen de xeito regular o imperio de norte a sur. Baixo a dinastía Qing, os emperadores Kangxi e Qianlong efectuaron doce viaxes ao sur, en xeral até Hangzhou.

O Gran Canal facilitou así mesmo os intercambios culturais entre o norte e o sur da China. O canal deixou moi forte impresión nos primeiros visitantes occidentais do celeste imperio. Marco Polo mencionou as pontes con arcos do Gran Canal, os seus importantes almacéns nas beiras e o comercio que enxendraba a canle (século XIII). O misioneiro católico Matteo Ricci viaxou dende Nanjin ata Pequín polo canal, a finais do século XVI.

Arredor de mediados do século XIX, porén, o desenvolvemento do transporte marítimo e a apertura das vías de ferrocarril Tianjin-Pukou e Pequín-Hankou reduciron grandemente o papel do canal como arteria maior do transporte chinés. Importantes tramos cesaron de ser revisados, cegándose rapidamente. Coa chegada da República Popular da China en 1949, foron realizados importantes traballos de rehabilitación no Gran Canal, tentando que recobrase a súa importancia económica primitiva.

 
Barcaza no Gran Canal.

Dimensións

editar

Segundo documentos publicados polo padre Gandar, a lonxitude total do canal é de arredor de 1.930 km. Unha medida aproximada, só tomando como referente o curso principal do canal, outórgalle unha lonxitude de 850 millas. Medicións modernas, tendo conta do seus brazos ou ramais, danlle unha lonxitude de polo menos uns 2.700 km, e un ancho de 30 a 70 m.

Descrición do curso sur-norte

editar

Logo de deixar Hangzhou, o canal pasa polos arredores do límite oriental do Tai Hu, pasa preto da cidade de Suzhou e toma un sentido xeral norte-oeste en dirección para o fértil distrito de Jiangsu e ata Jingjiang sobre o Yangtzé. Nesta parte meridional, a corrente é suave e o leito relativamente profundo (2,1 m se as augas van baixas; 3,4 m con augas altas, e até 4 m con cheas). Entre Suzhou e Jingjiang, o canal supera regularmente os trinta metros de anchura, e ten beiras empedradas en numerosos lugares. O canal está cruzado por numerosas pontes de pedras esculpidas, mostrando nas orelas moitos templos e pagodes delicadas.

 
O Gran Canal en Wuxi.

Na parte central do Gran Canal, situada entre Jingjiang e Qingjiangpu, a corrente é puxante e a remontada cara ao norte faise difícil. Este tramo do canal atravesa diferentes lagos e está alimentado polo Huai He, emisario do lago Xingzuo. O terreo sito ó oeste do canal é máis alto que o leito, mentres a parte do lado do leste é máis baixa. Estas terras son coñecidas, respectivamente, como Shanghe (literalmente "encima do río") e Xiahe ("debaixo do río"). As canles de rego para Xiahe (unha das grandes rexións produtoras de arroz na China) permiten evacuar a auga sobexa en períodos de enchentes.

A sección norte, que é tamén a máis longa, parte desde o antigo curso do Huang He até Tianjin. O seu trazado aproveita en boa parte o leito de antigos cursos de auga preexistentes. Entre Xingjiangpu e o curso actual do río Amarelo, o canal toma unha dirección norte-noroeste nas proximidades das terras altas de Shandong. Nesta rexión, pasa a través dunha serie de lagoas, que forma un único lago, o Zhouyang, en verán, na época do monzón. Ao norte deste lago, na beira oriental, álzase a cidade de Ziningzhou. A uns 40 km ao norte desta cidade, o canal acada o seu nivel máis alto na cidade de Nanwang. O río Hen penetra neste lugar no canal, e sobre 50 km máis ao norte, o Huang He está a espera. A oeste do canal, na altura da confluencia co Huang He, atópase un leito seco, que segundo mapas do século XVIII, tería sido tomado polo río Huang He antes do seu abandono en 1851-1853.

O paso desde o Huang He cara a sección norte non é doado, e non pode realizarse máis que en certos períodos do ano, cando a corrente do Huang He é aceptábel, e o nivel das augas nin alto de abondo nin demasiado baixo. Máis aló, o canal pasa por unha rexión de vales e bosques, a oeste de Dongpingzhou e a leste de Dongchangfu. En Linjingzhou, o canal atravesa o Wei He no centro da mesma cidade. A partir de aquí, desde Qingjiangbu ata Linjingzhou, nunha distancia de case 500 km, a navegación é difícil e o canal está escasamente alimentado de auga. As diferenzas de nivel entre tramos (de sete a dez metros), están marcadas por presas, que os barcos remontan, en ocasións logo de baleirar as súas cargas. Na confluencia co Wei He, o canal segue polo río mesmo, polo que a navegación tórnase doada. En movéndose cara oeste cara Hebei, entre Dezhou e Zangzhou, o canal cruza o Hai He en Tianjin, despois de recibir as augas do río Geduo nas proximidades de Qingxian.

A parte máis antiga do canal é a situada entre o río Yangtzé e o Huai He. Cóidase que data, consonte unha pasaxe dun libro de Confucio, do ano -486. O tramo foi reparado e ancheado no século III. A súa parte sur, entre o Yangtzé e Hangzhou, foi construída nos comezos do século VII (inicialmente chamouse Jiang Nan He, 江南河). A parte setentrional foi construída entre 1280 e 1283. O canal foi reconstruído por enteiro entre 1411 e 1415, durante a dinastía Ming, polo emperador Yongle. A sección norte do canal actualmente é menos utilizada. É de mala feitura, descoidada e cargada da auga lamacenta do Huang He. As seccións sur e central son moito máis utilizadas.

  1. P. Ebrey, The Cambridge Illustrated History of China, impreso en Hongkong (1996, reimpreso en 2001). Cambridge University Press. ISBN 0-521-43519-6, p. 114: "The Grand Canal, dug between 605 and 609 by means of enormous levies of conscripted labour" = "O Gran Canal foi escavado entre 605 e 609 utilizando enormes levas de traballo forzado"
  2. Xinhua - English

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar