Bananeira
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2016.) |
Bananeira | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Bananeira | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Musa × paradisiaca L. |
A bananeira[1], plataneiro [2] ou plátano [3] (Musa × paradisiaca) é unha planta herbácea de orixe asiática pertencente ao xénero Musa, propia dos países tropicais, moi cultivada en diferentes zonas do globo polo seu froito: a banana, tamén coñecida coma plátano.
Bananeira e o nome científico Musa × paradisiaca (ou Musa paradisiaca) fan referencia a un gran número de plantas herbáceas do xénero Musa, tanto híbridos obtidos horticulturalmente a partir das especies silvestres o xénero Musa acuminata e Musa balbisiana como cultivares xeneticamente puros destas especies. Clasificada orixinalmente por Linnaeus coma Musa paradisiaca en 1753, a especie tipo do xénero Musa, estudos posteriores levaron á conclusión de que a complexa taxonomía do xénero inclúe numerosos híbridos, de variada composición xenética, e se ten desenvolvido un sistema estritamente sui generis de clasificación para dar conta desta variación. Porén, de acordó coas regras do Código Internacional de Nomenclatura Botánica, o nome linneano conta con prioridade, e segue a ser usado —tanto na súa forma orixinal como na modificada Musa × paradisiaca, que indica que se trata dun híbrido— para designar xenericamente a estas variedades.
Aínda que a Real Academia Galega recomende prioritariamente a forma banana, na nomenclatura vernácula galega (e española en xeral) trázase ás veces unha diferenza entre as bananas (normalmente máis grandes e que veñen de países tropicais) e plátano (normalmente máis pequeno e producido nas Illas Canarias); porén, en Hispanoamérica denominan bananas ás froitas consumidas crúas na sobremesa, e plátanos, aos froitos que, polo seu superior contido en fécula, deben asarse ou frixirse antes da súa inxesta. A diferenza non se corresponde exactamente con criterio xenético ningún; aínda que as variedades con maior presenza xenética de M. balbisiana acostuman estar comprendidas neste segundo grupo, non se pode determinar se unha planta producirá plátanos ou bananas simplemente pola súa constitución xenética. A confusión aumenta polo feito de que noutras rexións os termos son sinónimos (véxase, máis abaixo, apartado sobre Etimoloxía).
No entanto, este grupo de vexetais conforma a froita intertropical máis consumida do mundo. Trátase dunha falsa baga, de forma falcada ou alongada, que medra en acios (mans) de até 400 unidades e 50 kg de peso; de cor amarela cando está maduro, é doce e carnoso, rico en fibras, glícidos, potasio, vitamina A, vitamina C e triptófano, contén un antiácido natural moi útil contra a pirose; ademais, é baixo en sodio e baixo en graxas. É moito máis rico en calorías que a meirande parte das froitas polo seu gran contido en fécula; dos 125 gramos que pesa de media, o 25% é materia seca, que aporta unhas 120 calorías. Contén os glícidos máis dixeríbeis (o corpo pode queimar as calorías que ofrece moito máis facilmente que as que proveñen das graxas).[4]
Cultívase en máis de 130 países, desde o sueste asiático de onde son nativas, até Oceanía e América do Sur; o principal produtor mundial é a India,[5] onde se cultivan case un cuarto dos froitos comercializados no mundo, aínda que boa parte dos mesmos son para consumo doméstico. O principal exportador é o Ecuador, que xera case un terzo das exportacións globais. O volume de produción de bananas só é superado polo trigo (Triticum spp.), o arroz (Oryza sativa) e o millo (Zea mays). A produción continua de froito ao longo do ano fainos especialmente valiosos como alimento na época entre colleitas nos países tropicais; son as bananas de frixir as que cumpren este papel principalmente.
A banana é a froita tropical máis consumida en Galiza, sendo un alimento xa moi normal na dieta, iso si, soamente coma sobremesa. A maior parte das bananas que chegan a Galiza proceden das Illas Canarias, Camerún e o Ecuador. Algunha bananeira pode atoparse coma ornamental nos eidos estivais do sur de Galiza, porén non chegan a frutificar.
Descrición
editarA planta
editarA bananeira non é unha árbore, senón unha megaforbia, unha herba perenne de gran tamaño. Como as demais especies de Musa, carece de verdadeiro tronco. No canto, posúe vaíñas foliares que se desenvolven formando estruturas chamadas pseudotalos, semellantes a fustes verticais de até 30 cm de diámetro basal que non son leñosos, e acadan os 7 m de altura.
As follas cóntanse entre as máis grandes do reino vexetal. Son lisas, tenras, oblongas, co ápice trunco e a base arredondada ou lixeiramente cordiforme, verdes pola face superior e máis clariñas e normalmente glaucas polo envés, coas marxes lisas e as nervaduras pinnadas, amarelentas ou verdes. Dispostas en espiral, despréganse até acadar 3 m de longo e 60 cm de largo; o pecíolo ten até 60 cm. Nas variedades con maior compoñente xenético de M. balbisiana este é cóncavo pola parte superior, cos extremos case tocándose por riba da canle adaxial. Da xenética depende tamén que sexa glabro ou pubescente. As follas tenden a se crebaren espontaneamente ao longo das nervaduras, dándolles un aspecto pouco axeitado. Cada planta ten normalmente entre 5 e 15 follas, sendo 10 o mínimo para a considerar madura; as follas viven non máis de dous meses, e nos trópicos renóvansese a razón dunha por semana na tempada de crecemento.
O elemento perenne é o rizoma, superficial ou subterráneo, que posúe meristemas a partir dos cales nacen entre 200 e 500 raíces fibrosas, que poden acadar unha fondura de 1,5 m e cubrir 5 m de superficie. Do rizoma tamén agroman rebentos ("chupóns") que susbstitúen o talo principal logo de florear e morrer. Nos exemplares cultivados só se deixa normalmente un para evitar que a planta sexa máis feble, mais nas plantas bravas aparecen en gran cantidade; este é o principal xeito de espallamento das variedades estériles, que son a maioría.
Flores
editarUns 10 a 15 meses logo do nacemento do pseudotalo, cando este xa deu entre 26 e 32 follas, nace directamente a partir do rizoma unha inflorescencia que abrolla do centro dos pseudotalos en posición vertical; semella un enorme casulo púrpura ou violáceo que se afina cara ao extremo distal, co pedúnculo e o raque glabros. Ao abrir, revela unha estrutura en forma de espiga, sobre cuxo talo axial dispóñense en espiral ringleiras duplas de flores, agrupadas en acios de 10 a 20 que están abeirados por brácteas grosas e carnosas de cor purpúrea. A medida que as flores desenvolven, as brácteas caen, un proceso que tarda entre 10 e 30 días para a primeira ringleira.
As primeiras 5 a 15 ringleiras son de flores femininas, ricas en néctar; nelas o tépalo composto acada os 5 cm de longo e os 1,2 cm de largo; é branco ou máis raramente violáceo polo interior, coa cor translúcida á vista desde fóra coma unha delicada tonalidade purpúrea. A súa parte superior é amarela ou alaranxada, cos dentes duns 5 mm de longo, os dous máis exteriores dotados dun apéndice filiforme de até 2 mm de longo. O tépalo libre é aproximadamente da metade de tamaño, branco ou rosado, obtuso ou trunco, coa apícula mucronada e curta. Séguenas unhas poucas ringleiras de flores hermafroditas ou neutras, e as masculinas na rexión apical.
Agás nalgúns poucos cultivares, as flores masculinas desaparecen de súpeto logo de abriren (a excepción son as bananas 'Cavendish' e 'French'), deixando o ápice da espiga espido salvo por un casulo carnoso terminal que contén flores masculinos sen abrir. O enorme peso das flores fai que o talo floral se incline cara ao chan en pouco tempo; á súa vez, o fototropismo das flores fai que se dirixan no seu crecemento cara a arriba.
Nas variedades híbridas cultivadas polo seu froito, as flores masculinas son estériles, así como as femininas no cultivar 'Cavendish'. Os ovarios desenvólvense partenocarpicamente sen necesidade de polinización. Tacas escuras na polpa indican o resto dos óvulos sen desenvolver.
Froito
editarO froito tarda entre 80 e 180 días en se desenvolver por completo. En condicións ideais frutifican todas as flores femininas, adoptando unha aparencia dactiliforme que leva a que se denomine “man” ás fileiras nas que se dispoñen. Pode haber entre 5 e 20 mans por espiga, aínda que normalmente se trunca a mesma parcialmente para evitar o desenvolvemento de froitos imperfectos e evitar que o casulo terminal colle as enerxías da planta. O punto de corte fíxase normalmente na "falsa man", unha na que aparecen froitos ananos. En total pode producir uns 300 a 400 froitos por espiga, pesando máis de 50 kg.
O froito é unha falsa baga epíxina de 7 a 30 cm de longo e até 5 de diámetro, que forma un acio compacto. Está cuberta por un pericarpo coriáceo verde no exemplar inmaturo e amarelo intenso, vermello ou bandeado verde e branco ao chegar. É de forma lineal ou falcada, entre cilíndrica e marcadamente angulosa segundo a variedade. O extremo basal estréitase abruptamente cara a un pedicelo de 1 a 2 cm. A polpa é branca a amarela, rica en amidón e doce; nalgunhas bananas pode resultar algo adstrinxente ou gomosa polo seu contido en látex, fariñenta e seca. Moi rara vez as variedades diploides ou tetraploides producen sementes, negras, globosas ou irregulares, coa superficie rugosa, de até 16 × 3 mm de tamaño, incrustadas na polpa. As triploides, como 'Cavendish', nunca producen semente.
Hábitat
editarOrixe e distribución
editarA bananeira moderna é un cultivo, probabelmente orixinario da rexión indomalaia. Desde Indonesia espalláronse cara ao sur e o oeste, acadando Hawai e a Polinesia por etapas. Os comerciantes europeos levaron noticias da planta a Europa arredor do século III a. C., mais non o introduciron deica o século X. Das plantacións da África Occidental os colonizadores portugueses levaríano á América do Sur no século XVI.
Hoxe as variedades comerciais cultívanse en todas as rexións tropicais do mundo. É a máis cultivada das froitas tropicais e unha das catro máis importantes en termos globais, só trala uva (videira-Vitis vinifera), os cítricos (‘’Citrus’’) e a mazá (maceira - Malus domestica). Anualmente prodúcense máis de 28 millóns de toneladas de froita, das cales case dous terzos proveñen de América do Sur. Os principais importadores son Europa, os Estados Unidos, o Xapón e o Canadá. A India[5] é o principal produtor mundial de banana, con arredor de 11 millóns de toneladas (11 000 000 tn) anuais, destinadas na súa maioría ao mercado interno. Ségueo o Brasil, que produce 6 millóns de toneladas anuais, tamén consumidas localmente na súa gran maioría. Tanto Indonesia (2 millóns de toneladas/ano) coma Filipinas (0,5 millóns de toneladas/ano) exportan a maioría da súa produción ao Xapón, ao igual que a República da China (0,5 millóns de toneladas/ano). A froita consumida en Europa procede sobre todo das plantacións do occidente africano, en particular da Costa do Marfil e de Somalia, dende onde 9 millóns de toneladas anuais fornecen as mesas europeas, e en menor medida das posesións francesas e neerlandesas no mar Caribe. O consumo interno en España serveuse tradicionalmente dos plátanos de sobremesa producidos nas Canarias (semellantes aos de Madeira), que exportaban tamén abundantemente a Europa, porén, a liberalización dos mercados fixo retroceder fronte ás importacións de orixe africana (Camerún) e suramericana (Ecuador). O Ecuador e Colombia son os principais exportadores de banana en América, aos que segue Venezuela, que superou o millón de toneladas anuais. A produción do Panamá, Honduras e Costa Rica está principalmente destinada aos Estados Unidos.
A banana é unha colleita fundamental en Colombia, onde os subprodutos vexetais úsanse na alimentación animal, así como en México e en Venezuela. A República Dominicana é tamén un importante produtor, mais a principal fonte de bananas no Caribe é Porto Rico, que produce máis de 30 millóns de dólares estadounidenses anuais, consumindo a gran maioría dos mesmos dentro do país. O consumo per capita de banana en Porto Rico cifrábase en 30 kg por ano a mediados dos anos 1980. En Ghana ocupan un papel importante na economía, especialmente en combinación co cacao (Theobroma cacao), cultivándose coma sombra para este.
Solos
editarAs baneiras toleran ben unha gran variedade de terreos; medran e frutifican en condicións de bastante pobreza, aínda que para que a produción sexa economicamente rendíbel ccómpren de solos fértiles e húmidos. Prefiren terreos profundos, ben drenados, coa capa freática a non menos de dous metros de profundidade; para evitar o asolagamento das raíces, os cultivos en zonas de extrema humidade adoitan elevar as plantas mediante canteiros ou bancais, ademais de cavar canles de desaugamento entre as plantas, previndo unha pendente de arredor do 1% para permitir a drenaxe. En terreos máis secos cómpre unha rega artificial; a rega por aspersión permite a plantación de bananeiras en terreos arxilosos que tradicionalmente se consideraron non axeitados.
Prefiren solos lixeiramente acedos, cun pH arredor de 6. Un exceso de acidez fai necesaria a adición de álcalis durante o crecemento para evitar a propagación dos fungos do xénero Fusarium, responsábeis da enfermidade do Panamá que é a principal praga desta cultura. No entanto, os solos ideais son de orixe aluvial, os terreos areentos, franco-areentos, arxilosos, calcarios e rochosos poden ser aceptábeis; se presentan problemas nas areas demasiado finas, que reteñen demasiada auga.
Os requirimentos nutritivos da bananeira son elevados; as variedades de froita poden necesitar entre 250 e 600 kg de nitróxeno por hectárea para fornecer rendementos comerciais, e entre 700 e 800 kg de potasio. Os rebentos cortados para evitar o seu desenvolvemento e os restos dos pseudotalos despois da colla abandónanse no chan ou se engaden a un compost para mellorar a calidade do solo. Un exceso de salinidade non detén o crecemento da planta, mais reduce marcadamente o seu rendemento, dando lugar a froitos ananos ou moi magros.
Temperatura e pluviosidade
editarAs bananeiras son propias de rexións tropicais e subtropicais, e rara vez dan bos resultados fóra da banda comprendida entre os 30°N e 30°S. Algúns cultivos están adaptados a altitudes de até 2.300 msnm, mais a maioría non prospera a máis de 600 m de altitude.
A temperatura óptima para a floración rolda os 27°C, e o crecemento dos froitos benefíciase dunha lixeiramente superior. Por riba dos 37 °C as follas padecen queimaduras e os froitos se deforman; por baixo dos 16 °C o ritmo de desenvolvemento redúcese sensibelmente, dando lugar á aparición dunha folla por mes no canto do período óptimo dunha por semana. Por baixo dos 10 °C, a planta detén o seu crecemento por completo, e o desenvolvemento dos froitos aborta. Incluso breves accesos de frío poden matar as inflorescencias, ocasionar a podremia dos froitos xa presentes ou abortar o seu desenvolvemento, dando lugar a froitos pequenos, de cor verde agrisado e sabor débil. As xeadas son tremendamente prexudiciais; temperaturas debaixo do punto de conxelación provocan a seca das partes verdes e a eventual caída dos pseudotalos e follas presentes. O rizoma pode sobrevivir, e torna a agromar en canto a temperatura é axeitada, aínda que rigores climáticos por baixo dos 7 °C baixo cero poden danalo irreversibelmente. Ás veces énchese de auga lixeiramente o chan en previsión dunha xeada breve para que o intercambio térmico vais máis amodo e permitir a supervivencia; noutros casos elévase artificialmente a temperatura mediante a queima controlada de detritos.
O réxime de choivas debe ser constante, cuns 100 mm mensuais ao longo do ano, e non máis de tres meses de estación seca. A seca pode ocasionar unha grave redución no número e o tamaño dos froitos, comprometendo o rendemento da colleita. Ante a falla de auga, as follas creban ou marelecen prematuramente, e eventualmente caen por completo; en casos graves, as vaíñas foliares que forman o pseudotalo morren tamén. Unha maior dotación xenética de M. balbisiana favorece a resistencia á seca. As enchentes son igual de perigosas; máis de 48 horas de saturación ou o estancamento de auga entre as raíces matan as plantas por podremia irreversibelmente. Se a humidade é excesiva, as plantas poden presentar ananismo e falta de vizosidade, o que se arranxa abrindo cales ou sucos de drenaxe ou elevando as plantacións sobre noiros.
En Australia e a India algunhas variedades téñense adaptado a solos elevados. As variedades australianas cultívanse entre os 60 e os 300 msnm para evitar as xeadas que son frecuentes máis abaixo; as indias chegan até os 2.000 msnm, en especial a variedade anana 'Kullen', que se cultiva nos contrafortes orientais dos Ghats, 'Vella vazhai', que se planta nos Pulneys, e a banana 'Plankel'. En África a maior parte das plantacións están por riba dos 900 m; en Suráfrica é a rexión sueste o principal foco produtor, entre os 900 e os 1000 msnm, e na África Oriental as altitudes son aínda maiores.
Situación
editarPola súa natureza herbácea, as bananeiras deben estar protexidas do vento. Por riba dos 40 km/h as variedades de talo máis alongado poden resultar arrincadas, ao ofreceren as grandes follas moita resistencia; por riba dos 60 km/h aínda as variedades ananas sofren danos. Tamén con refachos de menor intensidade os froitos poden verse danados, poden caer as flores ou se desecar as follas.
As bananeiras prefiren pleno sol, agás en climas moi calorosos; no trópico medran ben en semisombra, mais en rexións de temperaturas máis moderadas a falla de exposición ao sol leva á produción de froitos escasos e de baixa calidade.
Cultivo
editarPropagación
editarAgás en proxectos experimentais de desenvolvemento de novas variedades, as bananeiras non se desenvolven nunca a partir de semenetes. O principal medio de reprodución é o corte de potenciais propágulos a partir do rizoma, sexa unicamente as xemas do mesmo —un procedemento semellante o empregado para a propagación da pataqueira, Solanum tuberosum— ou os rebentos ("chupóns") que agroman del xunto ao pseudotalo principal.
Para empregar as xemas,selecciónase preferentemente unha planta duns sete meses de idade e se desarraiga, cortando despois o pseudotalo 1 dm por riba do seu nacemento. Ao arrincar as bases das vaíñas foliares, fican visíbeis dúas xemas de cor rosada, que poden medrar axiña tralo replante. As xemas inferiores, de cor abrancazada, acostuman descartarse, pois o seu desenvolvemento en caso de replante é máis lento e traballoso. Elimínanse as seccións afectadas por doenzas, as descoloridas ou que presentan nodulacións por mor dos nematodos, e o resto do rizoma divídese en dous. Cada un dos anacos mergúllase nunha solución nematicida e se fumiga contra fungos, para deixalo despois repousar unhas 48 h antes do replante. O peso ideal de cada anaco de rizoma está entre os 800 e os 1.800 g; se son máis pequenos, unha fertilización adicional será necesaria. A práctica de replantar rizomas enteiros, de até 8 kg de peso, desapareceu virtualmente; no entanto ofrecen un mellor rendemento o primeiro ano, despois o eu desenvolvemento asimílase ao dos rebentos obtidos por división.
A outra alternativa empregada con frecuencia é o uso dos botóns (“chupóns” ou “colinos”), os agromos ou rebentos novos que o rizoma produce para substituír eventualmente o pseudotalo. O botón aparece coma un rebento cónico, cuxas follas están pouco desenvolvidas e presentan máis vaíña que superficie foliar propiamente dita; na súa forma máis nova, alcumada "mirón", non se utiliza agás en viveiros ou programas de investigación. Para o seu uso comercial agárdase a que comece a producir follas semellantes ás do adulto, as chamadas "espadas"; nesta fase, coñécese coma "puyón" ou "agulla". Para o seu uso sepárase do resto do rizoma cun machado, deixando unha sección de bo tamaño unida ao pseudotalo, e arrincando as follas máis vellas. O momento ideal para replantalo é tres ou catro meses despois da súa aparición, cando ten arredor de 120 cm de altura; no primeiro ano desenvolverase máis axiña ca os regromos obtidos de xemas, dando o rendemento óptimo. Os rizomas vellos ou pouco nutridos ás veces producen chupóns cuxas follas asemellan ás dos adultos desde o seu primeiro botón; chamados "bandeiras" ou "orellóns", polo xeral proporcionan un rendemento moi baixo, e indican que o rizoma debe xa descartarse.
Existen técnicas horticulturais para acelerar a produción de renovos; unha das máis frecuentes é eliminar as vaíñas foliares dun rizoma para deixar as xemas ao descuberto, e cortar os rebentos cando acadan a etapa de "puyón ". Outra consiste en cortar o rizoma de tal xeito que produza un calo de meristema que dará lugar a moitos renovos.
En laboratorio téñense desenvolvido técnicas para producir tecido meristemático en cultivo, co obxecto de garantir a uniformidade dos exemplares e unha provisión constante de gomos libres de nematodos e outras enfermidades. Aínda que o lento desenvolvemento das plantas así obtidas facía pouco práctico este sistema, experimentos en Hawai produciron moi bos resultados, cunha taxa de arraigo do 95% e mellor saúde que as plántulas obtidas de chupóns. A obtención de propágulos libres de enfermidades é unha gran prioridade, como en todas as plantas obtidas principalmente por propagación vexetativa.
Plantación
editarO momento da plantación depende do clima da zona; é importante garantir un bo nivel de humidade en la fase inicial de crecemento, así como evitar a toda costa o asolagamento.
Disposición
editarAs plantas ubícanse a intervalos regulares, en disposición hexagonal ou en canteiros de dúas ou tres fileiras separadas por carrís máis largos para a maquinaria agrícola. A distancia ideal depende do tamaño do cultivar, a fertilidade do solo e outros factores; rara vez é inferior aos 2 m ou superior aos 5. A raizame dunha bananeira adulta pode ocupar un espazo de até 100 m², o que debe terse en conta á hora de planificar a disposición. Normalmente a densidade óptima está entre 1.200 e 2.400 plantas por hectárea.
As plantacións máis densas favorecen o control das herbas adventicias e abeiran do vento aos exemplares, porén dificulta a prevención de pragas e diminúe o rendemento. Os exemplares plantados demasiado preto uns dos outros producen menos chupóns, froitos máis curtos e madurecen antes de permitir o desenvolvemento completo dos mesmos. Plantacións máis densas requiren maiores volumes de fertilizante, e poden producir outros problemas pola diminución da exposición solar dos exemplares. Pola contra, plantacións demasiado espazadas favorecen a aparición de herbas adventicias, incrementan a evaporación do solo e expoñen as plantas a maiores inclemencias.
Fertilización
editarAs fochas practicadas para a plantación deben ter uns 40 cm de profundidade e un diámetro lixeiramente maior; poden facerse máis fondos para mellorar a resistencia ao vento. Fertilízanse antes da plantación, para asegurar que a nutrición nos cruciais primeiros catro meses de desenvolvemento será axeitada. En solos pobres, as bananeiras hanse fertilizar entre catro e seis veces durante cada ciclo de produción. Estímase que unha colleita dunhas 12 toneladas por hectárea esixe do solo uns 25 kg de nitróxeno, 4,5 kg de fósforo, 62 kg de potasio e uns 8 kg de calcio. A proporción de adubo empregado vai de 3:1:6 a 8:10:8 NPK de acordo ás características do solo; a cantidade dependerá da densidade de poboación, mais estará arredor de 1-1,5 toneladas por hectárea nun ciclo, incluíndo 50–150 kg de nitróxeno, 15–60 kg de fósforo e 80–180 kg de potasio.
As técnicas de fertilización inclúen a aspersión dun terzo do fertilizante total estimado cando aparecen os gomos, unha segunda dous meses máis tarde cubrindo unha área de 30 cm arredor de cada planta, e unha terceira despois doutros dous meses ao dobre de distancia, ou unha progresiva, comezando cun cuarto de quilo de adobo rico en magnesio para as plantas novas e aplicando despois doses progresivamente crecentes cada dous meses, chegando a doses de 2,5 kg en época de floración. Se o solo non é rico en manganeso e cinc, adóitase engadir unha aspersión anual con micronutrientes aplicados sobre as follas, así como cobre usado como funxicida. A nutrición foliar é cada vez máis frecuente con uso de aminoácidos, algas etc.
Irrigación
editarA irrigación úsase para garantir os 100 mm mensuais de auga que as bananeiras cómpren. Poden empregarse aspersores de alto volume, microaspersores ou sistemas de rega por goteo. A rega de baixo volume é máis eficiente. É imprescindíbel adoptar medidas para evitar o exceso de humidade no solo.
Poda
editarPara obter crecemento vexetativo uniforme e producións comercialmente rendíbeis, os chupóns que medran do rizoma deben controlarse; a multiplicación dos mesmos conduce á produción de acios de foritos pequenos. Déixase normalmente só un coma substituto eventual do pseudotalo principal, que morrerá despois de frutificar. Os restantes tíranse, e os seus restos se deixan no chan para a fertilización do solo.
Os chupóns poden cortarse de varios xeitos para asegurar que non volverán a aparecer; a máis efectiva é arrincalos a man, co que se extrae tamén a xema subxacente, mais é lento e traballoso. Como alternativas córtanse cun coitelo bananeiro a rentes do chan, utilizando queroseno para matar a xema, ou se usa un instrumento metálico para matar por percusión a xema despois de cortar o rebento.
Arríncanse tamén as follas mortas para evitar que interfiran coa rega, fagan sombra aos chupóns ou danen por rozamento os acios novos; os seus restos déixanse no chan para a súa descomposición. Se a produción é boa, reméxese o casulo terminal do acio, que contén flores masculinas, para mellorar o crecemento das bananeiras.
Rozado
editarA principal maleza que afecta as plantacións de bananeira é Cyperus rotundus, que consome moito do nitróxeno que a planta necesita. Intentouse utilizar gansos como desbravadores naturais, xa que a bananeira non lles resulta atractiva, porén se ben consomen a maioría dos pastos competidores non acaban completamente coas herbas daniñas. As solucións químicas empregadas inclúen o diuron e a ametrina, que resultan só moderadamente daniñas para as plantas e desaparecen axiña do chan.
Outra alternativa é o uso das follas secas para cubrir o chan e evitar que as herbas agromen, ou a plantación mixta, sexa con herbas como Neonotonia wightii ou Tradescantia pendula, ou con outros cultivos comerciais. Se se deixa un espazo dun metro arredor de cada bananeira, é posíbel alternala con millo, patacas doces (Ipomoea batatas), pementeiras (Capsicum annuum), tomateiras (Solanum lycopersicum), berenxenas (Solanum melongena), ananás (Ananas comosus), gombo (Abelmoschus esculentus) ou outras plantas.
Colleita
editarRendemento
editarO rendemento dunha plantación de bananeiras depende das condicións do solo, dos métodos de cultivo e da variedade plantada, mais pode agardarse unha produción de entre 7 e 16 toneladas anuais de froita por hectárea de plantación, e as plantacións comerciais intensivas superan as 23 toneladas/ha anuais. Para manter este rendemento non só debe seguirse rigorosamente o réxime de adubos, senón tamén renovarse a plantación cada dous ou tres anos, evitando así o envellecemento das plantas. A partir do cuarto ano, a produtividade comeza a diminuír, e a produción irregular fai antieconómico o uso de medios mecánicos. As plantacións destrúense periodicamente por completo, usando herbicidas ou arrasándoa con herbívoros, para evitar a propagación de nematodos e outras pragas.
Algunhas variedades producen rendementos sensibelmente máis elevados, aínda que o custo en fertilizantes e mantemento é igualmente alto; cada acio completo de 'Giant Cavendish' pode acadar os 50 kg, con máis de 350 froitos. Aínda que o rendemento económico destas variedades é máis alto, tamén impoñen fortes investimentos aos plantadores: mentres en Porto Rico unha investigación de 1981 determinou que unha plantación tradicional custaba aos seus produtores uns 3.874,59 dólares estadounidenses por hectárea, producindo á súa vez un valor de mercado de U$S 6.021,58/ha e un rédito neto de U$S 2.146,99/ha, as ganancias podían máis que duplicarse con cultivares máis delicados, mellor fumigación e máis coidado, acadando os U$S 5.241,29/ha, mais á vez o inveestimento necesario elévase a U$S 5.268,52/ha, cifras difíciles de acadar para os pequenos agricultores.
Proceso de colleita
editarO froito apáñase cando cobrou xa o seu volume mais antes de marelecer, arredor dos tres cuartos do proceso de maduración. Neste momento os froitos semellan xa menos angulosos, e os estilos florais no seu extremo se murcaron e se remexen con facilidade. Uns 80 días despois da apertura da primeira man, os acios córtanse enteiros cun coitelo bananeiro de folla curva. O talo floral inclínase, puxando das follas ou cun accesorio ad hoc, para baixar o acio ao alcance da man, e os colleiteiros traballan en tándem, un deles cortando o acio e uns 20 cm de talo que se usa coma cabo para trasladalo até o depósito ou vehículo. Un dos colleiteiros leva unha indumentaria especial, almofadada, para apoiar as froitas no lombo sen que se danen no transporte. Trala colla, o pseudotalo do que agromou o acio déixase secar ou se arrinca e esparexe polo chan para mellorar a reabsorción da súa materia orgánica. Apisóase coidadosamente o chan do seu redor para evitar que o buraco favoreza o acceso de pragas.
Tamén existe unha técnica denominada «colleita por búmerang», practicada asiduamente por algunhas grandes empresas recolectoras, baseada na utilización dun búmerang para baixar os froitos da copa dos bananeiros, principalmente para evitar a picada das arañas que os habitan.
Almacenamento
editarNo método tradicional, os acios almacenábanse a escuras en vehículos e transportábanse directamente deica os puntos de embarque para o transporte de longa distancia, o que ocasionaba grandes perdas por danos. Hoxe acostúmase a transportalas suspensas, en vehículos acondicionados especialmente, para evitalo. Os acios deben cubrirse para evitar que a luz induza a maduración antes de tempo. Nos puntos de almacenamento e nos vehículos, cando se apoian, utilízase unha mestura de restos de follas e camadas de papel ordinario para protexelas e absorber o látex que abrolla do corte na parte superior do talo e dos estilos florais ao caer; pode utilizarse como alternativa unha vaíña de plástico ou polivinilo, que porén provoca un incremento na drenaxe de látex e emporca a superficie exterior da froita, diminuíndo o seu valor comercial. A protección complétase con colchóns de follas frescas e outros restos da poda dos pseudotalos. Antes da embalaxe para o transporte de longa distancia, os acios lávanse en tanques cunha solución de hidroclorato de sodio para eliminar os restos de látex e mellorar a súa presentación; ás veces, despois do lavado, aplícase funxicida na superficie cortada para evitar a podremia do froito. Os acios manchados ou danados despois do lavado destínanse ao consumo local.
O empaquetado en caixas utilizouse no pasado, mais a perda de froitos polos golpes contra as paredes e fondo do recipiente fixeron que se descartase coma sistema de transporte. Hoxe empréganse paquetes de cartón con acolchamento plástico para evitar a degradación de calidade, dotados de boa ventilación e axustados ao calibre dos froitos, que se preseleccionan a ese efecto cun pequeno coitelo bananeiro de gume curvo.
Maduración
editarO principal axente utilizado para controlar a maduración durante a distribución é o etileno. Este gas aplícase dúas ou tres veces, nunha concentración de 1:1000, nas salas de maduración a temperatura controlada, onde a froita se mantén a un 85%-90% de humidade e entre 15 e 21 °C. O etileno mellora a dozura e o recendo dos froitos, mais acelera o proceso de maduración a tal punto que os froitos madurecidos deste xeito deben manterse en frío e consumirse durante os dous días a seguir do proceso. Outra posibilidade é aplicar carburo de calcio, un mineral que reacciona coa humidade relativa producindo unha reacción que libera etileno e calor, favorecendo a rápida maduración do froito. No uso doméstico, o uso de saquetas fechadas de polietileno para suplir este proceso é usual.
Para retardar a maduración úsanse varias técnicas. Unha delas é aplicar un funxicida e conservar os froitos en saquetas fechadas xunto con paquetes de vermiculita tratados con permanganato de potasio, que funcionan como absorbentes do etileno libre, o que permite prolongar o período de almacenamento até catro semanas en condicións de protección ideal da luz e o vento. Outra é a aplicación de xiberelina ou lanolina npo talo floral uns 60 días antes da colleita, prolongando a maduración entre 10 e 20 días sen efecto algún sobre o froito mesmo. Finalmente, a aplicación de cera sobre a froita, unha vez desinfectada esta, prolonga o prazo de almacenaxe até nun 60%, aínda que pode provocar irregularidades na maduración posterior.
No caso das bananas feculentas, a maduración realízase mái amodo, e aplicando etileno só dunha vez. Entre o inicio e a fin do proceso transcorren 4 ou 5 días. Pode utilizarse un absorbente do etileno, como a vermiculita ou o purefil, para aumentar esta duración a 25 días sen refrixeración ou até 55 se a temperatura se reduce a 13 °C. Nestas condicións, o contido de amidón redúcese e o azucre se concentra.
Afeccións
editarA gran diversidade xenética das bananeiras/plataneiras fai que poucas doenzas afecten uniformemente a todos os cultivares. Un dos problemas universais que as afectan son os nematodos, que atacan os rizomas causando a podremia dos mesmos; outra das pragas máis estendidas é o mal do Panamá, que destruíu centenares de miles de hectáreas da cultura durante os anos 1970 e 1980.
Nematodos
editarOs nematodos afectan a bananeiras en todas as rexións do mundo. Aliméntanse dos rizomas e das raíces, provocando danos que depauperan irremediabelmente a planta ou ocasionan a súa morte. Ademais, a infección con nematodos favorece a contracción doutras doenzas.
O máis cosmopolita destes é o nematodo furador (Radopholus similis), que causa extensos danos e provoca que os pseudotalos se tornen negros e caian no chan, por non poder aturar o peso dos acios de froito; os furos que practica na raíz son a principal vía de entrada para o fungo Fusarium, causante do mal do Panamá. Outras especies inclúen os nematodos espirais — Helicotylenchus multicinctus, H. nannus, e Scutellonema brachyurum— e o nematodo da raíz Meloidogyne javanica. En zonas onde as bananeiras comparten terreo coa cafeeira (Coffea spp.) tamén aparece Pratylenchus coffaea, e Meloidogyne incognita trasládase das plantacións de cana de azucre á bananeira.
Para controlar os nematodos úsanse rizomas sans, que se plantan en terreos seguros; deixar a terra en barbeito a pleno sol elimina os nematodos do terreo con gran seguranza, aínda que nalgunhas rexións son necesarios até tres anos para garantirmos a súa total limpeza. A plantación rotativa con pasto pangola (Digitaria decumbens, usado para pastos) axuda a eliminar a maior parte de especies, aínda que non a P. coffeae. A outra solución é o uso de nematicidas comerciais.
A desinfestación dos rizomas efectúase mediante un lavado e un tratamento hidrotérmico, mergullándoos nunha solución de hipoclorito de sodio ao 1% en auga quente a 50–54 °C durante 10 minutos. Pode substituírse por nematicidas como o Nemagon®, o Nemacur® (fenamifos) ou o Mocap® (etoprop), que porén resultan máis daniños para a planta, reducindo o seu vigor; ethoprop ou phenamiphos son case igual de efectivos, agás contra H. multicinctus, que non responde ao primeiro. Trala plantación aplícase Dasanit® (fensulfotion) granulado ou ethoprop arredor da base do pseudotalo unha vez cada seis meses.
Insectos
editarO gurgullo do bananeiro (picudo negro), Cosmopolites sordidus, é outra praga moi agresiva. Penetra a base suculenta do pseudotalo e fura o miolo, alimentándose do material nutritivo. O zume drena polo seu punto de acceso, revelando a infección. O insecticida máis eficaz é o aldrin, mais pola súa toxicidade está prohibido en moitos países. Monocrothopos ou heptacloro son as alternativas máis frecuentes. O nematicida aldicarb, utilizado na base do pseudotalo, resultou tamén efectivo contra o gurgullo do bananeiro; os controis biolóxicos, como o escaravello xavanés Plaesius javanus, que se alimenta do gurgullo, non deron bos resultados.
O trips do bananeiro (Chaetanaphothrips orchidii) afecta a pela da banana, expondo a polpa e causando a súa descomposición; outro trips, Thrips florum, alóxase ás veces no casulo terminal, sobre todo en climas rigorosos e secos, e o Hercinothrips bicintus aliméntase da pela, dándolle unha característica cor cinsenta. A dieldrina tamén se ten demostrado eficaz con este, aínda que a mellor medida é a utilización de saquetas impregnadas en insecticida para cubrir as froitas durante o seu crecemento. Isto permite tamén controlar o (Colaspis hipochlora), un escaravello que invade os acios rillando os talos e mailos froitos e ocasionando perdas de látex que os fan comercialmente inviábeis. A couza do bananeiro, Nacoleia octasema, alóxase na inflorescencia ao comezo da súa formación, até que este perde as brácteas.
É importante tamén o ácaro do bananeiro, Tetranychus lambi, que afecta primeiro ás follas e despois ao froito, provocando crebaduras na pela e o murchamento prematuro.
Fungos
editarAs micoses inclúen varias das afeccións máis virulentas que padece a bananeira. A máis antiga destas é a sigatoka, causada por Mycosphaerella musicola (Cercospora musae na súa etapa de conidio), que apareceu por vez primeira na Illa de Xava a comezos do século XX. Toma o seu nome do val de Sigatoka, en Fidxi, onde chegou unha década máis tarde. Espallouse cara ao oeste, chegando finalmente a África en 1940. Característico de áreas húmidas, maniféstase con manchas pálidas nas follas, que escurecen despois, estendéndose a toda a planta. As bananeiras afectados reducen o seu sistema radicular, producen froita aceda e deteñen o seu crecemento. Contrólase mediante a aplicación tópica de aceite mineral ou polo pulverizado con funxicidas.
A sigatoka negra, obra de Mycosphaerella fijiensis var. difformis, é moito máis virulenta. Apareceu en América Central a finais dos anos 1960 e se difundiu ao Brasil. En 1973 provocou unha terríbel epidemia en Fidxi, e dende alí propagouse á Polinesia e ao sueste asiático. Transmitido polo vento, mata as follas e causa a caída dos froitos, que fican expostos ao sol. Afecta a cultivares que resultan resistentes á sigatoka normal, e require catro veces máis funxicida para controlala.
Ambas palidecen fronte ao dano causado polo mal do Panamá, obra do fungo Fusarium oxysporum. O mal do Panamá transmítese a través do chan, entrando no rizoma polos buracos causados polos nematodos. Afecta as follas, que marelecen e muchan, e o pseudotalo, que murcha pola morte progresiva do sistema vascular, que amolece, se torna pegañento e apodrece. Orixinario de Taiwán, onde está documentado desde 1967, afecta a moitos dos cultivares máis produtivos, entre eles 'Gros Michel', que foi virtualmente exterminado por esta enfermidade. Outros, como os 'Cavendish', poden resistila, mais se infectan se se replantan en terra previamente ocupada por variedades susceptíbeis. A única solución coñecida é o asolagamento total da leira durante seis meses para eliminar fungos e esporas. Existen catro razas do fungo, tres das cales son daniñas para a bananeira. Algúns cultivares, como 'Monte Cristo', 'Maricongo' ou 'Anano', son completamente inmunes.
Gloeosporium musarum provoca antracnose e forma lesións enengrecidas na pel do pseudotalo, podrecendo o miolo e ocasionando o encollemento e desecamento dos froitos. É o fungo que afecta con máis frecuencia os acios xa colleitados durante o seu transporte.
Bacterias
editarO hereque ou moco bacteriano da bananeira é obra de Ralstonia solanacearum, que tamén afecta á pataqueira. Transmítese por contacto entre raíces, o solo, insectos ou apeiros de labranza, e pode ficar no solo até 12 meses nalgunhas variedades. As medidas de control inclúen a protección con saquetas do acio para evitar o contacto con axentes, a desinfección dos útiles con formaldehído, e o uso de herbicidas na plantación e rexión circundante, mais non hai solución coñecida para a infección. Algúns cultivares, como 'Pelipita', son resistentes.
Virus
editarO virus do mosaico do cogombro afecta ás bananeiras, a onde chega transmitido por vectores ácaros. A súa importancia é, porén, marxinal. Moito máis perigoso é o BBTV (banana bunchy top virus), que atrasa o crecemento das follas, dándolles unha forma curta, rexa e erecta, coas marxes endurecidzs e crebadizas. Na maioría das variedades inhibe por completo a formación de froitos, e non ten cura coñecida. Controlouse na Polinesia e noutras rexións mediante o exterminio dos ácaros que lle serven coma vector.
Variedades
editarTaxonomía
editarCaracterísticas na táboa de Simmonds e Shepherd (1955) | ||
---|---|---|
Trazo | M. acuminata | M. balbisiana |
Cor do pseudotalo | Chapuzado de negro ou pardo | Liso ou apenas marcado |
Canle peciolar | Marxe erecta, con ás ínferas escarificadas, sen abrazar o pseudotalo. | Marxe fechada, sen ás, que abraza o pseudotalo. |
Pedúnculo | Piloso ou pubescente | Glabro |
Pedicelos | Curtos | Longos |
Óvulos | Dúas ringleiras regulares por lóculo | Catro ringleiras irregulares por lóculo |
Cóbado da bráctea | Alto (< 0.28) | Baixo (> 0.30) |
Flexión da bráctea | La bráctea se enrosca tras la apertura | La bráctea se levanta sin flexionar tras la apertura |
Forma de la bráctea | Lanceolada ou ovada, afinándose marcadamente dende o cóbado | Largamente ovada |
Ápice da bráctea | Agudo | Obtuso |
Cor da bráctea | Vermello escuro ou amarelo por fóra, rosa, púrpura opaco ou amarelo por dentro. | Pardopurpúreo por fóra, carmesí por dentro. |
Decoloración | O interior da bráctea é máis claro cara a base. | O interior da bráctea é uniforme. |
Escarificación da bráctea | Prominente | Pouco prominente |
Tépalo libre da flor masculina | Ondulado baixo a punta | Raras veces ondulado |
Cor da flor masculina | Branco ou crema | Rosa |
Cor do estigma | Laranxa ou amarelo intenso | Crema, amarelo ou rosa pálido |
A clasificación das múltiples variedades de bananeiros e plataneiros é unha cuestión extremadamente complexa, e aínda inacabada. A clasificación orixinal de Linné baseouse nos escasos exemplares á súa disposición en Europa, onde o clima limita severamente a posibilidade de obter plantas en bo estado. En 1753, no Species Plantarum, incluíu co nome de Musa paradisiaca un exemplar de bananeira feculenta, con froitos longos e magros e as brácteas e flores masculinas persistentes no raque da inflorescencia, que puido observar persoalmente no invernadoiro de George Cliffort, preto da cidade neerlandesa de Haarlem. Seis anos despois engadiu á súa descrición Musa sapientum, un exemplar que producía froitos de sobremesa, con flores masculinas dehiscentes e menor contido de fécula no froito.
A clasificación utilizouse durante séculos, ao corresponder bastante estreitamente ás variedades difundidas nas Américas e África. Porén, o centro da diversidade xermoplasmática de Musa no sueste asiático presentaba numerosas especies que non conviñan ás descricións que publicara o botanista sueco en numerosos aspectos. As especies descritas e publicadas nos dous séculos a seguir foron numerosas, mais desprolixas, e a confusión sobre a súa relación era grande.
Non sería até a publicación en 1948 de Classification of the bananas de Ernest Cheesman que se introduciu orde taxonómica na cuestión. Cheesman identificou os tipos linneanos coma híbridos producidos polo cruzamento de dúas especies descritas por Luigi Colla, M. acuminata e M. balbisiana. A partir deles, clasificou as múltiples variedades cultivares en tres grupos segundo a súa dotación xenética; un deles descendería principalmente de cada unha das especies proxenitoras, mentres que un terceiro estaría formado por híbridos de trazos mixtos.
O grupo procedente principalmente de M. acuminata comprendería as bananas comestíbeis máis antigas, obtidas mediante a selección de exemplares estériles e partenocárpicos da especie nas illas do sueste asiático e a península malaia. A partir destes, e por restitución cromosómica, se desenvolveron variedades triploides máis rexas e produtivas. Cheesman clasificaba a estas variedades xunto co seu antecesor salvaxe como M. acuminata, argumentando que a autopoliploidía non representaba alteración do material xenético da especie.
Máis ao norte, en rexións máis secas, as variedades procedentes de M. balbisiana resultaron máis útiles ao seren máis tolerantes. En Filipinas obtivéronse os primeiros exemplares triploides deste grupo, aseminados mais polo demais morfoloxicamente moi afíns ao seu proxenitor salvaxe. Difundidos por propagación vexetativa pola súa esterilidade, darían orixe ao segundo grupo de variedades cultivadas, aos que Cheesman clasificaba paralelamente como M. balbisiana.
Finalmente, nalgunhas zonas ambas as dúas ramas entraron en contacto, e ao ser heterocompatíbeis deron orixe a híbridos naturais diploides, triploides e algúns tetraploides, entre os cales se atopaban as dúas variedades que tivo ocasión de identificar Linné. Malia que a expresión botanicamente máis correcta para designalos sería M. acuminata x balbisiana, de acordo coas normas do Código Internacional de Nomenclatura para Plantas Cultivadas os híbridos de interese poden levar tamén un nome binomial para a súa identificación. Posto que Musa paradisiaca ten prioridade de publicación, o nome de híbrido Musa x paradisiaca L. pode usarse para designar a todas as variedades procedentes do cruzamento de M. acuminata e M. balbisiana sen maiores precisións acerca da súa composición xenética (Valmayor et al).
Porén, a composición xenética é importante para determinar as características dos distintos grupos cultivares, que difiren espectacularmente entre si. Pouco despois dos achados de Cheesman, Ken Simmonds e Norman Shepherd (1955) publicaron un método para identificar as variedades a partir da súa orixe. A partir dunha táboa diagnóstica que comprende quince características básicas que varían entre M. acuminata e M. balbisiana, os híbridos avalíanse, asignando unha puntuación a cada característica segundo sexa idéntica a M. acuminata (un valor dun punto), idéntica a M. balbisiana (5 puntos) ou un fenotipo intermedio (puntuacións intermedias de acordo á súa similitude aos proxenitores). Os valores súmanse, e o total utilízase para determinar grosso modo as características do híbrido. As puntuacións entre 15 e 20 corresponden a variedades salvaxes ou diploides puras de M. acuminata; o extremo máis alto da escala, aos seus equivalentes de M. balbisiana. Os híbridos amosan puntuacións intermedias.
Simmonds e Shepherd propuxeron a substitución dos nomes linneanos por un código ad hoc para expresar o xenotipo da variedade. Cada híbrido identificaríase por unha clave de entre dúas e catro letras, de acordo á súa ploidía; cada letra respondería á orixe da variedade, sendo A para designar unha rama xenética procedente de M. acuminata ou B para unha procedente de M. balbisiana. Dese xeito, un híbrido triploide con dous xogos de cromosomas procedentes de M. acuminata e un de M. balbisiana identificaríase coma AAB, e un diploide puro de M. balbisiana coma BB. As pescudas revelaron que as variedades de orixe A son máis numerosas que as de orixe B; a maioría dos cultivares son AAA ou AAB, varias bananeiras son ABB, e AB, AABB ou ABBB son máis raros. Para precisar o cultivar, postponse o nome propio do mesmo entre comiñas simples á descrición xenética. Non todas as fontes adoptaron o sistema, mais conta cun extenso uso entre os especialistas no tema.
Grupos cultivares
editarA maior parte dos cultivares de sobremesa proceden exclusivamente de M. acuminata, presentando unha constitución diploide ou triploide. Simmonds e Shepherd distinguiron varios grupos fenotípicos, aos que investigadores posteriores foron engadindo variedades de recente obtención ou non identificadas previamente:
- o grupo AA 'Jari Buaya', moi popular no Vietnam e Indonesia mais case descoñecido en Occidente;
- o grupo AA 'Kapas', unha banana cosumida cocida en Indonesia e Malaisia;
- o grupo AA 'Lakatan', unha bananeira de crecemento moi rápido (frutifica en menos de 10 meses) de orixe filipina, popular nos trópicos; o nome binomial hoxe inválido M. lacatan probabelmente corresponde a este grupo;
- o grupo AA 'Sucrier', importante en Nova Guinea mais tamén estendido no sueste de Asia e no Brasil; son exemplares diploides, de pseudotalos escuros, de ton amarelento e apenas cerúleos, que producen acios pequenos, de froitos de pela magra e sumamente doces. Neste grupo atópase a variedade chamada 'Dedo de Dama' ou 'Guineo Branco', a máis pequena das bananas cultivadas comercialmente, unha bananeira de caule magro e forte raizame, que produce acios de entre 10 e 14 mans de 12 a 20 froitos. Son resistentes á seca e á enfermidade do Panamá, porén susceptíbeis á sigatoca. Os binomiais hoxe inválidos M. berteri, M. berteroniana e M. sapientum corresponden a este grupo de cultivares;
- o grupo AAA 'Cavendish', que comporta a maioría das bananas consumidas en Europa e nos Estados Unidos desde o declive de 'Gros Michel'. Posibelmente procedente de Indonesia —onde o cultivar chamado 'Bungulan' se produce domesticamente, aínda que o seu ritmo irregular de maduración e escasa tolerancia á almacenaxe faino pouco apto para as plantacións comerciais—, hoxe desenvólvese en numerosas variedades:
- o cultivar 'Cavendish Anano', desenvolvido na China e hoxe a variedade máis importante nas Illas Canarias e na África oriental; é unha bananeira de porte grande, coas follas largas, tolerante ao vento e á seca, que produce froitos medianos, de boa calidade mais propensos ao dano no transporte polo magro da pela. Ten a peculiaridade de ter flores masculinas indehiscentes. Os nomes binomiais hoxe inválidos M cavendishii, M. sinensis e M. nana (non Lour.) corresponden a este cultivar;
- o cultivar 'Cavendish Xigante' ou 'Grand Naine', de aparencia semellante ao 'Gros Michel' e de orixe incerta. É unha bananeira de porte mediano, co pseudotalo con tacas acastañadas, con bananas de maior tamaño ca o 'Cavendish Enano', de pela máis grosa e sabor menos intenso. É a principal variedade en Colombia, no Ecuador e en Taiwán.
- o cultivar 'Robusta', semellante a 'Lakatan', unha bananeira miúda e resistente ao vento que se cultiva no Brasil e na Polinesia;
- o cultivar 'Valery', unha variante de 'Robusta' máis resistente á sigatoka mais de froito máis firme e lixeiramente cerúleo de textura;
- o grupo AAA 'Golden Beauty', desenvolvidas na Illa Trinidad pola súa resistencia á enfermidade ou mal do Panamá (Fusarium oxysporum f. sp. cubense) e á sigatoka; son bananeiras miúdas, con acios curtos, mais resistentes ao transporte e de moi bo sabor. Cultívanse en Honduras e Fidxi;
- o grupo AAA 'Gros Michel', que foi durante moito tempo a banana máis cultivada de Occidente; procedente de Birmania e Sri Lanka, foi introducida na Martinica polos franceses, e dende alí a Xamaica, Centroamérica, Hawai e Australia. Son bananeiras de gran porte, con grandes acios de froitos longos e de cor amarela intensa, hoxe case desaparecidos pola súa susceptibilidade á enfermidade de Panamá. Porén, foi usado como base para o desenvolvemento doutros cultivares;
- o grupo AAA 'Morado', popular no Caribe aínda que orixinario da India. É resistente ás enfermidades mais tarda máis de 18 meses en frutificar, polo que só é accesíbel en plantacións comerciais. É unha bananeira de gran porte, con follas e talos de cor morada intensa, e o froito virando ao laranxa a medida que madurece; produce acios compactos duns 100 froitos de sabor intenso e tamaño mediano. A variedade 'Verde Morado' ten un vistoso colorido xaspeado de verdee morado, e acada os 9 m de altura; produce de catro a sete mans por acio, de bo tamaño.
Propiamente híbridos existen cultivares diploides, triploides e tetraploides:
- o grupo AAB 'Burro' ou 'Orinoco', unha planta alta, resistente, de poucos froitos longos e moi grosos, coa polpa lixeiramente rosácea e comestíbel en cru, porén excelente cocida;
- o grupo AAB 'Francés', unha bananeira grande, vizosa, coas flores masculinas indehiscentes, cultivada especialmente na India e na África oriental; os nomes binomiais hoxe inválidos M. bidigitalis e M. purpureo-tomentosa corresponden a este grupo, así como a M. paradisiaca orixinal de Linné;
- o grupo AAB 'Laknau', unha bananeira triploide semellante a 'Corno' e excepcional en que produce flores fértiles, o que permitiu o seu uso como material de base para cruzamentos experimentais;
- o grupo AAB 'Macho', bananeiras moi resistentes que producen pouca froita, comestíbel en cru mais de sabor moito máis agradábel trala cocción. Os nomes binomiais hoxe inválidos M. corniculata, M. emasculata e M. protractorachis corresponden a este grupo;
- o grupo AAB 'Mazá' é a banana de sebremesa máis estendida no trópico, aínda que non existen grandes plantacións. É unha bananeira moi grande, con só unha ducia de mans por acio e de 16 a 18 froitas por man, moi resistente á sigatoka mais susceptíbel ao mal do Panamá. O froito é moi recendente, cun distintivo recendo a mazá, lixeiramente adstrinxente antes de madurecer mais moi saboroso;
- o grupo AAB 'Mysore' é a bananeira máis cultivada na India, onde case tres cuartos da superficie plantada o emprega. É raro fóra da península, aínda que en Trinidad plántase acompañado de cacao. É vizosa, resistente á seca, inmune ao mal do Panamá e pouco susceptíbel á sigatoka. Produce acios compactos de bananas de pela magra e cor amarela brillante, de sabor subacedo;
- o grupo AAB 'Rajah'; o nome binomial hoxe inválido M. regia probabelmente corresponde a este grupo;
- o grupo AAB 'Seribu'; o nome binomial inválido M. seribu corresponde a este cultivar;
- o grupo ABB 'Awak';
- o grupo ABB 'Cinsento', unha bananeira extremadamente alta, cun talo floral alongado e poucas mans por acio. Produce froitos angulosos, moi grandes, de pela cinsenta e polpa moi branca, con alta concentración de azucre en comparación con outras bananas;
- o grupo ABB 'Chato' ou 'Bluggoe', unha bananeira moi resistente ás doenzas que produce acios de froitos de gran tamaño, distintivos pola súa estrutura aberta, moi importante como cultura de subsistencia en África e Asia;
- o grupo ABB 'Pelipita', un dos principais cultivares comerciais de banana no mundo, resistente á sigatoka negramais de sabor menos intenso que outras variedades;
- o grupo ABBB 'Tiparot', un tetraploide desenvolvido pola súa resistencia ás doenzas, porén pouco produtivo.
De orixe exclusivamente de M. balbisiana existen tamén numerosas variedades:
- o grupo BBB 'Cardaba';
- o grupo BBB 'Lep Chang Kut';
- o grupo BBB 'Maricongo', a principal cultura comercial de banana do mundo, de forma alta, froita moi angulosa e de bo tamaño; existe unha variedade anana, o 'Anano' ou 'Cochon';
- o grupo BBB 'Saba', de menor calidade culinaria mais inmune á sigatoka negra.
Usos
editarGastronomía da banana
editar- Artigo principal: Banana.
Outros usos da planta
editarO gran tamaño das follas da bananeira e a súa forte fibra fai delas unha fonte importante de tecidos. Ao igual que noutras especies de Musa, en especial M. textilis, as follas da bananeira empréganse coma embalaxes e envoltorios sen apenas tratamento. Empréganse acotío coma cobertores naturalmente impermeábeis para teitos de construcións primitivas, para recubrir o interior de pozos usados para cociñar e coma bandexas para a comida.
A fibra extraída do procesamento das follas é resistente e durábel. Durante o século XIX as illas do Caribe, en especial Xamaica, contaban cunha floreciente industria téxtil baseada na bananeira, fabricando cordas, tapetes e utensilios de transporte con ese material. Fabrícase tamén liña de pesca a partir desta fibra. En Filipinas prodúcese unha tea chamada agna, delicada e translúcida, a partir da fibra tenra de follas e vaíñas foliares; emprégase en indumentaria masculina e feminina, na elaboración de panos de man e outros usos. Unha forma máis basta e rústica emprégase en Sri Lanka para tapices e alpargatas.
O pseudotalo é útil tamén para ese propósito, e ten outros usos. Cortados ao longo empréganse coma moblaxe e material de embalaxe durante o transporte da froita; os restos reintégranse no medio ambiente para o reaproveitamento dos seus nutrientes. Cortado en tiras e secado úsase coma recheado mol de coxíns, traveseiros e bancos. Da polpa do pseudotalo elabórase papel mediante un proceso de esmagado, lavado e secaxe; o material resultante é forte, e a súa calidade mellora mesturado con restos de noz de betel (Areca catechu), aínda que é pouco rendíbel a súa produción polo baixo rendemento. Son necesarias 132 toneladas de pseudotalos para elaborarmos unha tonelada de papel.
A pela do froito, da banana, é rica en taninos, úsase no tratamento do coiro. Carbonizada úsase coma tintura escura, ou —polo seu alto contido en potasio— na produción de deterxentes.
Os efectos medicinais documentados son varios. As flores úsanse en cataplasma para as úlceras cutáneas, e en decocción para a disentería e a bronquite; cocidas úsanse coma alimento nutritivo para diabéticos. O zume, fortemente adstrinxente, aplícase topicamente en picaduras de insectos, en hemorroides, e se toma como febrífugo, antidiarreico e antihemorráxico. Tamén é antidiarreica e antidisentérica a cinsa obtida de queimar as cascas e mailas follas. As raíces cocidas consómense para os trastornos dixestivos e intestinais, é unha excelente fonte de potasio que é un mineral que axuda a rexerar os músculos logo de ter sufrido cambras.
A polpa e pela das bananas maduras conteñen principios activos efectivos contra micobacterias e fungos; aplícanse ás veces para tratar unha micose común nas tomateiras (Solanum lycopersicum). O froito é rico en dopamina, de efecto vasoconstritor, e serotonina, que regula a secreción gástrica e estimula a acción intestinal.
Unha crenza popular atribúe á pela da banana queimada e aspirada ou fumada un valor alucinóxeno, causada por unha hipotética bananadina. Trátase simplemente dun mito, e a suposta substancia non existe.[7]
Costumes
editarO continuo regromar da bananeira simboliza, na cultura india, a fertilidade e prosperidade; tanto o froito como as follas empréganse acotío coma agasallos e enfeites durante as cerimonias de casamento. Nas leiras dearroz plántase ás veces unha bananeira nun recuncho para atraer a boa sorte.
En Malaisia a decocción das follas da bananeira úsase ritualmente nas ablucións que realizan as mulleres durante dúas semanas logo de pariren.
Radioactividade
editarPolo seu alto contido en potasio, a banana é un froito radioactivo, como moitos outros que conteñen pequenas cantidades de isótopos radioactivos. Aínda que a cantidade de radiación emitida por un único froito é cativa e completamente inocua, porén en grandes cantidades, como cando se transportan en contedores ou camións, a radiación é grande de abondo coma para facer saltar as alarmas dalgúns portos e alfándegas. De feito, existe unha medida específica desta cantidade de radiación chamada dose equivalente a unha banana.
Etimoloxía: plátano, musa e banana
editarEn galego a planta coñécese coma bananeiro, bananeira, plataneira ou plátano[8]. A palabra plátano provén do grego πλατανος (platanos) a través do latín platanus. A raíz πλατος (platos = plano, ancho) refírese á largura das súas follas.[9] Chámase igualmente plátano a outras especies vexetais que, sendo moi diferentes, comparten como característica común a largura w planitude das súas follas (plátano de sombra).
A palabra musa provén do árabe موزة (mawza, pronunciado mūza) que o latín translitera como musa. A enciclopedia de Avicena O canon de medicina refírese ao froito con esa verba xa no século XI.[10] As plantas deste xénero, orixinarias do sueste asiático, foron introducidas en Europa (e posteriormente nas Américas) a través do norte de África, moi probabelmente por mercadores arabófonos, e recibiron inicialmente este nome tamén nas linguas europeas.[11] Linné (1707-1778) adoptouno como nome científico no seu libro Species Plantarum, publicado en 1753.
A palabra banana provén igualmente do árabe بنانة (banānah) plural colectivo que significa dedos. Un acio de bananas denomínase en moitos locais de man, e pola mesma analoxía dise en árabe بنانة الموز (banānat al-mawz), que literalmente sería dedo de musa, para se referir a cada unha das vaíñas. Por metonimia, banana pasa a significar o propio froito, inicialmente en África occidental (wolof) e central (bantú), desde onde viaxa a Canarias, e de aí ás Américas.[12]
Así pois, plátano refírese inicialmente á planta, musa ao xénero, e banana ao froito. Porén, hai distintos usos locais destes termos nos distintos países hispanoparlantes, galegoparlantes e lusoparlantes.
Cultura
editar- O autor hondureño Ramón Amaya Amador escribiu un libro chamado Prisión verde sobre as condicións nas plantacións de bananeiras nos anos corenta, e sobre a explotación dos traballadores por parte das empresas estadounidenses (como a United Fruit) co apoio do goberno de Honduras. Escrito en 1945 o libro estivo prohibido en Honduras durante décadas.[13]
- Os países centroamericanos coñecíanse como repúblicas bananeiras
- En Colombia, a finais de 1928 produciuse unha folga de traballadores que rematou sendo coñecida como o masacre das bananeiras.[14]
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bananeira.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para plataneiro.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para plátano.
- ↑ (s/a) (abril 2012). Musa bananera. ¿Cómo ves?, revista de divulgación científica de la UNAM, año 14, no. 161, p. 19. ISSN 1870-3186.
- ↑ 5,0 5,1 Agri-Food Business Development Centre Estatísticas de produción por países - lido o 01 de febreiro 2013
- ↑ (s/a) (abril 2012). Musa bananera. ¿Cómo ves?, revista de divulgación científica da UNAM, ano 14, no. 161, p. 19. ISSN 1870-3186.
- ↑ "The Straight Dope: Will smoking banana peels get you high?". Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2007. Consultado o 12 de marzo de 2014.
- ↑ Nomes vulgares para a planta en Portal das Palabras da RAG - http://www.portaldaspalabras.org/buscador?palabra=bananeiro&sinom=0&homonimo= Arquivado 13 de marzo de 2014 en Wayback Machine.
- ↑ "Diccionario médico-biológico, histórico y etimológico de la Universidad de Salamanca". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2014. Consultado o 12 de marzo de 2014.
- ↑ El canon de medicina Arquivado 02 de outubro de 2013 en Wayback Machine., Avicena (c.1020). Libro 2, cap.13
- ↑ Dictionnaire Étymologique Des Mots Français D'Origine Orientale, L. Marcel Devic (1876).
- ↑ Dan Koeppel, Banana, the fate of the fruit that changed the world, Hudson Street Press, Nova York 2008; ISBN 978-1-59463-038-5 p. 44
- ↑ "Prisión verde". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2014. Consultado o 12 de marzo de 2014.
- ↑ "Biblioteca virtual". Arquivado dende o orixinal o 21 de novembro de 2017. Consultado o 12 de marzo de 2014.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Bananeira |
Bibliografía
editar- Cheesman, E. E. (1948). "Classification of the Bananas. III. Critical Notes on Species. c. Musa paradisiaca L. and Musa sapientum L.". Kew Bulletin 2 (3). pp. 145–153.
- Morton, Julia F. (1987). Fruits of warm climates. Miami: Creative Resource Systems. ISBN 0-9610184-1-0 [1].
- Stover, R. H.; Simmonds, N. W. (1987). Bananas. Harlow, Longman Scientific & Technical. ISBN 0-582-46357-2.
- National Genetic Resources Program (ARS, USDA). Germplasm Resources Information Network (GRIN). [2]
- Valmayor, R.V.; et al. (2000). Banana cultivar names and synonyms in Southeast Asia (PDF) (en inglés). INIBAP. ISBN 9789719175124.</ref>
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- International Banana Society Arquivado 25 de febreiro de 2011 en Wayback Machine.
- INIBAP International Network for the Improvement of Banana and Plantain
- A banana na Florida, por Jonathan H. Crane e Carlos F. Balerdi
- Banana, Universidade de Xeorxia (en inglés)