Dieldrina

composto químico

A dieldrina é un organoclorado producido orixinalmente en 1948 por J. Hyman & Co, Denver, como insecticida. A dieldrina está estreitamente relacionado coa aldrina, que reacciona formano dieldrina. A aldrina non é directamente tóxica para os insectos; oxídase no insecto para formar dieldrina, que é o composto activo. Tanto a dieldrina coma a aldrina reciben o seu nome pola reacción de Diels-Alder que se usa para formar a aldrina a partir dunha mestura de norbornadieno e hexaclorociclopentadieno.

Dieldrina
Identificadores
Número CAS 60-57-1
PubChem 969491
ChemSpider 10292746
UNII I0246D2ZS0
KEGG C13718
ChEBI CHEBI:34696
ChEMBL CHEMBL481118
Imaxes 3D Jmol Image 1
Propiedades
Fórmula molecular C12H8Cl6O
Masa molar 380,91 g mol−1
Aspecto cristais de pardos claros a incoloros
Densidade 1,75 g/cm3
Punto de fusión 176–177 °C; 349–351 °F; 449–450 K
Punto de ebulición 385 °C; 725 °F; 658 K
Solubilidade en auga 0.02%[1]
Perigosidade
Principais perigos potencial carcinóxeno[1]
Punto de inflamabilidade non combustible
LD50 45 mg/kg (oral, coello)
49 mg/kg (oral, coello de Indias)
38 mg/kg (oral, rato)
65 mg/kg (oral, can)
38 mg/kg (oral, rata)[2][1]

Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.

Desenvolveuse orixinalmente na década de 1940 como alternativa ao DDT. A dieldrina demostrou ser moi efectiva como insecticida e foi moi utilizada durante as décadas de 1950, 1960 e principios da de 1970. A endrina é un estereoisómero da dieldrina.

Porén, é un contaminante orgánico extremadamente persistente; non se biodegrada doadamente. Ademais, tende a biomagnificarse a medida que circula pola cadea trófica.[3] A exposición a longo prazo é tóxica para unha ampla variedade de animais, incluíndo os humanos, moito máis que para as súas dianas orixinais, os insectos. As persoas que inxiren a mantenta ou accidentalmente grandes cantidades de aldrina e dieldrina sofren convulsións (espasmos), e algunhas morren. Os traballadores que están expostos a cantidades menores deste composto, pero por un longo período de tempo, teñen dores de cabeza, mareos, irritabilidade, vómitos e movementos musculares incontrolados. [4] Por esta razón, agora o seu uso está prohibido na maior parte do mundo.

Foi ligada a problemas de saúde como o párkinson, o cancro de mama e danos nos sistemas inmunitario, reprodutivo e nervioso. Tamén é un perturbador endócrino, actuando como un estróxeno e antiandróxeno e pode afectar adversamente ao descenso testicular no feto masculino se unha muller preñada está exposta a ela.[5]

Síntese editar

A dieldrina pode formarse pola reacción de Diels-Alder do hexacloro-1,3-ciclopentadieno co norbornadieno seguida de epoxidación do produto de adición cun peroxiácido como o ácido peracético, como se mostra abaixo. [6]

 
Síntese da dieldrina.

Metabolismo editar

O metabolismo da dieldrina ocorre por varias rutas. A hidratación do grupo epoxi leva á formación do trans diol e do ácido dicarboxílico. O diol é o metbolito máis importante producido polos coellos. Na rata, a ruta primaria do metabolismo é a hidroxilación do grupo CH2, que causa a produción do alcohol. Hai enlaces de hidróxeno entre o OH e o grupo epoxi. Excrétase nas feces. É probable que este sexa un exemplo da recirculación enterohepática, porque a bile contén o glucurónido. Este é probablemente cortado pola microflora intestinal. Na urina das ratas hai un interesante metabolito, descrito primeiramente por Klein. O grupo metileno da dieldrina lígase a un extremo do grupo CiC:CCl para formar unha estrutura de gaiola. O outro extremo do ClC:CCl orixinal é convertido en cetona. O mesmo metabolito é producido polo fotoisómero da dieldrina, no cal se produce a mesma estrutura de gaiola, pero o outro extremo do dobre enlace clorado orixinal forma un grupo CHCl.

Lexislación e historia editar

Os compostos dieldrina e aldrina foron amplamente aplicados en zonas agrícolas de todo o mundo. A aldrina (CAS 309-00-2) e a dieldrina (CAS 60-57-1) son pesticidas ciclodienos organoclorados sintéticos usados para controlar pragas agrícolas de insectos subterráneos como as larvas das raíces, larvas de grilotálpidos e gurgullos. [7] Ambos os dous son tóxicos e bioacumulativos. A aldrina degrádase a dieldrina en sistemas vivos, pero a dieldrina pode resistir os procesos químicos de degradación bacteriana do medio ambiente.

A aldrina utilizouse para o control de pragas do solo (concretamente de térmites) nos cultivos de millo e patacas. A dieldrina foi un insecticida usado en froitas, solos e sementes. Persiste no solo cunha vida media de cinco anos en latitudes temperadas. Tanto a aldrina coma a dieldrina poden ser volatilizadas dos sedimentos e redistribuídas polas correntes de aire, contaminando áreas lonxe das súas fontes orixinais. Foi medida na vida silvestre do Ártico, o que indica un transporte a longa distancia desde as rexións agrícolas do sur.[8]

Tanto a aldrina coma a dieldrina foron prohibidas na maioría dos países desenvolvidos, pero a aldrina aínda se usa como termiticida en Malaisia, Tailandia, Venezuela e partes de África. No Canadá a súa venda estaba restrinxida a metade da década de 1970, e foi retirada do uso en 1984.[9]

A dieldrina foi excluída da lista de substancias activas autorizadas para o uso en produtos de protección de plantas en 1969 baixo a Lei para a protección de plantas contra pragas e pestes, en numerosos países. Quedou prohibida a produción, uso e comercialización de todos os produtos de protección de plantas que conteñen dieldrina. A dieldrina foi designada como un produto químico de Consentimento Fundamentado Previo do Convenio de Roterdam. O uso e exportación da dieldrina está prohibido pola lexislación da Unión Europea (regulación/directriz 79/117/EEC (1981) + 850/2004).[10]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "NIOSH Pocket Guide to Chemical Hazards #0206". National Institute for Occupational Safety and Health (NIOSH). 
  2. "Dieldrin". Immediately Dangerous to Life and Health. National Institute for Occupational Safety and Health (NIOSH). 
  3. Jorgenson JL. Aldrin and dieldrin: A review of research on their production environmental deposition and fate, bioaccumulation, toxicology, and epidemiology in the United States. Environ Health Perspect 2001;109(Supp1):113-39
  4. "Aldrin/Dieldrin | ToxFAQs™ | ATSDR". wwwn.cdc.gov. Consultado o 2023-03-02. 
  5. Andersen HR, Vinggaard AM, Rasmussen TH, Gjermandsen IM, Bonefeld-Jørgensen EC (febreiro de 2002). "Effects of currently used pesticides in assays for estrogenicity, androgenicity, and aromatase activity in vitro". Toxicology and Applied Pharmacology 179 (1): 1–12. PMID 11884232. doi:10.1006/taap.2001.9347. 
  6. Jubb AH (1975). Basic Organic Chemistry, Part 5 Industrial products. Londres: Wiley. ISBN 978-0-471-85014-4. 
  7. Pang S, Lin Z, Li J, Zhang Y, Mishra S, Bhatt P, Chen S (2022-03-29). "Microbial Degradation of Aldrin and Dieldrin: Mechanisms and Biochemical Pathways". Frontiers in Microbiology 13: 713375. PMC 9002305. PMID 35422769. doi:10.3389/fmicb.2022.713375. 
  8. Orris P., Chary L., Perry K. & Asbury J. 2000. Persistent Organic Pollutants. (POPs) and human health. World Federation of Public Health Associations'.
  9. Environment Canada. "Descriptions of some toxic contaminants found in the Pacific and Yukon Region". Ecoinfo. Arquivado dende o orixinal o 13 March 2012. 
  10. Pesticides Action Network Europe What substances are banned and authorised in the EU market? Ver táboa 2.

Ligazóns externas editar