• Este artigo trata sobre a froita, para a planta véxase bananeira.

A banana[1] ou plátano[2] é o froito en forma de baga oblonga e arqueada da bananeira ou plataneiro, de polpa fareluda e pel grosa, sen sementes e comestíbel. Existen moitas variedades de banana, tanto de consumo cru como cociñado.

Bananas na bananeira
Bananas, crúas
Valor nutricional por 100 g
Enerxía371 kJ (89 kcal)
22.84 g
Azucres12.23 g
Fibra alimentaria2.6 g
0.33 g
1.09 g
VitaminasCantidade
%DV
Tiamina (B1)
3%
0.031 mg
Riboflavina (B2)
6%
0.073 mg
Niacina (B3)
4%
0.665 mg
Ácido pantoteico (B5)
7%
0.334 mg
Vitamina B6
31%
0.4 mg
Ácido fólico (B9)
5%
20 μg
Colina
2%
9.8 mg
Vitamina C
10%
8.7 mg
MineraisCantidade
%DV
Ferro
2%
0.26 mg
Magnesio
8%
27 mg
Manganeso
13%
0.27 mg
Fósforo
3%
22 mg
Potasio
8%
358 mg
Sodio
0%
1 mg
Cinc
2%
0.15 mg
Outros constituíntesCantidade
Auga74.91 g

As porcentaxes son aproximadas empregando a recomendación de US para os adultos.
Fonte: Base de datos USDA Nutrient

É unha planta orixinaria das zonas tropicais do sueste asiático de onde posteriormente pasou a ser cultivada en África, América e noutros lugares do mundo de clima semellante, coma agora Oceanía e Australasia. As bananeiras das Illas Canarias son, xeralmente, dunha variedade anana.

Os catro tipos principais de variedades de banana son: a banana-prata; a banana-mazá (de tamaño pequeno e máis arredondada), a Cavendish (tamén coñecida como banana de auga) e a banana-terra.

Características Editar

Xeneralidades Editar

É de cor verde cando é inmatura, volvéndose amarela ou vermella cando madera. A súa forma é alongada mais pode variar moito dependendo das variedades de cultivo. Esa variación tamén ocorre na polpa, que pode ser mole ou dura, ou mesmo con incrustacións medio duras, así como de sabor máis doce ou máis acre. Igual que o ananás é un froito partenocárpico, pois pode formarse sen fecundación previa e por iso non posúe sementes. Despois de cortada, a banana escurécese moi rapidamente, debido á oxidación (pola presenza da polifenoloxidase) en contacto co ar.

A especie Musa balbisiana, comercializada no mercado indonesio contén, excepcionalmente, sementes, e está considerada unha das especies ancestrais das actuais variedades híbridas das bananas xeralmente consumidas.

Flor da banana Editar

 
Flor da bananeira

Da parte inferior da parte da banana aínda inmatura sae un pendón e, no seu extremo, destaca un cono de coloración e consistencia diferenciadas, que é a flor da bananeira. Esta flor, cocida e preparada con outros ingredientes, é comestíbel de sabor requintado e alto valor nutricional.[3].

A tradición popular achega outros usos para a flor da banana, como algúns xaropes caseiros con fins medicinais.[4]

Casca da banana Editar

A pesar de parecer non utilizábel, a casca da banana contén varios nutrientes, azucres naturais como a glicosa e sacarosa e minerais. Con iso, pode ser aproveitada no consumo alimenticio, proporcionando baixo custo. Existen diversos os exemplos nos que se aproveita a casca, como o bolo de casca de banana, a fariña ou os filetes empanados de casca de banana.

Historia Editar

O cultivo de bananas polo ser humano iniciouse no sueste de Asia. Existen aínda moitas especies de banana salvaxe en Nova Guinea, Malaisia, Indonesia e as Filipinas. Indicios arqueolóxicos e paleoambientais revelados en Kuk Swamp, na provincia das Terras Altas Occidentais de Nova Guinea, suxiren que esta actividade remóntase polo menos ata 5000 a.C., ou mesmo ata 8000 a.C. Estes datos converten esta zona no berce do cultivo de bananas. Con todo, é probable que outras especies de banana salvaxes fosen obxecto de cultivo posteriormente, noutros lugares do sueste asiático.

A banana menciónase en documentos escritos por primeira vez na historia, en textos budistas de arredor de 600 a.C. Sábese que Alexandre o Grande comeu bananas nos vales da India en 327 a.C.. Porén, só se atopan plantacións organizadas de banana a partir do século III na China. En 650, os conquistadores islámicos levárona a Palestina. Foron, probabelmente, os mercadores árabes quen a divulgaron por gran parte de África, probabelmente ata Gambia. A palabra banana ten a súa orixe na África Occidental e, adoptada polos portugueses e os españois, pasou á lingua inglesa.

Nos séculos XV e XVI, os colonizadores portugueses comezaron a plantación sistemática de bananas nas illas atlánticas, no Brasil e na costa occidental africana, mais continuaron a ser descoñecidas durante moito tempo para a maior parte da poboación europea. Por iso, Jules Verne, na obra "A volta ó mundo en oitenta días" (1872), describe a banana detalladamente, pois sabe que gran parte dos seus lectores non a coñece.

Algunhas fontes refiren que xa existían especies nativas de bananeira na América precolombiana, as "bananas da terra".[5].

Produción e comercio Editar

10 maiores produtores - 2011[6]
País Millóns de toneladas Porcentaxe
Produción
  India 29,7 20%
  Uganda 11,1 8%
  China 10,7 7%
  Filipinas 9,2 6%
  Ecuador 8,0 6%
  Brasil 7,3 5%
  Indonesia 6,1 4%
  Colombia 5,1 4%
  Camerún 4,8 3%
  Tanzania 3,9 3%
Outros países 49,6 34%
Total mundial 145,4 100%
Exportación
  Ecuador 5,2 29%
  Costa Rica 1,8 10%
  Colombia 1,8 10%
  Filipinas 1,6 9%
  Guatemala 1,5 8%
Outros países 6,0 34%
Total mundial 17,9 100%

As bananas constitúen o alimento básico de millóns de persoas en varios países en vías de desenvolvemento. Nalgúns países tropicais, a banana verde (non madura) emprégase amplamente da mesma forma que as patacas noutros países, podendo ser fritidas, cocidas, asadas, guisadas etc. De feito, as bananas utilizadas así son semellantes á pataca non tanto no sabor e na textura, como na composición nutricional e calórica.

En 2005, a India liderou a produción mundial de bananas, con preto do 23 % da produción mundial, mais destinando a maioría ao consumo interno. Os catro países que máis exportan son Ecuador, Costa Rica, as Filipinas e Colombia, que suman preto de dous terzos das exportacións mundiais, exportando cada un máis dun millón de toneladas. De acordo coas estatísticas da FAO, só Ecuador é responsábel de máis do 30 por cento das exportacións globais.

Con todo, a maioría dos produtores por todo o mundo practican unha agricultura de baixa escala e de subsistencia: consumo propio e venda en mercados locais. Como as bananas son unha froita non estacional están dispoñíbeis todo o ano, polo que poden empregarse durante as estacións máis susceptíbeis de escaseza de alimentación. Por esta razón o cultivo de banana ten unha importancia fundamental en calquera sistema sustentado de loita contra a fame.

Nos últimos anos, a competición de prezos por parte dos supermercados diminuíu aínda máis as baixas marxes de lucro da maioría dos produtores de banana. As principais empresas do ramo, como Chiquita, Del Monte, Dole e Fyffes teñen as súas propias plantacións en Ecuador, Colombia, Costa Rica e Honduras. Estas plantacións esixen un grande investimento de capital, convertendo os propietarios das grandes e lucrativas plantacións en extremadamente influentes a nivel económico e político nos seus países, en detrimento dos pequenos produtores. Por este motivo nalgúns países as bananas están dispoñíbeis como artigos de comercio xusto.

O comercio global de bananas ten unha longa historia que comezou coa fundación da United Fruit Company (hoxe, Chiquita), no final do século XIX. Durante a maior parte do século XX, as bananas e o café dominaron por completo a economía de exportación da América Central. Na década de 1930 constituían máis do 75 por cento das exportación da rexión e nos anos 60 aínda supuñan o 67 por cento. A expresión "república bananeira" fíxose popular para designar a xeneralidade dos países da América Central. Moitos países da Unión Europea importan tradicionalmente moitas das bananas que consomen das súas antigas colonias, garantíndolles prezos por riba dos practicados no comercio global.

Notas Editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para banana.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para plátano.
  3. "Brasil Sabor: Embigo de banana". Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2009. Consultado o 03 de agosto de 2017. 
  4. "Saúde Integral: Embigo da banana". Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2017. Consultado o 03 de agosto de 2017. 
  5. Machado, J. L. A. "Banana: a musa paradisíaca. A história de um alimento que se tornou ícone" (en portugués). Consultado o 27 de decembro de 2012. 
  6. "FAOSTAT". Arquivado dende o orixinal o 01 de abril de 2013. Consultado o 03 de agosto de 2017. 

Véxase tamén Editar

Outros artigos Editar

Ligazóns externas Editar

  • Indicación Xeográfica Protexida Plátano de Canarias [1] [2]