O queroseno[1] é un hidrocarburo líquido, inflamable e incoloro, empregado principalmente como combustible para avións de reacción, que foi descuberto polo farmacéutico polaco Ignacy Łukasiewicz.

Queroseno no seu envase, que normalmente é azul ou se etiqueta en cor azul.

Obtense a partir da destilación fraccionada do petróleo a 150 °C e a 275 °C (nun rango de cadeas de carbono de C12 a C15).

O queroseno que se destila directamente do cru de petróleo require algún tipo de tratamento para reducir o seu contido de xofre e a súa corrosión. O queroseno tamén pode obterse por medio dun proceso de rotura molecular, convertendo as moléculas orgánicas complexas dos hidrocarburos pesados noutras máis simples para conseguir hidrocarburos lixeiros, como o propio queroseno.

Historia

editar

Arredor do ano 850 no califato abbásida empregábase unha lámpada de aceite refinado, ou queroseno, fabricado por destilación a partir do petróleo. No seu Kitab al-Asrar (Libro dos segredos), o médico e químico Al-Razí describe dous métodos para a produción de queroseno. O primeiro implica o uso de arxila como absorbente, mentres que o segundo usaba cloruro de amonio (sal de amoníaco).  O proceso de destilación repetíase ata que o produto final era moi claro e seguro de acender, é dicir, que as fraccións de hidrocarburos volátiles xa foran eliminadas. Tamén se produciu queroseno nesa mesma época a partir de lousas bituminosas e asfalto quentando a rocha e destilando a seguir o extracto que se obtiña.[2]

En 1846, o xeólogo canadense Abraham Gesner fixo en Charlottetown, capital da Illa do Príncipe Eduardo, unha demostración pública dun novo proceso que acababa de descubrir. Quentábase o carbón nunha retorta e obtíñase como destilado un líquido claro e lixeiro que resultaba ser un excelente combustible para as lámpadas. Abraham púxolle ao produto o nome de "Kerosene", unha contracción de keroselaion (cera de petróleo). Por desgraza, o custo de extraer o queroseno a partir do carbón era elevado, pero Gesner recordou, grazas ao seu amplo coñecemento da xeoloxía de Novo Brunswick, que existía un asfalto natural chamado albertita e que podería empregar. No entanto, o seu emprego foi bloqueado pola compañía New Brunswick Coal Conglomerate, que tiña os dereitos de extracción de carbón para toda a provincia, e contra a que perdeu unha demanda nos tribunais ao alegaren os peritos do Conglomerate que a albertita era en realidade unha forma de carbón.[3] En 1854, Gesner trasladouse a Newton Creek, Long Island (EE. UU), onde acadou o apoio dun grupo de empresarios, que formaron a North American Gas Light Company, e á que lle cedeu as súas patentes.A pesar da súa evidente prioridade no descubrimento, Gesner non obtivo a súa primeira patente para o queroseno ata 1854, dous anos despois da patente norteamericana de James Young. O método Gesner de purificación destilación de produtos parece que era superior ao de Young, o que producía un combustible máis limpo e de mellor olor. A fabricación de queroseno segundo as patentes Gesner comezou en Nova York en 1854, e seguiu en Boston, onde se destilaba a partir de hulla e de lousas bituminosas.[4]

Ignacy Lukasiewicz, un farmacéutico polaco residente en Lviv, estivera experimentando o proceso de destilación do queroseno con diferentes técnicas, tratando de mellorar o proceso de Gesner e aproveitando filtracións locais de petróleo. Moita xente coñecía o seu traballo pero non lle prestaban moita atención. A noite do 31 de xullo de 1853, os médicos do hospital local precisaban realizar unha operación de emerxencia, algo case imposible só coa luz das candeas. Por iso enviouse un mensaxeiro para buscar a Lukasiewicz e as súas novas lámpadas. A lámpada ardía cunha luz tan brillante e limpa que o hospital encargou varias unidades ademais dunha gran cantidade de combustible. Lukasiewicz decatouse do potencial do seu traballo e deixou a farmacia para atopar un socio industrial, e viaxou a Viena para rexistrar a súa técnica diante do Goberno. En 1854 trasladouse á rexión de Gorlice (Polonia), mandou cavar varios pozos de petróleo no sur de Polonia, e en 1859 creou unha refinaría preto de Jasło.

Nos anos seguintes xeneralizouse a dispoñibilidade de queroseno barato; e esta foi a causa principal da abrupto declive da industria da caza de baleas durante o final do século XIX, xa que o aceita para lámpadas era o principal produto que esta industria comercializaba.

No pasado, o queroseno usábase comunmente como combustible para a iluminación en lámpadas de uso doméstico. Actualmente, o seu uso principal é como para avións de reacción, en concreto as variantes Avtur, Jet-A, Jet-A1, Jet-B, JP-4, JP-5 ou JP-8. A forma de queroseno RP-1, activado con osíxeno líquido, úsase como combustible para foguetes.

Tamén se emprega como disolvente orgánico, e para eliminar algúns parasitos do cabelo, aínda que isto pode ser prexudicial para a pel.

Datos económicos

editar

Como derivado do petróleo que é, o seu prezo vai depender de factores diversos, como o custo do barril de cru, os custos de destilación e de distribución ou os impostos con que se grave en cada momento.

Na Unión Europea establécese un imposto especial que grava o uso de todos os hidrocarburos (entre eles a gasolina, o gasóleo, o fuel, o metano e o propio queroseno).

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para queroseno.
  2. Bilkadi, Zayn (1995). "The Oil Weapons". Saudi Aramco World (46): 20–27. 
  3. Black, Harry (1997). Canadian Scientists and Inventors. Pembroke Publishers Limited. ISBN 1551380811. 
  4. Russell, Loris S. (2003). A Heritage of Light: Lamps and Lighting in the Early Canadian Home. University of Toronto Press. ISBN 0802037658.