Un traveseiro[1], almofada, cabeceiro ou cabezal é unha especie coxín feito usualmente de pana, pluma, cotón, escuma, viscoelástico etc. que se utiliza á cabeceira da cama, servindo para descansar a cabeza mentres se dorme. O traveseiro ponse sobre o colchón, na parte superior da cama vestíndose co xogo desta. O seu obxecto é manter recta a columna vertebral enchendo o oco do pescozo para relaxar a caluga, evitar tensións musculares, diminuír o estrés acumulado durante o día e axudar a conseguir un soño tranquilo.

Pintura de Toulouse-Lautrec, con traveseiro.

Etimoloxía

editar

O termo galego traveseiro (en portugués: travesseiro) ten orixe por ser un coxín que se atravesa de lado a lado da cama. O termo aparece xa no texto de Antonio López Ferreiro de 1895: O Castelo de Pambre, leenda do sigro XIV:

  • ..Feito esto volveu-se pra a súa cámara, escondeu os panos furtados debaixo do seu traveseiro e no seu baiul e meteu-se na cama...[2]

O termo almofada provén do árabe andalusí مخدة mujadda, con adición do artigo determinado al-, isto es: المخدة al-mujadda, que vén do árabe estándar mijadda: coxín. A raíz desta verba é jadd (banda ou meixela), así que se relaciona semanticamente co feito de acougar a meixela ou descansar de costado. O termo almofada aparece en galego antigo xa no Inventario de los bienes de Lope González, pub. por Oviedo Arce en la C. D . G. H., p. 286:

  • ...iten oyto cabeçaas, iten tres almofadas, iten dous colchoos...[3].

Óllese que o termo portugués almofada refírese a calquera tipo de coxín, reservándose o termo travesseiro para o traveseiro.

Historia

editar

A comezos foron usadas pola clase alta, e foron atopadas en tumbas do Antigo Exipto. A dificultade de tinturas sofisticados e técnicas de costura conduce ao desenvolvemento destas coma un xeito de arte, con modelos sumamente enfeitados orixinarios da China, que chegaron séculos despois á Europa Medieval. Coa Revolución industrial chegou a fabricación en serie de pezas téxtiles decoradas, que acabaron por se espallar. Os traveseiros tradicionais chineses son caixas feitas con materiais coma a pedra, a madeira, o metal ou a porcelana no canto de ser recheas de tea.[4]

Os traveseiros tradicionais galegos enchíanse de , palla ou follaco de millo.

Composición

editar

Un modelo estándar consta de tres pezas:

  • Un material interior non mol que lle dá a súa característica consistencia.
  • Unha funda interior cosida, que pode ser de cotón ou fibra.
  • Unha funda exterior que, se leva gramalleira, pódese retirar para a lavadura.

A isto, adóitase engadir como parte da roupa de cama unha funda externa lavábel.

As medidas coinciden co largo habitual das camas, sendo as máis habituais as seguintes: 67 cm, 80 cm, 90 cm, 105 cm, 135 cm, 170 cm.

Polo material de fabricación do núcleo interior, pódense distinguir:

  • De fibra, as máis habituais.
  • De pluma. O recheo é de plumas de ave, xeralmente, de ganso.
  • De látex.
  • De Memory foam.

Pola súa forma pódense distinguir:

  • Tradicional. O traveseiro tradicional é unha peza estreita e longa.
  • Bolboreta cervical. Ten forma de bolboreta e semella estar indicada para persoas con doenzas cervicais.
  • Cervical. Modelo curto con forma cóncava e resaltes na súa superficie que tamén parece destinarse a persoas con problemas cervicais.
  1. Recollido pola Real Academia galega, e outras fontes: http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=traveseiro&tipo_busca=lema
  2. Texto en Tesouro informatizado da Lingua galego da USC.
  3. Real Academia Galega (1913-1928): Diccionario gallego-castellano
  4. Almofadas de porcelana Arquivado 16 de marzo de 2006 en Wayback Machine. (en inglés).

Véxase tamén

editar