O papel moeda, tamén chamado billete ou carto, é un documento oficial, un título de crédito con algúns valores estándares estampados nas súas faces, que é emitido por un goberno por medio dun órgano específico, xeralmente un banco central, para servir como medio de pagamento e representación de base monetaria dun país ou dunha rexión económica, como é o caso da CEE. A súa orixe está intimamente relacionada á moeda metálica e aos títulos bancarios, pois, antes da súa adopción xeneralizada polos diversos países do mundo, o valor expresado no billete significaba a existencia dunha certa cantidade de riqueza, que xeralmente era ouro depositado nun banco. O costume do diñeiro, isto é, dos cartos seren un símbolo dunha cantidade de ouro era coñecido como padrón ouro.[1][2]

Rosalía de Castro nun billete español de 500 pesetas de 1978.

Grosso modo, o papel moeda é un tipo de diñeiro fiduciario, no cal o seu valor de face non corresponde a ningún valor intrínseco, mais ten como lastre só a confianza do goberno emitente. Co correr do tempo e co establecemento das economías nacionais, a relación de paridade entre riqueza depositada e valor de face do billete foi abandonada polos gobernos, o que se chamou de inconvertibilidade, é dicir, o valor estampado no papel deixou de significar un valor real para pasar a ser mera cifra abstracta. Esta circunstancia, entre outros factores, fixo xurdir entre as diversas moedas nacionais un relación de avaliación e troco, na que o valor da moeda dun país pode aumentar ou diminuír cando comparada á doutro país.[3][4][5]

Billetes de euro de diversos valores.

Nas economías dos países en xeral, o papel moeda circula de modo concomitante co diñeiro escritural, o cal existe só como rexistro nunha institución financeira e testifica certa cantidade de papel moeda en nome dun propietario. Tamén, co aumento da capacidade computacional, este tipo ten circulado ao lado do diñeiro electrónico.[6][7]

Notas editar

  1. Fonseca, José Wladimir (2009). Mercado de capitais (en portugués). Curitiba: IESDE. p. 42. 
  2. "A brief history of banknotes" (en inglés). Bank Of England. Consultado o 10 de febreiro de 2016. 
  3. Nogami, Otto (2012). Economia (en portugués). Curitiba: IESDE. pp. 142, 143. 
  4. Goldschmidt, Roberto (2001). Curso de derecho mercantil (en castelán). Actualizado por María Auxiliadora Pisani Ricci, Gabriel Rodríguez e Ivanova Beirutti Ruiz. Caracas: Universidad Católica Andrés Bello. p. 773. 
  5. "Breve história do papel moeda" (PDF) (en portugués). Consultado o 10 de febreiro de 2016. 
  6. Chacón, Néstor Ricardo (2005). Derecho monetario (en castelán). Bogotá: Universidad del Rosario. p. 45. 
  7. Schneider, Gary (2011). Electronic Commerce (en inglés). Boston: Cengage Learning. p. 471. 

 
 Este artigo sobre economía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.