En numismática, coñécese como columnario a moeda de prata con valor facial en reais (principalmente o real de oito ou peso), cuñada pola monarquía española nalgúns dos seus territorios de América no século XVIII, entre os anos 1732 e 1773, cando foi substituída pola moeda de busto.[2][3][4]

O columnario inspirou a creación do símbolo do dólar: $.[1] Este exemplar cuñouse a nome de Fernando VI, na Casa da Moeda de México

Cuñáronse sobre todo nas cecas de México, Potosí e Lima, aínda que tamén noutras americanas como Guatemala, Popayán, Novo Reino ou Santiago de Chile.[5]

Historia editar

O nome de "columnario" non responde a unha nova unidade monetaria senón a unha tipoloxía de moeda, con valores de medio, un, dous, catro e, sinaladamente, oito reais. Este último circulou e colleu sona por todo o mundo, debido en parte a ter un acabamento e unha calidade moi superiores aos das antigas moedas cuñadas a martelo.

As moedas coloniais anteriores, coñecidas como "macuquinas", adoitaban ter forma irregular e por iso eran doadas de cernar no seu canto, para lles subtraer fraudulentamente parte da súa a prata (ou ouro, no caso dos escudos).[6] Pola contra, os columnarios tiñan unha forma ben arredondada e contaban cun bordo gravado, o que facía imposible a cernadura da moeda e a súa nova posta en circulación.[7]

A través de dúas disposicións reais de 1728 e 1730 iniciouse o proxecto de establecer novas casas de moeda na América española, co obxectivo de cambiar a antiga moeda macuquina, cuñada a martelo, pola nova moeda. Primeiramente implantouse para este efecto a ceca de México (1733), logo a de Lima (1754) e máis tarde a de Potosí (1767).[8]

A moeda columnaria foi substituída paulatinamente a partir de 1772 pola chamada "de busto", por amosar a imaxe do monarca nos seus anversos.[9]

Caracterización editar

Reverso editar

 
Anverso e reverso dun columnario de 1770 da ceca de Potosí

Os columnarios caracterizábanse fundamentalmente polos motivos dos seus reversos, que amosaban unha tipoloxía moi característica: dous globos terráqueos que representan os hemisferios oriental e occidental, cunha coroa real por riba, e por baixo un deseño de ondas mariñas (o océano Atlántico, que separa o Novo Mundo do Vello Mundo). A ambos os lados dos globos erguíase unha columna coroada (o que lles dá o nome), que simbolizaban as Columnas de Hércules, cada unha delas cinguida cun pano co lema en latín PLVS VLTRA ("máis aló"; lema nacional de España).[10][11][12]

No bordo superior dos anversos aparece a lenda VTRAQUE VNUM ("ambos son un"), que alude á unidade entre os territorios do Imperio Español en cada hemisferio. O espazo entre a data e a lenda está ocupado comunmente pola marca de ceca.[13]

Anverso editar

A tipoloxía habitual dos anversos dos columnarios consistía no nome do monarca español seguido pola lenda D[EI] G[RATIA] HISPAN[IARUM] ET IND[IARUM] REX ("pola graza de Deus, rei das Españas e das Indias"). Á esquerda aparecían as iniciais do ensaiador e no centro o escudo de España coa coroa real na parte superior. Á dereita deste, un número arábigo indicaba o valor facial en reais.[14]

Notas editar

  1. Crespo-Francés, J-A. El origen del dólar.
  2. "Columnario". No Dicionario da RAG e no Portal das Palabras.
  3. "Columnario Arquivado 19 de decembro de 2018 en Wayback Machine." en Digalego.gal.
  4. "Los reales ‘columnarios’ y ‘de busto’ (1732-1788) Arquivado 19 de decembro de 2018 en Wayback Machine.". En Corvera Colecciones.
  5. Ruiz Calleja, A. "Los 8 reales columnarios". En Ruiz Calleja Blognumismatico.com.
  6. "Moneda cercenada". En Alfaro Asins (2009).
  7. "Macuquina". En Alfaro Asins, C. (2009).
  8. "Spanish 8 Reales, Milled and Pillar Dollars". En CoinSite.com
  9. Serrera Contreras, R. "La introdución de la 'moneda de busto' en España e Indias: la real pragmática de 29 de mayo de 1772 Arquivado 19 de decembro de 2018 en Wayback Machine.". En Revista de estudios extremeños, 71 (3), 1973-1990. 2015.
  10. "Moneda columnaria". En Alfaro Asins, C. (2009).
  11. "Columnario". En Tesorillo.com.
  12. "Columnario". En Portal Fuenterrebollo.
  13. "Catálogo del real de a 8 columnario". En La moneda hispánica.
  14. Ruiz Calleja, A. "Columnarios". En Ruiz Calleja. Blognumismatico.com.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
  • Castán Ramírez, C. "Los columnarios de la ceca de Popayán". En Gaceta Nuimismática, 18 (1970), 46-48.
  • Gilboy, F. F. The Milled Columnarios of Central and South America: Spanish American Pillar Coinage, 1732 to 1772. Prairie Wind Publishing. 1999. ISBN 978-0968520604
  • Harris, R. Pillars & Portraits. An illustrated catalogue of the numismatic history of the Spanish American Empire. Bonanza Press. 1968.
  • Palmer JR, Darwin, & Almanzar Alcedo F. l. Pillar and Portrait: Four Reales of the New World. Almanzar's Coins of the World, 1982. ISBN 9780882420257

Ligazóns externas editar