Casa da Moeda de México

Coordenadas: 19°25′43″N 99°09′56″O / 19.42861, -99.16556

A Casa de Moeda de México (OM pola súa marca de ceca) é un órgano descentralizado do Goberno federal mexicano, dependente da Secretaría de Facenda e Crédito Público, responsable da cuñaxe das moedas de curso legal no país consonte os parámetros que establezan os decretos do Congreso da Unión e as ordes de cuñaxe do Banco de México.​ [1]

Casa da Moeda de México
Ommexico.jpg

Ocho reales de plata 1759.jpg
Real de oito columnario da
Casa da Moeda de México

TipoOrganismo descentralizado.
Fundación11 de maio de 1535
MatrizSecretaría de Facenda e Crédito Público.
LocalizaciónCoat of arms of Mexico City, Mexico.svg Cidade de México
Flag of Mexico.svg México.
Persoas claveDirector: Jorge Andrés Raygoza Echegaray.
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas, medallas, etc.
Número de empregados1.845 (2006).
Páxina webSitio web
editar datos en Wikidata ]

Fundouse en 1535 e é a máis antiga de América.[2]

HistoriaEditar

Fundación e etapa do vicerreinadoEditar

A Real Casa de Moeda de México (ou Ceca de México), dependente da Coroa española, foi establecida mediante a Real cédula do 11 de maio de 1535, executada polo vicerrei Antonio de Mendoza.[3] Inicialmente instalouse nas denominadas "Casas vellas de Moctezuma", propiedade de Hernán Cortés.[4] Porén, en 1536 decidiuse a construción dun edificio acaroado ao Pazo do Vicerreinado (hoxe Museo Nacional das Culturas do Mundo), na rúa que, por tal motivo, acabou por chamarse "da Moeda".[5]

A Casa da Moeda funcionou durante máis de dous séculos mediante concesión a persoas, que adquirían os oficios de tesoureiro, ensaiador, tallador, escribán, xuíz de balanza, alcalde ou alguacil. A ceca limitábase a cuñar a moeda e a entregarlla aos seus donos logo de deducir os correspondentes dereitos de operación e de señoriaxe (ou beneficio do goberno derivado da emisión).[5]

Desde a súa fundación, a Casa de Moeda de México produciu moedas (como o real de oito) que, en recoñecemento da súa calidade e boa lei, traspasaron as fronteiras mexicanas e circularon como medio de cambio internacional nos séculos XVII, XVIII e XIX en moi diversas partes do mundo, como os reinos de Europa Occidental, Xapón e a China, e os Estados Unidos, onde se deu en chamar "dólar español" (Spanish dollar).[5][6][7][8]

O metal máis cuñado nesta ceca foi a prata, extraída das minas mexicanas, aínda que a partir de 1679 comezaron a cuñarse tamén cantidades limitadas de ouro. O cobre utilizouse só na primeira época de operacións da ceca e, posteriormente, despois de 1814 no contexto da crise provocada pola revolución de independencia.[5]

 
Real de prata a nome de Xoana e Carlos da Casa da Moeda de México

As primeiras moedas, de prata, corresponden á época do reinado de Carlos e Xoana (Carlos I de España e a súa nai, Xoana I de Castela). Nos anversos destas primeiras emisións amósase un escudo con castelos e leóns xunto cos nomes dos reis, e no reverso as Columnas de Hércules. Estas moedas cuñáronse en dúas series: a primeira (1536-1542) cunhas columnas sinxelas e a segunda (1542-1572) coas columnas adobiadas cunhas ondas mariñas.[5][9][10][11]

 
Reverso dun columnario de 1759 da Casa de Moeda de México

En 1572 Filipe II de España introduciu na moeda a impresión dunha cruz e as armas do reino, que se mantiveron ata a aparición en 1732 do tipo columnario, que presentaba dous globos terrestres sobre ondas mariñas, cunha coroa real enriba, flanqueadas polas Columnas de Hércules, de onde colleron o seu nome. As moedas columnarias foron sucedidas en 1773 polas chamadas "de busto", por teren a efixie dos reis de España nos seus anversos.[5]

A moeda base do sistema monetario de prata era o real de oito ou peso, complementado con outras denominacións inferiores de 4 reais, 2 reais, 1 real e ½ real. En ouro, os valores eran os oito escudos ou onza, 4 escudos, dous escudos e 1 ecudo.[5]

O mineral traído das minas era examinado primeiramente polo ensaiador para certificar a súa pureza. A fundición facíase nun forno de crisol e posteriormente vertíase o metal en moldes. As barras resultantes eran aplanadas sobre unha bigornia e logo recortábanse para obter discos da forma aproximada das moedas. A cuñaxe foi inicialmente artesanal, a golpe de martelo sobre os cuños. O resultado eran moedas irregulares, que se chamaban coloquiamente macuquinas, cos bordos recortados, que logo de cuñadas eran pesadas novamente e revisadas polo ensaiador, en presenza do tesoureiro e do escribán, e despois entregadas aos seus donos.[5]

 
Máquinas laminadoras de prata conservadas na Casa da Moeda de Bolivia, similares ás que existían na Casa de Moeda de México.

En 1732 a Coroa tomou a administración directa da Casa da Moeda. A patrtir dese momento, a institución pasou a comprar a prata aos subministradores, e as moedas que se producían pertencían á Real Facenda. Entre os superintendentes desa éopca coñécense as identidades de José Fernández de Veytia Linage (1733-1739), Gabriel Fernández Molinillo (1739-1751), Pedro Núñez de Villavicencio (1751-1778), Fernando José Mangino (1778-1787), Francisco Fernández de Córdova (1787-1815) e Rafael de Lardizábal (1815-1829).[5]

A partir da administración directa da man da Real Facenda introduciuse na ceca nova maquinaria, entre a que cómpre salientar grandes muíños de laminaxe para aplanar as barras e prensas de volante que permitiron a cuñaxe de pezas circulares uniformes, cunha gravación perimetral nos cantos. Para a instalación destes novos equipamentos realizáronse diversas ampliacións e modificacións no edificio, baixo a dirección de Nicolás Peinado Valenzuela.[5]

 
Documento que amosa a relación de moedas de ouro e prata cuñadas en 1785 na Casa de Moeda de México.

En 1778 nomeouse a Jerónimo Antonio Gil como tallador maior, a quen se lle encargou ademais establecer unha escola de gravado na Casa da Moeda. O éxito acadado por esta escola levou a Gil a propor a creación en 1781 da Academia de San Carlos, que inicialmente se constituíu na mesma ceca, ata que en 1791 se trasladou a unhas instalacións propias no antigo Hospital del Amor de Dios.[5]

O erudito alemán Alexander von Humboldt visitou a Casa da Moeda en 1803 e describiuna no seu Essai politique sur le royaume de la Nouvelle-Espagne ("Ensaio político sobre o reino da Nova España"), de 1811, como "a máis grande e rica en todo o mundo". Engade Humboldt que malia non destacar pola perfección das súas máquinas ou dos procesos industriais, era moi digna de atención "pola orde, a actividade e a economía que reinaba en todas as operacións de cuñaxe".[12] Naqueles anos, a ceca mexicana producía máis de trinta millóns de pesos anuais e traballaban nela arredor de 400 empregados, ademais dos artistas gravadores e dos administrativos.[5]

A guerra de independencia provocou unha fonda crise na Casa da Moeda, debido ao abandono de moitas das minas e á dificultade de transportar o metal por camiños moi perigosos ata a capital do vicerreinado. Isto levou as autoridades a establecer casas de moeda provinciais en Sombrerete, Zacatecas, Durango, Chihuahua, Real de Catorce, Valladolid, Guadalaxara, Guanajuato, Nueva Vizcaya e Oaxaca, que cuñaron de xeito episódico moedas de emerxencia ou obsidionais, de calidade e lei desiguais. Entre 1813 e 1820, a única ceca autorizada para cuñar moedas de ouro foi a de Guadalaxara. O monopolio que tivera ata entón a capital da cuñaxe de ouro concluíu e nunca se restableceu.[5][13]

Os insurxentes realizaron tamén en distintos períodos as súas propias emisións de moeda, en prata e en cobre, de calidade irregular, e tamén reselaron a moeda emitida pola ceca oficial.[5]

México independenteEditar

Logo da independencia de México, a ceca pasou a denominarse durante pouco tempo Imperial Casa de Moeda de México e, posteriormente, Casa Nacional de Moeda. As cecas provinciais pasaron a ser subsidiarias da da Cidade de México. Ao se recuperar a produción mineira creáronse novas cecas en Álamos, Culiacán, Guadalupe, Calvo, Hermosillo, Tlalpan, San Luis Potosí e Zacatecas, á parte doutras xa aparecidas durante a guerra. Estas cecas funcionaban, comunmente, por concesión ou arrendamento a particulares, aínda que os tipos das moedas e as súas denominacións mantiveron uniformidade.[14]

En 1847, o Goberno alugoulle a Casa de Moeda a unha compañía privada inglesa, a MacKintosh Mint Company, que tamén explotou en distintos momentos as cecas de Guanajuato, Zacatecas, Guadalupe e Calvo (ao sur de Chihuahua). Esta empresa adquiriu maquinaria inglesa propulsada por vapor. A produción trasladouse á chamada Casa del Apartado (actual Museo Numismático Nacional) e ambas as institucións uniron os seus procesos produtivos nun só establecemento, chamado Casa de Moneda y Apartado de México. A situación da Casa da Moeda en mans de entidades privadas e fóra do control directo do Goberno mantívose ata 1893.[15]

Durante ese período, cun decreto do presidente Benito Juárez, a Casa de Moeda adoptou o 15 de marzo de 1861 a división do peso mexicano consonte o sistema métrico decimal.[16][17]

 
Moeda de ouro de 20 pesos a nome do emperador Maximiliano I.

Logo do establecemento do segundo Imperio Mexicano (1863-1867), a Casa de Moeda cuñou moedas co perfil do emperador Maximiliano e a lenda MAXIMILIANO EMPERADOR no anverso, e IMPERIO MEXICANO no reverso. Posteriormente, co restablecemento da República cuñouse o escudo nacional no anverso, en tanto que o reverso portaba o lema REPÚBLICA MEXICANA.[18]

 
Peso de 1869, coa lenda REPUBLICA MEXICANA

Existía en México unha corrente de opinión que reclamaba o retorno das casas de moeda á administración directa do Estado. En decembro de 1871 Benito Juárez proclamou un decreto polo cal quedaba prohibido o alugamento das cecas e a renovación dos contratos daquela existentes, pero non puido cumprirse pola morte do presidente e os graves problemas fiscais existentes.[19]

O 30 de xuño de 1895 un decreto do presidente Porfirio Díaz, promovido polo secretario de Facenda José Yves Limantour, deu por concluídos todos os contratos de arrendamento das cecas mexicanas, e o 15 de xullo do mesmo ano o Congreso aprobou un decreto polo que só continuarían abertas as casas de moeda de México (co rango de dirección xeral), Culiacán, Guanajuato e Zacatecas.[20]

Séculos XX e XXIEditar

En 1905 a lenda das moedas substituíuse pola aínda hoxe vixente de ESTADOS UNIDOS MEXICANOS e comezou o costume de representar a efixie de personaxes históricos, naquel momento Miguel Hidalgo y Costilla, co deseño do medallista francés Charles Pillet. En 1910, co gallo do centenario da independencia mexicana, emitiuse a primeira moeda conmemorativa, o chamado peso de caballito, deseñado tamén por Pillet.[21]

A Revolución Mexicana de 1910 a 1917 alterou a orde monetaria. As forzas en loita emitiron as súas propias moedas, xeralmente de basta factura, así como diversos billetes e vales.[22]

A Constitución Política dos Estados Unidos Mexicanos de 1917 previu a existencia dun banco de emisión único, administrado polo Goberno Federal, entre cuxas funcións estaría o establecemento de casas de moeda. Prohibíuselles aos estados da República emitiren o seu propio circulante. En consecuencia, en 1925 creouse o Banco de México, entre cuxas atribucións estaba a de regular a circulación monetaria e a emisión de papel moneda, en forma única e exclusiva.[23]

A introdución do diñeiro fiduciario en todos os países levou en 1936 á desvinculación da moeda mexicana da súa equivalencia directa coa prata e o ouro. A partir de entón cuñáronse pezas de bronce, latón e cuproníquel, e mantívose a emisión de moedas de metais preciosos só con fins conmemorativos.

En 1970 a ceca trasladouse a unha nova sede na Calzada de Legaria, na Cidade de México, onde operou ata 1999. Actualmente as moedas cúñanse nunha moderna planta construída en 1983, en San Luis Potosí, aínda que a sede da compañía se mantén na demarcación de Cuauhtémoc, na Cidade de México.

Directores da Casa de Moeda de México (1978-2018) [24][25][26][27]​ ​ ​
Directores Período
Agustín Acosta Lagunes 1978-1979
Napoleón Gómez Urrutia 1979-1992
Alfredo Lelo de Larrea y Robles 1992-2002
Georgina Kessel Martínez 2002-2006
Oscar Levin Coppel 2006-2008
J. Marcelo de los Santos Fraga 2010-2013
Guillermo Hopkins Gámez 2014-2018
Jorge A. Raygoza Echegaray 2018-

Entrado o século XXI, a Casa de Moeda de México conta cunha avanzada tecnoloxía para a fabricación de discos, moedas circulantes e conmemorativas e medallas en metais preciosos e industriais. Nos últimos anos exportou moedas, a países como Alemaña, Arxentina, Austria, Bahamas, Brasil, Canadá, Cuba, Ecuador, Exipto, España, os Estados Unidos, Guatemala, Honduras, a India, Indonesia, Malaisia, Marrocos, Nicaragua, Noruega, Perú, Portugal, Porto Rico, o Reino Unido, Suecia, Suíza, Tailandia, Uruguai e Venezuela.[28]

Actualmente, os billetes imprímense na Fábrica de Billetes do Banco de México.[29]

Os selos postais, pasaportes, formularios oficiais e outros documentos imprímense nos Talleres de Impresión de Estampillas y Valores, entidade dependente da Secretaría de Facenda e Crédito Público.[30]

A administración da Casa de Moeda recae nunha Xunta de Goberno presidida polo secretario de Facenda e Crédito Público.[1]​​

Roubo na Casa da MoedaEditar

O 6 de agosto de 2019 a sucursal matriz da Casa de Moeda de México, que só é agora unha tenda, foi asaltada. Os ladróns lograron levar moedas conmemorativas de ouro valoradas en 50 millóns de pesos.[31][32][33]

Museo Numismático NacionalEditar

 
Prensa monetaria de 1832 exposta no Museo da Casa da Moeda de México

O Museo Numismático Nacional, que forma parte da Casa de Moeda de México, atópase na antiga Casa del Apartado, un edificio situado no centro histórico da Cidade de México onde, desde o século XVII, se desenvolvía o proceso de separación do ouro que viña mesturado con prata desde as minas. [34][35][36]

Neste lugar cuñáronse moedas ata 1992. A vella maquinaria movida a vapor utilízase agora para amosarlles aos visitantes o proceso de fabricación das moedas. Exhíbese tamén unha pequena mostra da colección numismática da Casa de Moeda, constituída por moedas e medallas de diversas épocas, así como ferramentas, punzóns e cuños empregados na súa produción.[35]

O museo disponse en tres galerías: a de numismática, dedicada á historia da moeda; a colección histórica de papel moeda mexicano, e a do escudo nacional, onde se pode apreciar a súa evolución.[35]

O museo está dotado de cinco aulas e dúas salas de usos múltiples destinadas ao desenvolvemento de cursos e obradoiros, ademais dunha biblioteca especializada en numismática, ao dispor dos investigadores e interesados.[35]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 "Ley de la Casa de Moneda de México". Congreso de la Unión.
  2. Historia de la moneda y del billete en México. Banco de México. Setembro de 2019.
  3. "Nuestra Casa". Casa da Moeda de México.
  4. Lozada León, G. (2014). "La vieja Casa de la Moneda. Un bello recinto del siglo XVIII en el centro histórico de la Ciudad de México". En Relatos e historias en México. Nº 69. Páxinas 16-21.
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 5,13 "La moneda virreinal". En Historia de la moneda y del billete en México. Banco de México. Setembro de 2019. Páxinas 3-7.
  6. Valdéz Lakowski, V. (1987).
  7. Babones, S. "'The Silver Way' Explains How the Old Mexican Dollar Changed the World". En The National Interest. 30 de abril de 2017.
  8. Vidal Liy, M. "China y la América Española: historia de una globalización". En El País. 17 de xuño de 2017.
  9. Escalona Ruiz, D. (2014). "Carlos y Juana". En Revista Mensual Museo Soumaya.
  10. "Las monedas de “Carlos y Juana”". En Monedas de México.
  11. De Francisco Olmos, J. M. (2005). "La evolución de la tipología monetaria en Castilla y América durante el siglo XVI. 4. La Moenda indiana de Carlos y Juana". En IV Jornadas Científicas sobre Documentación de Castilla e Indias en el siglo XVI. Páxinas 120-124. ISBN 84-689-3804-1
  12. Humboldt, A. (1827 - 2ª ed.). Essai polotique sur le royaume de la Nouvelle-Espagne. Tomo IV. Capítulo XII. París. Páxina 22.
  13. González Gutiérrez, P. (1997).
  14. "La moneda de la Independencia", "La moneda del Primer Imperio (1822-1823) e "La moneda republicana". En Historia de la moneda y del billete en México. Banco de México. Setembro de 2019. Páxinas 8-13.
  15. "Breve historia de la Casa de Moneda de México". Casa de Moneda de México.
  16. Canudas Sandoval, E. (2005). Páxina 802.
  17. "La moneda republicana (sistema decimal)". En Historia de la moneda y del billete en México. Banco de México. Setembro de 2019. Páxina 15.
  18. "La moneda del Segundo Imperio". En Historia de la moneda y del billete en México. Banco de México. Setembro de 2019. Páxina 14.
  19. Canudas Sandoval, E. (2005). Páxinas 815-816.
  20. Canudas Sandoval, E. (2005). Páxina 826.
  21. "Inscripción 'Estados Unidos Mexicanos' ". En Historia de la moneda y del billete en México. Banco de México. Setembro de 2019. Páxinas 15-16.
  22. "La moneda durante la revolución de 1910". En Historia de la moneda y del billete en México. Banco de México. Setembro de 2019. Páxinas 16-17.
  23. Vázquez Pando, F. (1984). "Datos para una historia del derecho monetario mexicano". En Memoria del III Congreso de Historia del Derecho Mexicano. Universidad Nacional Autónoma de México. Páxinas 701-716. ISBN 968-837-258-7
  24. Memoria de la Secretaría de Hacienda y Crédito Público. 1919. México. 1982
  25. Rodiles, J. (1992). "Sale Gómez Urrutia de la Casa de Moneda". En El Norte. 8 de xaneiro.
  26. "Designan nuevo titular de la Casa de Moneda". En La Jornada. 10 de xaneiro de 2002.
  27. "Marcelo de los Santos designado nuevo director general de la Casa de Moneda". Secretaría de Hacienda y Crédito Público.
  28. Quesada, I. (2017). "Una historia de más de cuatro siglos". En Lider. 15 de mayo de 2017.
  29. "Visitas a la fábrica de billetes". Banco de México.
  30. "Los Talleres de Impresión de Estampillas y Valores de la SHCP". En Proteja su Dinero. 2 de xullo de 2019.
  31. "Roban 50 millones de pesos de Casa de Moneda de México". En Pátzcuaro Noticias. 6 de agosto de 2919.
  32. "Atraco ao estilo de «A casa de papel» na Casa da Moeda de México".En La Voz de Galicia. 7 de agosto de 2019.
  33. "Un grupo armado asalta la Casa de la Moneda de México y roba más de dos millones de euros en oro". En RTVE. 6 de agosto de 2019.
  34. "Museo Numismático Nacional". No sitio web da CMM.
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 "Museo Numismático Nacional". Sistema de Información Cultural. Museos.
  36. "Museo Numismático Nacional". México es Cultura.

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

BibliografíaEditar

  • Canudas Sandoval, E. (2005). Las venas de plata en la historia de México. Universidad Juárez Autónoma de Tabasco. Vol. II. ISBN 970-94243-1-9
  • Céspedes del Castillo, G. (1996). Las casas de moneda en los reinos de Indias. Vol. 1: Las cecas indianas en 1536-1825. Madrid. Fábrica Nacional de Moneda y Timbre - Museo Casa de Moneda.
  • Fernández, M. A. (1983). Historia de la Casa de Moneda de México y sus provincias. SHCP, Unidad de Bienes Culturales. México. ISBN 986 806 045 4
  • González Gutiérrez, P. (1997). Creación de casas de moneda en Nueva España. Alcalá de Henares. Universidad de Alcalá. ISBN 978-84-8138-220-4
  • Castro Gutiérrez, F. (2012). Historia social de la Real Casa de Moneda de México. México. UNAM, Instituto de Investigaciones Históricas. ISBN 978-607-02-3150-6
  • Orozco y Berra, M. (1993). Moneda y acuñación en México. México. Banco de México. 2 volumes.
  • Pradeau, A. F. (1953). Don Antonio de Mendoza y la Casa de Moneda de México en 1543. Documentos inéditos. México. Porrúa.
  • Valdéz Lakowski, V. (1987). De las minas al mar. Historia de la plata mexicana en Asia. 1565-1834. Fondo de Cultura Económica. ISBN 978-9681623838

Ligazóns externasEditar