Selo postal

pequena peza de papel sobre unha carta ou paquete que acredita o pago polo servizo postal

Un selo postal é un comprobante do pago previo dos envíos efectuados polo correo en forma de etiqueta, xeralmente engomada, ou directamente impreso. O selo tipo é un pequeno papel rectangular que se pega a un sobre e que indica que a persoa que realiza o envío pagou o servizo.

Selo das Feroe

Historia editar

 
Penny Red

A emisión do primeiro selo postal enmárcase dentro dunha profunda reforma do servizo de correos británico emprendida por James Chalmers (1834) e Rowland Hill (1837). Ata entón o envío pagábao o destinatario en función dos quilómetros percorridos e non polo seu peso e propúñase que o envío o pagase o remitente segundo unha tarifa uniforme en función do peso e non pola quilometraxe. Tras ser aprobada a reforma polo Parlamento en 1839 saíron en 1840 os primeiros sobres prepagados de valor 1 e 2 peniques. E uns meses máis tarde emitiuse o primeiro selo, o Penny Black, coa efixie da raíña Vitoria do Reino Unido. O novo sistema encontrou rápida aceptación noutros países e ós poucos anos estaba xa xeneralizado internacionalmente. A Unión Postal Universal establece que nos selos que circulen internacionalmente debe aparecer o nome do país emisor en alfabeto latino, desta obriga está exento o Reino Unido por se-lo primeiro país emisor.

Proceso de emisión editar

O proceso para a emisión dun selo postal é complexo, polo xeral a administración postal recibe centos de suxestións de particulares e de asociacións. Unha vez decididas as series a emitiren encárganse a varios artistas a realización dos deseños, normalmente catro veces máis grande do tamaño final. Unha vez elixido o deseño efectúanse as modificacións e redúcese fotograficamente ó tamaño correcto.

Métodos de impresión editar

  • Gravado en oco: o deseño grávase nunha placa de impresión, que a seguir se entinta, quedando a tinta nas ocos da placa. Logo colócase o papel por riba e se prensa para que se imprima o deseño no papel. O deseño pode presentar un lixeiro relevo ó tacto.
  • Tipografía: a tinta aplícase ás partes en relevo da placa de impresión e cando se produce o contacto o deseño transfírese ó papel. Ás veces aparece un lixeiro relevo no dorso do selo e outras a tinta reborda un pouco nas beiras do debuxo.
  • Litografía: a placa de impresión é completamente lisa e para transferir o deseño á superficie de impresión aplícase unha tita graxa especial, a continuación humedécese a prancha e aplícase tinta de imprimir que se pega ás partes graxas da superficie. Existe tamén a variante offset cun proceso un pouco máis complicado e que se está impoñendo na impresión filatélica.
  • Fotogravado: versión moderna do gravado en oco no que se utiliza un negativo fotográfico que se descompón nunha trama de puntos e se grava ó ácido sobre un cilindro de cobre, ó que se lle bota tinta.
  • Estampado ou troquelado: combinación do gravado en oco e da tipografía. O papel imprímese entre dúas placas, unha co deseño en relevo e outra en oco. Proceso moi caro que só se usa actualmente para imprimir selos directamente en sobres, aínda que se utilizaba máis no século XIX .

Forma e materiais editar

Aínda que a maioría dos selos son rectangulares, xa en 1847 Gran Bretaña emitiu o primeiro con outra forma, concretamente octogonal pero ó non estar perforado moitas veces cortábase en forma de cadrado. En 1853 o Cabo de Boa Esperanza emitiu o primeiro selo triangular. Serra Leoa emitiu selos con formas de animais, froitos e mapas.

Case todos os selos son de papel impreso especialmente para a emisión, pero tamén se impriron selos no dorso de billetes de banco caducados e de mapas. Tamén os hai de plástico, lámina metálica, aceiro, tela e lámina de madeira. Tamén houbo discos de gramófono que tocaban o himno nacional de Bután

Erros editar

Durante o proceso de impresión pódense producir erros e fallos a pesar das comprobacións que se realizan nos centros de emisión para destruíren os exemplares con fallos.

Os pequenos defectos, que non aumentan o valor dun selo, permiten coleccionar variedades dun selo que se producen por erosións na prancha, borróns na tinta, aparicións dunha liña ou mancha branca.

Outros tipos de erros son máis valiosos: falta ou equivocación nalgunha cor, os que presentan o centro invertido. Tamén existen erros na perforación e no dentado.

Os erros do deseño non se producen durante a impresión, é un erro que se produce nun proceso anterior e afecta a toda a tirada do selo: faltas de ortografía, erro no deseño..., ás veces isto ten como consecuencia a retirada da emisión para corrixir o erro, aínda que ás veces algúns selos conseguen chegar ó público facéndoos moi valiosos.

Sobreimpresión ou sobrecarga editar

 
Selo de Afonso XIII sobrecargado durante a II República Española.

Denomínase sobreimpresión a calquera inscrición ou deseño engadido á imaxe dun selo. Existen múltiples razóns para sobrecargar os selos: un país que accede á independencia postal sobrecarga os selos do antigo poder colonial co nome do novo estado, tamén cando cambia a forma de goberno, o nome ou a moeda. Outra razón é para converter un selo nunha emisión especial, por seguridade. Cando a sobreimpresión se fai por cambiar as taxas postais denomínase sobretaxa. En cada emisión é habitual que un certo número de selos quedan invalidados para usos postais e se empregan como mostra da emisión coa sobrecarga de specimen ou outra similar. As grandes empresas ás veces perforan os selos para evitar roubos polos seus empregados, estes selos coñécense como selos perforados

Falsificacións e selos reparados editar

Un selo pode falsificarse para o seu uso polo correo, este tipo de falsificación coñécese como falso postal ou ben para enganar ós coleccionistas no caso de selos valiosos, neste caso denomínase falso filatélico. Dous dos falsificadores máis coñecidos foron François Fournier e Jean de Sperati.

Tamén hai outro tipo de falsificacións menos comúns, como poden ser as de tipo propagandístico, un exemplo deste tipo é a falsificación de selos británicos polos alemáns durante a segunda guerra mundial para incluír a Estrela de David na coroa do rei.

Un selo pódese reparar de moitas formas: o borrado do cuño postal é un tipo de fraude moi común, ben coa intención de reempregalo no correo ou ben para vendelo a un coleccionista como novo. Tamén se pode regomar un selo para facelo pasar como novo. Alterar as cores ou engadir ou suprimir dentes. Os selos desgarrados móllanse e coidadosamente aplanados para que as fibras de papel se unan superficialmente durante algún tempo.

Para evitar as falsificacións e fraudes as autoridades postais establecen medidas de seguridade nos selos, pode ser a complicación no deseño, a inclusión de filigranas, marcas de auga no papel. Para evitar o borrado dos cuño postal empregáronse tintas non permanentes que se corren ó meter o selo na auga ou revestimentos de verniz.

Un selo facsímile é unha copia exacta dun selo valioso que se vende como copia e non como selo postal, adoita levar unha marca para constatar que non é un exemplar lexítimo, borrar esa marca é tamén unha fraude. Os expertos filatélicos expiden certificados filatélicos de autenticidade logo de examinar a peza para demostrar que un selo é auténtico, o que é conveniente cando un selo é valioso.

Reverso editar

O reverso dos selos é a parte que se pega o sobre para o seu envío por correo. O común é que vaia sen imprimir, pero hai casos nos que si hai impresión: un número de control ou algunha información sobre o motivo do selo. A maioría dos selos presentan no reverso o engomado, con gran variedade de cores e de formas, mesmo se intentou con goma invisible (que resultou ineficaz) ou un engomado protexido por unha tira de papel.

Para coleccionar os selos pódese fixar ó reservo unha charnela ou fixaselos para fixalos ás follas dos álbums (práctica non recomendable nos selos novos e dubidable nos usados.)

O reverso do selo utilízao o experto filatélico para estampar a súa sinatura para certificar a autenticidade dun selo.

Cinsentas editar

Os selos que non foron emitidos por unha administración postal oficial (as recoñecidas pola UPU) denomínanse cinsentas e poden ser emitidas por compañías privadas ou autoridades locais que realizan un servizo postal. Outra variedade de cinsentas son os selos pantasma: emitidos en lugares inexistentes como micronacións e as etiquetas patrióticas, selos de Nadal emitidos por servizos postais benéficos etc.

As pólizas ou timbres fiscais son selos emitidos polos gobernos para recadar impostos e taxas e non son en absoluto selos postais, aínda que existen pólizas circuladas no correo.

Tipos de selos editar

Galería de imaxes editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar