Abrir o menú principal

Antecedentes históricosEditar

Os oito reais españois (séculos XVII-XVIII)Editar

Artigo principal: Real de oito.

Nos séculos XVII e XVIII, o uso dos reais de oito de prata cuñados nas casas de moeda dos territorios españois nas Américas estendeuse a outros territorios cara ao oeste ata Asia e cara ao leste ata Europa, co que esta moeda se constituíu na primeira de circulación global. A supremacía política de España no escenario mundial, a importancia das rutas comerciais españolas a través do Atlántico e o Pacífico, xunto coa a calidade e a pureza da súa moeda da prata motivaron que esta fose aceptada internacionalmente durante dous séculos.[1][2]

O real de oito ou peso español tiña curso legal nos territorios españois do Pacífico, como as Filipinas, a Micronesia, Guam e as Illas Carolinas, e máis tarde ampliouse á China e a outros países do sueste asiático, ata mediados do século XIX.

En América circulou con naturalidade nesa época en toda a América do sur e Central (agás en Brasil), así como nos Estados Unidos e en Canadá.

En Europa tiña curso legal na Península Ibérica, na maioría dos territorios da Península Itálica (Milán, o Reino de Nápoles, Sicilia, Sardeña, etc.), no Franco-Condado (Francia) e nos Países Baixos españois, e tamén se utilizaba noutros estados europeos de influencia austríaca e de Habsburgo.

O padrón ouro (séculos XIX e XX)Editar

Artigo principal: Padrón ouro.

Antes do século XIX e durante case todo el, o comercio internacional estivo caracterizado polas moedas que representaban pesos de ouro. A maioría das moedas nacionais supuñan neses tempos, en esencia, diferentes xeitos de medir pesos de ouro. Por este motivo, algúns estudosos afirman que o ouro foi realmente a primeira moeda global da historia.[3][4][5]

O derrubamento do padrón do ouro coa chegada da primeira guerra mundial tivo, xa que logo, implicacións moi significativas para o comercio global.[6]

A libra esterlina (século XX)Editar

Artigo principal: Libra esterlina.

Antes de 1944, a moeda de referencia mundial do século XX era a do Reino Unido, a libra sterling, ata que este papel preponderante se transmitiu ao dólar dos Estados Unidos, coas conseguintes implicacións para os bancos centrais.[7]

O dólar dos EEUU (séculos XX e XXI)Editar

Artigo principal: Dólar estadounidense.

No período que se abriu logo da Conferencia de Bretton Woods, en 1944, as taxas de cambio en todo o mundo eran pasaron a estar referidas ao dólar dos Estados Unidos, que podería ser cambiado por unha cantidade fixa de ouro. Este feito reforzou o dominio do dólar como moeda global.

A partir do colapso do réxime de taxa de cambio fixa e do padrón ouro, e da institución de taxas de cambio flutuantes logo do Acordo Smithsonian de 1971, a maioría das moedas do mundo deixaron de estar vinculadas ao dólar. Porén, tendo en conta que os Estados Unidos teñen a economía máis grande do mundo, as transaccións internacionais continúan a ser a referencia desta moeda, que consolidou a súa posición de moeda global.

Segundo o economista Robert Gilpin, "entre o 40 e o 60 por cento das transaccións financeiras internacionais están denominadas en dólares. Durante décadas, o dólar tamén foi a moeda de reserva principal do mundo; en 1996 representaba aproximadamente dous terzos das reservas de divisas no mundo", contra o aproximadamente un cuarto que lle corresponde ao euro.[8]

 
Uso internacional do euro e do dólar estadounidense      Estados Unidos      Estados que adoptaron o dólar      Moedas vinculadas ao dólar      Moedas vinculadas ao dólar con banda estreita      Eurozona      Estados que adoptaron o euro      Moedas vinculadas ao euro      Moedas vinculadas ao euro con banda estreita O rublo de Belarús está vinculado ao euro, ao rublo ruso e ao dólar nunha "cesta de moedas".

Varias moedas do mundo continúan a estar vinculadas ao dólar. Algúns países, como Ecuador, El Salvador e Panamá, deron un paso máis e mesmo eliminaron as súas propias moedas nacionais en favor do dólar estadounidense.

Só houbo dous desafíos importantes ao status do dólar como moeda global. Durante a década de 1980, o ien xaponés tivo un uso progresivo como moeda internacional, aínda que esa situación mudou coa recesión xaponesa da década seguinte.[9] Máis recentemente, o euro supón unha competencia cada vez maior para a preponderancia do dólar nas finanzas internacionais.[10]

Euro (século XXI)Editar

Artigo principal: Euro.

O euro herdou o seu status como unha das moedas de reserva importantes do antigo marco alemán, e a súa contribución ás reservas oficiais aumentou á medida que os bancos van procurando diversificar as súas reservas e que comercio na eurozona se expande.[11]

Igual que sucede co dólar, algunhas moedas do mundo están vinculadas ao euro. Trátase fundamentalmente de moedas da Europa do leste, como o lev búlgaro, aínda que hai outras da África occidental como o escudo de Cabo Verde e o franc CFA. Outros países europeos, mesmo sen ser membros da Unión Europea, adoptaron o euro en virtude de unións monetarias e acordos cos Estadops membros, ou mesmo de xeito unilateral, substituíndo as súas moedas propias: Andorra, Mónaco, Kosovo, Montenegro, San Marino e a Cidade do Vaticano.

En decembro de 2006, o euro superara o dólar no valor combinado da masa monetaria en circulación. O valor dos billetes de euro en circulación aumentou a máis de 610 mil millóns de euros. Un informe de 2016 da Organización Mundial de Comercio amosa que o comercio mundial de enerxía, de alimentación e do sector servizos e comercio de servizos se realiza nun 60 % con dólares e nun 40 % con euros.[12]

O renminbi chinésEditar

Artigo principal: Renminbi.

Como resultado da rápida internacionalización do renminbi, en 2013 esta moeda converteuse na oitava unidade máis comercializada do mundo.

A finais de novembro de 2015, o renminbi chinés pasou a ter a consideración de moeda internacional.[13]

Propostas do século XXIEditar

En 2009, no marco dos cumios do G20 en Londres e do G8 en L'Aquila, Italia, o Kremlin defendeu a existencia dunha moeda de reserva supranacional como parte dunha reforma do sistema financeiro global. O presidente ruso Dimitrii Medvedev acompañou este desexo coa presentación dunha moeda cuñada coa lenda UNITY IN DIVERSITY ("unidade na diversidade"), deseñada por Luc Luycx, como exemplo dunha futura moeda global.[14][15][16]

O 24 de marzo de 2009, Zhou Xiaochuan, presidente do Banco Popular da China, reclamou unha "reforma creativa do sistema monetario internacional existente cara a unha moeda de reserva internacional", para "reducir signitivamente os riscos dunha crise futura e mellorar a capacidade de xestión das crises". Zhou suxeriu que os dereitos especiais de xiro do Fondo Monetario Internacional (unha cesta de moedas que abrangue o dólar, o euro, o renminbi, o iens e a libra esterlina) poderían servir como supermoeda de reserva soberana, non doadamente influíble polas políticas de países individuais. Porén, o daquela presidente dos Estados Unidos, Barack Obama, rexeitou a suxestión asegurando: "o dólar é extraordinariamente forte neste momento".[17][18]

O 30 de marzo de 2009, no segundo cumio de Suramérica e a Liga Árabe en Qatar, o daquela presidente venezolano Hugo Chávez propuxo a creación dunha petromoeda, o "petro", que estaría apoiada polas enormes reservas de petróleo dos países produtores.[19][20][21]

 
Deseño de Luc Luycx de 2009 para unha moeda global, presentado nun cumio do G8 en L'Aquila, Italia

Moeda única globalEditar

Unha concepción alternativa dunha moeda global refire á existencia dunha única unidade monetaria mundial ou supermoeda, como as propostas "terra" ou DEY (acrónimo en inglés de dollar, euro, yen), emitida e apoiada por un banco central, para ser utilizada en todas as transaccións e en calquera lugar do mundo, independentemente da nacionalidade das entidades implicadas na transacción (individuos, empresas, gobernos ou outras organizacións).[22]

Os defensores dunha unidade monetaria global (sinaladamente Keynes, que chegou a propora a creación da unidade "bancor") argumentan adoito que tal moeda non sufriría inflación, que en casos extremos ten efectos desastrosos para as economías.[23] Ademais, moitos postulan que unha única moeda global faría que a xestión dos negocios internacionais sería máis eficiente e se alentaría o investimento estranxeiro directo.[24]

Hai moitos variantes desta idea, incluída a posibilidade de que fose administrada por un banco central global que definiría o seu propio padrón monetario ou que acollese o padrón ouro. Os defensores sinalan que o euro é un bo exemplo de moeda supranacional exitosa xurdida da unión de nacións con linguas, culturas e economías diferentes.[25]

Ademais da idea dunha única moeda mundial soa, tamén se suxiriron algunhas propostas de que no mundo coexistan diversas moedas globais que interactúen nun sistema de mercado singular. A aparición e a evolución das moedas globais dixitais que son propiedade de empresas privadas fai pensar que diversas moedas globais poidan ofrecer formatos máis amplos para o comercio á medida que se van expandindo e gañando aceptación.[26]

A cadea de bloques ofrece a posibilidade de que un sistema descentralizado que funcione cunha mínima intervención humana poida eliminar as discusións sobre quen debería administrar un hipotético banco central global. Bitcoin é ata agora a candidata máis clara para ocupar este lugar.[27][28]

NotasEditar

  1. Woodcock, R. (2009). Páxinas 104-105.
  2. Osborne, T. J. (2012). Páxina 31.
  3. Kemmerer, E. W. (1994). Páxina 154.
  4. Friedman, M. (1963). Páxina 543.
  5. Drummond, I. M. (1988).
  6. Nicholson, J. S.. "The Abandonment of the Gold Standard". The Quarterly Review. Vol 223. Páxinas 409-423. Abril de 1915.
  7. Schenk, C. "The Retirement of Sterling as a Reserve Currency after 1945: Lessons for the US Dollar ?". Canadian Network for Economic History conference,10/2009.
  8. Gilpin, Robert. Global Political Economy: Understanding the International Economic Order. Princeton University Press. 2001. ISBN 978-0691086774
  9. "CHRONOLOGY-Milestones in the yen's history". Reuters. 13 de maio de 2008.
  10. Alves, F. "Dólar perderá a função de moeda global". En Estadão. Economia e Negócios. 3 de decembro de 2001.
  11. Ewe-Ghee Lim. "The Euro’s Challenge to the Dollar: Different Views from Economists and Evidence from COFER (Currency Composition of Foreign Exchange Reserves) and Other Data". International Monetary Found Working Paper. 2006.
  12. Atkins, R. "Euro notes cash in to overtake dollar". Financial Times. 27 de decembro de 2006.
  13. Frankel, J. "The rise of the renminbi as international currency: Historical precedents". VOX. 10 de outubro de 2011.
  14. "Medvedev Shows Off Sample Coin of New ‘World Currency’ at G-8". Voltairenet.org. 11 de xullo de 2009.
  15. "Russian Proposals to the London Summit (April 2009)". Na web da Presidencia de Rusia. 16 de marzo de 2009.
  16. Iosebashvili, I. "At G20, Kremlin to Pitch New Currency". The Moscow Times. 17 de marzo de 2009.
  17. Bristow, M. "China presses G20 reform plans". BBC News. 24 de marzo de 2009.
  18. "Obama rejects China's call for new global currency". UNIAN. 25 de marzo de 2009,
  19. "Chavez to seek Arab backing for 'petro-currency'". En USA Today. 31 de marzo de 2009.
  20. Griffin, A. C. "Chávez lanzará el "petro" como moneda mundial". CadenaGlobal.com. 31 de marzo de 2009.
  21. "Chávez propone en Qatar la petro moneda". El Nacional. 31 de marzo de 2009.
  22. There’s A New ‘Dey’ Coming!”. En Sound The Midnight Cry. 20 de outubro de 2008.
  23. McConnachie, A. "How Keynes’ Bancor International Trade Currency Would Work". En Prosperity. Maio de 2003.
  24. "Related Currency-Oriented Organizations". Single Global Currency Association.
  25. Wallenwein, A. "A Single Global Currency? Sure, Why not. But, Only if it's Gold and Silver Bullion!". En Gold Eagle. 8 de xullo de 2005.
  26. Zhong, D. "World currency, a different proposal". Quora. 28 de xaneiro de 2016.
  27. Bershidsky, L. "How About a Global Currency?". Bloomberg. 1 de xullo de 2015.
  28. "Bitcoin é a nova moeda global?". En Money Times. 30 de outubro de 2017.

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar