Dólar de comercio

moeda para o comercio internacional con Oriente
Dólar de comercio estadounidense de 1884.

En numismática coñécese como dólar de comercio a moeda de prata emitida por diversos estados, na segunda metade do século XIX e na primeira do XX, para facilitar o comercio coa China e con todo o Oriente. Os dólares de comercio tomaban como referencia o real de oito español, que funcionaba como padrón de facto dunha moeda global para o comercio co extremo Oriente.[1][2][3]

Contexto histórico-numismáticoEditar

 
"Dólar do dragón" chinés. 1904.

A aparición dos dólares de comercio debeuse á popularidade adquirida en todo o extremo Oriente pola moeda española de prata de oito reais, coñecida internacionalmente como spanish dollar. Logo do establecemento español nas illas Filipinas, a zona amurallada de Manila, coñecida como Intramuros, convertérase dun centro de importación e exportación de produtos chineses, nunha dirección, e de prata procedente do México español, que chegaba cruzando o Pacífico, na outra. A través daquela ruta comercial, coñecida como "Galeóns de Manila", entrou no leste asiático unha gran cantidade de reais de oito españois a partir do século XVI.[4][5][6]

A ampla aceptación desta moeda levou á creación do yuan chinés de prata, inspirado no real de oito do Imperio Español. Esta nova moeda, coñecida como "dólar do dragón", non só circulou na China senón que, a carón da orixinal hispana, se converteu na moeda de comercio preferida na China e nos seus territorios veciños.[6][7]

Derrotada na primeira Guerra do Opio (1839-1842), que se iniciou cando as autoridades chinesas trataron de evitar que Gran Bretaña introducise opio no país, China viuse obrigada a abrir varios dos seus portos ao comercio exterior. Neste contexto, na segunda metade do século XIX, as nacións occidentais que comerciaban con ela e que tiñan intereses comerciais na rexión viron como opción máis barata e máis conveniente a cuñaxe das súas propias moedas de prata en lugar de seguir utilizando as de orixe hispana.[8][9]

Nacera, daquela, o dólar de comercio, unha moeda de prata de 900 milésimas fixada en 26,9 gramos (7 MACE AND 2 CANDAREENS, na denominación en inglés das unidades locais, tal e como se amosa nos anversos).[6][7]

EmisiónsEditar

FranciaEditar

 
Piastra de comercio da Indochina francesa. 1885.

Para controlar a oferta de diñeiro e aumentar a estabilidade monetaria nos territorios da Indochina francesa, Francia introduciu en 1885 a súa propia moeda comercial de prata, non co nome de dólar, senón co de "piastra de comercio", que naceu coas mesmas especificacións que tiña o peso mexicano, herdeiro directo do real de oito español.[10]

Nos seus anversos reproduce unha imaxe de Marianne sedente con fasces, a lenda REPUBLIQUE FRANÇAISE e a data no exergo. As lendas do reverso son INDO-CHINE FRANÇAISE. TITRE 0,900. POIDS 27,215 GR. PIASTRE DE COMMERCE.[11][12]

Ese padrón inicial, utilizado entre 1885 e 1895, correspondíase cos 24,4935 gramos de prata pura por cada piastra (27,215 de prata de 900 milésimas).[11] Porén, en 1895 reduciuse a 24,3 gramos de prata pura (27 gramos brutos), feito que se reflicte na lenda do reverso (...TITRE 0,900. POIDS 27 GR...). Finalmente, a piastra de comercio francesa foi desmonetizada en 1928.[12]

XapónEditar

 
Dólar de comercio xaponés. 1875.

Xapón bautizou como "dólar de comercio" (coa denominación en inglés: TRADE DOLLAR) a súa moeda comercial, que emitiu entre 1875 e 1877. Tratábase dunha moeda de prata de 900 milésimas e cun peso de 27,22 gramos, en tanto que a moeda dun ien que circulaba no país naquel momento pesaba 26,96 gramos, cun deseño case idéntico ao do dólar de comercio.[13][14]

Nos seus anversos amósase a imaxe dun dragón no centro, rodeada polas lendas 年 九 治 明 本 日 大 ("Grande Xapón" e a data da era Meiji), arriba, e 420 GRAINS. TRADE DOLLAR. 900 FINE, abaixo. No reverso reprodúcese unha flor de crisantemo (escudo e selo real do emperador), dúas pólas de paulownia e, no centro, a lenda 貿 易 銀 ("prata de comercio").[13]

Deste dólar de comercio xaponés cuñáronse 2.736.000 moedas, a gran maioría entre 1876 e 1877.[15][13]

Cando Xapón se adheriu ao padrón ouro en 1897, as moedas de prata dun ien foron demonetizadas, medida que incluíu tamén os dólares de comercio. Á maioría destes dólares estampóuselle o carácter gin ("prata", en xaponés), para pólos en circulación nos territorios de Taiwan, Korea e Lüshunkou, que estaban baixo ocupación xaponesa. A casa de moeda de Osaka colocou esa marca no lado esquerdo dos reversos, en tanto que a de Toquio o fixo nos anversos.[13][14][16]

Reino UnidoEditar

 
Dólar de comercio británico do reinado de Vitoria. 1900. Ceca de Bombai.

Coa extensión dos intereses comerciais británicos no Oriente, particularmente despois da fundación de Singapur, en 1819, e de Hong Kong, en 1842, fíxose necesaria a emisión dunha nova moeda especial, un dólar de comercio, que eliminase a sobredependencia que tiñan as colonias británicas das moedas estranxeiras daquela en circulación.[17]

A nación derrotada nas Guerras do Opio, China, viuse obrigada coa sinatura do Tratado de Nanking non só a abrir os seus portos ao comercio británico senón tamén a ceder Hong Kong a Gran Bretaña. Nas décadas seguintes, foron moitos os comerciantes e aventureiros que se instalasen nesas zonas e o comercio internacional floreceu. Establecéronse bancos estranxeiros e comezaron a chegar as moedas de prata de todo o mundo para pagar o , a seda e a porcelana chinesa que se enviarían ao estranxeiro.[8][9]

 
Dólar de comercio de 1867 para o seu uso en Hong Kong.

Nun primeiro momento, en 1863, a Royal Mint de Londres foi autorizada para emitir unha serie de moedas especiais para o seu uso en Hong Kong dentro do sistema do dólar. En 1866 estableceuse unha ceca local na illa de Hong Kong co propósito de cuñar pezas dun dólar e de 50 centavos co mesmo valor e peso que os pesos mexicanos que, entre outras moedas, circulaban na illa. Porén, estes novos dólares non foron ben recibidos polos chineses, polo que a súa produción cesou e a ceca de Hong Kong acabou por pechar en 1868.[17]

Xa en 1895, do mesmo xeito que noutros países, o Reino Unido acordou emitir os seus propios dólares de comercio (trade dollars), en prata de 900 milésimas, para o seu uso en todo o extremo Oriente, e que axiña se distribuíron por toda a China, onde gozaron dunha boa aceptación. Estas moedas presentan nos anversos unha imaxe de Britannia na beira do mar, que sostén cunha man un tridente e o escudo británico na outra, cun barco mercante a toda vela no fondo. Os reversos teñen un deseño arabesco co símbolo chinés da lonxevidade e a denominación "dólar de comercio" en dous idiomas: chinés e malaio con alfabeto árabe adaptado. O deseño débeselle ao medallista George William de Saulles.[18]

 
Dólar de comercio de 1903 para circular nas Colonias do Estreito.

Estes dólares de comercio comezaron a cuñarse en 1895 para o seu uso en Hong Kong e nos territorios británicos do sueste asiático coñecidos como Colonias do Estreito. Porén, en 1903 creouse un novo dólar de comercio para estas colonias, polo que o primeiro se seguiu producindo exclusivamente para Hong Kong, ata 1935.[19]

As marcas de ceca B e C remiten, respectivamente cecas de Bombai e Calcuta, en tanto que a ausencia de marca indica que a moeda procede da ceca de Londres.[18]

O dólar de comercio británico foi desmonetizado o 1 de agosto de 1937.[18]

Estados UnidosEditar

 
Primeiro dólar de comercio dos Estados Unidos. 1873.[20]

O Congreso dos Estados Unidos autorizou, mediante a Mint Act de 1873, a creación dun dólar de comercio para mellorar comercio co Oriente, e con China en particular. Con anterioridade, os estadounidenses adoitaban utilizar o peso mexicano no comercio internacional con esa rexión.[21][22][23][24]

O dólar de comercio dos Estados Unidos foi cuñado entre 1873 e 1885 nos establecementos da ceca dos EEUU en Filadelfia, Carson City e San Francisco (maioritariamente neste último, por estar máis próximo á fonte da prata e ao seu destino en Asia).[24] Como os demais, é tamén de prata de 900 milésimas, e pesa 27,22 gramos, é dicir, 0,52 gramos máis que o dólar circulante naqueles momentos nos EEUU.[21][22]

O responsable do seu deseño e da súa cuñaxe foi William Barber, o gravador xefe da ceca estadounidense. Nos seus anversos presenta a alegoría feminina da Liberdade sedente e ollando o mar, sostendo na man unhas pólas de oliveira e rodeada de 13 estrelas. Na composición introdúcese a palabra LIBERTY nunha cinta e IN GOD WE TRUST na base da peaña. No centro dos reversos amósase unha aguia coas ás abertas que sostén coas súas poutas unhas pólas con bagas e unhas setas; as lendas son UNITED STATES OF AMERICA E PLURIBUS UNUM 420 GRAINS 900 FINE e, no exergo, TRADE DOLLAR.[21][24][25]

É moi frecuente que estes dólares de comercio amosen marcas gravadas feitas polos comerciantes chineses para verificaren a súa autenticidade e o seu valor e peso correctos.[24]

NotasEditar

  1. "Del 'Spanish dollar' al dólar estadounidense". Iberdrola.
  2. Davies, Roy. "The Word "Dollar" and the Dollar Sign $". University of Exeter.
  3. Céspedes del Castillo, G. (2005).
  4. Mejia, J. (2019). The Economics of the Manila Galleon.
  5. Cervera, J. A. (2017). Páxinas. 191-201.
  6. 6,0 6,1 6,2 Wright, R. N. J. (1978).
  7. 7,0 7,1 "7 Mace 2 Candareens - Guangxu". En Numista.
  8. 8,0 8,1 Haythornthwaite, P. J. (2000). Páxina 239.
  9. 9,0 9,1 "Treaty of Nanking" (texto completo en inglés).
  10. "A French Trade Dollar". En American Journal of Numismatics. American Numismatic and Archaeological Society. Vol. 20. Nº. 4. Abril de 1886. Páxina 87.
  11. 11,0 11,1 "1 piastre. 1885-1895". En Numista.
  12. 12,0 12,1 "1 piastre. 1895-1928". En Numista.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 "1 Trade Dollar - Meiji". En Numista.
  14. 14,0 14,1 "Japanese Trade Dollar". Neil S Berman Inc.
  15. Krause, C. L.; Mishler, C. (1995). Páxina 1374.
  16. Krause, C. L.; Mishler, C. (1995). Páxina 1370.
  17. 17,0 17,1 "Hong Kong Currency". Hong Kong Museum of History.
  18. 18,0 18,1 18,2 "British Trade Dollar". En Numista.
  19. "1 Dollar - Edward VII". En Numista.
  20. "The Trade Dollar". En American Journal of Numismatics. American Numismatic and Archaeological Society. Vol. 8. Nº 2. Outubro de 1873. Páxina 32.
  21. 21,0 21,1 21,2 "Trade Dollar (1873-1878)". En Figueroa de la Vega, F. A. (2005). Páxinas 72-74.
  22. 22,0 22,1 Garnett, P. (1917).
  23. Waltersdorf, M. C. (1933).
  24. 24,0 24,1 24,2 24,3 "Trade Dollar. 1873-1885 Trade Dollars". En My Coin Guides.
  25. "1 Dollar 'Trade Dollar' ". En Numista.

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar