O bancor foi unha proposta de unidade monetaria internacional ideada polo economista John Maynard Keynes nas negociacións que chegaron ao establecemento dos Acordos de Bretton Woods, na súa condición de líder da delegación británica. O nome estaba inspirado no francés banque or ("banco ouro"). Porén, o bancor non chegou a ser instrumentado como moeda global, xa que se empregou no canto del o dólar estadounidense.[1][2][3]

John Maynard Keynes, impulsor do bancor

Caracterización editar

Inicialmente, o valor do bancor sería establecido en relación a 30 mercadorías básicas (tamén coñecidas como commodities), unha das cales sería o ouro. O propósito da proposta era estabilizar o prezo medio destas mercadorías co do valor do medio internacional de intercambios e acumulación de riqueza (ou moeda de reserva).[4]

Adicionalmente, Keynes propuña impor impostos aos excedentes da balanza de pagamentos das nacións, co fin de promover o consumo a nivel local e o comercio internacional.[5]

Fracaso do bancor a favor do dólar editar

Inicialmente, os EEUU fixeron unha proposta similar, que incluía unha moeda chamada "unitas". O entón presidente Franklin D. Roosevelt deulle instrucións ao Secretario do Tesouro dese país para a introdución dunha unidade monetaria internacional. A raíz desta proposta formulouse o coñecido como "plan da unitas".[6]

Con todo, finalmente optouse por executar un novo plan: o dólar estadounidense sería adoptado como moeda xeral de intercambio e aforro, e o seu valor fixaríase permanentemente en relación ao ouro (á taxa de 35 dólares por onza de ouro). Por outra banda, o valor do resto das moedas nacionais sería establecido en relación ao dólar.

Ese sistema persistiu ata o colapso dos acordos en 1971, cando os EEUU, baixo a presidencia de Nixon, abandonaron a obriga de cambiar dólares por ouro a esa taxa, o que conduciu directamente á crise do petróleo de 1973.[7]

Proxectos similares editar

Con base nesa experiencia xurdiron algunhas tentativas de levar á práctica sistemas de índole semellante, xeralmente para a súa aplicación en países agrupados en bloques rexionais.

Talvez a máis salientable entre esas tentativas sexa a implantada pola Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN). Nese modelo, as mercadorías susceptibles de seren usadas como base do valor da unidade xeral de intercambio están constituídas por un número limitado das moedas nacionais dos países integrantes. Esa listaxe ou "cesta" de moedas é revisada anualmente e modifícase ou non co acordo xeral. Os países mesmos poden propor ou retirar as súas moedas desa cesta.

Suxeriuse tamén que a proposta do bancor foi un dos elementos centrais que determinaron a forma en que finalmente se concretou o euro.[8]

O presidente de Venezuela Hugo Chávez, pola súa banda, propuxo o petro, unha moeda supranacional que se sustentaría nas grandes reservas de petróleo dos países produtores do cru como moeda de reserva internacional para substituír o dólar e facer fronte aos problemas de inestabilidade económica causados pola xeración de diñeiro fiduciario.[9][10]

Tamén un grupo de economistas das Nacións Unidas propuxo, o 18 de marzo de 2009, a creación dunha nova divisa global para substituír o sistema volátil baseado no dólar, así como para dar pasos coordinados para estimular a economía.[11]

Nun discurso (20 de marzo de 2009) titulado “A reforma do sistema monetario internacional”, Zhou Xiaochuan, o gobernador do banco central da República Popular da China cualificou como visionaria a proposta de Keynes, e propuxo que o FMI adoptase a súa suxestión de dereitos especiais de xiro como unha reserva monetaria internacional en resposta á crise financeira de 2008.[12][13] O argumento é que unha moeda nacional non é adecuada para ser moeda internacional de intercambio e aforro debido ao coñecido como “dilema de Triffin”, que alude ao conflito de intereses económicos que xorde entre os obxectivos nacionais e os internacionais para os países cuxas moedas serven como moeda de reserva mundial.[14][15] Consonte informacións posteriores, esa proposta contou co apoio de países como Rusia, a India e o Brasil, mais coa oposición dos Estados Unidos.[16]

Un informe do FMI do 4 de novembro de 2010, baixo a presidencia de Dominique Strauss-Kahn, deu conta de como se podería abandonar o dólar como divisa internacional, para crear unha divisa ao estilo do bancor.[17][18]

En calquera caso, estímase que na medida en que a importancia tanto política como económica da China aumente, aumentará a presión pola introdución do bancor.[19]

Notas editar

  1. Steil, Benn. (2013). Páxina 143.
  2. Orduna Díez, L. "Las ideas de Keynes para un orden económico mundial". En Revista de Economía Mundial. Nº 16. 2007. Páx. 195-223. ISSN 1576-0162
  3. Martín Millán, L. "“Bancor”: La Moneda Global del Fondo Monetario Internacional Arquivado 04 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.". En Geopolitico.es. 30 de agosto de 2010.
  4. Kennon, Joshua. "What Are Commodities and How Do You Trade Them?". En The Balance. Xuño de 2018.
  5. McConnachie, Alistair. "How Keynes’ Bancor International Trade Currency Would Work Arquivado 22 de decembro de 2018 en Wayback Machine.". En Prosperity. Freedom From Debt Slavery. Maio de 2003.
  6. "Planes económicos para la paz Arquivado 04 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.". En artehistoria.com
  7. Morris, Charles R. (2009). Páxina 11.
  8. Handler, Heinz. "From the Bancor to the Euro. And Further on to the Intor?". En WIFO Working Papers. 317. 2008.
  9. "Chávez lanzará el "petro" como moneda mundial". En CadenaGlobal.com. 31 de marzo de 2009.
  10. Laserna, Juan Mario. "Analistas rechazan propuesta de Chávez de crear moneda única". En Portafolio. 13 de setembro de 2011.
  11. "UN panel touts new global currency reserve system". En Breitbart.com. 26 de marzo de 2008.
  12. Anderlini, Jamil. "China calls for new reserve currency". En Financial Times. 24 de marzo de 2009.
  13. Maynor, James. "Dr. Xiaochuan or: How I Learned to Stop Worrying and Love the Super-Sovereign Reserve Currency". En Business, Law, Innovation & Technology.
  14. Bordo, M.; McCauley, R. "Triffin: dilemma or myth?". Bank of International Settlements. 19 de decembro de 2017.
  15. Radcliffe, B. "How The Triffin Dilemma Affects Currencies". En Investopedia. 26 de outubro de 2011.
  16. Wroughton, L.; Lawder, D. "UPDATE 3-Obama dismisses idea of single global currency". Reuters. 25 de marzo de 2009.
  17. Arancón, Fernando. "El Bancor o el Bretton Woods que nunca existió". En EOM. El Orden Mundial en el Siglo XXI. 12 de xullo de 2016.
  18. "L’affaire DSK, la crise et le bancor". En Le Grand Soir. 26 de agosto de 2011.
  19. Pickering, Andrew. "The return of the bancor? Chinese ascendancy and the global monetary system". En E-International Relations. 12 de abril de 2009.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Drummond, I. M. The Gold Standard and the International Monetary System, 1900-1939 (Studies in Economic and Social History). Macmillan Pub Ltd. 1988. ISBN 978-0333372081
  • Morris, Charles R. The Trillion Dollar Meltdown: Easy Money, High Rollers, and the Great Credit Crash. Ed. PublicAffairs. 2009. Páxina 11. ISBN 9781586486914
  • Steil, Benn. The Battle of Bretton Woods: John Maynard Keynes, Harry Dexter White, and the Making of a New World Order. Princeton. Princeton University Press. 2013. Páxina 143.
  • Woodcock, R. Globalization from Genesis to Geneva: A Confluence of Humanity. Trafford Publishing. 2009. ISBN 978-1-4251-8853-5.

Ligazóns externas editar