John Maynard Keynes

economista británico

John Maynard Keynes, primeiro barón Keynes, nado en Cambridge o 5 de xuño de 1883 e finado en Firle o 21 de abril de 1946, foi un economista e profesor inglés, que se constituíu como unha das figuras esenciais no pensamento e na política económica do século XX, especialmente a partir da Gran Depresión dos anos trinta. Propugnaba o intervencionismo do estado na economía mediante medidas fiscais e monetarias que mitigaran o efecto tanto das etapas de recesión coma das etapas de crecemento descontrolado (booms). Para moitos Keynes é o fundador da macroeconomía moderna e o economista máis influente do século XX.[1][2][3][4]

John Maynard Keynes
Keynes 1933.jpg
John Maynard Keynes en 1933.
Europa Occidental
Nacemento5 de xuño de 1883
Cambridge
Morte21 de abril de 1946
Firle
FilosofíaCapitalismo
Intereses principaisEconomía, Política, Probabilidade
Ideas salientablesMacroeconomía, Keynesianismo
InfluenciasAdam Smith,
David Ricardo,
John Stuart Mill,
Thomas Malthus,
Karl Marx,
Alfred Marshall,
Knut Wicksell,
Arthur C. Pigou,
Dennis Robertson
Influente enT. K. Whitaker,
Michał Kalecki,
Simon Kuznets,
Paul Samuelson,
John Hicks,
G. L. S. Shackle,
Silvio Gesell,
William Vickrey,
John Kenneth Galbraith,
Karl Schiller,
Joseph Stiglitz,
Paul Krugman

TraxectoriaEditar

John Maynard Keynes naceu nunha familia de universitarios pertencente á burguesía victoriana.[5] Seu pai, John Neville Keynes, foi profesor de Cambridge, coñecido como autor de The Scope and Method of Political Economy (1891), un dos mellores tratados de metodoloxía económica, e de Florencia Ada Brown, unha escritora exitosa e reformista social, pertencentes á burguesía victoriana. A súa nai tamén fará política e seria elixida alcaldesa de Cambridge en 1932. John tivo un irmán, Sir Geoffrey Keynes (1887-1982) cirurxián e bibliófilo, e unha irmá, Margaret.

Primeiros anosEditar

 
O Eton college cara a 1750 ao bordo da Támese

Aos sete anos, John Maynard Keynes entra na escola primaria de St. Faith's (Preparatory School) onde fai unha proba de talento en matemáticas.[6] Un ano máis tarde, ingresa no Eton college. Foi un alumno brillante e obtivo numerosos premios (dez o primeiro ano, dezaoito o segundo e once o terceiro). Móstrase particularmente dotado para as matemáticas onde obtén todos os primeiros premios. En 1903, Lytton Strachey e Leonard Woolf introdúceno na sociedade dos Cambridge Apostles; un club dedicado a "Perseguir a verdade sen reservas e con absoluta devoción por un grupo de amigos íntimos". Aquí atópase con Henry Sidgwick, Bertrand Russell, Lowes Dickinson e George Edward Moore, cuxo libro Principia Ethica exercerá sobre Keynes unha influencia fundamental.

Keynes recibiu unha privilexiada educación na Universidade de Cambridge, na que entrou para estudar matemáticas, pero as súas inquedanzas acabarían dirixíndoo cara á titulación de Económicas. Tras unhas oposicións nas que remataría segundo, obtivo un posto na Oficina da India, e posteriormente obtería unha cátedra en Económicas en Cambridge que foi creada por Alfred Marshall. Dende ela comezaría a construír a súa reputación como economista.

Antes da primeira guerra mundial comezou a colaborar co Tesouro Británico, e tralo remate sería o seu representante na Conferencia de Versalles de 1919, na cal se aprobarían cuantiosas indemnizacións que tería que pagar o bando perdedor, especialmente Alemaña. Keynes oporíase frontalmente a estas indemnizacións nas súas obras "As Consecuencias Económicas da Paz" e "Unha Revisión do Tratado". Son obras que teñen un gran valor, xa que as súas previsións sobre a espiral inflacionista e o incremento dos problemas sociais en Alemaña cumpríronse ó pe da letra, levando a este país a unha crise que desembocaría na chegada ó poder de Adolf Hitler en 1933.

Nos anos 20 publicou obras como o Tratado sobre a Probabilidade ou o Tratado sobre o diñeiro, pero sería xa nos anos trinta (1936), en plena Gran Depresión, cando desafíe o paradigma económico existente ata entón coa publicación da súa obra fundamental: a The General Theory of Employment, Interest and Money (en galego Teoría xeral da ocupación, o xuro e o diñeiro).

Nesta obra, e tomando como base a demanda agregada, Keynes tenta explicar as variacións do nivel medio de actividade económica desta convulsa época. Partindo de que a renda dun país vai vir dada polo consumo e o investimento, Keynes defende que a única saída a unha recesión, na cal os factores produtivos están infrautilizados (desemprego, exceso de capacidade produtiva) debe ser incrementar primeiro os niveis de consumo e de investimento. E é por iso polo que afirma que o estado debería intervir mediante gasto público como un impulsor da recuperación económica. Moitos estados, baseándose nas teorías keynesianas, comezan a elaborar ambiciosos programas de obras públicas, e os orzamentos públicos experimentan nesta época importantes incrementos.

Cabe destacar de xeito moi especial a enorme influencia que tivo a obra de Keynes no New Deal, conxunto de políticas levadas a cabo polo presidente dos Estados Unidos Franklin Roosevelt que se cre que foron fundamentais para saír da Gran Depresión (aínda que hai opinións encontradas sobre isto).

Publicou Como pagar a guerra en 1940, tralo comezo da segunda guerra mundial, obra na que se amosaba favorable a unha suba dos impostos e contrario a un incremento do déficite.

Tralo conflito, participou de xeito activo na Conferencia Breton-Woods de 1944, presentando o denominado Plano Keynes, que propuña a creación dun sistema monetario internacional regulamentado por un organismo que coordinase a actividade dos bancos centrais, unha verdadeira Banca Central Mundial que emitise unha moeda internacional, o "bancor". Esta proposición foi rexeitada porque significaría para os Estados Unidos, unha perda da súa influencia co dólar. A meirande parte das restantes propostas, porén dun ou doutro xeito, remataron por concretarse, aínda que nalgúns casos atenuadas polas propostas menos radicais de Harry Dexter White.[7]

Keynes, que tiña problemas cardíacos, finou tras sufrir un infarto. Catro anos antes recibira o título nobiliario de Barón da localidade de Firle, onde faleceu.

Influencia e críticaEditar

A súa influencia é tal que é considerado o economista máis importante do século XX, e o keynesianismo é unha parte esencial no estudo da macroeconomía. O seu principal crítico e outro importante economista, Milton Friedman, que afirma que as súas teorías víronse superadas polos problemas económicos dos anos setenta, nos que a combinación de inflación e o desemprego (estanflación) puxo en cuestión moitas das afirmacións de Keynes.

ObrasEditar

As principais obras de Keynes son:

NotasEditar

  1. Daniel Yergin and Joseph Stanislaw. "book extract from The Commanding Heights" (PDF). Public Broadcasting Service. Consultado o 13 de novembro de 2008. 
  2. "How to kick-start a faltering economy the Keynes way". BBC. 22 de outubro de 2008. Consultado o 13 de novembro de 2008. 
  3. Cohn, Steven Mark (2006). Reintroducing Macroeconomics: A Critical Approach. M.E. Sharpe. p. 111. ISBN 0-7656-1450-2. 
  4. Davis, William L, Bob Figgins, David Hedengren, and Daniel B. Klein. "Economic Professors' Favorite Economic Thinkers, Journals, and Blogs," Econ Journal Watch 8(2): 126–146, maio de 2011.[1]
  5. John Maynard Keynes naceu o mesmo ano que Joseph Schumpeter nunha contorna burguesa victoriana caracterizada polo sentido das cousas, o gusto pola beleza, a intelectualidade e a elevación moral AcGrenoble Arquivado 11 de xuño de 2009 en Wayback Machine.
  6. Mooridge Maynard Keynes. An Economist's Biography, páx. 25-29
  7. Martín Millán, L. "“Bancor”: La Moneda Global del Fondo Monetario Internacional". En Geopolitico.es. 30 de agosto de 2010.

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar