Liga Árabe

organización de estados árabes

A Liga Árabe (en árabe:الجامعة العربية al-Jāmiʻa al-ʻArabiya), oficialmente chamada Liga de Estados Árabes (جامعة الدول العربية Jāmiʻat ad-Duwal al-ʻArabiya), é unha organización política internacional de estados árabes da África do Norte, o Corno de África e Asia Occidental.

Modelo:Xeografía políticaLiga Árabe
الجامعة العربية‎ (ar) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

Localización
Mapa
 30°02′N 31°14′L / 30.04, 31.23
Poboación
Lingua oficialLingua árabe Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Comparte fronteira con
Turquía (1945–)
Irán (1945–)
Chad (1953–)
Níxer (1953–)
Etiopía (1956–)
República Centroafricana (1956–)
España (1958–)
Malí (1962–)
Senegal (1973–)
Kenya (1974–)
Eritrea (1991–)
Sudán do Sur (2011–) Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
FundadorExipto, Iraq, Xordania, Líbano, Arabia Saudita, Siria e Iemen Editar o valor en Wikidata
Creación22 de marzo de 1945 Editar o valor en Wikidata
Organización política
Órgano lexislativoParlamento Árabe (pt) Traducir , Editar o valor en Wikidata
MoedaDinar alxeriano Editar o valor en Wikidata

Páxina webleagueofarabstates.net Editar o valor en Wikidata
Facebook: arab.league Twitter: arableague_gs LinkedIn: league-of-arab-states Youtube: UC4gm2iwV-pLMEj8Mi4uwP3g Flickr: 112725642@N04 BNE: XX125031 Editar o valor en Wikidata

Foi fundada no Cairo o 22 de marzo de 1945 por seis estados, Exipto, Iraq, Transxordania (renomeada posteriormente como Xordania), Líbano, Arabia Saudita e Siria.[1] O Iemen uniríase o día 5 de maio de 1945. Na actualidade ten 22 membros (incluíndo Siria, aínda que a súa participación quedou en suspenso en novembro de 2011 como consecuencia da represión do goberno durante a insurrección en curso e a guerra civil.[2]) e catro observadores.

O seu obxectivo principal é:

Servir ao ben común de tódolos países árabes, asegurar mellores condicións para tódolos países árabes, garantir o futuro de tódolos países árabes e cumprir os desexos e expectativas de tódolos países árabes.[3]

A través de institucións como a Organización da Liga Árabe para a Educación, a Cultura e a Ciencia (ALESCO do inglés Arab League Educational, Cultural and Scientific Organization) e o Consello Económico e Social do Consello da Unidade Económica Árabe (CUEA do inglés Council of Arab Economic Unity), a Liga Árabe facilita programas políticos, económicos, culturais, científicos e sociais destinados a promover os intereses dos países árabes.[4][5] A organización serviu aos Estados membros como un foro para coordinar as súas posicións políticas, para deliberar sobre asuntos de interese común, para resolver algúns conflitos árabes e para limitar outras, como a crise do Líbano de 1958. A Liga serviu como plataforma para a elaboración de documentos históricos promovendo a integración económica. Un exemplo é a Carta Árabe de Acción Económica Conxunta, que establece os principios para as actividades económicas na rexión.

Cada estado membro ten un voto no Consello da Liga, mentres que as decisións só obrigan a aqueles estados que votaron a favor. Os obxectivos da Liga en 1945 eran reforzar e coordinar os programas políticos, culturais, económicos e sociais dos seus membros, e mediar nas disputas entre eles ou con terceiras partes. Ademais, a sinatura dun acordo sobre cooperación mutua en defensa e economía o 13 de abril de 1950, comprometeu aos asinantes a tomar medidas de coordinación en defensa militar. En marzo de 2015, o Secretario Xeral da Liga Árabe anunciou o establecemento dunha Forza Militar Conxunta co obxectivo de contrarrestar o extremismo e outras ameazas nos estados árabes. A decisión tomouse mentres a Operación Tormenta Decisiva estaba intensificándose no Iemen. A participación no proxecto é voluntaria e o exército intervén só a petición dun dos estados membros. A crecente militarización da rexión e o incremento dos movementos terroristas son as razóns detrás das cales está a creación desta forza militar conxunta, ou JAF (do nome en inglés: Joint Arab Force), financiada polos países ricos do Golfo Pérsico[6].

Nos primeiros anos da década dos setenta do século xx, o Consello Económico da Liga dos Estados Árabes suxeriu a creación de Cámaras de Comercio conxuntas árabes e europeas. Isto levou, baixo o decreto K1175/D52/G da Liga de Estados Árabes, á decisión dos gobernos árabes de establecer a Cámara de Comercio Anglo Árabe co mandato de "promover, impulsar e facilitar o comercio bilateral" entre o mundo árabe e o seu maior socio comercial, o Reino Unido.

A Liga Árabe xogou un rol similar no deseño de currículos escolares, no avance do papel da muller nas sociedades árabes, promovendo a saúde infantil, fomentando programas para a mocidade e deportivos, preservando o legado cultural árabe e impulsando intercambios entre os estados membros[Cómpre referencia]. Establecéronse campañas de alfabetización, producíronse obras intelectuais e a moderna terminoloxía técnica trasladouse aos estados membros. A Liga fomenta medidas contra o crime e o abuso das drogas, e implícase en temas laborais, especialmente entre os traballadores árabes emigrantes[Cómpre referencia].

Historia

editar
 
Evolución dos membros da Liga Árabe

O espírito que levou á creación da Liga árabe empezouse a perfilar durante o século xix co xurdimento de varios movementos nacionalistas árabes co desexo expreso de poñer fin á dominación turca, estes movementos tomaron a antiga herdanza común como base da súa vontade de constituír unha comunidade árabe libre do control estranxeiro.

Coa derrota de Turquía na primeira guerra mundial estes anhelos de independencia e unión afloraron de xeito vigoroso, pero as diverxencias entre os diferentes caudillos árabes e os fortes intereses das potencias europeas impediron a realización destas aspiracións. Os tratados de paz da primeira guerra mundial dividiron os pobos árabes en diferentes estados establecidos polo tratado de Sèvres.

O Cairo, durante a segunda guerra mundial, foi o centro da toma de decisións tanto económicas como militares dos británicos para todo Oriente Próximo. Esta posición estratéxica clave permitiu ao goberno exipcio entrar en conversacións con outros países árabes para consolidar unha unión máis estreita entre todos eles. Nese momento, a situación en todos os Estados Árabes era moi diferente; mentres que nos gobernos de Iraq e Siria había unha clara vontade de fomentar os vínculos entre os países árabes, no Líbano (cunha importante poboación cristiá) non se vía con tan bos ollos. No Iemen, Arabia Saudita e Exipto o sentimento de unidade árabe xa estaba máis estendido, aínda que sempre mantendo por diante os intereses nacionais.

En 1944 o goberno exipcio, que buscaba unha federación entre os países árabes, puxo en marcha un grupo de estudo encargado da elaboración dun proxecto. Coa axuda de Gran Bretaña, o 25 de setembro de 1944 constituese a Conferencia de Alexandría coa redacción do Protocolo de Alexandría que serviría como base da futura asociación.

O que estaba fóra de toda dúbida era o feito de que a guerra contribuíra notablemente a consolidar o sentimento de unidade entre todos os árabes. Este estreitamento de lazos desembocou nun primeiro intento de creación dunha Liga de Estados Árabes, favorecido ademais, polo impulso británico, que se aseguraba así a influencia na zona.

O primeiro borrador, desenvolvido polo primeiro ministro de Iraq e por Gran Bretaña, estabelecía cinco puntos polos que se habería de rexer a unión:

  1. Formación dunha Gran Siria, que estaría formada por Siria, Palestina, Transxordania e Líbano.
  2. Creación da Liga Árabe, formada pola unión de Iraq e da Gran Siria.
  3. A Liga tería un consello permanente encargado de coordinar as cuestións relativas á administración e goberno, os asuntos exteriores, a defensa, as cuestións económicas e a protección das minorías.
  4. Concederíase unha pequena autonomía aos xudeus de Palestina.
  5. Os maronitas de Líbano terían un réxime privilexiado.

Tamén se estabelecía que esta unión estaría dirixida pola familia haxemita. Con todo, este primeiro proxecto contou cunha importante oposición; claramente en contra manifestáronse a comunidade xudía, gran parte da opinión pública libanesa, unha parte dos sirios que defendían a súa propia nacionalidade á marxe do resto de pobos árabes, Exipto (que aspiraba a unha unidade baixo a súa hexemonía) e o rei de Hexaz, que non vía con bos ollos que se forxase na súa fronteira norte unha unión tan forte dominada pola familia haxemita. Esta forte oposición abocou o proxecto ao seu fracaso. Ante o pouco éxito dos haxemitas no proceso de unidade, o presidente exipcio Nabas, lanzou un segundo proxecto que supoñía un menor grado de integración pero que contaba cun maior apoio, especialmente por parte dos ingleses. Logo de dúas conferencias (Alexandría en 1944 e O Cairo en 1945) e unha intensa labor diplomática conseguiuse o 22 de marzo de 1945 , presionando aos países máis reticentes, crear a Liga dos Estados Árabes. Esta unio a sete países con relativa capacidade de acción: Exipto, Siria, Líbano, Xordania (entón chamada Transxordania), Iraq, Arabia Saudita e Iemen do Norte, xunto cun representante dos árabes palestinos, deixando as portas abertas á posible entrada do resto de países árabes que quixesen unirse a eles unha vez lograsen a súa independencia. Foi a finalización da segunda guerra mundial cando diferentes estados árabes logrando a súa independencia.

 
Sede da Liga Árabe no Cairo.

Estableceuse a súa sede fixa no Cairo. Aínda que se prohibía a inxerencia en asuntos internos doutros países, si se marcaron unha serie de obxectivos: fortalecer as relacións entre os estados membros, coordinar as súas políticas para salvagardar a súa independencia e soberanía, e en xeral, todo canto afectaba aos asuntos e intereses dos países árabes. Tamén se estreitaba a cooperación en materia económica, en comunicacións, en asuntos culturais e nas políticas de benestar social. Alcanzouse o acordo de non recorrer á forza para resolver conflitos entre os membros da Liga.

Xeografía

editar

A superficie dos estados membros da Liga Árabe abarca ao redor de 14 000 000 quilómetros cadrados entre os continentes de África e Asia. A zona componse de grandes desertos áridos, principalmente o Sáhara. Non obstante, tamén contén varias terras moi fértiles, como o val do Nilo, a Cordilleira do Atlas e o Crecente Fértil que se estenden dende Iraq a Siria e o Líbano, Palestina e Israel. A área comprende tamén bosques como os do sur de Arabia e o sur do Sudán, así como a maior parte do río máis longo do mundo, o Nilo.

Economía

editar

Os propósitos da Liga non son económicos, xa que cada país pertence a outras organizacións máis eficaces e ademais hai fortes diferenzas de PIB entre os integrantes, pero a riqueza en recursos naturais e petróleo dos seus membros fai que sexa un organismo rico e con poder de decisión. O gasoduto árabe que unirá Exipto e Turquía pasando por Xordania ou a axuda en Darfur son dous exemplos de iniciativas económicas promovidas por este organismo.

Estados membros

editar
 
Dispersión da lingua árabe.

Membros da Liga Árabe (e data da súa admisión):

Membros suspendidos temporalmente

editar

Exipto foi suspendido en 1979 logo de asinar o Tratado de Paz Exipcio-Israelí, e a sede da Liga trasladouse do Cairo a Tunes. En 1987, os Estados da Liga Árabe restableceron relacións diplomáticas con Exipto, o país foi readmitido na Liga en 1989, e a sede da Liga trasladouse de novo ao Cairo.[7]

A Yamahiriya Árabe Libia foi suspendida da Liga Árabe o 22 de febreiro de 2011.[8] O 27 de agosto de 2011, a Liga Árabe votou a favor de restablecer a membresía de Libia pola acreditación dun representante do Consello Nacional de Transición, que está parcialmente recoñecido como o goberno interino do país a raíz do derrocamento de Gaddafi da capital, Trípoli.[9]

O 12 de novembro de 2011, a Liga aprobou un decreto que suspendería a membresía de Siria se o goberno non detiña a violencia contra manifestantes civís o 16 de novembro no medio do conflito que vive o país. Malia iso, o goberno non cedeu ás demandas da Liga e empeoró a situación. Para o 2012, a crise volveuse unha cruel guerra civil, o que afastou aínda máis a Siria da organización.

Malia que Exipto sufriu un golpe de Estado o pasado 3 de xullo do 2013 destituíndo así ao único presidente elixido democráticamente, Mohamed Morsi, a Liga Árabe considerou este acto como non-antidemocrático e polo tanto decidiron non suspendelo das súas funcións. Hoxe en día está baixo un goberno provisional civil en mans de Adli Mansur como Presidente interino de Exipto, ata que se convoquen eleccións presidenciais e democráticas. As eleccións presidenciais colocaron a AbdelFatah Al-Sisi, quen tamén nomeou como novo primeiro ministro (interino) a Ibrahim Mahlab, como novo presidente constitucional da República Árabe de Exipto.[10]

Relixión

editar

A gran maioría dos cidadáns da Liga Árabe son musulmáns mentres que o cristianismo é a segunda relixión en importancia polo seu volume de practicantes. Antes da creación do Estado de Israel tamén vivían nos países árabes un número significativo de xudeus. Os membros da Liga Árabe acollen diversas cidades santas e outros lugares relixiosos importantes por exemplo Belén, Alexandría, A Meca, Medina, Najaf , Kirkuk, Arbil ou Bagdad. Os musulmáns suníes constitúen a maioría dos cidadáns da Liga Árabe, pero os musulmáns xiítas son maioritarios nalgunhas zonas do Líbano, Iraq, Bahrain e Kuwait.

Estrutura

editar

Consello

editar

É o órgano supremo da Liga, esta composto por representantes dos estados membro. Eses representantes son en xeral os ministros de Asuntos Exteriores, os seus representantes ou delegados permanentes. Cada estado ten dereito a un voto no Consello, con independencia do seu tamaño ou número de habitantes.

As decisións adoptaranse por maioría e son vinculantes só para os estados que as acepten.

Pódese decidir sobre a adhesión de novos membros, así como sobre a introdución de emendas á Carta. Debe tamén servir de mediador en caso de conflitos entre estados membro.

O Consello realiza dúas reunións anuais, unha en maio e outra en setembro. Está prevista a posibilidade dunha reunión extraordinaria a petición de dous estados membro. A sede da liga árabe está na cidade do Cairo, República Árabe do Exipto.

Consello de Defensa Conxunta

editar

Constituído polos ministros de Asuntos Exteriores e de Defensa dos Estados membros, poderá adoptar as medidas que entenda necesarias ao mantemento da defensa dos estados da Liga, incluíndo o uso da forza contra estados que atacaron un membro da Liga.

Consello Económico e Social

editar

O seu obxectivo é garantir a prosperidade económica e social dos membros. Esta constituído polos ministros de economía dos estados membro.

Secretaría Xeral

editar

É o órgano administrativo e executivo da Liga, sendo independente dos estados que a compoñen. Esta composta polo Secretario Xeral, secretarios asistentes e outros funcionarios.

Unha das funcións da Secretaría é preparar o orzamento da Liga, que envía ao Consello para a súa aprobación. Ten tamén como responsabilidade a axenda das reunións do Consello.

O secretario xeral é elixido para un mandato de cinco anos, renovable. Desde maio de 2011 o secretario xeral da Liga Árabe é o exipcio Nabil el-Arabi.

Secretarios xerais

editar
 
Amr Moussa secretario xeral desde 2001 ata 2011
  Exipto Abdul Rahman Azzam desde 1945 ata 1952
  Exipto Abdul Khalek Hassouna desde 1952 ata 1972
  Exipto Mahmoud Riad desde 1972 ata 1979
  Tunisia Chedli Klibi desde 1979 ata 1990
  Líbano Assad al-Assad desde 1990 ata 1991
  Exipto Ahmad Esmat Abd al Meguid desde 1991 ata 2001
  Exipto Amr Moussa desde 2001 ata 2011
  Exipto Nabil el-Arabi desde 2011 ata (presente)
 
Logo do Encontro da Liga Árabe de 2013.
  1.   Exipto O Cairo: 13-17 de xaneiro de 1964.
  2.   Exipto Alexandría: 5 a 11 de setembro de 1964.
  3.   Marrocos Casablanca: 13-17 de setembro de 1965.
  4.   Sudán Khartún: 29 de agosto de 1967.
  5.   Marrocos Rabat: 21 ao 23 de decembro de 1969.
  6.   Exipto O Cairo (1ª cume de urxencia): 21-27 de setembro de 1970.
  7.   Alxeria Alxer: 11 26 ao 28 de 1973.
  8.   Marrocos Rabat: 29 de outubro de 1974.
  9.   Arabia Saudita Riad (2ª cume de urxencia): 17-28 de outubro de 1976.
  10.   Exipto O Cairo: 25-26 de outubro de 1976.
  11.   Iraq Bagdad: 2-5 de novembro de 1978.
  12.   Tunisia Tunes: 20-22 de novembro de 1979.
  13.   Xordania Amán: 21-22 de novembro de 1980.
  14.   Marrocos Fez: 6-9 de setembro de 1982.
  15.   Marrocos Casablanca (3a cume de urxencia): 7-9 de setembro de 1985.
  16.   Xordania Amán (4ª cume de urxencia): 8-12 de novembro de 1987.
  17.   Alxeria Alxer (5ª cume de urxencia): 7-9 de xuño de 1988.
  18.   Marrocos Casablanca (6ª cume de urxencia): 23-26 de xuño de 1989.
  19.   Iraq Bagdad (7a cume de urxencia): 28-30 de marzo de 1990.
  20.   Exipto O Cairo (8a cume de urxencia): 9-10 de agosto de 1990
  21.   Exipto O Cairo (9a cume de urxencia): 22-23 de xuño de 1996.
  22.   Exipto O Cairo (10a cume de urxencia): 21-22 de outubro de 2000.
  23.   Xordania Amán: 27-28 de marzo de 2001.
  24.   Líbano Beirut: 27-28 de marzo de 2002.
  25.   Exipto Sharm el-Sheij: 1 de marzo de 2003.
  26.   Tunisia Tunes: 22-23 de maio de 2004.
  27.   Alxeria Alxer: 22-23 de marzo de 2005.
  28.   Sudán Khartún: 28-30 de marzo de 2006.
  29.   Arabia Saudita Riad: 27-28 de marzo de 2007.
  30.   Siria Damasco: 29-30 de marzo de 2008.
  31.   Qatar Doha: 28-30 de marzo de 2009.
  32.   Libia Sirte: 30 de marzo-1 de abril de 2010.
  33.   Iraq Bagdad: 27-29 de marzo de 2012
  34.   Qatar Doha: 21-27 de marzo de 2013
  35.   Kuwait Kuwait City: 25-26 de marzo de 2014
  36.   Exipto Sharm el-Sheij: 28-29 de marzo de 2015

Dereitos das mulleres

editar

O 3 de marzo de 2021 na 155 sesión do Consello da liga Árabe aprobouse a resolución 8636: «Estratexia árabe para a prevención e resposta para combater todas as formas de violencia en situación de refuxio, especialmente violencia sexual contra mulleres e nenas» e un Plan de acción rexional para a implementación da estratexia baseado na Recomendación n.º 14 emitida polo Comité de Mulleres Árabes cuxa 40 sesión celebrouse baixo a presidencia de Djibuti o 11 de febreiro de 2021.[11]

  1. The Columbia Encyclopedia, ed. (2013). "Arab League". Consultado o 17 de decembro de 2013. 
  2. Sly, Liz (12 novembro 2011). "Syria suspended from Arab League". Washington Post (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de maio de 2013. Consultado o 1 de novembro do 2015. 
  3. Head of states of the founding members (1998). Yale Law School, ed. "Pact of the League of Arab States, 22 March 1945". The Avalon Project. Consultado o 15 de xuño de 2015. 
  4. "The Arab League Educational, Cultural and Scientific Organization (ALESCO)". 
  5. Ashish K. Vaidya, Globalization, (ABC-CLIO: 2006), páx.525
  6. Fanack. "The Joint Arab Force—Will It Ever Work?". Fanack.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2015. Consultado o 7 de novembro de 2015. 
  7. BBC News, ed. (17 de setembro de 2008). "Timeline: Arab League". Consultado o 25/12/2014. 
  8. ynetnews. "Libya suspended from Arab League sessions". Consultado o 26/12/2014. 
  9. "Arab League Recognizes Libyan Rebel Council". RTT News. 25 de agosto de 2011. Consultado o 25 de agosto de 2011. 
  10. "Arab League Votes to Suspend Syria Over Crackdown". NYTimes.com. 12 de novembro de 2011. Consultado o 26/12/2014. 
  11. "تفاصيل الحدث". www.lasportal.org. Consultado o 24 de novembro do 2023. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Ankerl, Guy: Coexisting Contemporary Civilizations: Arabo-Muslim, Bharati, Chinese, and Western. Xenebra, INU Press, 2000. ISBN 2-88155-004-5
  • Geddes, Charles L: A Documentary History of the Arab-Israeli Conflict. Greenwood Press, 1991. ISBN 0-275-93858-1

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar