George W. Bush

presidente dos Estados Unidos de América de 2001 a 2009

George Walker Bush, naceu en New Haven (Connecticut) o 6 de xullo de 1946.[1] É un político e empesario estadounidense que en 2001 se converteu no 43º presidente dos Estados Unidos.

George Walker Bush
George W. Bush

20 de xaneiro de 2001 – 20 de xaneiro de 2009
Vicepresidente Dick Cheney
Precedido por Bill Clinton
Sucedido por Barack Obama

46º gobernador de Texas
17 de xaneiro de 1995 – 21 de decembro de 2000
Tenente Gobernador Bob Bullock(1995-1999)
Rick Perry (1999-2000)
Precedido por Ann Richards
Sucedido por Rick Perry

Datos persoais
Nacemento 6 de xullo de 1946 (77 anos) Estados Unidos de América Estados Unidos New Haven, Connecticut, EUA
Partido Republicano
Cónxuxe/s Laura Bush
Fillos Jenna Bush
Profesión Empresario (petróleo, béisbol)
Alma máter Universidade Yale
Harvard Business School
Fortuna USD 8-21 millóns
Relixión Metodista
Residencia Crawford, Texas (privada)

Na rede
https://georgewbush.com/
IMDB: nm0124133 Allocine: 102376 Rottentomatoes: celebrity/george_w_bush Allmovie: p301705
Facebook: georgewbush Twitter: GeogreWBush Instagram: georgewbush Musicbrainz: 06564917-bdd2-4fb6-bcdc-be9e0c04f7ac Discogs: 152980 WikiTree: Bush-4 Editar o valor em Wikidata

O seu mandato estivo marcado pola guerra contra o terrorismo dende os atentados do 11 de setembro de 2001. Promoveu a invasión de Afganistán en busca do terrorista Osama bin Laden en outubro de 2001, e a invasión de Iraq para desarmar a Saddam Hussein. Presidente que levantou paixóns en gran parte do electorado conservador norteamericano e provocou manifestacións na súa contra tamén no resto do mundo, sobre todo en Europa a raíz da súa política exterior considerada hostil e mesmo criminal por parte da opinión pública europea, segundo reflicten diversas enquisas publicadas. Logo das eleccións de 2008 pasou a ser substituído por Barack Obama, quen asumiu o cargo o 20 de xaneiro do 2009.

Está casado con Laura Welch Bush e é pai de dúas xemelgas.

Vida antes da presidencia editar

Familia editar

George W. Bush naceu en 1946 en New Haven, Connecticut. É o primoxénito do presidente dos Estados Unidos George H. W. Bush e a súa muller Barbara Bush. Cando tiña dous anos, a súa familia mudouse a Texas, onde viviron dende entón.

Estudos e carreira militar editar

Estudou na Universidade Yale e recibiu un título de Historia en 1968. En maio dese mesmo ano, e en plena Guerra de Vietnam, formou parte da Texas Air National Guard[2] (en galego, Garda Nacional Aérea de Texas). Tras dous anos de adestramento, foi asignado a Houston. En 1972, foi suspendido de voar por non ter realizado un exame físico programado.[3] Pasou á reserva da Forza Aérea con honores o 21 de novembro de 1974[4], seis meses antes do debido coa fin de estudar en Harvard.

Despois de graduarse en negocios, Bush volveu a Texas e casou con Laura Welch, coa que tivo dúas xemelgas en 1981. Isto convérteo no único presidente dos EEUU da historia con xemelgos.

Controversias respecto ó seu pasado editar

O pasado de George Bush foi obxecto de críticas durante as campañas electorais de 2000 e 2004. Por un lado, houbo investigacións relativas ó seu pasado militar; por outro, consumiu durante a súa xuventude tanto alcol coma drogas -aínda que afirma ter pasado a unha vida sobria dende que cumpriu corenta anos.

A súa carreira política editar

En 1978, Bush intentou ser candidato do Partido Demócrata dentro do distrito 19 de Texas, pero perdeu por unha estreita marxe de votos as primarias.

En 1994, sendo xa o seu pai presidente dos Estados Unidos, Bush gañou as eleccións para gobernador de Texas, ó tempo que o seu irmán se convertía en gobernador de Florida. Isto foi o primeiro paso na súa carreira á presidencia.

Vida como presidente dos Estados Unidos editar

Campaña electoral de 2000 editar

Foi no ano 2000 cando Bush decidiu que era o momento adecuado para converterse no candidato republicano á presidencia dos Estados Unidos. Aínda antes de presentarse, xa era o favorito en tódalas enquisas. Bush centrou a súa campaña na baixada de impostos, a posibilidade de selección de centros educativos por parte dos pais (de pago), a potenciación da extracción de petróleo en Alasca e a reforma das Forzas Armadas.

Bush perdeu as eleccións primarias en Nova Hampshire (contra John McCain, de Arizona), pero acabou gañando na maioría dos estados. Escolleu como home forte a Dick Cheney e iniciou unha intensa campaña.

O 7 de novembro do ano 2000, o día das eleccións, pensouse nun principio que os votos do estado de Florida irían para o Partido Demócrata co seu candidato Al Gore. Logo, as televisións anunciaron que ese estado correspondía a Bush. En último lugar, afirmaron que non había diferenza dabondo para confirmar a vitoria de ningún candidato. Iniciouse así unha importante polémica. Houbo queixas por parte dos dous partidos: as papeletas eran confusas, as máquinas de votar non funcionaban ben, os votos dos residentes no exterior daban problemas e moitos votantes non puideron exerce-lo seu dereito porque llo prohibiron de forma irregular.

Para intentar solucionar estes problemas, tódolos votos do estado de Florida se fixeron pasar por unha máquina de reconto, que deu como gañador a Bush. Pero aquí non rematou todo, porque varios condados onde a marxe era moi estreita tiveron que volver facer un reconto manual. O 9 de decembro a xustiza estadounidense paralizou este reconto e deu por válidos os resultados da máquina de reconto, co que Bush se converteu no gañador no Estado de Florida, e tamén no conxunto do país.

Primeira lexislatura editar

A primeira lexislatura de George W. Bush como presidente dos Estados Unidos empezou o 20 de xaneiro de 2001 e rematou o mesmo día do ano 2005.

Os primeiros oito meses deste período transcorreron de forma normal. Bush tiña unha maioría exigua, polo que non puido levar a cabo moitas das leis que tiña planeadas, pero o seu apoio popular oscilaba entre o 50% e o 60%.

Porén, o 11 de setembro de 2001 tivo lugar un atentado contra as Torres Xemelgas e o Pentágono. Isto fixo dar un importante xiro á política exterior estadounidense. Ese mesmo día, o presidente declarou unha guerra contra o terrorismo; a súa taxa de aprobación ascendeu ata o 90%.

Os efectos desta política non se fixeron esperar. O 8 de outubro de 2001, Bush creou a Office of Homeland Security (Oficina da Seguridade Nacional). Unha das principais funcións deste organismo é fixa-lo nivel de alerta nos Estados Unidos (verde-azul-amarelo-laranxa-vermello).

Neste mesmo mes, Bush decidiu invadir Afganistán, país gobernado polo réxime talibán que, segundo el, daba refuxio a terroristas coma Osama bin Laden. Nesta operación, foi axudado pola meirande parte dos países occidentais e a OTAN. Como resultado desta operación militar, os talibáns foron depostos, pero Osama bin Laden non foi atopado. Bin Laden morreu o 2 de maio de 2011 nunha operación militar realizada por forzas especiais do exército dos Estados Unidos.

En 2002, Bush propuxo por primeira vez a idea do Eixe do Mal, un grupo de países que supuñan unha ameaza para a paz mundial, nos que se incluían Iraq, Corea do Norte e Irán. Pouco despois, a súa administración anunciou que os investigadores descubriran armas de destrución masiva en territorio iraquí. Saddam Husayn, presidente iraquí, foi descrito coma unha ameaza para o mundo mentres seguise mantendo o seu cargo.

En 2003, unha coalición formada por tropas dos Estados Unidos, o Reino Unido e un pequeno grupo de países (entre eles España e Polonia), invadiu Iraq dentro da Operación Liberdade Iraquí. Esta invasión supuxo un grave conflito internacional, dado que non había ningún tipo de resolución das Nacións Unidas que apoiase a existencia de armas de destrución masiva e, polo tanto, unha posible invasión.

O 2 de maio de 2003, Bush anunciou o fin da guerra propiamente dita en Iraq. Isto non era verdadeiramente certo: moitas das tropas da coalición seguían loitando (e seguen) dentro do país. As "armas de destrución masiva" que Bush situaba antes e durante a guerra en territorio iraquí aínda non foron atopadas.

A captura de Saddam Husayn o 13 de decembro de 2003 foi un dos poucos éxitos da intervención armada. Morreu enforcado o 30 de decembro do 2006 após ser xulgado pola morte de 148 xiítas na vila de Dujail en 1982.

Cos problemas derivados da guerra en Iraq, a aprobación pública de Bush era só do 46% en maio de 2003, e a reelección facíase complicada.

Campaña electoral de 2004 editar

Malia todo isto, na campaña de 2004 George Bush deu mostras de ser un político moi hábil. Na súa loita contra John Kerry, centrou a súa campaña en demostrar que el era capaz de loitar contra o terrorismo e defende-lo país.

O 2 de novembro de 2004 tiñan lugar as eleccións, pero non foi ata o día seguinte cando se souberon os resultados, xa que volveu a haber problemas nas votacións, esta vez en Ohio. John Kerry recoñeceu a súa derrota e non houbo tantas investigacións coma houbera en Florida en 2000.

Bush recibiu 286 votos (de 31 estados, fundamentalmente do centro e do sur) e Kerry 251 (dos outros 29 estados, os situados no nordés, no norte e no occidente americano).

Segunda lexislatura editar

A segunda lexislatura de George Bush comezou o 20 de xaneiro de 2005 e rematou o mesmo día de 2009, cando Barack Obama xurou o seu cargo.

Os obxectivos que marcou para este período son:

  • A reforma do sistema fiscal.
  • A reforma da lexislación sobre os médicos.
  • A reforma da seguridade social.
  • A concesión da cidadanía ós inmigrantes ilegais que xa están no país.
  • Continua-la ocupación de Iraq.
  • Levar a cabo a guerra contra o terrorismo.
  • A mellora da educación pública.
  • Programas a favor da educación universitaria dos máis pobres.

A semiprivatización da Seguridade Social que pretendía Bush foi unha das materias máis candentes dentro do inicio da lexislatura, e a viaxe a Europa que realizou un importante xesto de reparación de relacións tralo conflito diplomático que supuxo a guerra de Iraq.

A guerra en Iraq seguiu e segue a ser un asunto importante, que fixo que a valoración política de Bush dentro dos americanos -malia a morte de Abu Musab al-Zarqawi- se situase baixo mínimos.

O seu sucesor na candidatura do Partido Republicano á presidencia dos Estados Unidos foi John McCain, que perdeu as eleccións presidenciais do 2008 ante Barack Obama.


Predecesor:
William Jefferson Clinton
  
Presidente dos Estados Unidos de América
 
20012009
Sucesor:
Barack Hussein Obama

Notas editar

  1. Ahles, Dick (24-12-2000). "Bush's Birthplace? It's Deep in the Heart of . . . New Haven". nytimes.com. Consultado o 21-08-2018. 
  2. Romano, Lois (03-02-2004). "Bush's Guard Service In Question". washingtonpost.com. Consultado o 20-08-2018. 
  3. Rutenberg, Jim (17-05-2004). "A Film to Polarize Along Party Lines". nytimes.com. Consultado o 20-08-2018. 
  4. Brit Hume, Mara Liasson, Jeff Birnbaum, Charles Krauthammer (9 de xullo de 2004). The All-Star Panel Discusses John Kerry's Shifting Positions on Iraq War Spending. Fox News Network (transcripción).

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar