Hesbulá
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2015.) |
Hesbulá, Hizbulá, Hezbollah, Ḥizb Allāh, (en árabe حزب الله, que significa "Partido de Deus"), é un grupo islamista libanés que ten un brazo civil e un brazo militar. Fundouse en 1982 como resistencia á invasión israelí do sur do Líbano. Hesbulá é considerado por gran parte do mundo árabe e musulmán como un lexítimo movemento de resistencia. No Líbano é un partido político legal que incluso chegou a formar parte do goberno. Porén, a causa dos seus ataques militares a Israel e das súas relacións políticas e ideolóxicas con outras organizacións, coma Hamas ou o Xihad Islámico, os Estados Unidos considérano unha organización terrorista. A Unión Europea, porén, ten por terrorista unicamente a súa parte militar.
Hesbulá | |
---|---|
![]() | |
Tipo | partido político, organización armada, organización terrorista e ator não estatal |
Ideoloxía | Islamismo, antissionismo, antiimperialismo, nacionalismo árabe e Khomeinism |
Data de fundación | anos 1980 |
Fundador(es) | Mohammad Hussein Fadlallah, Ali Akbar Mohtashamipur e Imad Mughniyah |
Secretario/a | Hassan Nasrallah |
Sede | Beirut |
País | Líbano |
[ editar datos en Wikidata ] |
Hesbulá é, a canda Amal, a principal expresión política da comunidade xiíta libanesa, o grupo máis importante dun país cunha extraordinaria diversidade relixiosa.
Fundada grazas ao apoio de Irán, Hesbulá segue a ideoloxía islamita que preconizaba o aiatolá Ghomeini, líder da Revolución Islámica iraniana. O obxectivo de Hesbulá é a implantación dun estado islámico no Líbano, malia que admiten que só se podería implantar co consenso da poboación libanesa. Ademais do seu brazo armado, o movemento conta cunha infraestrutura civil que, de xeito semellante ao palestino Hamas, prové a poboación de servizos sociais, sanitarios e educativos. A súa campaña de reconstrución Xihad al-Bina realizou diversos proxectos de desenvolvemento económico e de infraestruturas nas áreas do Líbano con maioría de poboación xiíta. Na actualidade Hesbulá ten oito deputados no parlamento libanés, e forma parte do goberno de coalición.
Existen importantes vencellos entre Hesbulá e o goberno de Siria. Por conseguinte, Hesbulá oponse á evacuación das tropas de ocupación sirias despregadas no Líbano, e que están en proceso de retirada como consecuencia da denominada Revolución do cedro. Non recoñece a existencia do estado de Israel, e a súa retórica expresa o desexo de destruílo. En 2000, Hesbulá debeu de disolverse logo da retirada de Israel do sur do Líbano, pero seguiu operando e atacando con mísiles o territorio israelí.
O máximo líder de Hesbulá é Hassan Nasralá.
En xullo de 2006 dous soldados das forzas armadas israelís despregadas nos Altos do Golán, zona fronteiriza entre Israel, Xordania, Líbano e Siria foron secuestrados. A acción foi reivindicada por Hesbulá, o que levou á maior intensidade de violencia na zona dende a operación Paz de Galilea, en 1982. As tropas israelís bombardearon Beirut e diversas infraestruturas do Líbano, bloquearon as dúas vías de transporte por terra, mar e aire, e provocou numerosos mortos. Un ataque de Hesbulá con mísiles catiuxa sobre a cidade de Haifa provocou a morte de oito civís israelís.