Declaración de independencia de Israel

A Declaración de independencia de Israel (en hebreo: הכרזת העצמאות) foi proclamada o 14 de maio de 1948 (5 de Iyar 5708) por David Ben-Gurion, director xeral da Organización Sionista Internacional,[1] e presidente da Axencia Xudía para Palestina.[2] Coincidindo coa finalización legal do Mandato Británico de Palestina, proclamouse a creación dun Estado xudeu na estrañada «Terra de Israel» (Eretz Israel), que sería coñecido como Estado de Israel.[3][4] Este acto conmemórase anualmente en Israel cunha festividade nacional que coincide co 5 de Iyar de cada ano segundo o calendario xudeu.

Texto da Declaración de Independencia.

Antecedentes editar

A posibilidade dun estado xudeu en Palestina foi unha meta do sionismo desde o século XIX. O Secretario de Asuntos Exteriores británico afirmou na Declaración de Balfour de 1917:

O Goberno da Súa Maxestade ve con bos ollos o establecemento en Palestina dun fogar nacional para os xudeus, e utilizará todos os seus esforzos en facilitar este obxectivo, quedando claro que nada do que se faga debe prexudicar os dereitos civís e relixiosos das comunidades non xudías existentes en Palestina, ou os dereitos e status político desfrutado polos xudeus en calquera outro país.[5]

Trala primeira guerra mundial, o Reino Unido recibiu o Mandato de Palestina, como conquista ao Imperio Otomán durante a guerra. En 1937 a Comisión Peel suxeriu a partición do Mandato nun Estado árabe e un xudeu, aínda que a proposta foi rexeitada polo goberno como impracticable e foi, en parte, a causa da Gran Revolta Árabe de 1936.

 
O plan de partición da ONU

En vista do incremento da violencia despois da segunda guerra mundial os británicos presentaron o tema ante a recentemente creada Organización das Nacións Unidas. O resultado foi o Resolución 181(II), un plan para partir Palestina en "dous estados independentes árabe e xudeu, cun réxime especial internacional para a cidade de Xerusalén". O Estado xudeu recibiría arredor do 56% do territorio do Mandato británico, abarcando o 82% da poboación xudía, porén, sería privado de Xerusalén. O plan foi aceptado pola maioría da poboación xudía, pero rexeitado pola maioría da poboación árabe. O 29 de novembro de 1947, a resolución para recomendar "ao Reino Unido, como potencia mandataria de Palestina, e todos os demais membros da ONU a adopción e implantación, en vista ao futuro goberno de Palestina, do Plan de Partición con Unión Económica" someteuse a votación na Asemblea Xeral das Nacións Unidas.[6] O resultado foi 33 fronte a 13 a favor da resolución, con 10 abstencións.

PARTE I:
Constitución e goberno futuros de Palestina
A. TERMINACIÓN DO MANDATO, PARTICIÓN E INDEPENDENCIA
3. Os Estados independentes árabe e xudeu e o Réxime Internacional Especial para a Cidade de Xerusalén,...empezarán a existir en Palestina dous meses despois da evacuación das forzas armadas da Potencia Mandataria, pero en ningún caso despois do 1 de outubro de 1948.
Resolución 181(II)[7]

Os Estados árabes, todos opostos ao plan, propuxeron consultara a Corte Internacional de Xustiza sobre a competencia da Asemblea Xeral da ONU sobre a partición du país en contra dos desexos dos seus habitantes, pero a resolución foi rexeitada.

Redacción do texto editar

A primeira redacción do texto da declaración foi realizada por Zvi Berenson, o conselleiro legal do Histadrut e máis tarde xuíz do Tribunal Supremo de Israel, baixo requirimento de Pinchas Rosen. Unha segunda versión revisada foi redactada por tres avogados, A. Beham, A. Hintzheimer e Z.E. Baker, e foi enmarcada por un comité formado por David Remez, Pinchas Rosen, Haim-Moshe Shapira, Moshe Sharett e Aharon Zisling.[8] Un segundo comité, que incluíu a David Ben-Gurion, Yehuda Leib Maimon, Sharett e Zisling elaborou o texto final.[9]

Votación do Minhelet HaAm editar

O 12 de maio de 1948, o Minhelet HaAm (hebreo: מנהלת העם, literalmente, Administración do Pobo) reuniuse para votar a declaración de independencia.[10][11] Tres dos trece membros non asistiron, con Yehuda Leib Maimon e Yitzhak Gruenbaum bloqueados no sitiado Xerusalén, mentres que Yitzhak-Meir Levin estaba nos Estados Unidos.

A reunión comezou ás 13:45 e rematou pasada a medianoite. A decisión dividíase entre aceptar a proposta americana para unha tregua, ou declarar a independencia. A segunda opción púxose a votación, con seis dos dez membros presentes apoiándoa:

Chaim Weizmann, líder da Organización Mundial Sionista e pronto primeiro Presidente de Israel, aprobou a decisión, desposi de preguntar A que esperan, os idiotas?"[8]

Redacción final editar

A proposta do texto foi enviada para a súa aprobación ao Moetzet HaAm no edificio da Fundación Nacional Xudía en Tel Aviv o 14 de maio. A reunión comezou ás 13:50 e rematou ás 15:00, unha hora antes de que se fixera a declaración, e a pesar dos desacordos, cun voto unánime a favor do texto final. Durante o proceso, houbo dous grandes debates, centrados nas fronteiras e na relixión.

Fronteiras editar

 
As fronteiras non quedaron establecidas na declaración. O día da súa proclamación, Eliahu Epstein escribiu a Harry S. Truman que o Estado proclamarase "segundo as fronteiras establecidas na Resolución da ONU do 29 de novembro de 1947".

No aspecto fronteirizo, a redacción orixinal declaraba que as fronteiras serían as establecidas no plan de partición da ONU. Mentres que esta idea era apoiada por Rosen e Bechor-Shalom Sheetrit, foi rexeitada por Ben-Gurion e Zisling, con Ben-Gurion afirmando, "Aceptamos a Resolución da ONU, pero os árabes non. Están preparándose para declararnos a guerra. Se gañamos e capturamos a Galilea occidental ou territorio a ambos lados da estrada a Xerusalén, estas áreas pasarán a formar parte do Estado. Por que íamos a aceptar fronteiras que en calquera caso os árabes non aceptan?"[8] A inclusión da designación das fronteiras no texto foi retirada despois polo Goberno Provisional de Israel, votando 5-4 en contra.[9] Os sionistas revisionistas, comprometidos cun Estado xudeu a ambas as beiras do río Xordán, querían que se incluíse a frase "dentro das fronteiras históricas" pero non prosperou a súa idea.

Relixión editar

O segundo gran tema que se tratou foi a inclusión de Deus na última sección do documento, co borrador empregando a frase "e poñendo a nosa confianza no Todopoderoso". Os dous rabinos, Shapira e Yehuda Leib Maimon, discutiron a favor da súa inclusión, argumentando que non podía ser omitido. Shapira apoiaba a inclusión da frase "Deus de Israel" ou "o Todopoderoso e Redentor de Israel".[8] Esta idea estivo fortemente rexeitada por Zisling, un membro do secular Mapam. Ao final utilizouse a frase "Rocha de Israel", que pode interpretarse tanto como unha alusión a Deus, como a Eretz Israel, Ben-Gurion dixo "Cada un de nos, na súa propia maneira, cre na 'Rocha de Israel' como quere. Aínda que Zisling seguiu opoñéndose a frase foi aceptada sen votación.

Nome editar

Os redactores tamén tiveron que decidir o nome para o novo Estado. Eretz Israel, Ever (do nome Eber), Xudea, e Sión foron suxeridos, así como Siona, Ivriya e Herzliya.[12] Xudea e Sión foron rexeitados xa que, segundo o plan de partición, Xerusalén (Sión) e a maior parte das montañas de Xudea quedarían fora do novo Estado.[13] Ben-Gurion fomentou "Israel" e someteuse a votación cun resultado de 6–3 a favor.[14] Documentos oficiais publicados en abril de 2013 polo Arquivo Estatal de Israel mostran que días antes do establecemento do Estado de Israel en maio de 1948, os oficiais aínda estaban debatendo o nome árabe do novo país: Palestina (Filastin), Sión (Sayoun) ou Israel (Eesra'il). Fixéronse dúas asuncións: "Que o Estado árabe ía establecerse ao carón do xudeu seguindo o plan de partición da ONU do ano anterior, e que o Estado xudeu incluiría unha gran minoría árabe cuxos sentimentos debían ser tidos en conta". Ao final, os oficiais rexeitaron o nome Palestina xa que consideraban que sería o nome do novo Estado árabe e podía dar lugar a confusión, de xeito que optaron pola opción máis directa: Israel.[15]

A cerimonia de independencia editar

 
David Ben-Gurion (primeiro Primeiro Ministro de Israel) le a Declaración da Independencia de Israel, o 14 de maio de 1948, en Tel Aviv, Israel, baixo un gran retrato de Theodor Herzl, fundador do moderno sionismo.

A cerimonia tivo lugar no Museo de Tel Aviv (hoxe coñecido como Independence Hall), pero non recibiu moita publicidade xa que se temía que as autoridades británicas intentasen impedila ou que os exércitos árabes invadisen antes do previsto. Enviouse unha invitación por mensaxeiro a mañá do día 14 de maio, convidando os destinatarios a chegar as 15:30 e manter o acto en segredo. A cerimonia comezou as 16:00 (hora elixida para non romper co sabbat) e foi emitida en directo como primeira retransmisión da recentemente creada emisora de radio Kol Yisrael.

A redacción final da declaración foi mecanografada no edificio da Fundación Nacional Xudía trala súa aprobación ese mesmo día. Ze'ev Sherf, quen quedou no edificio para enviar o texto, esqueceu organizar o seu transporte. Finalmente, tivo que deter un coche que pasaba e pedir ao condutor (que levaba un coche prestado sen licenza) que o levase ata a cerimonia. A petición de Sherf foi rexeitada nun principio pero conseguiu convencer o condutor para que o levase.[8] O coche foi detivo por un policía por superar o límite de velocidade na cidade, porén non foi multado tras explicar que levaban a declaración de independencia.[14] Sherf chegou ao museo ás 15:59.

As 16:00, Ben-Gurion abriu a cerimonia golpeando o seu mazo na mesa, provocando un canto espontáneo do Hatikvah, pronto o himno nacional de Israel, por parte dos 250 asistentes.[14] Colgado na parede detrás de Ben-Gurion había un retrato de Theodor Herzl, fundador do sionismo moderno, e dúas bandeiras que pasarían a ser a bandeira de Israel.

Tras anunciar á audiencia a lectura da declaración, Ben-Gurion procedeu coa mesma, ao longo de 16 minutos, rematando coas palabras "aceptemos o texto de Fundación do Estado xudeu poñéndonos de pé" e convidando ao rabino Fishman a que recitase a bendición Shehecheyanu.[14]

Notas editar

  1. Brenner, Michael; Frisch, Shelley (abril de 2003). Zionism: A Brief History. Markus Wiener Publishers. p. 184. 
  2. "Zionist Leaders: David Ben-Gurion 1886–1973". Israel Ministry of Foreign Affairs. Consultado o 13 de xullo de 2011. 
  3. "Proclamation of Independence". www.knesset.gov.il. 
  4. Zionists Proclaim New State of Israel; Truman Recognizes it and Hopes for Peace New York Times
  5. Yapp, M.E. (1987). The Making of the Modern Near East 1792–1923. Harlow, England: Longman. p. 290. ISBN 0-582-49380-3.
  6. "UNITED NATIONS General Assembly: A/RES/181(II): 29 November 1947: Resolution 181 (II): Future government of Palestine: Retrieved 26 April 2012". Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2012. Consultado o 01 de xaneiro de 2017. 
  7. "Resolución 181(II)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de febreiro de 2012. Consultado o 01 de xaneiro de 2017. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 The State of Israel Declares Independence Israeli Ministry of Foreign Affairs
  9. 9,0 9,1 Harris, J. (1998) The Israeli Declaration of Independence The Journal of the Society for Textual Reasoning, Vol. 7
  10. Tuvia Friling, S. Ilan Troen (1998) "Proclaiming Independence: Five Days in May from Ben-Gurion's Diary" Israel Studies, 3.1, pp170-194
  11. Zeev Maoz, Ben D. Mor (2002) Bound by Struggle: The Strategic Evolution of Enduring International Rivalries, University of Michigan Press, p137
  12. Gilbert, M. (1998) Israel: A History, London: Doubleday. p. 187. ISBN 0-385-40401-8
  13. "Why not Judea? Zion? State of the Hebrews?". Haaretz. 7 de maio de 2008. Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2008. Consultado o 22 de abril de 2012. 
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 One Day that Shook the world Arquivado 12 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. The Jerusalem Post, 30 de abril de 1998, por Elli Wohlgelernter
  15. http://www.timesofisrael.com/leaders-grappled-over-arabic-name-for-fledgling-state/

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Culla, Joan B., La tierra más disputada: El sionismo, Israel y el conflito de Palestina. Madrid, Alianza, 2005. ISBN 978-84-206-4728-9

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar