Colón costarriqueño

unidade monetaria de Costa Rica
Para a antiga moeda homónima do Salvador, véxase Colón salvadoreño.
Colón costarriqueño
Código:CRC
Ámbito: Costa Rica
Símbolo:¢
Fracción:100 centavos
Moedas:5, 10, 25, 50, 100, 500.
Billetes:1.000, 2.000, 5.000, 10.000, 20.000, 50.000.
Emisor:Banco Central de Costa Rica.
Taxa de troco:
Febreiro de 2020
1 EUR = 676 CRC.
1 USD = 563 CRC.
Troco actual

O colón costarriqueño, chamado así na honra do almirante Cristovo Colón, é a moeda oficial da República de Costa Rica, en América Central.[1][2] O seu símbolo é unha letra C atravesada por dúas barras inclinadas verticais "¢", e o seu código ISO 4217 é CRC.[3]

Durante o período colonial circulaba en Costa Rica a moeda española e, a partir da súa independencia en 1821, a súa primeira moeda nacional foi o real, substituída logo polo peso. A partir do 24 de outubro de 1896, a denominada "Lei do padrón ouro" (Ley del talón oro) estableceu o colón como unidade monetaria, en substitución do peso costarriqueño, acolléndose a unha tendencia da época co gallo das celebracións do IV centenario da Descuberta de América.[4][5][6]

Caracterización

editar

A moeda está dividida en 100 céntimos. As moedas actuais en circulación son de 5, 10, 25, 50, 100 e 500 colóns. Ademais, existen billetes de 1.000, 2.000, 5.000, 10.000, 20.000 e 50.000 colóns, este último pouco utilizado polo seu elevado valor facial.[4][5]

Comunmente, os costarriqueños coñecen as moedas de 100 colóns como "teja" (anteriormente referíanse así aos billetes de 100 colóns), en tanto que o billete de 1.000 colóns se coñece como "rojo" e o de 5.000 como "tucán" (debido a que o anterior billete de 5.000 colóns amosaba esta ave nos seus reversos). É habitual, así mesmo, referirse aos colóns como "pesos" (a anterior moeda do país) ou "cañas".[7]

As moedas en circulación de 5, 10 e 25 colóns teñen un poder económico moi escaso e as últimas emisións realizáronse nun metal máis livián, o aluminio, e cun tamaño inferior ao das anteriores emisións. A moeda dun colón, malia non ter sido retirada oficialmente, é sumamente rara, en tanto que os valores máis comúns na circulación son os 50, 100 e 500 colóns.[4][5]

Historia

editar

Antecedentes e nacemento

editar
 
Moeda de 10 colóns costarriqueños de 1900, co busto de Cristovo Colón no anverso.[8]

En 1839, o daquela xefe do Estado de Costa Rica, Braulio Carrillo, autorizou a emisión de 30.000 pesos en vales de 5 e 10 pesos, para facilitar o pagamento dos empregados públicos. Durante o período da guerra contra a invasión dos filibusteiros estadounidenses, entre 1856 e 1857, o Goberno emitiu novamente vales para o pagamento dos seus servizos aos soldados costarriqueños.[6][9]

Foi a mediados do século XIX, entre os anos 1847 e 1849, baixo o goberno de José María Castro Madriz, cando se realizaron os primeiros esforzos para a creación dun banco nacional. Castro propuxo formalmente en 1851 a fundación do Banco Nacional de Costa Rica, idea que non tivo un bo acollemento no ámbito político.[6]

En 1857, durante o mandato de Juan Rafael Mora Porras, retomouse a idea e estableceuse formalmente o primeiro banco, constituído ao abeiro do Contrato Medina-Escalante e denominado Banco Nacional Costarricense. Un ano despois, en 1858, asinouse un novo acordo (coñecido como Contrato Medina-Cañas), que supuxo o nacemento do Banco Nacional de Costa Rica. Ese mesmo ano autorizouse a emisión de billetes de 1, 2, 10 e 20 pesos.[4][9] A vida desta institución foi efémera, xa que pechou as súas portas o 31 de marzo de 1859.

 
Billete dun colón costarriqueño do Banco Anglo Costarricense (1917)

Non obstante o anterior, ao longo da segunda metade do século XIX naceron outros bancos que emitiron papel moeda, como o Banco Anglo Costarricense, en 1863, e o Banco de la Unión, en 1877, que chegou aos nosos días coa denominación de Banco de Costa Rica.

 
Billete dun colon costarriqueño do Banco Internacional de Costa Rica reestampado polo Banco Nacional de Costa Rica en 1943

En 1896, durante a Administración de Rafael Yglesias Castro, estableceuse o colón como moeda, en substitución do peso. Durante o goberno de Alfredo González Flores, de 1914 a 1917, tivo lugar a creación do Banco Internacional de Costa Rica, coa consideración de banco emisor estatal, reformado en 1936, cando se lle cambiou o nome polo de Banco Nacional de Costa Rica, mantendo a súa consideración de entidade emisora.[4][5][9]

 
Billete de 10 colóns costarriqueños do Banco Central de Costa Rica (1967).

A Guerra Civil de 1948 e a Constitución de 1949 definiron un novo modelo de Estado de tipo interventor, que levou adiante a nacionalización da banca na procura do fortalecemento do crédito para os proxectos de diversificación económica e de desenvolvemento industrial. Neste contexto, durante a Administración de Otilio Ulate Blanco (1949 -1953), fundouse en 1950 o Banco Central de Costa Rica, encadrado no Departamento Emisor do Banco Nacional, como organismo reitor e promotor do desenvolvemento ordenado da economía costarriqueña e da política monetaria, e único autorizado para a emisión de moeda. A partir de 1951 iniciou as súas emisións utilizando como base as previas do Banco Nacional, ás cales se lles colocou un reselo coa lenda "Banco Central de Costa Rica" "Serie Provisional". Posteriormente, en 1951, iniciou as súas emisións con billetes propios.[4][10][11][12]

Situación actual

editar

O 17 de outubro de 2006, o Banco Central (BCCR) puxo en práctica un sistema cambiario de bandas que substitúe o de “minidesvalorización” e intentou darlle máis liberdade ao mercado para fixar o prezo nas transaccións de colóns costarriqueños. O Banco Central estableceu un tipo de cambio de “intervención” de compra de 514,78 colóns e un de venda de 530,22 colóns, que determinan o mínimo e o máximo dentro dos cales se realizarán as negociacións. Se o dólar flutúa con valores por riba ou por baixo dos mencionados, o BCCR intervirá comprándoos ou vendéndoos para estabilizar o mercado.

Segundo o BCCR, o tipo de cambio de intervención de compra incrementaríase cada día hábil seis céntimos de colón, en tanto que o de venda o faría en 14 céntimos. Estes valores foron modificados pola xunta directiva do BCCR do 29 de xaneiro de 2007, cando se fixou o tipo de cambio de compra de intervención en 519,16 colóns, por un período indefinido, debido a unha alta oferta de dólares no mercado que estaba a obrigar ao tipo de cambio de intervención a manterse pegado ao límite inferior da banda. Tamén se acordou que o tipo de cambio de intervención se incrementaría en 11 céntimos cada día hábil.

Os tipos de intervención serían, de tal xeito, os límites entre os cales deberían negociarse as divisas no mercado cambiario, e os intermediarios financeiros poderían establecer os seus respectivos tipos de compra e de venda cos que negociar divisas para os seus clientes.

Anteriormente, a moeda fora desvalorizada sistematicamente, por mor dos altos índices de inflación que sufriu o país na súa recesión nos anos 90. Durante moito tempo tivo o tipo de cambio en relación ao dólar estadounidense en 1 USD = 8,57 CRC, mais, cos cambios económicos que houbo nos anos oitenta, cambiouse o sistema de cambio ao de minidesvalorizacións diarias, de 0,13 céntimos.[13]

O 22 de setembro de 2010 púxose en circulación o novo valor en billete de 20.000 colóns e en 2012 lanzouse tamén o de 50.000 colóns. A empresa que fabrica estes billetes é Oberthur Technologies, cuxas instalacións están en Rennes, Francia.[14] Cada billete fai referencia a un dos seis ecosistemas que existen no país e teñen impresos no anverso personaxes de recoñecido prestixio en Costa Rica. Os billetes son do mesmo alto, mais de diferente largura, co fin de axudar ás persoas invidentes ou con problemas de visión.[15]

Moedas circulantes en Costa Rica
Valor facial Emisión Metal Forma Diámetro Ref. catálogo Krause Deseño do anverso Deseño do reverso Imaxe
5 colóns [16]
2012
Aluminio
Circular
21,5 mm
KM#227a.1
Escudo nacional e ano de emisión
Valor facial
10 colóns
1997
Latón
Circular
23,5 mm
KM#228
Escudo nacional e ano de emisión
Valor facial
2008
Aluminio
Circular
23,5 mm
KM#228a.1
Escudo nacional e ano de emisión
Valor facial
2012
Aluminio
Circular
23,5 mm
KM#228a.1
Escudo nacional e ano de emisión
Valor facial
25 colóns
2007
Bronce e aluminio
Circular
25,5 mm
KM#229
Escudo nacional e ano de emisión
Valor facial
50 colóns
2012
Bronce e aluminio
Circular
27,5 mm
KM#231
Escudo nacional e ano de emisión
Valor facial
100 colóns
2014
Latón
Circular
29,5 mm
KM#230
Escudo nacional e ano de emisión
Valor facial
500 colóns
2007
Bronce e aluminio
Circular
33 mm
KM#239
Escudo nacional e ano de emisión
Valor facial
Moedas retiradas da circulación
Valor facial Emisión Metal Forma Diámetro Ref. catálogo Krause Deseño do anverso Deseño do reverso Imaxe
5 colóns
1993
Aceiro cromado
Circular
26 mm
KM#214.1
Escudo nacional e ano de emisión
Valor facial
1997
Bronce e aluminio
Circular
21,5 mm
KM#227
Escudo nacional e ano de emisión
Valor facial
10 colóns
1992
Aceiro cromado
Circular
28,5 mm
KM#215.2
Escudo nacional e ano de emisión
Valor facial
20 colóns
1994
Aceiro cromado
Circular
31,3 mm
KM#216
Escudo nacional e ano de emisión
Valor facial


Billetes circulantes en Costa Rica [17]
Valor facial Personaxe Reverso Cor predominante Dimensións Imaxe do anverso Imaxe do reverso
1.000 colóns
(serie B)
Braulio Carrillo Colina
Bosque seco
Vermello
125 x 67 mm
2.000 colóns
(serie A)
Mauro Fernández Acuña
Arrecife de coral
Azul
132 x 67 mm
5.000 colóns
(serie B)
Alfredo González Flores
Mangleiral
Amarelo
139 x 67 mm
10.000 colóns
(serie A)
José Figueres Ferrer
Bosque húmido
Verde
146 x 67 mm
20.000 colóns
(serie A)
Carmen Lyra
Páramo
Laranxa
153 x 67 mm
50.000 colóns
(serie A)
Ricardo Jiménez Oreamuno
Nebuloso
Morado
160 x 67 mm


Billetes fóra da circulación desde 2011/2012 [17]
Valor facial Personaxe Cor predominante Dimensión Imaxe do anverso Imaxe do reverso
1.000 colóns

(serie D)

Tomás Soley Güell
Vermello
156 x 66 mm
2.000 colóns

(serie A)

Clodomiro Picado Twight
Marrón
156 x 66 mm
5.000 colóns

(serie C)

Xamán
Celeste
156 x 66 mm
10.000 colóns

(serie A)

Emma Gamboa Alvarado
Azul
156 x 66 mm


Predecesor:
Peso costarriqueño
Colón costarriqueño
Desde 1896
Sucesor:
Moeda en circulación
  1. "Colón" en Digalego. Dicionario de galego.
  2. "Colón". En Alfaro Asins, C. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid. ISBN 978-84-8181-405-7
  3. "Currency Symbols". Unicode.org
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 "The Costa Rica Colon". En Global Exchange' '.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "Costa Rican currency spotlight: Costa Rican Colón Arquivado 11 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". En Bussines and Currency. 1 de xaneiro de 2016.
  6. 6,0 6,1 6,2 Chacón Hidalgo, M. "Historia de la moneda en Costa Rica Arquivado 05 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Museos BCCR.
  7. "Aprende sobre Costa Rica. Frases, comidas, gente y más.... Arquivado 28 de maio de 2020 en Wayback Machine.". Lonely Planet.
  8. "10 Colones". En Numista.
  9. 9,0 9,1 9,2 "Billetes y Monedas Arquivado 05 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Banco Central de Costa Rica.
  10. "Billetes y Monedas". www.bccr.fi.cr. Consultado o 2021-01-24. 
  11. Chacón Hidalgo, M. "Historia de la moneda en Costa Rica Arquivado 05 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Museos BCCR.
  12. Rovira Mas, J. (1985). "Del desarrollo de Costa Rica y su crisis en el período de postguerra: 1948-1984". En Anuario de Estudios Centroamericanos. 11(1). Páxinas 32-42.
  13. Gartita, G. et al. (2006). "Crisis en Costa Rica en los años 80". En Aula de Economía.
  14. "Nuevos billetes circularán en Costa Rica". En Central America Data. 24 de agosto de 2012.
  15. "Banco Central presentó ayer las seis nuevas denominaciones Arquivado 05 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". En Numismático Digital. 22 de o utubro de 2014.
  16. "Banco Central anuncia el fin de la moneda de 5 colones". Delfino. 7 de novembro de 2019.
  17. 17,0 17,1 "Costa Rica (Bank Notes)". Abenteuer Reisen - Bis ans Ende der Welt.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar