Peso colombiano
Peso colombiano
Código:COP
Ámbito: Colombia
Símbolo:$
Fracción:100 centavos (¢)
Moedas:50, 100, 200, 500 e 1000
Billetes:1000, 2000, 5000, 10 000, 20 000, 50 000 e 100 000
Emisor:Banco da República de Colombia
Taxa de troco:
8-2-2018
1 EUR = 3.511 COP
1 USD = 2830.89 COP
Troco actual

O peso colombiano é a unidade monetaria de curso legal na República de Colombia. A súa abreviación formal é COP (ISO 4217), e informalmente é abreviada COL$. Localmente úsase o signo peso. A súa circulación é controlada polo Banco da República de Colombia. En 2017, a moeda emitida de menor valor é a de cincuenta pesos ($50) e o billete de maior valor é o de cen mil pesos ($100 000).

Historia da moeda colombiana editar

O peso foi a moeda colombiana dende 1810. En 1837, o peso substituíu o real a unha taxa de cambio de 1 peso = 8 reais, estando dividido inicialmente en 8 reais. En 1847, Colombia decimalizou a súa moeda, dividindo o peso en 10 reais, cada un dos cales se dividía en 10 décimos de reais. O real foi renomeado décimo en 1853, aínda que as últimas moedas de real foron cuñadas en 1880. O sistema actual de 100 centavos para o peso utilizouse por primeira vez en 1819 aparecendo nos billetes, pero non reaparece até principios de 1860 sobre os billetes e non se utilizou na moeda até o ano de 1872.

En 1871, Colombia adoptou o padrón ouro, ligando o peso ó franco francés nunha taxa de cambio de 1 peso = 5 francos. Esta taxa só se mantivo até 1886. En 1880, o presidente Rafael Núñez crea o Banco Nacional da República de Colombia, o cal tiña entre as súas múltiples funcións a de imprimir o papel moeda (denominado peso moeda corrente), que a partir de 1888 sufriu unha acelerada inflación.

 
Taxa de cambio do peso colombiano fronte ó dólar dende 1998.

Para arranxar esta situación o goberno de José Manuel Marroquín estabelece en 1903 a Xunta de Amortización, que debe converter todo o papel moeda circulante en ouro, a unha taxa de conversión de 100 pesos papel moeda = 1 peso ouro.[1] Logo, baixo o goberno do xeneral Rafael Reyes creouse o Banco Central, o cal continuou con moitas das funcións da Xunta de Amortización e estabeleceu unha taxa de cambio fixa respecto da libra esterlina, segundo a cal 5 pesos equivalían a 1 libra.

Tamén durante o goberno do xeneral Rafael Reyes Prieto créase unha ampla controversia sobre o funcionamento do Banco Central, o que leva ó goberno a cancelar o seu contrato co Banco Central e expedir a Lei 69 de 1909, segundo a cal se crea a Xunta de Conversión, encargada de retomar o traballo deixado pola xa extinta Xunta de Amortización. Durante este período o papel moeda comeza a imprimirse con valores nominais expresados en pesos ouro.

Logo da primeira guerra mundial, o país sofre algúns problemas monetarios, que levaron a que o presidente Pedro Nel Ospina solicitase en 1922 ós Estados Unidos a asesoría de especialistas en materia económica, os cales emprenderon unha misión coñecida como a misión Kemmerer, liderada por Edwin Walter Kemmerer, baixo cuxas recomendacións se crea en 1923 o actual emisor: o Banco da República.[2]

En 1931, cando o Reino Unido abandonou o padrón ouro, Colombia cambiou a súa vinculación ó dólar estadounidense, a razón de 1,05 pesos = 1 dólar, unha leve desvalorización da súa anterior vinculación. Esta vinculación existiu até 1949, cando a inflación da moeda colombiana acabou con esta taxa de cambio.

A convertibilidade do peso colombiano por ouro remata en 1931, grazas ó decreto 1638 de 1931.[3]

Malia o anterior, os billetes emitidos polo Banco da República continuaron levando as súas denominacións en pesos ouro até 1993, cando unha demanda interposta polo exsenador Pablo Victoria perante o Consello de Estado fixo que a palabra «ouro» e o termo «pagará ao portador» fosen eliminados dos billetes.[4]

Moedas editar

No presente circulan moedas de 50, 100, 200, 500 e 1000 pesos ($). Entre 1996 e 2002 estivo en circulación activa a moeda de $1000, que perdendo popularidade debido á súa falsificación masiva, polo cal se deixou de cuñalas, sendo substituídas pola emisión dun billete de 1000 pesos.[5][6] Aínda que tecnicamente esta moeda aínda non saíu de circulación, e aínda conserva o seu valor cambiario, era moi difícil atopala en circulación corrente ata que se introduciu a nova familia de moedas onde o Banco da República decidiu volver cuñar unha moeda desta contía, posta ó público a partir do segundo semestre de 2012.[7][8]

En 1998, en conmemoración dos 50 anos da OEA, o Banco da República puxo en circulación unha edición especial de 5000 moedas únicas de $5000. Pero pola súa presentación nun estoxo, o seu alto valor facial e a baixa cuñaxe, estas moedas practicamente non circularon.[9]

En 2006, redeseñouse a moeda de $20 que estaba a saír de circulación para minguar o costume de redondear os prezos á seguinte denominación ($50). Aínda así, a moeda é utilizada regularmente só por almacéns de cadea.

Posteriormente, en 2007, cambiouse a composición das moedas de $50 de alpaca a aceiro revestido de níquel, polos gastos que representaba a súa produción. Logo en 2008, a composición das moedas de $50 retornou a ser de alpaca.[10]

Notas editar

  1. "Los intentos de reintroducir el patrón oro a principios del siglo XX". Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2009. Consultado o 21 de marzo de 2018. 
  2. "La Misión Kemmerer". Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2011. Consultado o 21 de marzo de 2018. 
  3. Colección Numismática (Ver De los años veinte a los cuarenta - primeras emisiones del banco)
  4. "Boletín en PDF de la ASOCIACIÓN NUMISMÁTICA GRANADINA (Ver la página 13)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de setembro de 2011. Consultado o 06 de setembro de 2011. 
  5. http://www.eltiempo.com/archivo/documento/MAM-905414
  6. http://www.eltiempo.com/archivo/documento/MAM-1310631
  7. Banco de la República. "La moneda de MIL pesos no ha salido de circulación" (en castelán). 
  8. Comunicados de prensa Arquivado 27 de marzo de 2014 en Wayback Machine.. Banco de la República. 21 de febreiro de 2014
  9. "Monedas conmemorativas". Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2018. Consultado o 21 de marzo de 2018. 
  10. "Emisiones de monedas de $50" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de maio de 2011. Consultado o 14 de maio de 2011.