Gumersindo Laverde

escritor, xornalista e filósofo galego

Gumersindo Laverde Ruiz, nado en Estrada no concello de Val de San Vicente (Cantabria) o 5 de abril de 1835 e finado en Santiago de Compostela o 12 de outubro de 1890, foi un escritor, xornalista, e catedrático español.

Gumersindo Laverde
Gumersindo Laverde.png
Nome completoGumersindo Laverde Ruiz
Nacemento5 de abril de 1835
Lugar de nacementoEstrada
Falecemento12 de outubro de 1890
Lugar de falecementoSantiago de Compostela
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Oviedo, Universidad Central, Universidade de Valladolid e Universidade de Salamanca
Ocupaciónescritor, xornalista, autor, filósofo e catedrático de universidade
Na rede
Galiciana: 5189
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Formación e traxectoria profesionalEditar

Fillo de Toribio Laverde González e Asunción Ruiz Puertas, ao catro anos os seus pais trasladáronse ao pobo de Nueva, en Llanes, onde estudou as primeiras letras e latín con Antonio González. Esta etapa foi estudada por Fernando Carrera na súa obra Laverde Ruiz en la niñez (1956).

En 1847, marchou a Oviedo, con apenas doce anos, e alí cursou cinco anos de filosofía e ampliación. Dende 1853, na mesma universidade e, despois, nas de Madrid, Valladolid e Salamanca, realizou os seus estudos en dereito até licenciarse en 1859 e, posteriormente, tamén se licenciou de Filosofía e Letras en Oviedo.[1] Máis tarde fixo o doutoramento námbalas dúas materias. Os seus estudos en Valladolid e Salamanca realizounos baixo a protección dos poetas José Heriberto García de Quevedo e Lorenzo Nicolás Quintana. Durante toda a súa vida tivo moitos problemas de saúde.

En 1860, despois dun ano de descanso en Nueva á beira da súa familia, trasladouse a Madrid, onde foi empregado na Secretaría da Xunta de Beneficencia. En 1862, opositou a varias cátedras de retórica e poética, obtendo unha no Instituto de Lugo en 1863 e, onde entre 1870 e 1873, desempeñou o cargo de director. Nese último ano, quedaron vacantes as cátedras de Literatura latina nas Universidades de Valladolid e de Santiago de Compostela, e concorreu ás dúas ao mesmo tempo. Como conseguira as dúas e tiña que optar por unha, decidiu marchar á de Valladolid, onde tomou posesión o primeiro de outubro de 1873. Posteriormente, permutou esa cátedra por outra de Literatura Xeral Española na mesma facultade, da que máis tarde foi nomeado Decano.

En 1874 formou parte do tribunal que concedeu o Premio Extraordinario de Licenciatura a Marcelino Menéndez Pelayo, con quen estableceu unha perdurable e profunda amizade converténdose en mentor e nun dos grandes amigos de Marcelino Menéndez Pelayo, con quen mantivo unha longa e fructífera relación epistolar,[2] ata o punto de que un ano antes da súa morte, Menéndez Pelayo confesou que moitas das súas obras non se terían realizado sen o ánimo de Laverde, e que a el se debera o primeiro impulso e estímulo nos seus proxectos, en particular no seu libro La ciencia española (1879), que prologou o porpio Laverde. Este exerceu unha grande influencia en Menéndez Pelayo, sobre todo nos seus traballos dos primeiros anos e o orientou cara ao neocatolicismo malia que, nun principio, Menéndez Pelayo era liberal.

O 18 de outubro de 1876, conseguiu o traslado, tamén por permuta, á mesma materia da Universidade de Santiago de Compostela, onde permaneceu até o seu falecemento, o 12 de outubro de 1890.

Traballos e proxectosEditar

Máis que aos estudos xurídicos, dedicouse aos estudos literarios e filosóficos e deuse a coñecer como prosista e poeta.

Tamén se escribiu con outros grandes intelectuais da súa época, como Juan Valera. En 1865 publicou o Gran Almanaque de las dos Asturias, e defendeu o proxecto do ferrocarril cántabro en cartas e artigos publicados en El Trabajo, Revista Ovetense e La Abeja Montañesa de Santander, que provocaron o rexeitamento xeral de case toda a prensa asturiana.[1] Tamén defendeu con forza a unión das Asturias de Oviedo e Santander; é dicir, a unión do Principado e da Montaña en termos eclesiástico e universitario creando un único distrito; a Administración de Xustiza con audiencia territorial; no militar coa creación dunha Capitanía xeneral para os dous territorios; o sindicato agrario, industrial e artístico, celebrando congresos, exposicións e certames; o culto ás glorias e tradicións, erixindo en Covadonga un panteón onde repousasen as cinzas dos seus homes ilustres e a unión, en definitiva, en "todo e para todo honesto, fermoso e útil", propoñendo crear infraestruturas para promover o comercio mutuo. Así entendía Laverde a unión das dúas Asturias: “Traballar solidariamente no labor da súa civilización común, así como no da civilización xeral peninsular, como parte principal da nacionalidade ibérica”.

Sendo xa membro correspondente da mesma, obtivo mención honorífica no certame poético da Real Academia Española celebrado en 1865 por unha oda a Isabel II. Foi nomeado Xefe de Administración de cuarta clase, oficial da de terceiros do ministerio de Fomento, por Real Orde de 24 de febreiro de 1872. Foi académico correspondente das Reais Academias da Lingua (1864) e da Historia (1868).

Destacou pola súa defensa do pasado filosófico español, fronte ao descrédito da época.

Laverde proxectaba desde a súa mocidade unha Historia de los santos españoles desde la época romana que era, en realidade, un estudo do proceso da Igrexa Española ao longo da súa historia, pero esta idea non chegou a callar.

ObraEditar

A súa produción escrita non é demasiado extensa e está recollida sobre todo nos Ensayos críticos sobre Filosofía, Literatura e Instrucción Pública (Lugo, 1868), quedando o resto disperso en revistas da época. Nestes ensaios móstrase como un filósofo neocatólico e loita ferozmente contra o krausismo. Ao morrer, a súa viúva Josefa Gayoso, enviou o seu expediente a Marcelino Menéndez Pelayo coa idea de que publicase as súas obras, pero non se levou a cabo por mor da morte de Menéndez Pelayo. Os seus poemas foron publicados en 1952 cun prólogo fundamental de José María de Cossío, e enmárcanse dentro do patetismo romántico, aínda que prefire expresar o seu sentimento a través dun metro clásico, en particular da estrofa sáfica, xa que sempre estivo especialmente preocupado polo coidado formal e mesmo fixo algunhas innovacións métricas que foron discutidas polos seus contemporáneos. Os seus poemas son amatorios, cunha forte presenza de temas fantasmagóricos, aparencias e nocturnidades, sempre co patetismo que se desprende das brétemas da súa terra e no que se lle engade a súa dolorosa enfermidade, e neles se atopan ecos de Alphonse de Lamartine, e de MacPherson (Ossian) en poemas como La luna y el lirio. De certo, o agostiño Francisco Blanco García, chegou a denominalo o "Ossian español".[3]

Colaborou en varios xornais e revistas de Asturias: Álbum da Mocidade, El Faro Asturiano, La Revista literaria de Asturias, El Trabajo, Revista de Asturias e El Oriente de Asturias; de Salamanca: Eco de Salamanca e La Crónica de Salamanca; de Sevilla, España Literaria; de Madrid: Círculo Científico y Literario, Revista de Instrución pública, Revista Ibérica, La Concordia. Revista de España, La Enseñanza, El Progreso, Revista de Madrid, La llustracción Gallega y Asturiana, Revista Europea e outras varias; de Santander, La Abeja Montañesa, La Tertulia, Revista Cántabro Asturiana e o Libro de Cantabria. Deixou ademais moitos artigos e versos inéditos.

Lista de obrasEditar

  • Ensayos críticos sobre Filosofía, Literatura e Instrucción Pública, 1868 (Lugo: Imprenta de Soto Freire)
  • Paz y misterio, poema.
  • Los estudios bíblicos, 1868; tomo V da Revista Española.
  • El tradicionalismo en España en el siglo XVIII, 1868; tomo I da Revista Española.
  • A Isabel II, Madrid, 1865; oda premiada pola RAE.
  • El filósofo español Sebastián Fox Morcillo: discurso inaugural del año académico de 1884 à 85 en la Vniversidad de Santiago, 1885 (Santaigo: Imp. do Seminario Conciliar).
  • Gumersindo Laverde Ruiz. Selección e estudo de José María de Cossío. Santander, 1951 (Imp. e Enc. da Librería Moderna).
  • Apuntes lexicográficos sobre una rama del dialecto asturiano, 1879; Revista de Asturias.

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 Sánchez-Gey Venegas, Juana. "Gumersindo Laverde Ruiz". dbe.rah.es (en castelán). Consultado o 3 de xaneiro de 2022. 
  2. Vallejo del Campo (2019), p. 134
  3. Martínez Cachero, José María (2001). "La poesía de Laverde Ruiz". cervantesvirtual.com (en castelán). Consultado o 3 de xaneiro de 2022. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar