José Calvo Sotelo

político e xurisconsulto galego

José Calvo Sotelo, nado en Tui o 6 de maio de 1893 e finado en Madrid o 13 de xullo de 1936, foi un político e xurisconsulto dereitista galego, ministro de Facenda do Goberno do Estado entre 1925 e 1930, durante a Ditadura de Primo de Rivera.

José Calvo Sotelo
Nacemento6 de maio de 1893
Lugar de nacementoTui
Falecemento13 de xullo de 1936
Lugar de falecementoMadrid
Causaferida por arma de fogo
NacionalidadeEspaña
Relixióncatolicismo
Alma máterFacultade de Dereito da Universidade de Zaragoza
Ocupaciónpolítico, avogado, xurista, economista, avogado do estado e profesor universitario
PaiPedro Calvo Camina
NaiElisa Sotelo Lafuente
CónxuxeEnriqueta Grondona Bandrés
FillosMaría de la Concepción Calvo-Sotelo Grondona, Enriqueta Calvo-Sotelo Grondona, José Pedro Calvo-Sotelo Grondona e Luis Emilio Calvo-Sotelo Grondona
IrmánsJoaquín Calvo Sotelo, Leopoldo Calvo Sotelo, Luis Calvo Sotelo e María del Pilar Calvo Sotelo
PremiosGran Cruz da Orden de Carlos lll
Na rede
Galiciana: 38844 Dialnet: 3183862 WikiTree: Calvo_Sotelo-2
editar datos en Wikidata ]

Estivo exiliado durante os primeiros anos da Segunda República, non obstante foi elixido deputado en todas as lexislaturas, incorporándose ao seu escano logo dunha amnistía durante o bienio radical-cedista en 1934. Destacou como líder monárquico a través do partido Renovación Española, aínda que non mantivo boa relación coas outras forzas da dereita: a maioritaria, partidaria de contemporizar coa República (CEDA) e as minoritarias, entre as que estaba Falange Española.

No turbulento período entre febreiro e xullo de 1936, foi protagonista de varios debates nas Cortes nos que solicitou ao Goberno que restablecese a orde pública, reclamando que, en caso contrario, tal tarefa debería ser asumida polo Exército. Logo de fortes enfrontamentos parlamentarios, recibiu ameazas de Dolores Ibárruri La Pasionaria (16 de xuño), e indubidablemente de Ángel Galarza (1 de xullo). Na madrugada do 13 de xullo de 1936 un grupo de gardas de Asalto e militantes socialistas, dirixido polo capitán da Garda Civil Fernando Condés detívoo no seu domicilio e introduciuno no interior dunha camioneta da Garda de Asalto onde Luis Cuenca, militante das Xuventudes Socialistas e gardacostas de Indalecio Prieto, o asasinou a sangue frío disparándolle dous tiros na caluga, en represalia polo asasinato do esquerdista tenente de Asalto Castillo, que tivera lugar horas antes. Un dos efectos do seu asasinato foi acirrar a aqueles que, como o xeneral Francisco Franco, aínda mantiñan dúbidas sobre se debían sublevarse contra o Goberno de forma inmediata.

Na posguerra foi honrado polo réxime franquista como Protomártir da Cruzada[1] ou Protomártir del Movimiento Nacional.[2] Foi apelado tamén o Matteotti español.

Traxectoria editar

Infancia e xuventude editar

 
Casa natal, en Tui.

Fillo do xuíz Pedro Calvo Camina e de Elisa Sotelo Lafuente, a profesión de seu pai fixo que tivese que cambiar frecuentemente de residencia durante a súa infancia e primeira xuventude. Durante a súa estadía en Zaragoza, en cuxa universidade se licenciou en Dereito con nota media de matrícula de honra, José Calvo Sotelo colaborou asiduamente no diario católico El Noticiero e fundou unha revista universitaria titulada La Es...coba, que só durou uns meses. Un novo traslado de seu pai, esta vez a Madrid, permitiulle doutorarse na Universidade Central cunha tese titulada El abuso del derecho como limitación del derecho subjetivo, publicada en 1917 con prólogo de Gumersindo de Azcárate, obra na que mostraba a súa preocupación polos asuntos sociais. Foi o primeiro autor en escribir en español sobre o tema; en 1942 o Tribunal Supremo utilizou por primeira vez esta doutrina.

 

Recibiu o premio extraordinario de doutoramento xunto con Felipe Sánchez-Román, sendo invitado polo político conservador Ángel Ossorio Gallardo a escribir en Vida Ciudadana, órgano do maurismo no Ateneo de Madrid. A súa entrada no Ateneo permitiulle tomar parte activa nos debates que alí se celebraron, mantendo fortes polémicas con personaxes como Ángel Galarza e Manuel Azaña. A partir de aquí Calvo participou en diversos mitins e actividades mauristas, sendo un dos principais impulsores da súa mutualidade obreira e plasmando a súa preocupación sobre o tema nun folleto titulado El proletariado ante el socialismo y el maurismo.

En 1915 obtivo por oposición unha praza de oficial letrado do Ministerio de Gracia y Justicia. En xuño de 1916 sacou a oposición de avogado do Estado, co número un da súa promoción e unha puntuación sen precedentes (40 puntos). Desde 1917 foi profesor auxiliar na Universidade Central, na que cesou, a petición propia, en 1920. Durante o breve período que permaneceu en Toledo como avogado do Estado coñeceu a Enriqueta Grondona, coa que casou o 28 de xuño de 1918.

Iniciación na política editar

Membro da secretaría persoal de Antonio Maura durante o goberno de concentración que este presidiu en 1918 (o denominado Goberno Nacional, maio-novembro de 1918), Calvo Sotelo traballou daquela nun proxecto de reforma do réxime local, que non chegou a ser debatido, pero que lle serviría máis tarde, durante a ditadura de Primo de Rivera. Logo dun primeiro fracaso electoral nos comicios de 1918 cando se presentou polo distrito do Carballiño, que lle permitiu ver como funcionaba o caciquismo en Galicia, en 1919 obtivo acta de deputado polo mesmo distrito[3], distinguíndose nas Cortes polas súas duras críticas contra o caciquismo e a súa preocupación polos problemas sociais. Este mesmo ano asinou o manifesto da Democracia Cristiá, promovido por Severino Aznar, conseguindo que o seu programa social fose recollido polo maurismo.

A crise de Goberno de decembro de 1920 e a convocatoria de novas eleccións, fixeron que Calvo Sotelo perdera a súa acta nunhas eleccións moi disputadas nas que o Goberno desautorizou a testemuña presencial de varios notarios para favorecer ao seu candidato. Porén, o asasinato de Eduardo Dato e o desastre de Annual volveron cambiar o panorama político, e Maura volveu á presidencia do Consello en agosto de 1921, nomeando o 3 de setembro a Calvo Sotelo gobernador civil de Valencia, posto no que permaneceu ata o 11 de abril de 1922.

Un novo intento electoral polo distrito de Noia en 1923 non obtivo mellores resultados que o anterior. É de destacar o anticaciquismo radical e o carácter galeguista da proclama coa que tratou de alentar aos seus partidarios despois da derrota[4]

Calvo Sotelo e a Ditadura de Primo de Rivera editar

Coa toma do poder por parte de Primo de Rivera e logo da previa autorización de Maura, Calvo Sotelo aceptou ser nomeado Director Xeral da Administración, cargo do que tomou posesión o 22 de decembro de 1923. Os argumentos rexeneracionistas utilizados por Primo de Rivera para derribar o réxime parlamentario encontraron eco na teoría política de Calvo Sotelo:

As miñas conviccións políticas son democráticas. Cría e creo na necesidade do Parlamento; cría e creo no Sufraxio, pero, precisamente por iso, abominaba do réxime político imperante. Réxime que representaba un escarnio do Parlamento, unha prostitución do sufraxio... E cando o xeneral Primo de Rivera irrompeu na vida pública española, vin nel un factor providencial de saneamento. Este home -pensei- vén afundir para sempre os vellos procedementos.
¿Que importa o medio? Axudémoslle.
José Calvo Sotelo: Mis servicios al Estado, Madrid, imprenta clásica española, 1931, p. 7

Director Xeral da Administración editar

A obra máis significativa de Calvo Sotelo como director xeral da Administración foi o Estatuto Municipal, publicado o 8 de marzo de 1924, froito da concepción que Calvo Sotelo tiña do Municipio como "feito social de convivencia anterior ao Estado e anterior tamén, e ademais superior, á lei. Esta ha de limitarse, xa que logo, a recoñecelo e amparalo en función adxectiva [...] Afirma, pois, o novo Estatuto, a plena personalidade das entidades municipais, e, en consecuencia, recoñece a súa capacidade xurídica integral en todas as ordes do dereito e da vida". Ademais, sempre segundo Calvo Sotelo, "o Estatuto descansa nunha concepción optimista do pobo español. A lei derrogada, co seu criterio centralizador e absorbente, opoñía ao cidadán un muro moitas veces infranqueable. Rota a traba, as enerxías locais, antes cohibidas, poderán agora desenvolverse amplamente."

O Estatuto tiña tres aspectos fundamentais:

  1. O desexo de democratizar a vida local. Para iso rebaixaba o voto aos 23 anos; establecía a representación proporcional nos concellos; outorgaba o voto ás mulleres emancipadas e cabezas de familia; garantía o segredo do voto mediante cabinas; establecía o referendo municipal para certas cuestións, incluída a remoción do alcalde etc. Non obstante, non todos os concelleiros se elixían por sufraxio, senón que propuña que unha terceira parte fosen corporativos.
  2. O aumento das competencias e obrigas dos concellos, que podían organizarse segundo desexasen, optando por fórmulas que ían desde o concello aberto ao réxime de carta. Os concellos poderían mancomunarse libremente incluso pertencendo a distintas provincias, e tamén fusionarse ou separarse con permiso das respectivas deputacións provinciais. Entre as novas competencias estaba a capacidade para construír ferrocarrís, abordar empresas urbanísticas, "acordar a municipalización, incluso con monopolio, de servizos e empresas que hoxe viven nun réxime de liberdade industrial", para o que se permitirían as oportunas expropiacións. Entre as obrigas recollíase a de secundar as leis sociais sobre casas baratas, retiro obreiro e seguros de enfermidade; a de facilitar locais para escolas e vixiar a asistencia á mesma, así como o coidado da hixiene, a repoboación forestal etc.
  3. A reforma da Facenda municipal, desenvolvida por Antonio Flores de Lemus, que prevía a formación de presupostos extraordinarios para impulsar iniciativas de interese público, permitindo aos concellos a emisión de débeda para facerlles fronte. Ao mesmo tempo aumentábanse os seus recursos ordinarios e creábase un arbitrio sobre os terreos incultos ou deficientemente cultivados.

O Estatuto, porén, viuse adulterado polo feito de que as disposicións relativas á elección dos membros da corporación municipal nunca chegaron a poñerse en práctica.

Un ano máis tarde, o 20 de marzo de 1925, promulgábase o Estatuto Provincial, que contemplaba a provincia non como unha circunscrición ao servizo do Estado, senón ao servizo dos concellos que a integraban. Limitábase o poder dos gobernadores civís e os concellos podían chegar a disolver as deputacións provinciais. Na parte electoral e facendística seguíanse as pautas marcadas polo Estatuto Municipal.

Dentro do Estatuto Provincial, había un título dedicado á Rexión, que foi aprobado grazas á insistencia de Calvo Sotelo, pois Miguel Primo de Rivera reaccionara en sentido unitario, esquecéndose do seu inicial fervor rexionalista, que lle valera en 1923 a adhesión entusiasta dos cataláns (Primo de Rivera disolveu en 1925 a Mancomunidade de Cataluña, único órgano administrativo supraprovincial desenvolvido ao amparo da Lei de Mancomunidades Provinciais aprobada por Dato en 1913). Segundo o texto, para constituír unha rexión era necesario que a iniciativa fora apoiada polas tres cuartas partes dos concellos que representasen polo menos as tres cuartas partes da poboación das provincias interesadas, logo o proxecto de estatuto tería que ser ratificado pola mesma maioría, e pasaría ao Goberno para a súa redacción definitiva, na que contaría coa asistencia do Consello de Estado. As súas atribucións serían as do Estado "que non sexan consubstanciais coa súa soberanía" e tivesen ámbito rexional. Cada Rexión contaría coa súa propia asemblea deliberante, cuxas tres cuartas partes, como mínimo, terían que ser elixidas por sufraxio universal. Garantíase a xurisdición do Tribunal Supremo da Nación en todos os asuntos de índole civil e penal, así como a acción pública gratuíta para reclamar contra os actos administrativos da Rexión. O Goberno podería disolver unha Rexión por causas graves de orde pública ou seguridade nacional, aínda que esta medida debería ser ratificada polas Cortes.

En calquera caso, e aínda que louvaba os ímpetos rexionalistas que vía xa desenvolverse en Valencia e Galicia, Calvo Sotelo mostraría posteriormente o seu rexeitamento absoluto a calquera veleidade federalista que puxese en dúbida a unidade de España:

Ai de España si baixo a aparencia exquisita e inofensiva morde a fel do rancor e toma raíces un afán federalista que pode concibirse alí onde, por preexistir a desintegración, importa moito vincular e irmandar, pero que soa a disparate onde, preexistindo a unidade, non cabe federar sen previa fractura, que probablemente non tería logo soldadura espiritual nin física!

Ministro de Facenda editar

Calvo Sotelo foi nomeado ministro de Facenda en decembro de 1925. O seu apoio aos corpos técnicos e administrativos de Facenda conseguiu aumentar a súa eficacia. O 24 de decembro de 1925 presentou ante o Consello de ministros tres proxectos de decreto destinados a perseguir a fraude fiscal; o máis famoso foi o que dispuña que todos os propietarios debían declarar en tres meses o valor verdadeiro das súas propiedades rústicas e urbanas. Pasado dito prazo, se se comprobaba que o valor declarado era inferior en máis dun 50 por cento ao real, o Estado podería proceder á expropiación forzosa mediante o pago dunha indemnización que non podería exceder do valor declarado polos propietarios en máis dun 15 por cento. O rebumbio levantado por tal proxecto de decreto foi inmenso, facendo que a Calvo Sotelo o denominaran o "ministro bolxevique". Primo de Rivera viuse tan presionado que optou por dar marcha atrás, pero negouse a aceptar a dimisión de Calvo, que defendeu o seu punto de vista nun discurso pronunciado na Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación baixo o título La contribución y la riqueza territorial de España. Un real decreto de 25 de xuño de 1926, que aumentou os tipos impositivos da contribución territorial, pero sen aumentar as súas bases, pode considerarse unha solución de compromiso, que permitiu aumentar a recadación por este concepto de 161 millóns de pesetas en 1923-1924 a 210 de 1929.

O 18 de xaneiro de 1927 Calvo Sotelo publicaba en La Gaceta de Madrid o seu proxecto de reforma fiscal, sobre o que se abriu un prazo informativo de tres meses. O "Imposto sobre rendas e ganancias", precedente directo do actual IRPF, gravaba a todos os contribuíntes segundo os seus ingresos, conforme a unha escala progresiva, pois buscábase a igualdade do sacrificio, que, para Calvo Sotelo, "é a verdadeira esencia, a medula, a raíz, da equidade e da xustiza tributaria".[5] Igual que noutras ocasións, o debate suscitado fixo que Calvo Sotelo non lograse levar adiante os seus designios, aínda que si puido efectuar varios retoques nas vixentes tarifas de utilidades.

Se a política económica de Primo de Rivera fose de contención do gasto público, talvez a maior eficacia recadatoria e o moderado aumento da presión fiscal terían sido suficientes para equilibrar o presuposto. Pero non era este o caso. O goberno estaba embarcado nunha política expansiva que, xunto aos seus posíbeis efectos positivos á hora de impulsar a economía nacional e crear emprego, supuxo un forte aumento dos gastos. Era necesario conseguir maiores ingresos e para iso os medios postos en marcha foron os seguintes: a) ordenación da Débeda existente; b) financiamento do aforro público con emisións de fondos públicos; c) creación dun sistema bancario de tipo público especializado; d) fomento do aforro cunha completa consolidación da alta Banca privada española.[6]

O instrumento primordial usado polo goberno para pór en marcha un ambicioso plan de obras e servizos que se debía desenvolver ata decembro de 1936 foi a emisión de débeda pública a través do denominado "presuposto extraordinario". A súa formulación teórica era moi sinxela. O atraso en que se encontraba España obrigaba o Estado a emprender un ambicioso plan de investimentos que permitise dotar o país, coa máxima rapidez posible, de camiños, escolas, ferrocarrís, escuadra etc. Non atender ditas necesidades sería, en opinión de Calvo Sotelo, conseguir "a solvencia da ruína, e digo a ruína, porque cando se suprime o indispensable para a vida, morre o ser que así aspira a ser solvente".[7] Agora ben, os gastos que tal política supuña desbordaban con moito os ingresos ordinarios do fisco. Por tanto a solución enunciada era crear un orzamento adicional, no que se consignarían os gastos a que dese lugar esta política, e a cuxas necesidades se faría fronte mediante a emisión de débeda, contabilizándose os intereses da mesma dentro dos pagos do presuposto ordinario. A polémica en torno ao orzamento extraordinario e á correcta interpretación económica do mesmo iniciouse no momento da súa creación, e chegou ata a actualidade. O feito de que o presuposto extraordinario se financiase por medio de emisións de débeda creou tamén unha polémica sobre se o estado en que recibiu a Facenda Pública Calvo Sotelo foi mellor ou peor do que legou aos seus sucesores (considerando que durante a súa estancia no Ministerio tamén levou a cabo unha importante amortización da débeda de períodos anteriores). O tema foi estudado con detemento por Francisco Comín, que conclúe que o estado da Facenda ao finalizar a ditadura era moito mellor que o recibido por esta.[8]

"Dentro do marco, un tanto negativo, da política industrial e comercial da Ditadura, aparece un punto evidentemente luminoso: a creación do Monopolio de Petróleos", sinala o profesor Velarde ao referirse a unha das no seu día máis criticadas iniciativas de Calvo Sotelo[9]. A medida deu lugar a episodios como a visita a Calvo Sotelo e a Primo de Rivera de sire Henry Deterding, presidente do grupo Shell, co fin de conseguir que o goberno español dese marcha atrás na súa resolución (ao non conseguilo ameazou cun embargo de petróleo que deixaría España sen subministracións durante un ou dous anos, ameaza que puido eludirse grazas aos acordos que a ditadura asinou coa Unión Soviética). O propósito de Calvo Sotelo non era unicamente a creación dun monopolio mediante o que o Estado quedase cos beneficios da distribución de combustible, senón que os seus obxectivos ían máis aló, considerando que CAMPSA debía acometer outras actividades, como a adquisición de xacementos petrolíferos, a construción dunha frota de petroleiros, a posta en marcha de refinerías etc.

A creación dun sistema bancario de tipo público especializado foi outro dos obxectivos perseguidos por Calvo Sotelo durante a súa permanencia no Ministerio de Facenda. Dentro das iniciativas desenvolvidas neste aspecto, sen dúbida a máis importante foi o Banco Exterior de España ("unha das obras de que máis me oufanou", como escribiría posteriormente o seu impulsor), aínda que tampouco debe esquecerse o Banco de Crédito Local, xurdido antes desta etapa, en 1925, nin as reformas efectuadas no Banco Hipotecario e o Banco de Crédito Industrial. Tamén a el se lle debe a implantación do seguro contra as perdas que puidese ocasionar a exportación de mercadorías españolas, para o que se harmonizou a acción das compañías de seguros, o Banco Exterior e o Estado.

Máis polémico ca estas medidas foi o intento de Calvo Sotelo de manter a cotización da peseta, que tras incrementar notablemente o seu valor durante os primeiros anos da Ditadura, iniciou un rápido descenso axiña que esta pareceu empezar a ter problemas políticos, pois un dos grandes problemas da Ditadura foi a súa falta de consolidación institucional. Primo de Rivera presentara o réxime como unha forma de goberno provisional, "unha letra a noventa días”, que había ir renovándose, pero que non dera lugar a unha nova configuración do Estado. A Constitución de 1876 non fora derrogada —tan só suspendida—, e os intentos do réxime de dotarse dunha nova carta constitucional foron estériles ante a oposición que atopou dentro do mesmo ministerio o proxecto elaborado pola Asemblea Nacional. A fórmula en que debía acharse unha saída política que permitise a consolidación e continuación da obra da Ditadura deu lugar en decembro de 1930 a duros enfrontamentos entre Miguel Primo de Rivera e José Calvo Sotelo, que cría que todo o que se fixese debía ser conforme os mecanismos políticos da Constitución de 1876. O resultado destas disensións, e do desgaste sufrido por Calvo Sotelo ante a opinión pública como consecuencia da desvalorización da peseta (un 60 % durante o seu ministerio), foi que o 20 de xaneiro de 1930 o ditador admitiu a súa renuncia. O réxime tan só o sobreviviu unha semana, pois o 28 de xaneiro Primo de Rivera presentáballe a súa dimisión ao rei Afonso XIII.

Calvo Sotelo fixo o seguinte xuízo acerca da súa xestión á fronte do Ministerio de Facenda:

Achei unha Facenda avariada, exhausta, precaria. Por iso, houben de consagrarme inicialmente ao reforzo de ingresos, á poda de gastos e á mellora dos servizos. Modernicei a mecánica; simplifiquei a recadación; retoquei algúns tributos; fixen comprensiva e flexible a inspección fiscal; loitei denodadamente contra a ocultación; acrecentei o patrimonio do Estado, creando o Monopolio de Petróleos; extirpei a Débeda flotante, reducín o volume da Perpetua e intensifiquei a amortización da restante consolidada; dotei financeiramente os grandes plans reconstrutivos do país; dei vida ao Banco Exterior, axilidade ao de Crédito Industrial, control ao Hipotecario e realidade ao Seguro de crédito á exportación; remocei a lexislación de Clases pasivas, mosaico de rutinas e arcaísmos; abrín canle a unha expansiva rede de zonas francas; e leguei aos meus sucesores un proxecto de reforma tributaria cuxas directrices son inescusables se aquela ha de abordarse algún día de acordo coas correntes mundiais... Traballei, en fin, sen taxa nin horario, con entusiasmo e austeridade. Satisfeito do meu labor, nin o exalto, nin o desprezo; simplemente o evoco para asociar a el, de modo ostensible, toda a miña responsabilidade.
Mis servicios al Estado, p. 434.

O último ano da Monarquía editar

O 18 de febreiro de 1930 José Calvo Sotelo foi chamado á presidencia do Banco Central. A institución pasaba por momentos problemáticos, debidos, entre outras cousas, aos elevados préstamos efectuados a persoas que tiñan problemas para devolvelos, e que se sentaban no consello de administración da entidade bancaria. Finalmente, e despois de non lograr que prevalecesen os seus puntos de vista, Calvo Sotelo dimitiu o 15 de setembro.

O seu sucesor, Manuel Argüelles, realizou unha dura crítica da súa xestión e procedeu, segundo as regras da economía clásica, a paralizar os investimentos do Estado para tratar de enxugar o déficit. O resultado foi un significativo freo da actividade económica española que fixo que para García Delgado o "erro Argüelles" poida considerarse "máis importante que calquera pretendido «erro Berenguer» ou «erro Aznar»”. A controversia entre ambos os ministros, publicada orixinalmente en ABC, foi recollida por Calvo Sotelo en Mis servicios al Estado.

 
Placa conmemorativa dun discurso dado no Carballiño en novembro de 1930.

A feroz crítica contra todo o labor da Ditadura fixo que o 14 de febreiro de 1930 sete exministros de Primo de Rivera, entre os que se encontraban o conde de Guadalhorce e Calvo Sotelo, se reunisen para estudar a posibilidade de crear un partido político que defendese e continuase a súa obra. A mediados de marzo Calvo Sotelo entrevístase con Primo de Rivera en París logrando ao parecer convencelo de que se presentase ás próximas eleccións. Pero non houbo ocasión, pois o ex ditador faleceu á mañá seguinte, asistindo Calvo Sotelo ao funeral e publicando en ABC un eloxioso artigo na súa memoria. O 24 de marzo nunha nova reunión de varios exministros, á que se sumaron José Antonio Primo de Rivera, fillo do ex-ditador, e José Gavilán, presidente do comité executivo da Unión Patriótica, decidiuse a creación da Unión Monárquica Nacional, cuxo manifesto fundacional apareceu o 5 de abril. Logo de sinalar que "a nosa adhesión á obra da Ditadura, no substantivo, non implica adhesión á esa modalidade de Goberno", concluíase afirmando: "a Unión Monárquica Nacional xulga necesarias aquelas modificacións legais que, sen mingua das prerrogativas e funcións propias das Cortes e o Rei, tenden a afortalar o exercicio do Poder executivo".

No verán de 1930 a Unión Monárquica Nacional promove unha campaña de mobilización social a nivel nacional. Calvo Sotelo participou nos actos de Asturias e Galicia, nos que falou xunto a José Antonio Primo de Rivera, sen que conste que naquelas datas existise a menor diferenza entre eles. Ambos estaban dentro da lista de 28 deputados que Guadalhorce desexaba pactar con Berenguer de cara ás seguintes eleccións a Cortes, que non chegaron a verificarse pola caída do Goberno Berenguer e as conseguintes eleccións municipais, onde as candidaturas republicanas se fixeron co triunfo nas grandes cidades. Na tarde do 14 de abril, despois de que as masas izasen a bandeira republicana no concello de Madrid, fronte ao que tiña o seu domicilio, e de que se lanzasen berros ameazadores contra a súa persoa, Calvo Sotelo abandona a capital con dirección a Portugal, cuxa fronteira cruza na mañá do día 15 en compañía de Yangüas Messía e Guadalhorce.[10]

A Segunda República editar

O exilio (abril 1931 – maio 1934) editar

Entrevistado polo lisboeta Diário da Manhã en maio de 1931, poucos días despois da queima de conventos e edificios relixiosos en Madrid e outras localidades españolas por grupos anarquistas, Calvo Sotelo non cría entón na posibilidade dunha restauración monárquica, pero amosou a súa preocupación polo ataque que acababa de sufrir a Igrexa católica, atribuíndollo ao réxime republicano: "É grande, profundo en España, o sentimento católico. Se a república persiste en hostilizalo, ocasionaranlle enormes dificultades." Declarou tamén coma unha das súas preocupacións que o novo parlamento se convertese, baixo a súa perspectiva, nunha cámara radical e sectaria: "Se no Parlamento español chegan a dominar os elementos extremistas, xurdirán días tráxicos para España. E iso é indispensable impedilo, custe o que custe [...] Os exclusivismos en política conducen sempre ás hecatombes." En canto á posibilidade de volver a España non a proxectaba de maneira inmediata, xa que os dous ministros da Ditadura que permaneceran en España foran presos "non por mandato xudicial, senón Gubernativamente".

A pesar de non poder regresar, Calvo Sotelo presentouse ás eleccións de xuño de 1931 e foi elixido deputado pola provincia de Ourense, publicando un manifesto aos electores:

Son católico, e creo que, por selo os máis dos españois, 'o Estado debe soster o culto e o clero'. [...] Nada obxecto á liberdade de cultos xa decretada, sempre que para a Igrexa sexa liberdade e non persecución. Así, haberá de recoñecérselle: a) o dereito de ensinar e propagar a palabra de Deus; b) o de organizarse en Congregacións sen límite que non sexan o común. Votarei, xa que logo, 'contra a escola laica, a escola única e a disolución e expulsión das ordes relixiosas'. Finalmente, creo que a indisolubilidade do matrimonio, se adoece de inconvenientes notorios, libera, en cambio, á sociedade de males gravísimos. 'Votarei contra o divorcio disolutorio'.

Son avanzado en materia social e económica, mais non profeso o marxismo; [...] porque estimo esencial para o progreso humano o desenvolvemento e difusión da propiedade privada, e, en último término, porque acho vital e insubstituíble o fervor relixioso na ordenación económica da vida social. Pero fronte á propiedade hai que exaltar, como fonte suprema de dereitos e prerrogativas, outro principio: o traballo.

O imposto progresivo sobre a renda, a universalización -en riscos e beneficios- do seguro social, o salario familiar, os arrendamentos colectivos das leiras, o accionariado obreiro, a limitación dos poderes financeiros oligárquicos etc., son postulados da miña ideoloxía [...]

Eu non votei a República, pero quíxoa a maioría dos meus compatriotas, e respéctoa [...] Pero 'desde fóra', debo opinar respecto da estruturación da nacente República, e anuncio que votarei a favor da República de tipo "presidencialista", en que o xefe do Estado sexa elixido por sufraxio universal directo, e o Parlamento, por grandes circunscricións e conforme ao sistema da representación proporcional, na súa Cámara popular, e polos intereses espirituais, económicos e profesionais do país, na súa Cámara alta.

Non admito a Confederación. O Federalismo paréceme inadecuado. 'Estimo sagrada a unidade patria, pero compatible con ela a autonomía rexional', sobre a que fala, con autoridade notoria, un texto legal que eu redactei: o libro III do Estatuto provincial, que admite a rexión [...] e defínea con enorme amplitude ao recoñecerlle todas as atribucións que o Estado non deba reservarse 'consustanciais coa súa soberanía'.

A eses preceptos me cingo: Nación, só unha: España; Estado, só un: o español. E dentro del as rexións que se queira, con autonomía plena, intensa e profunda, pero sen romper xamais o cordón umbilical que debe unilas á nai patria.
Publicado orixinalmente en La Región, 21-VI-1931 e recollido por Julián Soriano Flores de Lemus: Calvo Sotelo ante la II República. Madrid, Editora Nacional, 1975, pp. 156-158.

Calvo tiña grandes esperanzas de poder regresar a España en virtude da súa acta de parlamentario, xa que ata entón a elección en sufraxio indultaba de calquera posible delito político, como xa ocorrera tras as eleccións de 1918 con Besteiro (presidente das Cortes de 1931) e Largo Caballero (membro do comité revolucionario na folga xeral de 1917 e condenado a cadea perpetua). O asunto discutiuse no Consello de Ministros, onde Niceto Alcalá Zamora, Manuel Azaña, Diego Martínez Barrio e Largo Caballero quedaron en minoría ao sustentar a doutrina de que non se debía prender un deputado, acordando que foran finalmente as Cortes as que decidisen, para o cal foi creada a Comisión de Responsabilidades, un tribunal especial composto por deputados para xulgar a aqueles que colaboraran coa Ditadura, feito que non foi ben recibido por Calvo Sotelo, quen cría que as responsabilidades que puidera haber deberían ser xulgadas por un tribunal composto por maxistrados. A partir de aquí a postura de Calvo cara á nova república endureceuse enormemente, e non tardou en comezar a falar da "Ditadura republicana", xa que na súa opinión as ditaduras "non se definen polo órgano, senón polo procedemento".

Ademais, Calvo Sotelo foi obxecto dun segundo suplicatorio nas Cortes, pois foi denunciado tras concedérselle a Juan March o monopolio de tabacos nas prazas de soberanía española de África. Calvo Sotelo opúxose publicamente á existencia deste monopolio, que ao final se adxudicou por decisión de Primo de Rivera. Ademais, como puxo de manifesto Gil Robles na sesión secreta das Cortes de 8 de xuño de 1932, o canon imposto por Calvo Sotelo a March era maior que o que o novo ministro de Facenda, Prieto, acababa de imporlle ao novo concesionario, co que mal podía exporse que con aquel contrato se prexudicara os intereses do Estado. No fondo, a denuncia nesta ocasión non ía dirixida contra Calvo Sotelo, senón contra March, que acabou no cárcere, acusado de utilizar o monopolio para efectuar contrabando de tabaco a grande escala na península, aínda que diferentes fontes afirman que a causa foi a súa negativa a financiar os republicanos en 1930.[11]

Condenado por un delito de "auxilio á alta traizón" a doce anos de confinamento en Santa Cruz de Tenerife e vinte de inhabilitación, con perda de dereitos pasivos, Calvo Sotelo, que publicara anteriormente a súa defensa en Ao Tribunal Parlamentario de Responsabilidades, tomou de novo a pluma para mostrar a preocupación que sentía ante a deterioración que, ao seu xuízo, estaba sufrindo a convivencia política entre os españois:

De fraternidade é testemuño este folleto, como é inri o fallo que o motiva. Nunha fraternidade cristiá e xenerosa estriba a futura felicidade española. Pero esa fraternidade non conta para os homes fríos e implacables que agora dominan. As súas plumas enconadas mollan en toda sorte de feles: o fel da envexa, naqueles soliloquios de outrora que incubaron o despeito; o fel da soberbia, nestes pseudodiálogos de hogano, presididos polo látego. A súa musa é salobre e, polo tanto, estéril. Onde toca, brota o incendio que devasta no canto de purificar: chamas vermellas de cobiza, chamas vivas de angustia, chamas crepitantes de iracundia. O regueiro é cinza, desilusións, estertores, miseria. Máis encono nas paixóns, máis pavor nos presentimentos, máis dureza no trato, máis distancia entre as clases, máis barbarie na atmosfera... –A onde imos, a onde se nos leva?– Vimos da Fraternidade e quérennos conducir ao canibalismo demagóxico. Para iso, a esmouca implacable e febril, que aos poucos vai sufocando a cordialidade, a efusión, todo aquilo, en fin, que gozado é o encanto da vida, e perdido, a súa maldición.

[...] Fronte á aglaiante realidade contemporánea, non parece difícil presaxiar o fallo severo da Historia. Ante ela, o período 1923-1930 simbolizarase nestes nomes: Alhucemas, Exposicións; o período 1931-32, nestoutros: Castilblanco, Vila Cisneros. Paz, paz e paz, entón; guerra, guerra e guerra, agora.

E nesta guerra civil, pero incivil, a nosa condena será un elo máis da cadea de represión e maldicente. Un simple elo...
José Calvo Sotelo no seu prólogo a Las reponsabilidades políticas de la Dictadura. Madrid, San Martín, 1933, pp. 23-47.

Mentres ocorrían estes sucesos, Calvo Sotelo desprazara a súa residencia (e a da súa familia) de Lisboa a París, establecéndose no Hotel Mont-Thabor. Na capital de Francia tivo ocasión de entrar en contacto con Charles Maurras, ideólogo do partido monárquico lexitimista, católico e ultraconservador Action Française, que segundo Eugenio Vegas Latapie, o grande impulsor de Acción Española, exerceu unha grande influencia sobre el, unha tese recoñecida case unanimemente, aínda que modernamente cuestionada por González Cuevas, para quen "é sobradamente dubidoso que unha doutrina tan profundamente culturalista e allea ás realidades de carácter socioeconómico como era o tradicionalismo maurrasiano exercese unha influencia determinante sobre o pensamento dun home que obedecía, ante todo, a criterios de orde pragmática"[12]. Calvo Sotelo, en París, estivo aberto a todo o pensamento político francés (non só o de Maurras), e tamén ao influxo de cantas doutrinas chegaban de Europa, e moi especialmente ao fascismo. Entre os seus modelos políticos atopábase tamén Roosevelt, de cuxo New Deal se amosa fervente admirador en diferentes textos.

En Francia Calvo Sotelo xoga un relevante papel entre os políticos monárquicos exiliados, ao participar de xeito activo nos intentos de chegar a unha fusión dinástica entre carlistas e afonsinos, acordo de fusión que se vía favorecido pola falta de descendencia dos pretendentes carlistas. Non era con todo Calvo Sotelo un político cómodo para Afonso XIII, pois aínda que sempre defendera a súa figura, consideraba que se a monarquía caera en 1931 era debido a unha serie de defectos que había que corrixir: "se algún día muda España o seu réxime, nunca será para unha «restauración», senón para unha «instauración». Isto é, que a Monarquía, aínda que retorne, non podería volver ser «en nada, absolutamente en nada», o que era a que pereceu en 1931".[13] Ademais, Calvo Sotelo consideraba necesario que Afonso XIII abdicase no seu fillo Juan de Borbón y Battenberg, pois iso faría máis doada a volta da monarquía.

En agosto de 1932 Calvo seguiu con interese o pronunciamento de Sanjurjo, aconsellando o xeneral Barrera que acudise no seu apoio e implicándose posteriormente en varias conspiracións monárquicas. En febreiro de 1933 Calvo Sotelo trasladouse a Roma, onde se entrevistou con Balbo e Mussolini para tratar de conseguir que apoiasen as iniciativas monárquicas, aínda que non parece que estas entrevistas desen, polo menos nese momento, excesivos froitos.

Durante a súa estadía no estranxeiro Calvo, a quen se lle retirou o seu soldo de asesor do Banco de España, gañou a vida como xornalista, e remitiu gran cantidade de artigos a numerosos xornais, grazas aos que puido conseguir ingresos equivalentes ao soldo que no seu día tivera como ministro.[14]

En setembro de 1933 Calvo Sotelo foi elixido polos colexios de avogados membro do Tribunal de Garantías Constitucionais, a pesar do cal tampouco se lle permitiu volver a España.

Volta a España e creación do Bloque Nacional editar

 
José Calvo Sotelo falando nun mitin no frontón Urumea, 1935.

Elixido de novo deputado nas eleccións de 1933, e malia obter acta por Ourense e por A Coruña, Calvo Sotelo non quixo volver de contado á Península, xa que a CEDA non se atreveu a tratar de sacar adiante a súa incorporación ás Cortes sen o visto e prace do Partido Radical, que prefería agardar unha amnistía máis ampla, na que tamén foron incluídos os sublevados da sanjurjada e os anarquistas e comunistas que participaran en diversas revoltas armadas contra a República. Finalmente foille concedida a amnistía o 30 de abril, o que permitiu que na madrugada do 4 de maio fixese a súa entrada na capital de España.

O 8 de maio a súa acta discutiuse no Congreso, onde foi aprobada co voto en contra dos socialistas, e o 22 realizouse un sorteo para determinar cal era a provincia á que debía representar, que volveu ser a de Ourense. Xa con anterioridade, o día 11, asinara a súa primeira proposición parlamentaria, na que se solicitaba instar o Goberno a nivelación parlamentaria, e o día 18 tomara parte no seu primeiro debate nas Cortes, onde antes de pronunciar o ritual "señores deputados" non puido por menos de exclamar: "todo chega na vida".[15]

 
Vista xeral do mitin no frontón Urumea.

Aínda que Calvo Sotelo se integrou nas Cortes na minoría de Renovación Española (o partido dirixido por Antonio Goicoechea), o aviador monárquico Juan Antonio Ansaldo, que daquela dirixía os grupos paramilitares de Falange, foino visitar na compaña de Ruíz de Alda para ver se era posible que se integrase en Falange. Mais, se ben Calvo Sotelo "estaba propicio a isto", Primo de Rivera "endexamais puido admitir a posibilidade de alternar, de igual a igual, co que foi relevante figura no Goberno do seu pai. De mala gana, quizais o podería ter aceptado como colaborador subordinado, pero pesáballe a compaña de quen con prestixio paralelo ao seu, arrastraba co seu nome compromisos tradicionais irrompibles". Ademais dos celos de José Antonio, e sempre segundo Ansaldo, había "unha razón fonda e máis poderosa aínda", que aos poucos ía facendo inevitable a ruptura entre a Falange de José Antonio e a que desexaban Ansaldo e outros elementos afíns: "José Antonio non era monárquico".[16] Ramiro Ledesma, no seu libro ¿Fascismo en España? ofrece unha versión lixeiramente distinta destes feitos, formulando que Calvo Sotelo solicitou entrar no partido e que José Antonio se negou a iso, versión que ten sido copiada por diversos autores, mais cuxa fonte non foi protagonista directo das negociacións, como si o foi Ansaldo.

Ao ter permanecido máis de tres anos fóra de España, a inserción de Calvo Sotelo nun posto de primeira fila dentro da vida política española non resultaba doado. Tal e como lle dixo o conspirador monárquico Sáinz Rodríguez antes de que abandonase París: "A túa situación é a dun cantante eminente que chega a unha cidade onde todos os teatros están alugados. Ti non podes ser o xefe de Renovación, isto é, da minoría monárquica, porque xa o é Goicoechea. Non podes presidir o posibilismo de certas dereitas cara á República, porque xa o está a facer Gil Robles. O achegamento cara a fórmulas de tipo fascista con modalidade nacional tampouco, porque é o que trae entre mans Primo de Rivera. De xeito que, para que ti poidas actuar libre e eficazmente, cómpre procurarmos unha fórmula pola cal, sen bater con todos estes elementos, teñas unha liberdade de movementos e unha personalidade de teu".[17] O 14 de xuño, nunha entrevista concedida a ABC, Calvo Sotelo formulou a necesidade de articular un "bloque ou alianza" coas forzas da dereita antirrepublicana que non aceptaban a Constitución de 1931, pero malia que mantivo varias conversas ao respecto a iniciativa non se puxo publicamente en marcha ata despois dos sucesos revolucionarios de outubro de 1934. O manifesto fundacional, difundido no mes de decembro, contaba con sinaturas de deputados tradicionalistas e de Renovación Española, así como coa de José María Albiñana e algúns independentes que nos meses anteriores se afastaran da CEDA e os agrarios, grupos aos que non se logrou atraer á nova coalición, como tampouco aos falanxistas, co que o obxectivo de crear unha gran formación contrarrevolucionaria quedou case no nada. Iso si, entre os asinantes había un nutrido grupo de aristócratas e algúns intelectuais, como o premio Nobel Jacinto Benavente, Ramiro de Maeztu, José María Pemán e Julio Palacios. Doutra banda, a formación foi acollida case con igual desconfianza nos sectores maioritarios de Renovación Española e do carlismo, polo que nunca foi excesivamente operativa, aínda que si serviu para que Calvo Sotelo e os seus máis íntimos colaboradores puidesen manter unha ampla actividade política fóra das Cortes, onde tamén interviña con frecuencia.

En decembro de 1935, cando Alcalá Zamora, tras a dimisión de Chapaprieta, volveu a non pedir a formación de novo goberno ao líder da CEDA, Gil Robles, de cuxa lealdade cara á República desconfiaba, malia ser a CEDA o partido con máis deputados das Cortes, Calvo Sotelo, que se atopaba na cama con ciática, enviou a Ansaldo para que falase con Franco, Fanjul e Goded co fin de que se opuxesen ao que el consideraba "un golpe de Estado presidencial". Ansaldo só puido falar co tenente coronel Valentín Galarza, que lles transmitiu a súa mensaxe aos devanditos militares, que estaban reunidos estudando o tema, pero que se mantiveron dentro da legalidade debido á opinión de Franco, que consideraba que tras o precedente da resistencia obreira durante a revolución asturiana, o exército non estaba aínda preparado para o golpe.[18]

Alcalá Zamora estaba convencido da necesidade de convocar novas eleccións para lle dar solución á inestabilidade gobernamental,[19] pero desexaba que xurdise unha maioría moderada no canto dunha de dereitas ou de esquerdas, e para iso quería que estivese no poder o goberno máis adecuado. Deste xeito, encargoulle a formación do goberno a Manuel Portela Valladares. O intento de Alcalá Zamora de atrasar as reunións de Cortes para que o novo executivo tivese tempo de se consolidar antes de convocar eleccións resultou imposible debido a que Calvo Sotelo denunciou perante a comisión permanente da Cámara a actuación do Goberno e do Presidente da República, e deste xeito obrigouno a disolver as Cortes e convocar de seguido os comicios.

A Fronte Popular editar

Xa antes de que se convocasen as eleccións de 1936 Calvo Sotelo pensara que era moi posible que se perdesen, e que en tal caso se producise unha sublevación militar, polo que mantivo unha entrevista con Franco na que lle pediu que os militares se alzasen antes da consulta electoral. "Eu o que creo é que, en resumidas contas, o Exército debe soportar o que saia das urnas", foi a resposta do xeneral.[20]

O resultado da primeira volta das eleccións de 1936 foi adverso ás dereitas, e as masas da Fronte Popular lanzáronse de inmediato á rúa para celebrar o triunfo e pór en liberdade os encarcerados como consecuencia da revolución de outubro de 1934. A situación do goberno de Portela non era fácil, pois se se reprimían as desordes podía haber vítimas mortais das que se lle pedise contas cando logo da segunda volta das eleccións se reunisen as Cortes e se formase un novo executivo. Tanto Franco como Gil Robles, Calvo Sotelo e o propio Alcalá Zamora pedíronlle a Portela Valladares que se mantivese no seu posto ata pasada a segunda volta electoral, promulgando para iso, se era necesario, o estado de guerra, que é o que se fixera en 1933, pero Portela optou por presentar a súa dimisión, polo que o 19 de febreiro Alcalá Zamora lle encargou a Azaña formar Goberno.[21]

Unha vez celebrada a segunda volta das eleccións, a comisión de actas das novas Cortes procedeu a estudar a forma en que se desenvolveron os comicios en cada circunscrición, e anulou numerosas actas das dereitas, incrementando así a Fronte Popular a súa maioría parlamentaria, pero cun custo dificilmente asumible polo sistema, pois como sinalou Alcalá Zamora: "Na historia parlamentaria de España, non moi escrupulosa, non hai memoria de nada comparable á Comisión de Actas de 1936".[22]. Entre as actas que inicialmente propuxeran anular as esquerdas achábanse as dúas obtidas por Calvo Sotelo, pero a enérxica defensa que fixo este ante a cámara, e as presións exercidas sobre Azaña por varios políticos do centro e do seu propio partido (especialmente Mariano Ansó), fixeron que a comisión cambiase o seu primeiro ditame e que a pesar da oposición de socialistas e comunistas, e dos berros de "Xustiza para os asasinos do pobo!" lanzados pola Pasionaria, a acta se aprobase por cento once votos contra setenta e nove. O exemplo serviu para que tamén se respectase a acta de Gil Robles por Salamanca, igualmente cuestionada, pero entre as anuladas quedou a de Antonio Goicoechea, xefe de Renovación Española, o que aumentou o protagonismo de Calvo Sotelo, que pasou a converterse no xefe parlamentario da minoría monárquica.

Cando o 15 de abril Azaña compareceu ante as Cortes para defender o seu programa de Goberno, o primeiro dos discursos de réplica correu a cargo de José Calvo Sotelo, que fixo unha minuciosa relación de incidentes acaecidos desde as eleccións de febreiro ao afirmar que causaran máis de cen mortos e cincocentos feridos. Acto seguido sinalou as diferenzas existentes no seo da Fronte Popular, onde coexistían elementos burgueses e marxistas, e pediulle a Azaña que se esforzase en conseguir o mantemento da orde, petición na que foi secundado por un durísimo discurso de Gil Robles. A resposta de Azaña deixou en evidencia que o Goberno estaba disposto a primar a cohesión da Fronte Popular sobre o mantemento da orde.[23]

Dada a censura a que se vía sometida a prensa[Cómpre referencia], a reprodución dos discursos de Calvo Sotelo sobre as perturbacións da orde pública (táctica deseguido copiada por Gil Robles) era a única forma de que os xornais de dereitas lles desen a coñecer aos seus lectores o que ocorría en España. Unido iso ás súas reiteradas incitacións para que o exército, "columna vertebral da patria", restablecese a orde que, ao seu xuízo, o Goberno non podía ou non quería impor, o exministro converteuse no centro dos ataques da esquerda, sendo ademais un dos políticos dereitistas cuxos teléfonos estaban ilegalmente intervidos por orde de Azaña.[24]

As sesións parlamentarias do 16 de xuño e o 1 de xullo de 1936 editar

Non era a do 16 de xuño unha sesión onde o protagonismo debese caer sobre Calvo Sotelo, senón sobre Gil Robles, que presentara unha proposición en que se pedía "a rápida adopción das medidas necesarias para pór fin ao estado de subversión en que vive España", e que pronunciou un excelente discurso no que recolleu datos estatísticos sobre os disturbios habidos en España desde o triunfo da Fronte Popular, onde contabilizaba un total de 269 mortos e 1.287 feridos.

Tras unha breve intervención do socialista De Francisco tomou a palabra José Calvo Sotelo, para expoñer as súas teses sobre a desorde económica e a desorde militar imperantes en España. O líder de Renovación Española postulaba:

...o concepto de Estado integrador, que administre a xustiza económica e que poida dicir con plena autoridade: ‘non máis folgas, non máis lock-outs, non máis intereses usurarios, non máis fórmulas financeiras de capitalismo abusivo, non máis salarios de fame, non máis salarios políticos non gañados cun rendemento afortunado, non máis liberdade anárquica, non máis destrución criminal contra a produción, que a produción nacional está por enriba de todas as clases, de todos os partidos e de todos os intereses”. (Aplausos.) A este Estado chámanlle moitos Estado fascista; pois se ese é o Estado fascista, eu, que participo desa idea de Estado, eu que creo nel, declárome fascista.

Posto que Casares Quiroga (que ademais de Presidente do Goberno tras o nomeamento de Azaña para a presidencia da República, era Ministro da Guerra) dera medidas para controlar o Exército, Calvo Sotelo ameazou do perigo de entregar o mando a militares favorables como forma de consolidar a república:

Cando se fala por aí do perigo de militares monarquizantes, eu sorrío un pouco, porque non creo –e non me negaredes unha certa autoridade moral para formular este aserto- que exista actualmente no Exército español, calquera que sexan as ideas políticas individuais, que a Constitución respecta, un só militar disposto a sublevarse a favor da monarquía e en contra da República. Se o houbese sería un tolo, dígoo con toda claridade (Rumores), aínda que considero que tamén sería tolo o militar que á fronte do seu destino non estivese disposto a sublevarse a favor de España e en contra da anarquía, se esta se producise. (Grandes protestas e contraprotestas)

"Non faga a súa señoría invitacións que fóra de aquí poden ser mal traducidas", advertiu o presidente das Cortes, Martínez Barrio. Acto seguido, Calvo Sotelo presentou diversos exemplos da, ao seu xuízo, vexación do exército e as forzas de seguridade ante as milicias da Fronte Popular, casos resoltos polas autoridades, segundo o orador, con notoria parcialidade a prol de comunistas e socialistas. E igual ocorría cunha censura que permitía aldraxar á Garda Civil, e con todo prohibía dar conta de sucesos como o dun pobo de Córdoba onde un garda fora degolado na Casa do Pobo, afirmación esta última que deu lugar a un intercambio de expresións grosas entre Calvo Sotelo e Wenceslao Carrillo, que Martínez Barrio ordenou borrar do Diario de Sesións.

O episodio que se desenvolveu a continuación, no que seguiron a participar Casares Quiroga e Calvo Sotelo é boa proba de ata que punto as sensibilidades se atopaban a flor de pel: "Eu digo, Sr. Presidente do Consello de Ministros, compadecendo a S.S. pola carga ímproba que o azar botou sobre as súas costas... (O Sr. Presidente do Consello de Ministros: Todo menos que me compadeza S.S. Pido a palabra.- Aplausos.) O estilo de improperio característico do antigo señorito da cidade da Coruña... (Grandes protestas.- O Sr. Presidente do Consello de Ministros: Nunca fun señorito- Varios señores Deputados increpan ao Sr. Calvo Sotelo iradamente.)". Deixaría despois unha sarcástica rectificación :

Señor Presidente do Consello de Ministros, cando eu comentei, con fonda sinceridade, que me producía un evidente pesadume comprender a carga que pesa sobre os seus ombreiros [...] S.S. contestoume en termos que parlamentariamente eu non podo rexeitar, claro está, pero que eran francamente despectivos, dicindo que a compaixón miña a rexeitaba de modo irado, e entón eu quixen dicir ao Sr. Casares Quiroga, ao cal, sen telo tratado coñecín de lonxe na capital da Coruña como un... —xa non atopo palabra que non moleste a S.S., pero conste que non quero empregar ningunha con mala intención- sportman, como un home de burguesa posición, un home de plácido vivir, pero acostumado, porén, que é o que eu quería dicir, ao estilo de improperio, porque S.S., sendo home representativo da burguesía coruñesa, porén, era o líder dos obreiros sindicalistas, dos máis avanzados, e con frecuencia dirixíalles soflamas revolucionarias; quixen dicir, repito, que non me estrañaba que, no estilo de improperio de S.S., tivese para min palabras tan despectivas. Intención maligna? Ningunha. (Rumores.)

Casares Quiroga considerou tan graves as afirmacións de Calvo Sotelo sobre o Exército que pediu a palabra, na súa condición de Ministro da Guerra, antes de que terminasen de intervir os representantes das diversas minorías:

Eu non quero incidir na falta que cometía a súa señoría, pero se me é lícito dicir que despois do que fixo S.S. hoxe ante o Parlamento, de calquera caso que puidera ocorrer, que non ocorrerá, farei responsable ante o país a S.S. (Fortes aplausos.) Non basta polo visto que determinadas persoas, que eu non sei se son amigas de S.S., pero teño xa dereito a empezar a supoñelo, vaian procurar levantar o espírito daqueles que pode crerse que serían fáciles á subversión, recibindo ás veces por contestación o empurrón que os tira pola escaleira; non basta que algunhas persoas amigas de S.S. vaian facendo folletos, formulando indicacións, realizando unha propaganda para conseguir que o Exército, que está ao servizo de España e da República, pese a todos vós e a todos os vosos manexos, se subleve. (Aplausos.) [...] Gravísimo, Sr. Calvo Sotelo. Insisto: se algo puidese ocorrer, S.S. sería o responsable con toda responsabilidade. (Moi ben.-Aplausos.)

No resto do discurso, Casares desmentiu as acusacións de inoperancia cara a orde pública, culpando aos partidos dereitistas de tales feitos:

Que o goberno fracasou en canto ás medidas de orde público que teña tomado [...] que fracasou en todas as manifestacións de orde público! Vós sabedes ben que non. Verdade, Señor Calvo Sotelo? Cando se ven agora polas rúas aquelas magníficas manifestacións fascistas alargando as mans, inxuriando aos ministros, rodeando os centros públicos, berrando, disparando tiros etcétera. Pero, onde está todo iso? Nalgún sector parece que temos imposto un pouco a serenidade. Non é aí, certamente, onde fracasou a orde pública.

A visión de Casares Quiroga foi duramente criticada por Ventosa, monárquico que, a posteriori, acabaría apoiando financeiramente o bando sublevado:

se o Goberno actual non está disposto a deixar de ser belixerante para ser un Goberno que impoña a todos por igual, con xustiza e con equidade, o respecto á lei e ao principio de autoridade, vale máis que se marche; porque por enriba de todas as combinacións e de todos os partidos e de todos os intereses, está o interese supremo de España, que está ameazada dunha catástrofe.

A contestación de Calvo Sotelo a Casares Quiroga, que comezou cunha nova defensa do Exército, acabou da seguinte forma:

Eu teño, Sr. Casares Quiroga, anchas costas. A súa señoría é home fácil e pronto para o xesto de reto e para as palabras de ameaza. Téñolle oído tres ou catro discursos na miña vida, os tres ou catro desde ese banco azul, e en todos houbo sempre a nota ameazadora. Ben, señor Casares Quiroga. Doume por notificado da ameaza de S.S. Converteume S. S. en suxeito, e por tanto non só activo, senón pasivo, das responsabilidades que poidan nacer de non sei que feitos. Ben, Sr. Casares Quiroga. Repítoo, as miñas costas son anchas; eu acepto con gusto e non desdeño ningunha das responsabilidades que se poidan derivar de actos que eu realice, e as responsabilidades alleas, se son para ben da miña patria (Exclamacións.) e para gloria de España, acéptoas tamén. Pois non faltaba máis! Eu digo o que Santo Domingos de Silos contestou a un rei castelán: ‘Señor, a vida podedes quitarme, pero máis non podedes’. E é preferible morrer con gloria a vivir con vilipendio. (Rumores.) Pero á miña vez invito ao Sr. Casares Quiroga a que mida as súas responsabilidades estreitamente, se non ante deus, posto que é laico, ante a súa conciencia, posto que é home de honra; estreitamente, día a día, hora a hora, polo que fai, polo que di, polo que cala. Pense que nas súas mans están os destinos de España, e eu pido a Deus que non sexan tráxicos. Mida S. S. as súas responsabilidades, repase a historia dos vinte e cinco últimos anos e verá o resplandor doloroso e sanguento que acompaña a dúas figuras que tiveron participación primeirísima na traxedia de dous pobos: Rusia e Hungría, que foron Kerensky e Karoly. Kerensky foi a inconsciencia; Karoly, a traizón a toda unha civilización milenaria. A súa señoría non será Kerensky, porque non é inconsciente, ten plena conciencia do que di, do que cala e do que pensa. Queira Deus que S. S. non poida equipararse xamais a Karoly. (Aplausos.)

Unha cuestión controvertida, pero que parece que ten maior relevancia, é se nesta sesión Dolores Ibárruri exclamou, dirixíndose ao deputado monárquico: "Este home falou por última vez". A frase non aparece no Diario de Sesións e a Pasionaria sempre negou que a dixese. Con todo, Tarradellas, nunha entrevista concedida a Pilar Urbano en 1985, contradí esta versión: "Acórdome do día que Dolores Ibarruri lle dixo a Calvo Sotelo aquilo de «falaches por última vez», porque eu me sentaba nun escano moi próximo ao de Calvo Sotelo".[25] En calquera caso, non era a primeira vez que a Pasionaria ameazaba a un deputado. Na mesma sesión do 16 de xuño afirmou referíndose a Calvo Sotelo e Martínez Anido, organizador da guerra sucia contra o sindicalismo anarquista en Barcelona durante o comezo da década de 1920: "para vergoña da República española non se fixo xustiza nin con el nin coa súa señoría"; na do 15 de abril afirmara que se a Gil Robles lle molestaba morrer cos zapatos postos llos quitarían e lle porían unhas botas, e noutras varias exclamara referíndose aos seus opoñentes: "hai que arrastralos". O ambiente nas Cortes era tal que ao terminar a intervención de Calvo Sotelo, Besteiro comentou: "Se o goberno non pecha o Parlamento ata que se aquieten as paixóns, seremos nós mesmos os que desencadearemos, aquí dentro, a guerra civil"[26]

Non foi a sesión do 16 de xuño a última en que falou José Calvo Sotelo, que tamén tomou a palabra na do día 18 de xuño, en que se queixou dun telegrama insultante que lle enviou o Gobernador Civil de Oviedo, e do 1 de xullo, na que os deputados de dereitas denunciaron que se vivía unha situación caótica nas zonas rurais. A intervención de Calvo Sotelo foi no seu inicio de carácter técnico, denunciando que a base do problema era que as cidades vivían a costa do campo, e atacando tamén as medidas de repartición de terras do Goberno, que tiñan por resultado crear explotacións antieconómicas. O seu discurso, desenvolvido inicialmente con relativa paz, comezou a provocar duras reaccións dos deputados da esquerda cando se lle ocorreu sinalar que Marx se equivocara nas súas predicións e criticou a Rusia soviética:

Marx anunciou o crecemento progresivo do proletariado no seu volume numérico ata que chegase un instante en que todos os instrumentos da produción estiveran acaparados por unha soa persoa. Entón, se antes non se tivera producido a revolución socialista, sería facilísima pola expropiación dos expropiadores. Pero a realidade acredita en todo o mundo que chegou un instante, co desenvolvemento do maquinismo, hai uns cantos anos (Cantos? Quince, vinte, non o sei) en que detivo o crecemento do volume numérico do proletariado e en cambio aumentan considerablemente as novas clases medias de que fala Henri de Man, comparándoas coas antigas, para dicir que así como aquelas eran liberais no político e autoritarias no económico, estas son liberais no económico e autoritarias no político. É, pois, un feito universal o crecemento da clase media, e o que non o entenda así, é porque quere pechar os ollos á evidencia levado polo seu sectarismo... (Grandes rumores e protestas.) É que acaso en España non hai menos propiedade que hai trinta anos? Hai menos concentración de fortuna en poucas mans, porque incluso as accións das Sociedades anónimas serviron de poderoso instrumento de difusión e de división da riqueza en maior número de partícipes. O volume das clases medias medra en todas partes, e por iso se produciron as revolucións fascistas, reacción instintiva desas clases medias contra o intento de... (O Sr. Muñoz de Zafra e outros Sres. Diputados pronuncian palabras que non se perciben.- Grandes rumores e protestas.- O Sr. Presidente axita a campaíña reclamando orde.) Esta é a raíz da revolución fascista: a reacción das clases medias, que non se resignan a ser proletarizadas como o están todos os habitantes de Rusia; de Rusia, que é un réxime de socialismo contra o salariado e, porén, concluíu impoñendo un salariado uniforme e raquítico, do que renegan todos os obreiros conscientes... (Rumores.- A Sra. Álvarez Resano pronuncia palabras que non se perciben.) Ben fora que aquí, onde hai que supoñer un mínimo de libre discernimento, tiverades dereito a impoñernos con griterío e voces o acatamento a esas irreais fantasmagorías económico-sociais soviéticas que vós presentades ante o voso público pasmón. (Grandes rumores e interrupcións.) [...] máis da cuarta parte do presuposto ruso de ingresos, dáos o trigo. Como? Comprando o Goberno ruso o trigo a prezos irrisorios aos cultivadores e vendendo logo o pan a prezos elevadísimos ao resto da nación. (Grandes e prolongados rumores.) Explotación, farsa, crime! (Novas interrupcións.)

Nun ambiente xa moi exaltado Calvo Sotelo leu un informe segundo o cal a forza do fascismo italiano debeuse en gran medida á anarquía que existía no campo en 1920-1922, e que deu lugar a que as clases medias agrarias engrosasen as súas filas.

Pois ben: eu digo aos agricultores españois, especialmente á pequena e media burguesía rural, e aos arrendatarios, e aos cultivadores da terra, que hoxe ven ensombrecido o seu horizonte por falla absoluta de fixeza na situación presente e de seguridade na situación do porvir; eu dígolles que o seu remedio non está neste Parlamento, nin noutro que como este se elixa, nin no Goberno actual, nin noutro Goberno que a Fronte Popular forxase, nin na Fronte Popular mesma, nin nos partidos políticos, que son confrarías cloróticas de contertulios; esta... (Interrupcións que impiden oír ao orador.) Habedes de oírme. (O Sr. Bilbao pronuncia palabras que non se perciben.) [...] Teño dereito ... (Protestas e increpacións.) Eu dígolles aos agricultores españois que a solución dos seus problemas se logrará nun Estado corporativo que... (Novas e tumultuosas interrupcións impiden oír ao orador.)

Ante a inutilidade das chamadas á orde do presidente das Cortes, que nesta ocasión parecen especialmente dirixidas a Calvo Sotelo, o deputado de Renovación Española optou por un "terminei, señor Presidente" e sentou no seu escano no medio dos aplausos das dereitas, o que deu lugar a que Martínez Barrio se considerase desairado: "Se eses aplausos ao señor Calvo Sotelo queren significar que o momento en que han de rematar os discursos na Cámara lles corresponde sinalalo ás súas señorías, deses aplausos teranse as súas señorías que arrepentir inmediatamente que recapaciten sobre a forma en que se producen". A resposta do cedista Bernardo Aza: "Significan unha homenaxe ao valer do Sr. Calvo Sotelo", deu lugar a un formidable escándalo do que as páxinas do diarío monárquico ABC ofreceron a seguinte versión: "os deputados da maioría, postos en pé, saltan ao hemiciclo e pretenden agredir ao Sr. Aza. Os secretarios interpóñense e evítano. O presidente dá fortes chamadas coa campaíña, e en medio do griterío enxordecedor ordena a expulsión do salón do señor Aza. Este resístese ao principio, pero os seus propios compañeiros invítano a que saia. Así o fai. Iso encalma a actitude de socialistas e comunistas, que pasan aos seus escanos".

Unha dura intervención de Gil Robles, que ameazou con que as dereitas abandonarían a Cámara se non se permitía a volta de Aza, fixo que Martínez Barrio reconsiderase a súa actitude e permitise o seu regreso, continuando o debate coa mesma virulencia que ata entón. Para o socialista Ángel Galarza o uso da violencia era lexítimo contra quen utilizaba o escano "para erixirse en xefe do fascismo e quere terminar co Parlamento e cos partidos". "Pensando na súa señoría encontro xustificado todo, ata o atentado que o prive da vida". "No medio do escándalo inenarrable que se produciu, podía oírse a voz de Dolores Ibarruri, que gritaba cara aos nosos escanos: «Hai que arrastralos»", recorda Gil Robles.[27] "A violencia, Sr. Galarza, -interveu Martínez Barrio- non é lexítima en ningún momento nin en ningún sitio; pero se en algures esa ilexitimidade sobe de punto é aquí. Desde aquí, desde o Parlamento, non se pode aconsellar a violencia. As palabras da súa señoría, no que a iso respecta, non constarán no Diario de Sesións". A resposta do deputado socialista afondou nas súas anteriores verbas: "Eu sométome, desde logo, á decisión da Presidencia, porque é o meu deber, polo respecto que lle debo. Agora, esas palabras, que no Diario de Sesións non figurarán, o país coñeceraas, e diranos a todos se é lexítima ou non a violencia".

Calvo Sotelo non deixou de asistir ás Cortes, onde participou en diversas votacións os días 2, 9 e 10 de xullo. Durante este tempo preparou febrilmente o discurso que pensaba pronunciar o día 14 no debate que debía celebrarse sobre a situación da orde pública. Pero como é ben sabido foi asasinado na madrugada do 13.

Asasinato e repercusións editar

 
Escultura de José Calvo Sotelo. Detalle do monumento erixido en Madrid en 1960, proxectado polo arquitecto Manuel Manzano Monís e o escultor Carlos Ferreira, e feito en granito galego por este último.

O 29 de xuño de 1936, o Director Xeral de Seguridade, José Alonso Mallol, chamou a Lorenzo Aguirre, o seu xefe de persoal, e indicoulle que se debía cambiar a escolta do deputado monárquico para poñer dous axentes que vixiasen as idas e vidas do Sr. Calvo Sotelo, visitas que recibía e canto puidese ser de interese. En virtude de tales instrucións Aguirre encomendoulle o labor ao axente José Garriga Pato, partidario da Frente Popular e membro da masonería, ao que lle deixou a liberdade de elixir o seu compañeiro.[28] Garriga, que durante a guerra chegou a comandante do exército republicano, designou o policía Rodolfo Serrano de la Parte, que lle merecía garantías por ser amigo de dous secretarios de Casares Quiroga, masón e plenamente afecto ao Frente Popular.

Aguirre comunicoulle a ambos os dous axentes que debían substituír a anterior escolta, cuxos membros, Antonio Álvarez Ramos e Basilio Gamo, eran “demasiado afectos” ao deputado monárquico. Gamo sería asasinado posteriormente. A substitución efectuouse decontado sen que disto tivese coñecemento o xefe da brigrada de vixilancias políticas, que era quen debería tela tramitado.

Segundo a declaración de Serrano ante a Causa Xeral, instruída polos órganos xudiciais excepcionais creados por Franco, dous ou tres días máis tarde Aguirre convocou os novos escoltas e tras tratar inutilmente de facer que se visen con Alonso Mallol “fíxolles saber no seu nome que, caso de ocorrer un atentado contra o Sr. Calvo Sotelo, se sucedía en sitio céntrico, [debían] simular unha protección, pero, en realidade, absterse de axudar en nada, e se era nun descampado non só non defendelo senón rematalo, ou asasinalo se a agresión fracasara.”[29] Aínda que non consta que tivese a menor afinidade ideolóxica con Calvo Sotelo, as novas instrucións escandalizaron a Serrano de la Parte, que o 7 de xullo se entrevistou con Joaquín Bau Nolla, íntimo amigo de Calvo Sotelo.[30]

Bau informou decontado a Calvo Sotelo, que na tarde dese mesmo día falou con Gil Robles nas Cortes e lle contou o sucedido, isto non sorprendeu en exceso ao xefe da CEDA, xa que tiña noticias similares sobre a súa propia escolta: “Vostede e mais eu –agregou- estamos en perigo. Moles prometeume quitarme os gardas de Asalto. Apresúrese vostede a facer unha xestión parecida, fundándose no meu precedente”. Naquel momento achegouse Ventosa, e Gil Robles púxoo como testemuña polo que puidese ocorrer: “Prepárase un atentado contra Calvo Sotelo. Por parte de organismos dependentes do Ministerio da Gobernación, aínda que nunca do propio ministro, houbo ordes para que se deixe impune o atentado que se prepara. Vostede sábeo; vostede e mais eu somos testemuñas de que esa advertencia se lle fixo ao Goberno, de que esa ameaza se está preparando sobre a cabeza do señor Calvo Sotelo.”[31] O día 8 Calvo Sotelo entrevistouse con Juan Moles e aínda que conseguiu que se lle cambiase de novo a escolta non puido obter, como semella que si aconteceu con Gil Robles, que estivese formada por axentes da súa confianza.

O 10 de xullo Calvo Sotelo recibiu a visita de Julian Cortés-Cavanillas, vicesecretario xeral de Renovación Española, que lle deu a noticia da "confidencia recibida dun axente infiltrado nas filas do PSOE sobre un proxecto para asasinalo do que se falaba con insistencia na Casa do Pobo”, pedíndolle que para previlo aceptase unha garda persoal de mozos de Renovación Española, ofrecemento rexeitado por Calvo Sotelo “porque cría que o golpe criminal contra el podía partir máis do propio Goberno que dunha organización política, por moi de esquerda que fose. E en relación á creación dun retén de custodia no portal da súa casa ou vixilancia proteccionista por parte de elementos mozos de Renovación para seguilo cada vez que saíse á rúa, considerábao inútil ao non poderen ir armados e de armalos clandestinamente serían detidos polos propios axentes da Policía oficial, que lle daban escolta.[32]

O domingo 12 pola mañá Calvo Sotelo asistiu á misa na igrexa da Concepción, e á saída mantivo unha conversa de vinte minutos co coronel Ortiz de Zárate, que é moi posible versase sobre a inminente sublevación do exército.

Obras editar

  • Estudio económico de la Hacienda Española (1929)
  • Mis servicios al Estado. Seis años de gestión (1931)
  • En defensa propia (1932)
  • La voz de un perseguido (1933)
  • El capitalismo contemporáneo y su evolución (1935)
Predecesor:
José Corral y Larre
 Ministro de Facenda 
3 de decembro de 1925 - 21 de xaneiro de 1930
Sucesor:
Francisco Moreno Zuleta

Notas editar

  1. Véxase a cita do discurso de Francisco Franco en Madrid en 1960 con motivo da inauguración do monumento a Calvo Sotelo, recollido na Fundación Francisco Franco. El pensamiento de un general: Franco. La Cruzada (sección 29)
  2. Véxase como mostra a convocatoria para erixir o monumento a Calvo Sotelo en Madrid Arquivado 24 de decembro de 2009 en Wayback Machine., conservada no [Arquivo Municipal de Mieres (Asturias).
  3. Ficha no Congreso dos Deputados
  4. Soñemos todos nunha Galicia libre e nun Noia redimido, e laboremos sen cesar por estes santos ideais. Imos en pos da liberdade, da xustiza e do engrandecemento da nosa terra: de grado ou por forza, os arribistas, os traidores, os cacicuelos (sic) de toda laia terán que deixarnos vía libre. E se intentan resistir, peor para eles: saberemos arrastralos. Viva Galicia! ¡Viva Noia!
    Alfonso Bullón de Mendoza, José Calvo Sotelo, Barcelona, Ariel, 2004, p. 123
  5. José Calvo Sotelo: "Orientaciones económicas y tributarias", en Curso de Ciudadanía. Conferencias pronunciadas en el Alcázar de Toledo. Madrid, Junta de Propaganda Patriótica y Ciudadana, 1929, pp. 313-314.
  6. Juan Velarde: Política económica de la Dictadura, Madrid, Guadiana, 1973, p. 201.
  7. Diario de Sesiones de la Asamblea Nacional, 20 de enero de 1928, p. 442
  8. Os historiadores só atenderon os queixumes dos ministros republicanos, cando, sen dúbida, o estado da facenda recibido pola Ditadura, era ostensiblemente peor que o que esta legou á República.
    Comín, Hacienda y Economía, tomo II, pp. 872-873.
  9. Velarde: Política económica, p. 173.
  10. Capítulo del mismo nombre del libro de Alfonso Bullón de Mendoza: José Calvo Sotelo, pp. 233-283.
  11. El maestro del contrabando, artigo de El Mundo, 22 de abril de 2001.
  12. Pedro González Cuevas: Acción Española. Teología política y nacionalismo autoritario en España (1913-1936). Madrid, Tecnos, 1998, p. 187. Tal opinión, aínda que facendo fincapé noutros argumentos, é tamén compartida por Bullón de Mendoza: Calvo Sotelo, pp. 330-331 que documenta que Calvo Sotelo coñecía as doutrinas dos ideólogos de Acción Francesa desde data tan temperá como 1910
  13. ABC, 14 de xuño de 1934. A idea de "instauración" fronte a "restauración" foi recollida por Franco en reiteradas ocasións, e, moi sinaladamente, no seu discurso de 22 de xullo de 1969 con motivo da proclamación de Xoán Carlos Borbón como príncipe herdeiro: "o Reino que nós, co asentimento da Nación, establecemos, nada debe ao pasado; nace daquel acto decisivo do 18 de xullo [...] Trátase, pois, dunha instauración e non dunha restauración."
  14. O labor de Calvo Sotelo como xornalista ao longo destes anos, fundamental para o estudo da súa ideoloxía política, pode seguirse en Bullón de Mendoza: Calvo Sotelo, pp. 353-384..
  15. A anécdota é recollida por José María Pemán no artigo que preparara para ser publicado en Acción Española tras o asasinato de Calvo Sotelo, e que se atopa reproducido en José Calvo Sotelo. Fecundidad de su vida y ejemplaridad de su muerte, Tarrasa, Junta local del homenaje nacional a José Calvo Sotelo, 1957, pp. 109-11.
  16. Juan Antonio Ansaldo: ¿Para que? (De Alfonso XIII a Juan III). Buenos Aires, Editorial Vasca Ekin, 1951, pp. 76-79.
  17. Pedro Sáiz Rodríguez: Testimonio y Recuerdos. Barcelona, Planeta, 1978, p. 202.
  18. (Preston: 146)
  19. (Preston: 145)
  20. Sáinz Rodríguez, Testimonio, pp. 339-340
  21. Bullón de Mendoza (2004); pp. 569-572.
  22. Niceto Alcalá Zamora: Memorias, Barcelona, Planeta, 1977, p. 351.
  23. ... se baixo os efectos do terror puido parecer por un momento que unha determinada persoa á fronte do Goberno podía ser un escudo protector dos atemorizados, eu non me quero lucir servindo de anxo custodio de ninguén. Perdan SS. SS. o medo e non me pidan que lles tenda a man... Non queriades violencia, non vos molestaban as institucións sociais da República? Pois tomade violencia. Atédevos ás consecuencias. [...] O que importa non é dicir que a acción do Goberno foi desa ou doutra maneira, senón non romper a cohesión [...] Se a perdemos, pola brecha coarase o que queira; pero non serei eu quen abra a brecha, nin ninguén debe esperar en ningunha parte que por argumentos máis o menos hábiles de polémica eu consinta en abrir a brecha.
    Diario de Sesións, 16 de abril de 1936. Esta dura resposta de Azaña non figura na edición das súas obras completas feita por Marichal.
  24. Vidarte (1978), pp. 155-156.
  25. Dolores Ibarruri: El único camino. Barcelona, Bruguera, 1979, p. 248. Época, núm. 33 (1985), p. 26. Segundo Salvador de Madariaga: España: ensayo de historia contemporánea, undécima edición, revisada polo autor, 1979, pg. 384, "Dolores Ibarruri, a Pasionaria, do partido comunista das Cortes, berroulle: 'Este é o teu último discurso.' E así foi."
  26. Vidarte (1978), pp.188-189.
  27. José María Gil Robles: No fue posible la paz, Barcelona, Ariel, 1968, pp. 697-698.
  28. Arquivo Histórico Nacional, Fondos Contemporáneos, Causa Xeral, Madrid, caixa 1500, Peza especial. Antecedentes e asasinato de don José Calvo Sotelo e don José Antonio Primo de Rivera, tomo I, declaración de Lorenzo Aguirre Sánchez de 11-3-1941.
  29. AHN, FC, CG, caixa 1500, tomo I, declaración de Rodolfo Serrano de la Parte de 12-9-1939.
  30. AHN, FC, CG, caixa 1500, tomo I, declaración de Joaquín Bau de 2-2-1942.
  31. Gil Robles: Non foi posible a paz, p. 747.
  32. Julián Cortés Cavanillas: “Calvo Sotelo. O asasinato que derrubou a República”, cit. por Bullón de Mendoza, Calvo Sotelo, pp. 666-667.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar